Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Martes, 20 de decembro de 2011 Páx. 37284

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2011, da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, pola que se modifican as bases reguladoras das subvencións destinadas ao acceso dos cidadáns a novas conexións á internet, para os anos 2011 e 2012, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013 (procedemento administrativo PR524A).

O día 3 de xuño de 2011 publicouse no Diario Oficial de Galicia a Resolución do 24 de maio de 2011 pola que se convoca o proceso de selección de entidades colaboradoras coa Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, para a xestión de subvencións destinadas ao acceso dos cidadáns a novas conexións á internet, e pola que se aproban as bases reguladoras das ditas subvencións, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2011 e 2012, cofinanciadas polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do Programa operativo Feder Galicia 2007-2013, e se procede á súa convocatoria (procedemento administrativo PR524A).

Na tramitación deste procedemento resulta de aplicación o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, fixa as condicións para que a Administración garanta os dereitos dos cidadáns a se relacionaren con ela por medios electrónicos e mesmo o dereito a non presentar documentación que estea en poder da Administración ou poda ser obtida por ela mediante consulta telemática con outras administracións. O dito decreto recolle na súa disposición transitoria terceira que os sistemas administrativos utilizados deberán adecuarse á regulación contida nesta norma, sen prexuízo da súa implantación paulatina e parcial, no prazo de tres anos desde a súa entrada en vigor.

Neste marco, co obxecto de mellorar a eficacia na aplicación dos dereitos dos cidadáns, así como as garantías sobre o acceso á información que os interesados declaran como información accesible por parte da Administración, cómpre modificar determinados aspectos das bases reguladoras da dita Resolución do 24 de maio de 2011 e facer explícito un modelo de declaración responsable dos solicitantes das axudas.

En consecuencia, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Modificación do artigo 3 das bases reguladoras.

Modifícase a redacción das bases reguladoras aprobadas na Resolución do 24 de maio de 2011, no seu artigo 3-Beneficiarios, de xeito que o primeiro parágrafo do inciso 3 pasa a ter a seguinte redacción:

«3. O domicilio de instalación da nova conexión deberá ser o de residencia, dato que se comprobará mediante coincidencia do dito enderezo co certificado de empadroamento do solicitante ou acceso do órgano xestor aos datos de empadroamento do solicitante. No devandito domicilio non pode haber contratada ningunha conexión da internet de 1Mbps ou superior no momento de efectuar a solicitude nin ter sido dada de baixa polo solicitante (ou por calquera familiar dentro do cuarto grao de consanguinidade ou segundo grao de afinidade) polo menos nos tres meses anteriores á solicitude da axuda».

Artigo 2. Modificación do artigo 6 das bases reguladoras.

Modifícase a redacción das bases reguladoras aprobadas na Resolución do 24 de maio de 2011, no seu artigo 6-Forma e prazo de presentación das solicitudes dos cidadáns, de xeito que os incisos 5, 6 e 7 pasan a ter a seguinte redacción:

«5. Alén do anterior, o solicitante deberá identificar como “información accesible” (ver anexo II) ou, en caso contrario, presentar a seguinte documentación:

a) Copia do DNI ou NIE do solicitante e dos demais membros da unidade familiar.

b) Certificado de empadroamento do solicitante.

c) Copia da última declaración da renda dos membros da unidade familiar».

«6. Cos datos facilitados polo interesado, a entidade colaboradora solicitará a avaliación previa da axuda a través da aplicación informática que facilitará, para o efecto, esta secretaría xeral e o acceso á cal virá definida no convenio de colaboración, sen prexuízo de posteriores modificacións».

«7. Así mesmo, as entidades colaboradoras obterán un documento de declaración responsable e aceptación de condicións, que deberá ser expresamente aceptado polo solicitante no caso de solicitude telefónica, ou asinado e remitido posteriormente á secretaría xeral co resto da documentación requirida para a xustificación da axuda, no caso de solicitude presencial. Esta declaración tamén conterá a identificación dos datos que o interesado pode declarar como “información accesible” segundo se define no anexo II, onde tamén se recolle o “Contido mínimo da declaración responsable e aceptación de condicións polo solicitante”.

Artigo 3. Modificación do artigo 9 das bases reguladoras.

Modifícase a redacción das bases reguladoras aprobadas na Resolución do 24 de maio de 2011, no seu artigo 9-Xustificación e pagamento das axudas ás entidades colaboradoras, de xeito que na documentación que se presentou, as alíneas a) e b) pasan a ter a seguinte redacción:

a) Certificación emitida polo interlocutor único das liñas dadas de alta, cunha relación detallada por beneficiario en que se inclúan os seguintes datos: código de expediente, identificación do número da primeira factura, data da primeira factura, contía e observacións complementarias. A dita certificación tamén acreditará que a entidade colaboradora dispón da documentación presentada polos beneficiarios segundo o disposto no artigo 6 das bases reguladoras, e que esta está dispoñible ben en formato papel, ben en copia informática ou, se é o caso, en gravación telefónica, e que lle poderá ser requirida pola secretaría xeral ou por calquera dos órganos de control en calquera momento.

b) Copia en soporte informático, en formato PDF ou calquera outro que se poida indicar no convenio, da declaración responsable e aceptación de condicións asinada polo solicitante e cuxo contido mínimo se recolle no anexo II. Este documento presentarase tras dixitalización do orixinal, por parte da entidade colaboradora, agás que a dita declaración estivese tramitada mediante gravación telefónica, co que se consideraría dentro do alcance da certificación da alínea anterior.

Artigo 4. Modificación do artigo 17 das bases reguladoras.

Modifícase a redacción das bases reguladoras aprobadas na Resolución do 24 de maio de 2011, no seu artigo 17-Consentimentos e autorizacións dos solicitantes das axudas, de xeito que se engade un novo inciso 5 coa seguinte redacción:

«5. Deixarase constancia dos feitos aquí recollidos mediante un documento de declaración responsable e aceptación de condicións polo solicitante, que deberá ser asinado polo solicitante ou expresamente consentido mediante gravación telefónica. O “Contido mínimo da declaración responsable e aceptación de condicións polo solicitante” recóllese no anexo II».

Artigo 5. Modificación do anexo II.

Modifícase a redacción do anexo II da Resolución do 24 de maio de 2011, dedicado ás definicións e descricións aplicables á convocatoria e ás bases reguladoras, de xeito que se actualiza un dos puntos existentes e tamén se incorpora un novo punto.

1. No punto referente ao “Contido mínimo do convenio de colaboración coas entidades colaboradoras”, actualízase o inciso referente á duración dos convenios de colaboración de xeito que onde recolle:

«a súa duración que, en ningún caso, poderá exceder do 31.09.2012»,

pasa a ter a seguinte redacción:

«a súa duración que, en ningún caso, poderá exceder do 31.12.2013».

2. Engádese un novo punto “Contido mínimo da declaración responsable e aceptación de condicións polo solicitante”, coa seguinte redacción:

a) Nome, apelidos e DNI do solicitante, con indicación que declara o recollido no documento:

b) Que desexa acollerse ás subvencións destinadas ao acceso dos cidadáns a novas conexións á internet, tal como se recolle nas bases reguladoras aprobadas pola Resolución do 24 de maio de 2011, publicada no DOG núm. 106, do 3 de xuño, despois de ser informada pola entidade colaboradora das condicións vencelladas ás ditas axudas.

c) Que os datos de empadroamento e contacto do solicitante son os seguintes (enderezo, CP, concello, provincia, teléfono móbil, teléfono fixo, correo electrónico).

d) Que os membros que compoñen a miña unidade familiar son os seguintes (indicarase nome e apelidos, DNI, e se é de aplicación minoría de idade e/ou discapacidade).

e) Que cumpre os requisitos para ser beneficiario segundo o disposto no artigo 3 das bases reguladoras, e declara que, conforme o disposto no dito artigo, a renda per cápita da unidade familiar é igual ou inferior a 9.000 € considerando os datos do exercicio fiscal 2010.

f) Que no domicilio no que se solicita a subvención está empadroado o solicitante e non hai contratada ningunha conexión de 1 Mbps ou superior no momento de efectuar a solicitude nin foi dada de baixa polo solicitante (ou por calquera familiar dentro do cuarto grao de consanguinidade ou segundo grao de afinidade) polo menos nos tres meses anteriores á solicitude da axuda.

g) Que coñece a obriga de manter a contratación do servizo de acceso á internet durante un período mínimo de 12 meses, e que se compromete á devolución da subvención adiantada pola entidade colaboradora mediante desconto en factura, se incumpre esta obriga.

h) Que coñece as causas de reintegro de axudas públicas nos supostos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e especialmente a obtención da subvención falseando as condicións requiridas, así como a residencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación sobre o investimento subvencionado que sexan requiridas pola secretaría ou calquera órgano de control que fiscalice os devanditos investimentos.

i) Que non se atopa incurso en ningunha das prohibicións para obter a condición de beneficiario recollidas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

j) Que non ten solicitado nin recibido axuda de ningún organismo público ou privado para o presente gasto, e que ten a obriga de comunicar á Xunta de Galicia a concesión de calquera axuda para o mesmo investimento. E que coñece que esta axuda, solicitada por una contía máxima de 180 €, está suxeita ás obrigas de declaración no IRPF, como subvención da Xunta de Galicia con NIF S1511001H.

k) Que consinte expresamente na utilización de medios telemáticos para a xestión desta axuda nas relacións entre a entidade colaboradora e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

l) Que para a tramitación desta axuda, agás que exerza o seu dereito a presentar documentación acreditativa en papel, conséntelle á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Xunta de Galicia facer uso das seguintes autorizacións para verificar por medios telemáticos con outras administracións públicas os seguintes datos declarados como información accesible polo solicitante:

  • Verificación do nivel de renda: si/non.
  • Verificación da residencia: si/non.
  • Verificación da identidade: si/non.

m) Lugar, data e sinatura do solicitante.

n) Cláusula informativa no documento coa seguinte redacción: en cumprimento do disposto no artigo 5 da Lei orgánica 15/1999, de protección de datos de carácter persoal, infórmaselle de que os datos persoais recollidos neste documento serán incorporados a un ficheiro para o seu tratamento coa finalidade de xestión deste procedemento. Se o desexa, pode exercer os dereitos de acceso, rectificación cancelación e oposición previstos na lei, dirixindo un escrito á Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica da Presidencia da Xunta de Galicia, edif. admvo. San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela (A Coruña), indicando no sobre ou no asunto do escrito o texto “Dereitos LOPD – procedemento PR524A”.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2011.

M.ª Mar Pereira Álvarez
Secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica