Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 247 Mércores, 28 de decembro de 2011 Páx. 38623

III. Outras disposicións

Consellería do Mar

ORDE do 12 de decembro de 2011 pola que se convocan para o ano 2012, en réxime de concorrencia competitiva, subvencións previstas nos artigos 37.n) do Regulamento (CE) 1198/2006 e no artigo 15.2.a) do Regulamento (CE) 498/2007, para atender os gastos de constitución en que incorreron nas campañas 2010 e 2011 as organizacións de produtores pesqueiros no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, e se particulariza o seu importe global máximo, tramitada como expediente anticipado de gasto.

Mediante Orde da Consellería do Mar do 10 de decembro de 2009 (DOG número 247, do 21 de decembro), aprobáronse as bases reguladoras xerais para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas ás organizacións de productores pesqueiros no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, previstas nos artigos 37. n) do Regulamento (CE) 1198/2006, 9 e 12 do Regulamento (CE) 104/2000 e 9 do Regulamento (CE) 744/2008, e estableceuse o procedemento para a súa concesión.

O Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, relativo ao Fondo Europeo da Pesca, define para o seu período de programación 2007-2013 o marco de apoio comunitario a favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro.

O artigo 37, letra n), do Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006, establece que o FEP poderá apoiar medidas de interese público que se apliquen co apoio activo dos propios operadores ou de organizacións que actúen en nome dos produtores ou doutras organizacións recoñecidas polo Estado membro que teñan por obxecto, en particular, crear organizacións de produtores recoñecidas en virtude do Regulamento (CE) 104/2000, do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a organización común de mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura.

Estas axudas concederanse por un período máximo de tres anos a partir da data de recoñecemento da organización de productores, e será decrecente ao longo deses tres anos, a teor do establecido no parágrafo segundo do citado artigo 37 do Regulamento (CE) 1198/2006, do Consello, do 27 de xullo de 2006.

Por outra banda, no Regulamento (CE) 498/2007, da Comisión, do 26 de marzo, está disposto, artigo 15.2.a), que a axuda prevista no artigo 37.1.n) do Regulamento (CE) 1198/2006, poderá concederse para a creación de organizacións de productores co obxecto de facilitar o establecemento e o funcionamento administrativo das organizacións de produtores recoñecidas despois do 1 de xaneiro de 2007 en virtude do Regulamento (CE) 104/2000, do Consello, do 17 de decembro de 1999.

Para o cálculo destas axudas é de aplicación o Regulamento (CE) 1985/2006, da Comisión, do 22 de decembro, polo que se establece o método de cálculo das axudas outorgadas polos Estados membros ás organizacións de produtores do sector da pesca e a acuicultura.

A Consellería do Mar, á vista do marco normativo e do apoio comunitario a favor do desenvolvemento sustentable do sector pesqueiro e co fin de garantir este obxectivo de sustentabilidade, por medio desta orde fai pública esta convocatoria para atender os gastos de constitución en que incorreron as organizacións de productores pesqueiros, nas campañas 2010 e 2011, no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo co previsto no artigo 37.n) do Regulamento (CE)1198/2006.

Por todo o antes dito, facendo uso das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983,do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer, en réxime de concorrencia competitiva, a convocatoria para o ano 2012 de subvencións para atender os gastos pola creación en que incorreron nas campañas 2010 e 2011 as organizacións de productores pesqueiros, no ámbito exclusivo da Comunidade Autónoma de Galicia, previstas nos artigos 37.n) do Regulamento (CE) 1198/2006 e no artigo 15.2.a) do Regulamento (CE) 498/2007, e particularízase o seu importe global máximo.

Artigo 2. Proxectos obxecto de subvención.

Serán obxecto de subvención nesta convocatoria os proxectos sinalados no artigo 7.1. a) da Orde da Consellería do Mar do 10 de decembro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras xerais deste tipo de axudas (DOG número 247, do 21 de decembro).

Artigo 3. Presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes.

As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños, de acordo co modelo que se xunta como anexo I, ao cal se achegarán os anexos II e III e demais documentación sinalada neles, así como na Orde do 10 de decembro de 2009, pola que se estableceron as bases reguladoras xerais deste tipo de axudas. Presentaranse no Rexistro Único e de Información do complexo administrativo de San Caetano ou no de calquera das xefaturas territoriais da Consellería do Mar, ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Así mesmo, tamén se poderán presentar na sede electrónica https://sede.xunta.es.

Artigo 4. Crédito orzamentario.

Para o ano 2012 as axudas concederanse con cargo á aplicación orzamentaria 14.03.723A.770.1 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia do ano 2012. O importe máximo das subvencións que se concedan nesta convocatoria ascenderá a cento vinte mil euros (120.000 €).

En virtude do disposto no artigo 3.3. das bases reguladoras, o importe consignado nesta convocatoria, así como a aplicación orzamentaria a que se imputa, poderá ser ampliado en función da dispoñibilidade orzamentaria, sen que iso dea lugar á apertura dun novo prazo de presentación de solicitudes.

As porcentaxes de cofinanciamento das axudas son do 61% con fondos FEP e do 39% con fondos da Comunidade Autónoma.

Esta orde tramítase de conformidade coa Orde do 11 de febreiro de 1998 (DOG número 33, do 19 de febreiro), modificada polas ordes do 27 de novembro de 2000 e do 25 de outubro de 2001, sobre tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos citados orzamentos.

Artigo 5. Obrigas dos beneficiarios.

1. Ademais das obrigas sinaladas no artigo 6 da Orde do 10 de decembro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras xerais, os beneficiarios deberán cumprir as seguintes:

a) Informar o público sobre a axuda obtida, de conformidade co disposto nos artigos 32 e 33 do Regulamento (CE) 498/2007 e co establecido no artigo 15 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

b) Manter un sistema de contabilidade separado que permita coñecer as transaccións relacionadas coa operación que se subvenciona, co obxecto de facilitar a pista de auditoría, de acordo co disposto no artigo 59.d) do Regulamento do FEP.

2. Con independencia do establecido no artigo 3 desta orde, no que se esixe a presentación do anexo II (declaración doutras axudas) no momento de formular a solicitude, deberá xuntarse este mesmo anexo, adaptado á situación actual do momento de achegar a documentación xustificativa para o pagamento, ademais do recollido no artigo 15 das citadas bases reguladoras xerais.

Disposición transitoria única.

Coa entrada en vigor do Decreto 150/2011, do 21 de xullo, polo que se modifica o Decreto 312/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Mar, a Subdirección Xeral de Xestión dos Recursos Mariños desapareceu, polo que toda referencia a esta que conste na Orde do 10 de decembro de 2009, pola que se establecen as bases reguladoras xerais que deben rexer nesta convocatoria, considérase feita á Subdirección Xeral de Ordenación dos Recursos Mariños.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o director xeral de Ordenación e Xestión dos Recursos Mariños para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento e a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 12 de decembro de 2011.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Mar

missing image file
PE211A G.pdf
PE211A G.pdf