Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 229 Mércores, 30 de novembro de 2011 Páx. 35275

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura e Turismo

DECRETO 219/2011, do 17 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos xestionados pola Xunta de Galicia.

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, establece no seu capítulo II o réxime xeral de xestión, recadación e recursos en materia de prezos públicos.

O artigo 47 da dita lei dispón que os prezos públicos serán fixados por decreto, por proposta da consellería de que dependa o órgano ou entidade oferente.

Por outra parte, a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencia exclusiva en materia de arquivos de interese para Galicia, en virtude do disposto no artigo 27.18 do Estatuto de autonomía de Galicia. Mediante convenio asinado o 5 de decembro de 1989 co Ministerio de Cultura (Boletín Oficial del Estado núm. 303, do 19 de decembro) a comunidade autónoma asumiu a xestión dos arquivos de titularidade estatal situados no seu territorio.

A rápida evolución das tecnoloxías en materia de reprodución, difusión e comunicación de documentos, as melloras no equipamento dos arquivos, así como a vontade de servizo público, determinan a necesidade de modificar o Decreto 320/1992, do 12 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos percibidos pola Xunta de Galicia nos arquivos e museos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia e nos de titularidade autonómica, no relativo aos prezos públicos de arquivos, e de establecer as normas correspondentes á prestación dos servizos de reprodución.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Cultura e Turismo, tras o informe da consellería competente en materia de facenda, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dezasete de novembro de dous mil once,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Este decreto ten por obxecto a fixación dos prezos públicos e as normas dos servizos de reprodución prestados nos arquivos de titularidade autonómica e nos de titularidade estatal xestionados pola Xunta de Galicia.

Artigo 2. Contías dos prezos públicos.

Os prezos públicos dos servizos prestados en ou polos arquivos adscritos á consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental quedan fixados nas contías sinaladas no anexo deste decreto.

Artigo 3. Reprodución.

1. Constitúen o obxecto destes prezos públicos os servizos de reprodución de documentos por requirimento dos interesados con fins de uso persoal, de investigación ou comerciais.

2. Enténdese por reprodución o conxunto de procedementos para a obtención de copias de documentos realizados mediante calquera tecnoloxía e soporte.

3. Cando o destino das reproducións sexa a edición con fins de investigación deberá indicarse expresamente tal circunstancia e o título do proxecto. Neste caso, ademais das tarifas de reprodución, aboaranse as que se establecen no anexo para a edición con fins de investigación.

4. No caso de que o destino das reproducións sexa comercial, ademais das tarifas de reprodución, aboaranse as que se establecen no anexo para a edición con fins comerciais.

5. No caso das entidades que formen parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma, os seus organismos autónomos e as entidades de dereito público dependentes ou que estean vinculadas a calquera deles, non estarán obrigadas ao pagamento do prezo.

6. No caso de institucións públicas ou sen ánimo de lucro aplicarase unha redución do 50%.

7. A partir de 10 unidades ou 10 minutos de imaxe móbil ou son aplicarase unha redución do 50%.

Artigo 4. Normas dos servizos de reprodución.

1. As reproducións estarán suxeitas á lexislación sobre a propiedade intelectual e industrial e demais normativa vixente.

2. A obtención de reproducións fotográficas e dixitais dos fondos documentais non concede ningún dereito de propiedade intelectual ou industrial.

3. A reprodución de fondos custodiados en réxime de depósito ou comodato aterase ao estipulado no correspondente contrato.

4. A utilización das reproducións deberá respectar a finalidade específica para a que foron concedidas. Calquera outro uso deberá ser autorizado expresamente.

5. O arquivo correspondente facilitará as reproducións dos documentos solicitados nos distintos formatos, unha vez autorizadas e tras o pagamento do prezo público. Se é o caso, os gastos de envío serán por conta do solicitante, debendo aplicarse as correspondentes tarifas por remisión das reproducións.

6. Cando no arquivo xa existan copias dos documentos que se soliciten, utilizaranse estas para obter as novas reproducións; só se recorrerá aos orixinais, logo de autorización da dirección do arquivo, cando a materia ou circunstancias da investigación o xustifiquen e o estado de conservación dos documentos o permita.

7. A prestación do servizo quedará condicionada ao estado de conservación e ás dispoñibilidades en medios técnicos e persoais. Por razóns de conservación dos fondos e/ou funcionamento do servizo de reprodución dos arquivos, a dirección do centro poderá determinar o sistema de reprodución que se utilizará.

En atención a estes criterios, a dirección poderá autorizar que os usuarios realicen a reprodución de documentos polos seus propios medios, sempre e cando non se perturbe o normal funcionamento do centro.

8. A reprodución total ou parcial que teña que realizar persoal alleo ao arquivo farase nos termos previstos neste decreto, logo do informe favorable da dirección do arquivo, e estará suxeita ás condicións de funcionamento do centro.

Artigo 5. Edición ou difusión das reproducións.

1. A edición ou difusión por calquera medio de reproducións de documentos deberá indicar, obrigatoriamente e de forma correcta, a procedencia dos ditos documentos.

2. Deberase notificar á consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental o número de exemplares de tiraxe da edición ou a situación nas redes informáticas, externas ou internas; non se poderá exceder ese número ou cambiar o enderezo nas redes baixo ningún concepto.

3. Da edición entregarase o número de exemplares que a consellería estableza en cada caso.

Disposición adicional.

A xestión, liquidación e recadación dos prezos públicos establecidos neste decreto axustarase ao disposto na normativa vixente.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto neste decreto e, en particular, todo o relativo aos arquivos do Decreto 320/1992, do 12 de novembro, polo que se fixan os prezos públicos percibidos pola Xunta de Galicia nos arquivos e museos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia e nos de titularidade autonómica.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o titular da consellería competente en materia de arquivos e patrimonio documental para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezasete de novembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Roberto Varela Fariña
Conselleiro de Cultura e Turismo

ANEXO
Prezos públicos dos servizos de reprodución

A. Prezos por reprodución.

– Fotocopias:

Tipo

Formato/unidade

Prezo B/N

Prezo cor

Fotocopias/impresión

Folla DIN A4

1,05 €

1,10 €

Folla DIN A3

1,10 €

1,15 €

Folla DIN A2

2,15 €

-

Folla DIN A1

2,20 €

-

Folla DIN A0

2,25 €

-

Fotocopias desde o microfilme/microficha

Folla DIN A4

1,05 €

-

Folla DIN A3

1,10 €

-

Folla DIN A2

2,15 €

-

– Dixitalización:

Tipo

Formato/unidade

Prezo

Copias dixitais

Cada rexistro ou páxina gravada

0,70 €

Gravación de imaxes

Polos primeiros 2.000 Kb

0,70 €

Seguintes fraccións de 100 Kb

0,40 €

Listaxe impresa, información textual.

Cada páxina

0,40 €

CD

1,00 €

DVD

2,00 €

– Microformas:

Tipo

Formato

Prezo B/N

Microformas

Microfilme de 35 mm

Fotograma

1,05 €

Microfilme de 16 mm

Fotograma

0,55 €

Microficha

4,20 €

– Fotografías:

Tipo

Formato/unidade

Prezo B/N

Fotografías en positivo

13 × 18

2,00 €

18 × 24

2,40 €

24 × 30

2,90 €

30 × 40

3,50 €

40 × 50

4,20 €

B. Prezos por reproducións para edición.

B.1. Con fins de investigación.

Tipo

Unidade

Prezo

Fotografía, copia en papel ou imaxe dixital

Cada fotograma ou documento

0,90 €

Imaxe móbil ou son

Cada minuto

2,70 €

B.2. Con fins comerciais.

Tipo

Uso

Unidade

Prezo

Fotografía, copia en papel ou imaxe dixital

Editorial

Cada fotografía, fotocopia ou imaxe dixital

1,20 €

Publicitario ou en comunicación pública

Cada fotografía, fotocopia ou imaxe dixital

1,50 €

Imaxe móbil ou son

Editorial

Cada minuto

3,50 €

Publicitario ou comunicación pública

Cada minuto

4,30 €

C. Prezos por remisión das reproducións.

Modalidade

Prezo

Envíos por correo postal/mensaxaría

A primeira folla: 1,40 €

As seguintes follas: 0,15 € cada unha

A isto sumaranse os gastos de envío segundo as tarifas oficiais do servizo de Correos ou os prezos estipulados nos servizos de mensaxaría

Envíos por correo electrónico

Datos con capacidade = ou < 2.000 kb

0,70 €

Seguintes fraccións de 100 kb

0,40 €