Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Mércores, 28 de decembro de 2011 Páx. 38561

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 22 de decembro de 2011 pola que se modifica a Orde do 19 de xullo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á adaptación das explotacións de galiñas poñedoras ao Real decreto 3/2002, do 11 de xaneiro, de normas mínimas de protección das galiñas poñedoras, e se convocan para o ano 2012.

A Consellería do Medio Rural publicou o 28 de xullo de 2011 a Orde do 19 de xullo de 2011 pola que se estableceron as bases reguladoras das axudas destinadas á adaptación das explotacións de galiñas poñedoras ao Real decreto 3/2002, do 11 de xaneiro, de normas mínimas de protección das galiñas poñedoras, e se convocaron para o ano 2011.

As axudas reguladas nesta orde van encamiñadas a facilitar o cumprimento da Directiva 1999/74/CE do Consello, do 19 de xullo de 1999, pola que se establecen as normas mínimas de protección das galiñas poñedoras, incorporada ao ordenamento español polo Real decreto 3/2002, do 11 de xaneiro, polo que se establecen as normas mínimas de protección de galiñas poñedoras, para así incentivar a realización dos investimentos necesarios para que as instalacións cumpran as novas condicións de benestar animal das galiñas poñedoras.

Por tanto, para proceder a realizar a convocatoria correspondente a este ano cómpre facer algunha modificación puntual nas ditas bases reguladoras.

En consecuencia, de conformidade co previsto no artigo 30.1.º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta orde é modificar as bases reguladoras da Orde do 19 de xullo de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas destinadas á adaptación das explotacións de galiñas poñedoras ao Real decreto 3/2002, do 11 de xaneiro, de normas mínimas de protección das galiñas poñedoras, e se convocan para o ano 2012, aprobadas mediante a Orde do 19 de xullo de 2011 (DOG núm. 144, do 28 de xullo), e proceder á súa convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o exercicio orzamentario de 2012.

Sección 1.ª Modificación das bases reguladoras das axudas destinadas á adaptación das explotacións de galiñas poñedoras ao Real decreto 3/2002, do 11 de xaneiro,
de normas mínimas de protección das galiñas poñedoras

Artigo 2. Modificación das bases reguladoras.

Introdúcense as seguintes modificacións nas bases reguladoras das axudas destinadas á adaptación das explotacións de galiñas poñedoras ao Real decreto 3/2002, do 11 de xaneiro, de normas mínimas de protección das galiñas poñedoras, aprobadas mediante a Orde do 19 de xullo de 2011 (DOG núm. 144, do 28 de xullo):

Primeira. Modificación da alínea a) do artigo 6.1.

A alínea a) do artigo 6.1 (Contía dos investimentos e das axudas) queda como segue:

«a) O investimento poderá chegar a un máximo de 80.000 euros por UTA sen superar 160.000 euros por explotación cando a persoa titular sexa unha persoa física ou unha comunidade de bens. No caso de titulares persoas xurídicas, este límite máximo por explotación poderá chegar aos 400.000 euros, sen prexuízo do límite por UTA. Estes investimentos circunscríbense ao conxunto de axudas destinadas á adaptación das explotacións de galiñas poñedoras ao Real decreto 3/2002, do 11 de xaneiro, de normas mínimas de protección das galiñas poñedoras do período de programación 2007-2013».

Segunda. Modificación do punto 1 do artigo 11.

O punto 1 do artigo 11 (Prazo de execución do plan de adaptación) queda redactado como segue:

«1. O prazo de execución dos investimentos non excederá o 30 de decembro de cada ano».

Terceira. Modificación do punto 1 do artigo 13.

O punto 1 do artigo 13 (Certificación dos investimentos e gasto) queda redactado como segue:

«1. Só serán auxiliables os investimentos que se realicen e cuxos gasto e pagamento se xustifiquen con posterioridade á data de presentación da solicitude ou da data da acta de non inicio se esta for anterior a aquela, de acordo co que establece o punto 16 do artigo 16 do Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), e con anterioridade á data límite de realización dos investimentos, sempre e cando se dite resolución aprobatoria da axuda sobre os ditos investimentos».

Cuarta. Modificación do artigo 16.

Ao artigo 16 (Reintegro das axudas) engádeselle o punto 3, que queda redactado como segue:

«3. De acordo co Regulamento (UE) 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011 (DOUE L 25/8 do 28.1.2011), procederá o reintegro total ou parcial do importe da axuda máis os xuros de demora, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en todo caso, nos supostos previstos na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, tendo en conta as excepcións contidas. Os xuros calcularanse en función do tempo que medie entre a notificación da resolución do procedemento de reintegro ao produtor e o seu reembolso efectivo polo obrigado. Estes intereses soamente se cobrarán cando o beneficiario non realice o pagamento do reintegro no prazo voluntario».

Sección 2.ª Convocatoria 2012

Artigo 3. Convocatoria.

1. Convócanse para o exercicio orzamentario 2012 as axudas regulamentadas por esta orde.

2. As solicitudes, documentación, condicións e procedemento de xestión das axudas serán as establecidas con carácter xeral na Orde do 19 de xullo de 2011 pola que se establecen bases reguladoras das axudas destinadas á adaptación das explotacións de galiñas poñedoras ao Real decreto 3/2002, do 11 de xaneiro, de normas mínimas de protección das galiñas poñedoras (DOG núm. 144, do 28 de xullo de 2011), e coas modificacións da sección 1.ª.

Artigo 4. Prazo e lugar de presentación das solicitudes.

1. O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

2. A presentación da solicitude de axuda realizarase segundo o previsto no artigo 38.4.º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro e, preferentemente, nos rexistros das oficinas agrarias comarcais, utilizando os impresos normalizados na Orde do 19 de xullo de 2011. Así mesmo, tamén se poderá presentar a solicitude electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: http://www.xunta.es/sede-electronica

Artigo 5. Financiamento das axudas.

1. O financiamento das axudas recollidas nesta orde efectuarase con cargo á aplicación 13.02.712B.772.0 CP 2007.00399, dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia, na cal existe crédito adecuado para o ano 2012, de 250.000 euros (douscentos cincuenta mil euros).

2. A dita aplicación orzamentaria poderá incrementarse con fondos adicionais, comunitarios, estatais e da comunidade autónoma, de acordo co artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Esta orde tramítase conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia á existencia de crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2012, aprobados polo Consello da Xunta de Galicia.

4. O cofinanciamento do Feader nestas axudas acadará unha porcentaxe do 57,56% do gasto executado.

Disposición adicional primeira. Publicidade das axudas.

De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellaría do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos/as beneficiarios/as e para a súa publicación na citada páxina web, así como tamén se procederá á súa publicación no Diario Oficial de Galicia, de acordo coa Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Así mesmo, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento dos datos para os efectos do disposto no Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición adicional segunda.

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o establecido no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 e no Regulamento (CE) 1698/2005, do 25 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Feader, e nos regulamentos que o desenvolven, así como tamén no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Disposición final terceira.

Os expedientes de axuda presentados ao abeiro da convocatoria de 2011 respecto dos cales non se ditou resolución expresa de concesión da axuda poderanse ter en conta na convocatoria de 2012, sempre que a persoa interesada así o solicite expresamente e cumpra co disposto nesta convocatoria.

Disposición final primeira.

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria para ditar as instrucións precisas para a execución do disposto nesta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file