Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 241 Martes, 20 de decembro de 2011 Páx. 37298

III. Outras disposicións

Escola Galega de Administración Pública

RESOLUCIÓN do 12 de decembro de 2011 pola que se convoca o Curso de rehabilitación e revitalización urbana en Galicia: da conservación dos cascos históricos ás áreas de rehabilitación integral nos barrios populares.

Conforme os fins que lle asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP convoca o Curso de rehabilitación e revitalización urbana en Galicia: da conservación dos cascos históricos ás áreas de rehabilitación integral nos barrios populares.

1. Obxectivos.

– Transmitir a necesidade da renovación e rehabilitación urbana como alternativa ao modelo de crecemento urbano sen límites.

– Dar a coñecer unha metodoloxía exitosa para a realización das memorias-programa para a petición de ARI (áreas de rehabilitación integral).

– Mostrar como conseguir unha xestión eficiente dos programas de rehabilitación para lograr que se poidan levar a cabo con éxito, tanto desde unha perspectiva de protección patrimonial como das solucións ás problemáticas nas vivendas que necesitan rehabilitación.

– Coñecer principios básicos dos sistemas de información xeográfica para o seu emprego como ferramenta para a elaboración das memorias-programa e na xestión da rehabilitación.

– Transmitir criterios baseados na experiencia para a elaboración de ordenanzas e bases de axudas públicas para a revitalización e rehabilitación de áreas urbanas.

– Coñecer os programas de rehabilitación e renovación existentes no Estado e transmitir coñecementos de como se están a dar este tipo de intervencións en diferentes países europeos.

– Coñecer exemplos exitosos de intervención e de organismos que xestionan esas intervencións: Consorcio de Santiago de Compostela, Oficina da Cidade Histórica e Rehabilitación de Santiago de Compostela (OCHIR), Oficina de Rehabilitación do Concello de Ourense.

2. Contido.

No curso trataranse, entre outros, os seguintes temas:

– A necesidade da recuperación do espazo construído.

– Medidas para lograr a recuperación demográfica dos núcleos históricos e dos sectores urbanos en proceso de degradación social e ambiental.

– As áreas de rehabilitación integral como instrumento para a recuperación social, funcional e física dos espazos construídos.

– A cidade dos barrios. Repensando a cidade desde A Coruña.

– Os sistemas de información xeográfica e as novas tecnoloxías para o tratamento da información do territorio.

– Os sistemas de información xeográfica como ferramenta para a elaboración das memorias-programa das ARI e a xestión da rehabilitación (I).

– A enquisa aos residentes nas ARI. Método fundamental para a obtención de información.

– As intervencións de renovación e rehabilitación na cidade da Coruña. ARI do Birloque, Mariñeiros e Palavea. A Pescadería.

– Criterios de intervención desde o punto de vista da protección patrimonial nos núcleos históricos e no resto do espazo urbano.

– Que é e que significa falar de revitalización e rehabilitación nos albores do século XXI? Políticas europeas de rehabilitación. A rehabilitación en España. Novas tendencias na intervención en barrios degradados.

– A xestión das ARI da cidade de Santiago de Compostela (I). Criterios para o acceso ás axudas. Ordenanzas que as regulan.

– Os sistemas de información xeográfica como ferramenta para a elaboración das memorias-programa das ARI e a xestión da rehabilitación (II).

– A problemática da vivenda e o reto da revitalización de áreas de vivendas desde o punto de vista da xestión da rehabilitación urbanística: o caso de Ourense. A cidade histórica, o núcleo etnográfico de Seixalbo.

– Criterios de análise para a realización dunha ordenanza e bases de axudas públicas para a revitalización e rehabilitación de áreas urbanas.

– A xestión das ARI da cidade de Santiago de Compostela (II): a ARI de Vista Alegre. Análise do proceso de implantación do programa.

– As intervencións de renovación e rehabilitación no espazo público en Santiago de Compostela: un exemplo a seguir.

– A problemática da vivenda e o reto da revitalización de áreas de vivendas desde o punto de vista da xestión da rehabilitación urbanística: o caso de Ourense. As intervencións nos barrios degradados da cidade de Ourense.

– Criterios de análise para a realización dunha ordenanza e bases de axudas públicas para a revitalización e rehabilitación de áreas urbanas.

– Intervencións de rehabilitación e renovación en espazos singulares (I): a ARI dos Camiños de Santiago de Compostela.

– Os sistemas de información xeográfica como ferramenta para a elaboración das memorias-programa das ARI e a xestión da rehabilitación (e III).

– Presentación das iniciativas e programas do Consorcio de Santiago de Compostela. A Oficina Técnica Taller de Proxectos do Consorcio. Exemplos e casos prácticos.

– Os programas de rehabilitación de vivendas. Mantemento (Ter é Manter), intervención en elementos catalogados e edificios tutelados.

– «A pedra que pisas», iniciativas do Consorcio de Santiago de Compostela e a Fundación Laboral da Construción de Galicia para a formación de traballadores, empresas e técnicos na conservación e mantemento dos pavimentos lousados de Santiago de Compostela.

– A rehabilitación do barrio da Tinería en Lugo.

– O sistema de información patrimonial promovido polo Consorcio de Santiago de Compostela, ferramenta para a xestión dunha cidade patrimonio da humanidade. Presentación práctica do S.I.P. (en aula de informática e con conexión wi-fi).

– Intervencións de rehabilitación e renovación en espazos singulares (e II). Os casos de Sabarís en Baiona e Moimenta en Boiro.

3. Prazas: 30.

4. Destinatarios.

Empregados públicos das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local e de xustiza, e das universidades do Sistema Universitario de Galicia relacionados co urbanismo e a rehabilitación; estudantes universitarios.

4.1. O 80% das prazas (24) ten como destinatarios os/as empregados/as públicos/as das administracións públicas de Galicia, tanto autonómica como local, e de xustiza e das universidades do Sistema Universitario de Galicia que cumpran os seguintes requisitos:

Pertencer ao grupo A (subgrupos A1 e A2) do persoal funcionario, ou aos grupos I e II do persoal laboral.

Este curso valorarase con 0,40 puntos a aqueles/as alumnos/as que foren considerados aptos/as á súa finalización e, por tanto, teñan dereito a certificado de aproveitamento, sempre que cumpran os requisitos para a aplicación do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que se establecen, de acordo coas comunidades autónomas, os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de formación e perfeccionamento de Administración local, en cumprimento do establecido na Orde do Ministerio para as Administracións Públicas do 10 de agosto de 1994, da Resolución do 30 de novembro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública pola que se corrixen erros da Resolución do 26 de outubro de 1994 e conforme co establecido no Decreto 49/2009, do 26 de febreiro, sobre o exercicio das competencias da Comunidade Autónoma de Galicia respecto dos/as funcionarios/as con habilitación de carácter estatal (DOG n.º 52, do 16 de marzo).

4.2. Poderán optar ao 20% das prazas (6) os profesionais que dispoñan do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico.
Incluiranse, tamén, neste grupo todas as persoas contratadas polas administracións públicas (por exemplo, contrato de servizos) que reúnan os requisitos do parágrafo anterior e que non teñan a condición de empregados públicos, e tamén estarán incluídos neste grupo os estudantes universitarios.

As prazas de calquera dos grupos que non sexan cubertas acumularanse ás do outro.

5. Pagamento da matrícula.

5.1. O importe da matrícula é de douscentos euros (200 €) para todos aqueles solicitantes que cumpran as condicións prescritas no punto 4.1 e que, ademais, no desenvolvemento do seu traballo habitual realicen tarefas que estean vinculadas directamente co curso.

5.2. O importe da matrícula é de catrocentos euros (400 €) para os demais solicitantes que cumpran as condicións prescritas no punto 4.2.

O pagamento de matrícula deberá efectuarse dentro dos 5 días seguintes á comunicación por parte da EGAP da aceptación do alumno no curso.

6. Forma de pagamento.

A EGAP comunicará ao alumnado admitido no curso o prazo, así como o modo para a formalización da matrícula.

A EGAP non procederá á devolución das cantidades aboadas en concepto de matrícula no caso de renuncia ou abandono unha vez iniciado o curso.

7. Incumprimento dos prazos de pagamento.

As persoas matriculadas que non fagan efectivo o importe total dos dereitos de inscrición dentro do prazo marcado perderán a súa condición de alumnos deste curso.

8. Prazo de inscrición e presentación de instancias.

O prazo de inscrición será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Para inscribírense, as persoas interesadas deberán cubrir a instancia curricular que para ese efecto figurará na páxina web da EGAP, no seguinte enderezo:

http://egap.xunta.es/cursoRehabilitacion

Ás persoas admitidas solicitaráselles que presenten os seguintes documentos:

a) Se os peticionarios son empregados/as públicos/as:

– Certificado expedido polo/a responsable de persoal do organismo de que dependa o/a solicitante en que se indique a situación profesional deste/a con indicación das funcións que realiza e que estean relacionadas co obxecto do curso.

– Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

b) Para o resto dos peticionarios:

– Orixinal ou copia debidamente cotexada do título de doutor, licenciado, diplomado, grao, arquitecto, enxeñeiro, arquitecto técnico ou enxeñeiro técnico, ou matrícula universitaria.

– Documentación acreditativa dos méritos incluídos na instancia curricular.

Toda a documentación remitida polos solicitantes que non sexa orixinal terá que estar debidamente compulsada.

Poderá pedirse a aclaración en todo momento dos méritos presentados. Os méritos que se inclúan na ficha curricular deberán estar convenientemente acreditados. A falta de presentación dos documentos acreditativos dos citados méritos dará lugar á exclusión do curso do/a solicitante previamente seleccionado/a.

9. Criterios de selección.

Os participantes serán seleccionados por unha comisión técnica independente, designada para o efecto, cuxa composición será publicada no portal web da EGAP. A comisión seleccionará os candidatos con discrecionalidade técnica e independencia con respecto aos órganos directivos da EGAP.

Os criterios selectivos para a admisión neste curso serán os seguintes:

a) Se os/as solicitantes son empregados/as públicos/as:

Darase prioridade a aqueles casos en que exista unha relación directa entre as tarefas que realiza o/a traballador/a no desempeño do seu posto de traballo e as materias obxecto deste curso, o que se acreditará mediante as certificacións e documentación curricular correspondente. Ademais, valoraranse os seguintes méritos vinculados coa materia obxecto da convocatoria: cursos de urbanismo e rehabilitación (impartidos ou realizados), experiencia profesional relacionada co urbanismo e rehabilitación (independentemente, se é o caso, da derivada do seu actual posto de traballo), publicacións na materia, etc.

En todo caso esta convocatoria rexerase subsidiariamente polos criterios de participación nas actividades docentes da EGAP (DOG n.º 7, do 10 de xaneiro de 2008).

b) Se os/as solicitantes non son empregados/as públicos/as:

Darase prioridade a aqueles/as solicitantes que acrediten documentalmente que a súa actividade profesional ten relación directa co urbanismo e rehabilitación, que, ademais, poidan demostrar, por medio do seu currículo, unha constatada experiencia neste campo. Valoraranse os seguintes méritos vinculados coa materia expresada: doutoramento; cursos; asistencia técnica a concellos e docencia na materia.

10. Publicación da listaxe de seleccionados/as e prazo de presentación de alegacións.

A listaxe de seleccionados/as publicarase no taboleiro de anuncios e na páxina web da EGAP (http://egap.xunta.es). O prazo para a presentación de alegacións será de tres días hábiles a partir da data de publicación, todo isto de acordo co disposto no artigo 59.6.b) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

11. Listaxe de espera.

A comisión fixará unha listaxe de espera por orde de preferencia no proceso selectivo para cubrir as posibles vacantes daquelas persoas seleccionadas que causen baixa antes do inicio do curso ou no transcurso das primeiras vinte e catro horas lectivas.

12. Certificado de aproveitamento.

Para a superación deste curso e a obtención do certificado de aproveitamento os/as alumnos/as deberán superar un exame tipo test de 100 preguntas con 4 posibles respostas, das cales deberán escoller unha; valoraranse negativamente as erróneas e exixirase un mínimo do 60% do total de preguntas acertadas para a superación do test. Os alumnos deberán aprobar o exame para obteren o certificado de aproveitamento.

Os/as alumnos/as que desexen ter un recoñecemento de 2 créditos de libre configuración pola USC deberán facer un traballo de avaliación equivalente a 10 horas lectivas.

Unicamente poderá autorizarse a ausencia por causas xustificadas, pero baixo ningún concepto poderá superar o 15% das horas lectivas. Toda ausencia deberá sempre ser motivada e xustificada ante a EGAP.

Non se expedirán certificados de asistencia sen ter superado o curso.

13. Desenvolvemento.

O curso desenvolverase na EGAP, rúa Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela, os luns, martes e mércores entre o 16 de xaneiro e o 13 de febreiro de 2012, das 16.00 ás 20.00 horas.

Terá unha duración de 50 horas de docencia presencial, en aulas teórico-prácticas. Durante a realización deste curso levarase a cabo un control permanente da asistencia mediante os sistemas que se establezan para o efecto. Os alumnos terán que acreditar mediante a súa sinatura a súa asistencia a cada unha das sesións académicas e dos talleres.

14. Modificacións e incidencias.

A EGAP reserva para si a facultade de modificar o programa e resolver as cuestións que puideren xurdir no desenvolvemento deste curso, así como a de cancelalo, se o escaso número de solicitudes non xustificar a súa realización.

Corresponde á dirección do curso resolver as incidencias de carácter xeral que poidan producirse durante o desenvolvemento deste.

A realización deste curso queda condicionada á formalización das matrículas, así como ao pagamento delas. No caso de que, por insuficiencia de matrículas, non sexa posible a realización do curso, a EGAP procederá á devolución das cantidades aboadas.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2011.

Pablo Figueroa Dorrego
Director da Escola Galega de Administración Pública