Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 234 Venres, 9 de decembro de 2011 Páx. 35995

I. Disposicións xerais

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DECRETO 222/2011, do 2 de decembro, polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Preámbulo

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro, transferiulle á Comunidade Autónoma de Galicia competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación polo Decreto 62/1988, do 17 de marzo.

Neste contexto, a Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia, ditouse co obxecto de superar as carencias universitarias de Galicia nese momento e reordenar o Sistema Universitario de Galicia atendendo a criterios de desenvolvemento e renovación que, segundo se establece no seu artigo primeiro, terán en conta as características e exixencias demográficas, científico-educativas, socioeconómicas e socioculturais da sociedade galega.

O artigo 8.2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola Comunidade Autónoma, e o seu artigo 35 establece que para tal fin as universidades deberán obter a verificación do Consello de Universidades do oportuno plan de estudos. É dicir, son as comunidades autónomas as competentes para autorizar a implantación dos títulos universitarios nos seus respectivos territorios e, polo tanto, responsables en última instancia da toma de decisións no procedemento de implantación dos títulos universitarios oficiais.

A construción do Espazo Europeo de Educación Superior, organizado sobre os principios de calidade, mobilidade, diversidade e competitividade, oriéntase á creación dun sistema estruturado en tres ciclos: grao, máster universitario e doutoramento e á consecución, entre outros obxectivos, de asegurar un nivel de calidade adecuado á educación universitaria europea no contexto internacional.

O Real decreto 1393/2007, do 29 do outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais, modificado polo Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, e polo disposto no Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento, seguindo os principios establecidos na Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, modificada pola Lei orgánica 4/2007, do 12 de abril, flexibiliza a organización das ensinanzas universitarias, promovendo a diversificación curricular e permitindo que as universidades aproveiten a súa capacidade de innovación, as súas fortalezas e oportunidades, sen suxeición á existencia dun catálogo previo establecido polo Goberno, obrigatorio ata ese momento.

Esta flexibilidade, derivada da inexistencia dun catálogo de titulacións, unida á xa expresada competencia autonómica na autorización para a implantación das titulacións universitarias oficiais, avocan ao necesario exercicio de coordinación e planificación por parte da Comunidade Autónoma, desde o absoluto respecto á autonomía universitaria, de forma que as universidades poidan definir a organización, estrutura e contidos das ensinanzas universitarias oficiais, así como obter a garantía de que a oferta destas ensinanzas e títulos oficiais responde a criterios de calidade e a unha adecuada planificación.

Neste marco normativo, transformado o mapa de titulacións do Sistema Universitario de Galicia (SUG), é o momento de aprobar a norma que regulará as titulacións do sistema, que ata o de agora se rexía polo Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia e, en materia de estudos de posgrao, polo Decreto 66/2007, do 29 de marzo, polo que se establece o procedemento de autorización para a implantación de estudos universitarios oficiais de posgrao conducentes ao título de máster ou de doutor.

É, polo tanto, imprescindible establecer unhas liñas e criterios que permitan unha ordenación do sistema de maneira racional e acorde coas necesidades da nosa comunidade, o que constitúe a tarefa de coordinación que a Lei 6/2011, orgánica de universidades, residencia en cada comunidade autónoma con respecto ás universidades da súa competencia, e que a Lei 11/1989, de ordenación do Sistema Universitario de Galicia, no seu artigo 11, atribúe á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, para o cal contará co Consello Galego de Universidades como órgano de asesoramento e consulta.

En todo caso, unha norma desta natureza non pode ignorar as tendencias do contorno e os cambios que supuxo a adaptación do Sistema Universitario de Galicia ao Espazo Europeo de Educación Superior. A necesidade de afrontar cambios na actual oferta de titulacións é percibida tanto a nivel nacional como internacional. Así, no Documento de mellora e seguimento das políticas de financiamento das universidades para promover a excelencia académica e incrementar o impacto socioeconómico do Sistema Universitario Español, aprobado o 26 de abril de 2010 polo Consello de Universidades e a Conferencia Xeral de Política Universitaria, realízanse unha serie de recomendacións, como optimizar a oferta docente, especialmente en grao e máster universitario, evitando excesos de oferta e potenciando a mobilidade do profesorado e dos estudantes. Así mesmo, para a implantación de novos graos, recoméndase que estea garantido un tamaño e fluxo suficiente de demanda de estudantes de novo ingreso e, no caso de máster universitario, afrontar a redución da oferta actual en función das fortalezas nos recursos humanos, na demanda e no grao de excelencia científica.

Na súa virtude, en uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, por proposta do conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria tras o informe do Consello Galego de Universidades, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dous de decembro de dous mil once

DISPOÑO:

CAPÍTULO I

Obxecto e ámbito de aplicación

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Constitúe o obxecto deste decreto a regulación do procedemento e as condicións para a obtención, polas universidades do Sistema Universitario de Galicia, da autorización para impartir as ensinanzas universitarias oficiais conducentes aos títulos de grao, máster universitario e doutoramento, así como a súa modificación e supresión.

CAPÍTULO II

Criterios xerais para a planificación universitaria

Artigo 2. Criterios xerais para a planificación universitaria no Sistema Universitario de Galicia.

1. A planificación universitaria terá por obxecto a mellora da calidade da docencia, investigación e xestión universitarias, con pleno respecto á autonomía universitaria, para lograr que o Sistema Universitario de Galicia sexa competitivo a nivel nacional e internacional.

2. A implantación de ensinanzas universitarias oficiais por parte das universidades galegas farase en función da viabilidade da titulación proposta, tendo en conta as novas necesidades formativas e as apostas estratéxicas da sociedade galega, e será autorizada pola Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 8.2 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades e neste decreto, logo do informe do Consello Galego de Universidades.

Artigo 3. Principios xerais que deberán inspirar o deseño dos títulos.

Os principios xerais que deberán inspirar o deseño dos novos títulos serán recollidos nos seus plans de estudo, que deberán ter en conta e incluír, nos que proceda, ensinanzas relacionadas cos dereitos, principios ou valores, en que calquera actividade profesional se debe realizar, como son:

a) O respecto aos dereitos fundamentais.

b) O respecto á igualdade entre homes e mulleres, de conformidade coa Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes.

c) O respecto e promoción dos dereitos humanos e os principios de accesibilidade universal e deseño para todos, de conformidade co disposto na disposición derradeira décima da Lei 51/2003, do 2 de decembro, de igualdade de oportunidades, non discriminación e accesibilidade universal das persoas con discapacidade.

d) Os valores propios dunha cultura de paz e de valores democráticos.

Artigo 4. Requisitos xerais.

Os títulos oficiais que as universidades soliciten implantar, a fin de garantir unha oferta equilibrada, de calidade e con pertinencia para Galicia, deberán cumprir os seguintes requisitos xerais:

1. Deberán ter en conta a estrutura económica da Comunidade Autónoma, as necesidades do seu mercado laboral e a existencia dunha demanda real por parte da sociedade e dos/as estudantes, procurando a incorporación de perfís profesionais de futuro e vinculados aos sectores estratéxicos de Galicia.

2. Deberán ter un carácter esencial ou estratéxico para dar resposta ás necesidades formativas e científicas do Sistema Universitario de Galicia.

3. Deberán acreditar a súa viabilidade económica, atendendo aos recursos dispoñibles.

4. Deberá fomentarse o espírito emprendedor e o autoemprego.

5. Deberán terse en conta cuestións de oportunidade, innovación docente e investigadora así como a súa incardinación en redes internacionais de calidade e coherencia cos plans estratéxicos das universidades.

6. Deberán incluír unha descrición dos mecanismos que permitan, de ser o caso, unha revisión da titulación de se produciren cambios significativos na demanda por parte da sociedade, dos/as estudantes e do ámbito económico e profesional.

7. Non poderán coincidir con obxectivos e contidos doutros títulos oficiais existentes na mesma universidade, a fin evitar a multiplicidade de títulos. Entenderase que existe duplicidade cando haxa unha coincidencia de materias impartidas superior ao cincuenta por cento dos seus créditos.

8. Deberán xustificar o encadramento da proposta dentro da oferta global galega, a fin de garantir o equilibrio nos diferentes campus, e potenciar a súa singularidade dentro do Sistema Universitario de Galicia.

Artigo 5. Requisitos específicos.

Os títulos oficiais que as universidades soliciten implantar deberán cumprir, ademais, os seguintes requisitos específicos:

1. Os graos deberán cumprir polo menos dous dos seguintes requisitos: ser interuniversitario, polo que deberán participar polo menos dúas universidades do SUG; incluír actividades docentes e de avaliación en rede; ter un deseño curricular que favoreza a empregabilidade; favorecer a retención de talento no ámbito socioeconómico galego.

En todo caso, deberase evitar a especialización temperá e excesiva, polo que se estruturarán os estudos, preferentemente, a partir dun modelo que recolla materias compartidas nos primeiros cursos de diversos estudos e unha diversificación adecuada nos últimos cursos, co obxectivo de facilitar a mobilidade dos/as estudantes entre as diversas opcións e mellorar a eficiencia no uso dos recursos.

2. Os másters universitarios deberán cumprir tres das seguintes condicións: ser interuniversitarios; outorgar competencias profesionais; ter unha orientación laboral ou práctica; xustificar o apoio e colaboración de empresas e institucións do ámbito socioeconómico; ter garantidas as prácticas do estudantado, no caso de estar establecidas na memoria da titulación; cubrir a formación superior de persoal en áreas de elevada demanda laboral; ter carácter internacional.

3. A conexión entre grao e máster universitario deberá ser adecuadamente planificada de maneira que a especialización de posgrao teña unha relación directa cos estudos de grao completados previamente polo alumno. As titulacións de grao poderán incorporar mencións alusivas a itinerarios ou intensificacións curriculares e no caso das titulacións de máster universitario poderán incorporar especialidades que se correspondan co seu ámbito científico, humanístico, tecnolóxico ou profesional.

4. Os estudos de doutoramento organizaranse a través de programas e incluirán aspectos de formación investigadora que non requirirán a súa estruturación en créditos ECTS, e comprenderán tanto formación transversal como específica dentro do ámbito de cada programa.

Artigo 6. Número de estudantes de novo ingreso.

1. Nas ensinanzas universitarias oficiais de grao deberase demostrar que a titulación proposta terá un número anual de estudantes de novo ingreso de acordo coa oferta autorizada pola Conferencia Xeral de Política Universitaria e, en todo caso, nunca por debaixo de 50, nos campus da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, e de 45 nos campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra. Para estes efectos, as ensinanzas universitarias oficiais que se impartan en varios campus consideraranse independentes.

2. Nas ensinanzas universitarias oficiais de máster universitario, demostrarase que a titulación proposta terá un número anual de estudantes de novo ingreso non inferior a 20.

Nas ensinanzas universitarias oficiais de doutoramento acreditarase que nun período de catro anos contados desde a súa implantación, o número de teses lidas é como mínimo de catro e o programa conta cun número de doutorandos non inferior a 10.

Para estes efectos, os másters universitarios e programas de doutoramento interuniversitarios computarán conxuntamente o número de alumnos/as matriculados/as.

En todo caso, a impartición efectiva dunha titulación oficial de máster universitario ou doutoramento queda condicionada ao cumprimento do requisito de que exista ese mesmo número mínimo de alumnos ou doutorandos matriculados antes do inicio do período lectivo en cada curso académico.

Artigo 7. Financiamento.

1. A implantación de novas ensinanzas oficiais, por parte das universidades do Sistema Universitario de Galicia, financiarase con cargo aos orzamentos aprobados pola propia universidade.

As universidades deberán presentar, por cada titulación, unha memoria económica detallada que conterá os datos relativos a infraestrutura material, os recursos de persoal docente e investigador e de persoal de administración e servizos, así como as diferentes fontes de financiamento.

De precisarse, excepcionalmente, un aumento do cadro de persoal contratado, recursos materiais, incluíndo, se é o caso, a necesidade de creación dun centro para a xestión das ensinanzas que implique a necesidade de endebedamento, a universidade deberá reflectilo expresamente na memoria económica, e solicitar a autorización previa do órgano competente da Xunta de Galicia.

2. Os prezos públicos das ensinanzas universitarias oficiais serán fixados mediante decreto da Xunta de Galicia, logo de informe do Consello Galego de Universidades, dentro dos límites que estableza a Conferencia Xeral de Política Universitaria, que estarán relacionados co custo de prestación do servizo.

CAPÍTULO III

Do procedemento

Artigo 8. Informe previo de envío a verificación.

1. Con anterioridade á solicitude de verificación dos plans de estudo polo Consello de Universidades, o departamento competente en materia de universidades realizará un informe previo para o cal poderá solicitar a asistencia á Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia.

2. Mediante este informe comprobarase a pertinencia socioeconómica das ensinanzas universitarias oficiais propostas, mediante a súa adaptación aos principios, requisitos xerais e específicos recollidos neste decreto.

Artigo 9. Solicitude de informe previo de envío a verificación

1. A solicitude de informe previo será presentada ante o departamento competente en materia de universidades, polo/a reitor/a da universidade correspondente, antes do 15 de novembro do ano anterior a aquel en que se queira implantar. As solicitudes presentaranse no Rexistro Único da Xunta de Galicia, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. No caso de programas interuniversitarios aplicarase o disposto no artigo 11 desta disposición.

3. Á solicitude deberá xuntárselle a seguinte documentación:

a) Xustificación fidedigna e detallada do cumprimento dos requisitos, xerais e específicos, recollidos nos artigos 4 e 5 do presente decreto.

b) Certificación do acordo do Consello de Goberno da Universidade en que se propón a implantación das ensinanzas. No suposto de que a iniciativa da implantación da ensinanza sexa da Comunidade Autónoma, certificación do acordo do Consello de Goberno da Universidade de aceptación da dita iniciativa.

c) Certificación do informe favorable emitido polo Consello Social da Universidade, sobre a implantación das ensinanzas.

d) Memoria para a solicitude de verificación de títulos oficiais nos termos establecidos no anexo I do Real decreto 861/2010, do 2 de xullo, polo que se modifica o Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, polo que se establece a ordenación das ensinanzas universitarias oficiais e, no caso de programas de doutoramento, memoria recollida no anexo I do Real decreto 99/2011, do 28 de xaneiro, polo que se regulan as ensinanzas oficiais de doutoramento.

c) Copia do convenio asinado, no caso de titulacións conxuntas.

En relación co documento recollido na alínea d), memoria para a solicitude de verificación de títulos oficiais, no suposto de que a memoria resulte modificada, no posterior proceso de verificación do título, a universidade deberá achegar unha nova copia indicando as modificacións efectuadas.

A documentación relacionada nas alíneas a) e d) deberá presentarse en formato electrónico.

Artigo 10. Tramitación do informe previo de envío a verificación.

1. Se a solicitude está incompleta ou non reúne a documentación requirida no artigo anterior, darase un prazo de 10 días para que a universidade emende a falta dos documentos preceptivos con indicación de que, se non o fixer así, se terá por desistida a solicitude, logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Á vista da documentación presentada, o departamento competente en materia de universidades procederá á emisión do informe previo de envío a verificación, no prazo máximo de tres meses, contados desde a data de entrada da documentación no Rexistro Único da Xunta de Galicia.

3. O informe poderá ser favorable ou incluír recomendacións ou suxestións que permitan a adecuación das titulacións propostas aos principios e requisitos establecidos no presente decreto. A non adecuación aos principios e requisitos sinalados, será causa suficiente para que a Comunidade Autónoma non autorice a implantación da titulación proposta.

Artigo 11. Titulacións conxuntas.

1. As universidades do Sistema Universitario de Galicia poderán, mediante convenio entre elas ou con outras universidades nacionais ou estranxeiras, organizar conxuntamente ensinanzas universitarias oficiais, para o cal presentarán a súa solicitude de informe previo e tamén a/as solicitude/s e demais documentación que deben presentar as universidades participantes, de forma que se tramitará un único expediente por titulación, sen prexuízo de que a autorización para implantación da ensinanza se realice para cada unha das universidades participantes.

2. Nas titulacións conxuntas coordinadas por universidades de fóra do Sistema Universitario de Galicia, as universidades galegas designarán entre elas unha coordinadora para os efectos de solicitar á Xunta de Galicia o informe recollido no punto anterior, como universidades participantes, para a implantación da ensinanza de que se trate.

3. Ademais da documentación complementaria, exixida no artigo 9.3, a solicitude de informe deberá ir acompañada do convenio de colaboración entre as universidades participantes, no cal se deberá facer referencia, como mínimo, aos seguintes extremos:

– Universidade responsable da custodia dos expedientes, expedición e rexistro do título.

– Universidade competente para a tramitación do procedemento de modificación ou extinción do plan de estudos.

4. No suposto de convenios con universidades estranxeiras deberase xuntar certificación, expedida pola autoridade competente ou, se é o caso, pola entidade acreditadora do carácter oficial ou acreditado da universidade de que se trate. En calquera caso os ditos convenios deberán subscribirse con anterioridade á autorización das ensinanzas. A universidade correspondente do SUG custodiará os expedientes dos títulos que expida.

Artigo 12. Procedemento para obter a autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais.

1. Unha vez notificada a resolución de verificación positiva do Consello de Universidades o/a reitor/a da universidade correspondente, solicitará do departamento competente en materia de universidades, a autorización para a súa implantación.

2. O departamento competente en materia de universidades comprobará a adecuación da titulación proposta aos principios e requisitos establecidos no presente decreto, así como a súa adecuación ao informe previo de envío a verificación; neste caso elaborará unha proposta de orde pola que se autorice a implantación das ensinanzas oficiais de que se trate.

3. En todo caso, os expedientes para a autorización de implantación de ensinanzas universitarias oficiais someteranse ao informe do Consello Galego de Universidades, en exercicio da competencia sinalada no artigo 5 da Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades.

4. No caso de non adecuarse ao establecido no informe previo de envío a verificación, o departamento competente en materia de universidades, comunicará á universidade que dispón do prazo dun mes para adaptar a titulación ao requirido ou para presentar as alegacións que xulgue oportunas.

O departamento competente en materia de universidades resolverá, no prazo máximo de tres meses, contado desde a recepción da antedita documentación. Contra esta resolución a universidade poderá interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa recepción, ou ben recurso contencioso administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

5. A orde de autorización de implantación das ensinanzas universitarias oficiais publicarase no Diario Oficial de Galicia e comunicaráselles á universidade correspondente e ao ministerio competente en materia de universidades.

6. Unha vez aprobado o carácter oficial das ensinanzas universitarias oficiais de grao, máster universitario e doutoramento, a universidade publicará o plan de estudos no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado. A dita publicación incluirá os termos expresados no número 5.1 da memoria contida no anexo I do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, e no anexo I do Real decreto 99/2011, do 10 de febreiro.

Artigo 13. Verificación, acreditación e seguimento dos títulos.

1. O plan de estudos elaborado pola universidade será enviado para a súa verificación ao Consello de Universidades, a través da secretaría do dito órgano. A elaboración do informe de avaliación será efectuada pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), órgano con competencias na Comunidade Autónoma de Galicia para a realización das funcións de avaliación, certificación e acreditación previstas no artigo 31 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, segundo establece a disposición adicional vixésimo sétima da Lei 3/2002, do 29 de abril, de medidas de réxime fiscal e administrativo.

2. Os títulos universitarios oficiais deberán renovar a súa acreditación antes dos seis anos, no caso dos graos e doutoramentos, e de catro anos no dos másters universitarios, desde a data da verificación inicial ou desde a súa última acreditación.

3. A Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) avaliará os plans de estudo, para o cal establecerá os protocolos de avaliación necesarios para a verificación e acreditación de acordo con estándares internacionais de calidade e conforme o disposto no capítulo VI do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, e no Real decreto 99/2011, do 10 de febreiro.

4. Unha vez iniciada a implantación das ensinanzas correspondentes aos títulos oficiais, inscritos no Rexistro Universitario de Centros e Títulos (RUCT), a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) levará a cabo un seguimento do cumprimento do proxecto contido no plan de estudos verificado polo Consello de Universidades.

Artigo 14. Viabilidade.

1. Sen prexuízo do procedemento regulado no capítulo VI do Real decreto 1393/2007, naquelas titulacións en que a media do número de alumnos de novo ingreso durante os últimos tres cursos fose inferior ao establecido no artigo 6, as universidades afectadas deberán elaborar un plan de viabilidade que modifique o plan de estudos, de modo que faga o título máis adecuado á demanda actual.

2. O plan de viabilidade, requirirá a avaliación e informe favorable da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e do Consello Galego de Universidades.

3. Emitidos os ditos informes, o departamento competente en materia de universidades procederá á aprobación do plan de viabilidade, para o cal valorará as características propias e específicas do título tendo en conta, especialmente, o carácter esencial e singular da titulación. En todo caso garantirase o acceso dos egresados do Sistema Universitario de Galicia a estudos que permitan a especialización relacionada cos seus estudos previos.

4. Farase seguimento anual do cumprimento do plan pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), que informará o Consello Galego de Universidades sobre o cumprimento. Non acadar os obxectivos propostos no devandito plan de viabilidade será causa suficiente de informe negativo no proceso de acreditación do título.

Artigo 15. Modificación dos plans de estudo conducentes a títulos oficiais.

1. As modificacións dos plans de estudo conducentes a títulos universitarios oficiais de grao, máster universitario e doutoramento a que se refire o presente decreto, serán aprobadas polas universidades na forma que determinen os seus estatutos ou normas de organización e funcionamento, e neste decreto.

2. Con carácter previo á súa notificación ao Consello de Universidades, as modificacións propostas serán remitidas ao departamento competente en materia de universidades para que este emita o informe recollido no artigo 8 do presente decreto, respectando a autonomía universitaria.

3. No suposto de que as modificacións non supoñan un cambio na natureza e obxectivos do título e sexan aceptadas, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) informará disto ao departamento competente en materia de universidades da Xunta de Galicia e á universidade correspondente que deberá proceder á súa publicación na súa páxina web.

4. As modificacións aceptadas que afecten o número 5.1 da memoria para a solicitude de verificación de títulos oficiais contida no anexo I do Real decreto 1393/2007, do 29 de outubro, e no anexo I do Real decreto 99/2011, do 10 de febreiro, darán lugar a unha nova publicación do plan de estudos.

5. Así mesmo, as modificacións que afecten os termos da denominación do título darán lugar á publicación das ditas modificacións no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

6. No caso de que as modificacións non sexan aceptadas ou o sexan parcialmente, a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), remitirá o informe ao Consello de Universidades, que resolverá de acordo co contido do dito informe e notificará a correspondente resolución ao departamento competente en materia de universidades da Xunta de Galicia, todo iso segundo o disposto no artigo 28 do Real decreto 1393/2007.

Artigo 16. Extinción dos plans de estudo.

1. Entenderase extinguido un plan de estudos cando este non supere o proceso de acreditación previsto no artigo 13 do presente decreto e comportará a perda do seu carácter oficial e a revogación da autorización para a súa impartición.

2. As universidades adoptarán as medidas necesarias para garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os ditos estudos nos termos establecidos na resolución de extinción dos plans de estudo.

Artigo 17. Supresión de ensinanzas.

O departamento competente en materia de universidades poderá acordar a supresión das ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial, ben por propia iniciativa, co acordo do Consello de Goberno da universidade, ou ben por iniciativa da universidade, mediante proposta do Consello de Goberno, en ambos os casos con informe previo favorable do Consello Social. En todo caso, as universidades deberán garantir os dereitos académicos dos estudantes que se encontren cursando os ditos estudos.

Artigo 18. Revogación da autorización de implantación.

1. Se con posterioridade á autorización de implantación da ensinanza oficial se aprecia que a universidade incumpre os requisitos e compromisos adquiridos ao solicitar a súa autorización, o departamento competente en materia de universidades requirirá a universidade afectada para que no prazo dun mes proceda á regularización da situación. Transcorrido o citado prazo sen que a universidade efectúe tal regularización, logo de audiencia desta e informe do Consello Galego de Universidades, procederase a acordar a revogación da autorización mediante orde do departamento competente en materia de universidades.

2. As universidades logo de ser autorizadas a implantar estudos, quedarán obrigadas a adoptar as garantías precisas para que non se demore a súa impartición máis alá dun curso académico.

3. Por razóns excepcionais, debidamente xustificadas, o departamento competente en materia de universidades, poderá autorizar a non impartición da titulación noutro curso académico. A non impartición da titulación máis alá de dous cursos académicos consecutivos levará consigo o inicio do procedemento de revogación regulado no punto anterior.

Disposición adicional.

As universidades, no uso da súa autonomía, poderán impartir outras ensinanzas conducentes á obtención doutros títulos distintos dos expresados no artigo 1 deste decreto, sen que a súa denominación poida inducir a confusión con aqueles.

Logo da súa aprobación, de acordo coa súa normativa interna, a universidade deberá comunicar, para efectos informativos, ao departamento competente en materia de universidades, e dentro do prazo dun mes, a denominación, estrutura e plan de estudos destas titulacións, así como as súas posteriores modificacións e, de ser o caso, a súa retirada da oferta.

Disposición transitoria primeira.

Para os graos xa implantados no momento da entrada en vigor do presente decreto, seranlles de aplicación as disposicións contidas nos artigos 6 e 14 a partir do curso académico 2015-2016.

Disposición transitoria segunda.

De xeito excepcional, para aquelas titulacións que pretendan implantarse no curso 2012-2013, o prazo establecido no artigo 9.1 entenderase ampliado ata o día 29 de febreiro de 2012.

Disposición transitoria terceira.

De maneira excepcional, no curso académico 2012-2013, poderán impartirse os másters universitarios de perfil exclusivamente investigador xa existentes, sempre que conten cun número de estudantes de novo ingreso non inferior a dez.

Disposición transitoria cuarta.

A partir do curso académico 2013-2014 poderán implantarse novas titulacións oficiais de grao.

Disposición derrogatoria única.

Quedan derrogados o Decreto 259/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia e o Decreto 66/2007, do 29 de marzo, polo que se establece o procedemento de autorización para a implantación de estudos oficiais de posgrao conducentes ao título de máster ou de doutor e en todo o que se opoña ao presente decreto, así como cantas outras disposicións de igual ou inferior rango se opoñan a el.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o titular do departamento competente en materia de universidades para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de decembro de dous mil once.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria