Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 220 Xoves, 17 de novembro de 2011 Páx. 33742

V. Administración de xustiza

Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (Sala do Contencioso-Administrativo, Sección Primeira)

EDICTO (1092/02).

José Andrés Salgado Fernández, secretario xudicial da Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, por medio deste edicto anuncia:

Neste procedemento, seguido por instancia da Administración estatal, ditouse a resolución cuxo encabezamento e decisión son do teor literal seguinte:

«No recurso contencioso-administrativo que co número 1092/2002 está pendente de resolución ante esta sala, interposto pola Administracion estatal, representada polo avogado do Estado, contra a aprobación do 9 de maio de 2002, do Pleno do Concello de Pontevedra, sobre acordo regulador para o persoal funcionario. É parte a Administración demandada, Concello de Pontevedra, representado polo procurador Víctor López Rioboo y Batanero e dirixido polo avogado Carlos Potel Lesquereux e, como codemandados, a Unión Xeral de Traballadores (UGT), representada polo procurador José Antonio Castro Bugallo e dirixida pola avogada Nuria González Lores; a Confederación Intersindical Galega, representada polo procurador Miguel Vilariño García e dirixida pola avogada María Costas Outeiro, e outros codemandados.

É relator Fernando Seoane Pesqueira.

Decidimos que debemos estimar e estimamos o recurso contencioso-administrativo interposto polo avogado do Estado, seguindo instrucións do delegado do Goberno en Galicia, contra o Acordo do 9 de maio de 2002, do Pleno do Concello de Pontevedra, polo que se aprobou o II acordo regulador para o persoal funcionario e, en consecuencia, anulamos os artigos 1, 2, 3, 4, 5, 6, 9, 12, 16, 17.5.b, 18, 33, 43, 44, 61, 63.4, 79, 80, 81 e mais a disposición derradeira primera do devandito acordo, nos termos en que se razoou no seu fundamento xurídico terceiro, sen facer imposición das custas.

Notifíqueselles ás partes e, no seu momento, devólvase o expediente administrativo á súa procedencia, con certificación desta resolución.

Así o pronunciamos, mandamos e asinamos».

E como consecuencia do ignorado paradoiro dos codemandados Amelia R. Santos Piñeiro, Juan Ferreira Balchada, José Manuel García Ramírez e José Manuel García Cancela, expídese este edicto para que sirva de cédula de notificación.

A Coruña, 1 de setembro de 2011.

José Andrés Salgado Fernández
Secretario xudicial