Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 29 de decembro de 2011 Páx. 40260

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 23 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2007-2013, e se convocan para o ano 2012.

O emprego de novas tecnoloxías na mecanización e equipamento agrario amparado en modelos de carácter asociativo, contribúe de forma decisiva a que as explotacións agrarias protagonicen un desenvolvemento do sector agrario e en xeral do medio rural que favoreza unha evolución positiva e constante para afrontar novos retos de futuro.

A introdución de novas tecnoloxías na utilización de maquinaria agrícola e equipamentos ten unha repercusión moi positiva nas vertentes técnica, económica e ambiental das explotacións agrarias.

Tendo en conta a estrutura e dimensión da maioría das explotacións galegas, o elevado custo de adquisición e utlización da maquinaria e equipamentos, os altos custos de amortización que xera a utilización de maquinaria individualmente, entre outros atrancos, fai necesario o impulso de modelos de utilización de maquinaria e equipamentos de forma colectiva orientados a abordar conxuntamente os traballos no eido agrícola, gandeiro e forestal, dado que o medio rural galego conforma un complexo que engloba frecuentemente estes tres sectores dentro da mesma unidade produtiva ou explotación.

Estes modelos melloran a eficiencia dos procesos produtivos nas explotacións agrarias, así como as condicións de traballo, desde a dobre vertente, cuantitativa e cualitativa, e contribúen así á creación de unidades produtivas máis eficientes e sustentables, económico-social e ambientalmente, o que redunda nunha mellora da calidade de vida da poboación dedicada ás actividades agrarias e, por conseguinte, tamén a unha maior fixación da poboación no medio rural.

Estas actuacións enmárcanse dentro do Regulamento (CE) 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277 do 21 de outubro), relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), o Regulamento (CE) 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro de 2006 (DO L 368 do 23 de decembro), polo que se establecen as disposicións de aplicación do antedito regulamento.

Así mesmo, o Regulamento (CE) 65/2011 da Comisión do 27 de xaneiro de 2011 (DO L 25, do 28 de xaneiro), polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento CE n.º 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277, do 21 de outubro), no que se refire á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas da axuda ao desenvolvemento rural.

As axudas reguladas nesta orde van dirixidas á realización de investimentos para a mellora dos sistemas produtivos das explotacións agrarias no marco normativo anteriormente referido e en concordancia coas liñas estratéxicas comunitarias e estatais, reflectidas tamén na redación do Programa de desenvolvemento rural para o período 2007-2013.

Por todo o exposto, e de acordo co establecido no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e, no uso das facultades que me confire o artigo 14 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG n.º 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, así como as competencias que me confire a Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a Lei 1/1983, do 22 de febreiro (DOG n.º 23, do 21 de marzo), reguladora da Xunta e da súa Presidencia

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

A presente orde ten por obxecto establecer as bases das axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia, e convocalas para o ano 2012, en réxime de concorrencia competitiva. As bases reguladoras publicaranse na páxina web oficial da Consellería do Medio Rural: http://mediorural.xunta.es/

Artigo 2. Definicións.

Para os efectos desta orde entenderase por:

1) Explotación agraria: o conxunto de bens e dereitos organizados empresarialmente pola/s persoa/s titular/es no exercicio da actividade agraria, primordialmente con fins de mercado, e que constitúe en si mesma unha unidade técnico-económica.

2) Titular da explotación: a persoa física ou xurídica que exerce a actividade agraria, organizando os bens e dereitos integrantes da explotación con criterios empresariais e asumindo os riscos e as responsabilidades civil, social e fiscal que poidan derivar da xestión da explotación.

3) Agricultor/a profesional: a persoa física que sendo titular dunha explotación agraria, polo menos o 50% da súa renda total proveña de actividades agrarias ou outras actividades complementarias, sempre e cando a parte da renda procedente da actividade agraria non sexa inferior ao 25% da súa renda total e o volume de emprego dedicado a actividades agrarias ou outras complementarias sexa igual ou superior a metade dunha unidade de traballo agrario (UTA).

4) Agricultor/a mozo/a: a persoa que cumprise os dezaoito anos e non cumprise os corenta anos e exerza ou pretenda exercer a actividade agraria.

5) Especial interese social: condición daquelas entidades que desenvolven as súas actividades propias nun subsector agrario especialmente sensible (horta, fruticultura e viña ...), e ao mesmo tempo son consideradas estratéxicas ben por razóns da súa dimensión ou ben pola súa particular localización e dispersión, en especial as situadas en zonas de montaña, segundo o definido no artigo 36 letra a), punto i) do Regulamento CEE 1698/2005, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277, do 21 de outubro).

Sección 1.ª Bases reguladoras

Artigo 3. Actividades subvencionables.

As actividades subvencionables son as seguintes:

1. Compra de maquinaria agrícola.

2. Adquisición, construción ou mellora de equipamentos, tales como:

a) Almacéns para maquinaria agrícola.

b) Gastos xerais vinculados ao proxecto en honorarios profesionais para a elaboración de estudos, redacción de proxectos, etc.

3. En ningún caso se subvencionarán.

a) A simple reposición ou adquisición de maquinaria de segunda man ou usada, nin se considerarán subvencionables o IVE e outros impostos que sexan recuperables.

b) Os investimentos en maquinaria ou equipamentos relacionados coa transformación e comercialización de produtos agrarios ou forestais, nin máquinas de pequena significación, para os efectos do conxunto dos socios da agrupación.

c) As subvencións á maquinaria e equipamentos de carácter forestal.

d) Non será subvencionable ningunha iniciativa nova de mecanización en común naquelas áreas onde o alto grao de implantación desta actividade poida ter xa cubertas as necesidades nesta materia.

As actividades subvencionables especificadas neste artigo terán, en todo caso, que axustarse ao establecido no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos programas de desenvolvemento rural cofinanciados polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader).

Artigo 4. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas reguladas nesta orde:

1) As cooperativas agrarias que teñen como obxecto social prioritario a adquisición e a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, denominadas convencionalmente cooperativas de utilización de maquinaria agrícola, en diante CUMA, sociedades agrarias de transformación, en diante SAT, con obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e as cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria agrícola segundo o artigo 9 da Lei 5/1998, do 18 de decembro (DOG n.º 251, do 30 de decembro) de cooperativas de Galicia, así como outras agrupacións con personalidade xurídica propia, e soamente para investimentos directamente relacionados coa súa actividade: as comunidades de regantes, asociacións de viticultores en terreos con pendente superior ao 15%, e asociacións de faba e de castaña.

2) O resto de cooperativas agrarias que adquiran maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario para prestar servizos aos seus socios.

3) As cooperativas de explotación comunitaria da terra e as SAT, procedentes da fusión de polo menos dúas explotacións, nos cinco anos posteriores á súa constitución.

Artigo 5. Finalidade.

Os fins que se pretenden acadar coa presente orde son os seguintes:

1) Promover a utilización de maquinaria e equipamentos de carácter agropecuario en réxime asociativo.

2) Promover a construción e/ou adquisición e utilización en réximen asociativo de certas edificacións e instalacións relacionados co proceso produtivo das explotacións agrarias.

3) Fomentar a introdución de novas tecnoloxías no emprego de maquinaria e equipamentos.

4) Racionalizar os custos de mecanización, incrementar os mecanismos de seguridade no traballo, reducir as emisións contaminantes e fomentar o aforro enerxético, na procura dunha mellora da calidade de vida no medio rural.

Artigo 6. Requisitos e obrigas comúns dos beneficiarios.

1) Cumprir cos requisitos para ser beneficiario recollidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2) Con carácter xeral o número mínimo de socios da entidade solicitante será de:

a) Seis socios nas CUMA e SAT con obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario e cooperativas agrarias recollidas nos puntos 1 e 2 do artigo 4. Naquelas entidades nas cales estea xustificado por razóns do seu especial interese social, segundo a definición do artigo 2 desta orde, o número de socios poderá ser igual a catro.

b) Catro socios nas cooperativas de explotación comunitaria da terra, e tres socios nas SAT, recollidas no punto 3 do artigo 4, segundo a normativa específica para cada unha destas entidades.

c) Sete socios no caso de comunidades de regantes e asociacións de viticultores, de faba e de castaña formalmente constituídas.

d) Se se produce a baixa dun socio nos termos descritos no artigo 20 da Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, a entidade beneficiaria estará obrigada a substituílo no prazo máximo dun ano sempre que o número quede por baixo do mínimo estipulado nas alíneas a), b), c) do punto 2 do artigo 6 desta orde para calquera tipo de beneficiario dos decritos.

3) Xustificar a necesidade e viabilidade dos investimentos segundo a documentación requirida nos puntos 8) e 9) do artigo 14. As entidades beneficiarias non poden vender, doar nin ceder en uso os bens obxecto de subvención antes de cinco anos ou de que remate o seu prazo de amortización, salvo por causa técnica xustificada e acreditada documentalmente, en concordancia co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG n.º 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

4) No caso das construcións, deberán presentar no momento da solicitude licenza de obra, ou no seu defecto, solicitude dela e cualificación urbanística da parcela emitida polo concello, onde se pretenda construír, e compromiso de presentar a licenza definitiva de obra, antes da resolución de concesión da axuda. Non cumprir este requisito suporá a non aprobación da axuda. A certificación final de obra valorada presentarase no momento da solicitude de pagamento dos investimentos.

5) No caso de adquisición do inmoble, certificado de taxador independente, debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, do valor do inmoble, entendendo que só se subvencionarán aqueles que se destinen exclusivamente para os conceptos subvencionables recollidos na presente orde.

6) En todos os casos de construcións ou instalacións fixas e equipamento vinculado a elas, deberán presentar copia compulsada da licenza de actividade municipal ou documentación acreditativa equivalente.

7) Toda a maquinaria propiedade das entidades beneficiarias é para uso exclusivo dos seus socios nas súas explotacións. Para favorecer unha maior eficiencia na súa utilización, poderase compartir a maquinaria entre varias entidades que subscriban entre si acordos de cooperación, e/ou servizos a terceiros, sempre que non superen o 50% do total das actividades realizadas, de acordo co estipulado no artigo 111.7 da Lei galega de cooperativas.

8) As CUMA e SAT con obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario ou agroforestal en común, e as cooperativas agrarias recollidas nos puntos 1 e 2 do artigo 4 están obrigadas a levar ao día un libro de rexistro da súa maquinaria, así como un programa de control e xestión específico para esta, que lles permita establecer e analizar os seus custos.

9) A maquinaria obxecto de axuda deberá estar, en todo caso, inscrita no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (ROMA) e matriculada cando a tipoloxía da máquina o requira.

10) No caso de investimentos vinculados á fase de produción agraria, non inscritibles no ROMA, deberán presentar documentación acreditativa da súa homologación.

Artigo 7. Requisitos adicionais para as entidades beneficiarias.

1. Os beneficiarios deberán, así mesmo:

a) No ter a consideración de empresa en crise:

i) No caso de empresas intermedias, de acordo coa definición e condicións establecidas nas directrices comunitarias sobre as axudas estatais de salvamento e de reestruturación de empresas en crise (2004/C244/02).

ii) No caso das pequenas ou medianas empresas, aquelas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 1, punto 7 do Regulamento (CE) 800/2008, da Comisión, do 6 de agosto (DOUE L 214, do 9 de agosto). Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas pequenas e medianas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

iii) En ningún caso, se concederán axudas ás empresas sometidas a un procedemento de quebra, insolvencia ou concursal.

iv) En todo caso, para verificar o cumprimento destes requisitos, as empresas presentarán coa solicitude de axuda unha declaración de non se encontraren en situación de crise conforme a normativa comunitaria.

b) Cumprir as normas comunitarias aplicables aos investimentos de que se trate, como establece o artigo 26 do Regulamento (CE) 1698/2005 do Consello, de 20 de setembro de 2005, relativo ás axudas ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Este requisito comprobarase mediante os documentos que acrediten a homologación da máquina segundo as normas comunitarias na materia da maquinaria de que se trate, e levarase a cabo no momento de presentación da solicitude de pagamento.

c) Comprometerse a non allear a máquina ou o equipamento agrario para o cal se solicitou a axuda durante un período de cinco anos a partir da súa adquisición. No caso de incumprimento, o beneficiario deberá reintegrar ao Tesouro Público o importe obtido e os xuros correspondentes, nos termos previstos polo artigo 29.4.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Requisitos específicos para as CUMA e SAT que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario.

1) Nas entidades de nova constitución a maioría dos seus socios teñen que ser agricultores profesionais, agás que por razóns do seu especial interese social, segundo a definición do artigo 2 desta orde, estea xustificado non ter en conta esta limitación.

2) Os socios deberán permanecer na entidade un mínimo de cinco anos, excepción feita dos supostos de baixa xustificada previstos nos seus estatutos.

3) As entidades deberán establecer no seu regulamento de réxime interno (RRI) as medidas de carácter económico nas cales se determine o modelo de imputación dos custos fixos, en función do uso da maquinaria e tendo en conta os criterios establecidos no estudo técnico-económico de viabilidade, así como as medidas de caracter funcional.

4) Os socios da entidade están obrigados a utilizar nas súas explotacións os bens obxecto da axuda, por un período mínimo de cinco anos, nos termos establecidos e asinados no RRI.

Artigo 9. Requisitos específicos para as cooperativas agrarias.

1) As cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria ou que presten servizo de maquinaria agrícola aos seus socios, procurarán que os servizos ofertados cheguen á maior parte dos socios e, salvo razóns de extraordinaria inviabilidade económica ou material, a todos os socios que así o demanden, con prioridade aos agricultores profesionais.

2) Estas entidades asociativas deberán establecer as medidas de carácter económico nas cales se determine o modelo de imputación dos custos fixos en función do uso da maquinaria e as normas internas de funcionamento, que terán que ser necesariamente coñecidas polo conxunto dos socios e suficientes para garantir a continuidade do servizo de maquinaria e favorecer a súa viabilidade económica e funcional.

3) Estas entidades asociativas deberán acreditar un importe neto da cifra de negocio anual de polo menos 600.000 €, agás que por razóns do seu especial interese social, segundo a definición do artigo 2 desta orde, estea xustificado non ter en conta este requisito.

Artigo 10.

Conceptos subvencionables e contía económica das axudas ás CUMA e SAT que teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario e cooperativas agrarias así como comunidades de regantes e asociacións de viticultores, de faba e de castaña recollidas nos puntos 1 e 2 do artigo 4:

Con carácter xeral, exceptuando aqueles casos en que se indica outra porcentaxe, a intensidade máxima de axuda non superará o 40% do investimento auxiliable, agás se a entidade está situada nunha zona desfavorecida ou de montaña, definidas no artigo 50 do Regulamento CEE 1698/2005, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277, do 21 de outubro), caso en que a axuda poderá acadar o 50% do investimento auxiliable.

1) Adquisición de maquinaria agrícola.

a) No caso das CUMA e SAT que teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario en común, e cooperativas agrarias con sección específica de maquinaria recollidas no punto 1 do artigo 4, a porcentaxe de axuda con carácter xeral será de ata o 40% en zona ordinaria, ata o 50% en zonas desfavoreciadas ou de montaña.

b) Para as cooperativas agrarias recollidas no punto 2 do artigo 4, a axuda con carácter xeral sera de ata o 35% do investimento auxiliable en zona ordinaria, e de ata o 45% en zonas desfavorecidas ou de montaña.

2) Gastos en estudos técnico-económicos de viabilidade sobre os investimentos obxecto de axuda ata un máximo de 1.500 € de subvención.

3) Construción ou adquisición de almacéns para maquinaria e investimentos relacionados con estes, así como o equipamento básico de taller para labores de mantemento e reparación:

O investimento auxiliable máximo por metro cadrado construído, incluídas todas as instalacións básicas, non superará a contía de 130 euros/m2. Os investimentos relacionados con este, tales como instalacións conexas necesarias para o desenvolvemento da actividade (oficinas, vestiarios, sala de xuntas, equipamento para taller, …), pavimentacións exteriores, pechamentos perimetrais, etc. serán considerados segundo as facturas pro forma ou orzamentos presentados, e computaranse á parte do módulo previsto.

4) Construción ou adquisición de instalacións para a almacenaxe e distribución de combustible para o uso propio da entidade e para o servizo dos seus asociados, e adquisición de equipamento para o mesmo fin.

5) Construción ou adquisición de instalacións e equipamento para o lavado de maquinaria e apeiros para o uso propio da entidade e para o servizo dos seus asociados.

6) Construción de balsas de xurro de carácter comunitario co fin de favorecer o seu uso como fertilizante de forma eficiente, e de modo correcto desde o punto de vista agrario e ambiental.

7) Instalacións e equipamento de sistemas mecánicos patentados e homologados, en terreos de produción vitícola cunha pendente maior do 15%, para o transporte de produtos vinculados á fase da produción, sempre e cando resulten beneficiados por este investimento polo menos dous viticultores.

8) Instalacións e equipamento no ámbito da produción agraria, que desenvolven as comunidades de regantes, asociacións de viticultores en zonas de pendente >15%, castaña e faba.

9) Instalacións fixas e equipamentos para silos destinados á almacenaxe de fertilizantes a granel.

10) Construción e/ou adquisición de instalacións para o almacenamento de forraxes ensiladas para grupos de explotacións próximas ou extremeiras, nas seguintes condicións:

a) Con caráter xeral polo menos o 70% das instalacións das explotacións integrantes do proxecto de silos en común atoparase nun raio de 2 km, sen superar en ningún caso os 3 km. Así mesmo, o 70% da SAU estará dentro dun raio de 3 km do centro de ensilaxe.

b) O investimento máximo suxeito a subvención por metro cúbico construído non superará a contía de 40 €.

11) Gastos vinculados aos puntos anteriores: honorarios de proxecto, dirección e certificación final de obra, e programas informáticos específicos de maquinaria, cos seguintes límites máximos:

a) Honorarios de proxecto: o investimento auxiliable máximo será do 3% do orzamento do proxecto en obra civil.

b) Dirección e certificación final de obra: o investimento auxiliable máximo será do 2% do orzamento do proxecto en obra civil.

c) Programas informáticos: ata un máximo de 1.000 € de subvención.

12) A subvención poderá chegar ata un máximo de 150.000 euros por entidade beneficiaria en proporción ao investimento realizado.

Artigo 11.

Conceptos subvencionables e contía económica das axudas ás cooperativas de explotación comunitaria da terra e SAT procedentes de fusión, recollidas no punto 3 do artigo 4:

1. Adquisición de maquinaria agrícola:

a) Con carácter xeral, exceptuando aqueles casos en que se indica outra porcentaxe, a intensidade da axuda será do 35% do investimento auxiliable en zona ordinaria, e do 45% en zona desfavorecida ou de montaña.

b) A subvención máxima para o conxunto de investimentos non poderá superar os 20.000 € por explotación fusionada, e poderase incrementar nun 10% cando a metade dos socios da entidade resultante da fusión sexan agricultores mulleres ou mozos segundo a Lei 19/1995, do 4 de xullo (BOE n.º 159, do 5 de xullo), de modernización de explotacións.

2. Gastos en estudos técnico-económicos de viabilidade sobre os investimentos obxecto de axuda ata un máximo de 600 € de subvención.

Artigo 12. Criterios de valoración.

A dispoñibilidade orzamentaria da convocatoria limitará o número de expedientes que se aprobará, para iso, ordenaranse as solicitudes presentadas de acordo cos criterios de valoración indicados neste artigo, e os proxectos aprobaranse de maior a menor puntuación ata esgotar o orzamento dispoñible.

Para a seleción das peticións que se aprobarán, teranse en conta os seguintes criterios:

1) Atendendo á tipoloxía da entidade solicitante:

a) Cooperativa agraria con sección específica de maquinaria ou CUMA: 6 puntos.

b) Cooperativa agraria con servizo de maquinaria: 5 puntos.

c) SAT que teña por obxecto social prioritario a utilización de maquinaria agrícola en común: 4 puntos.

d) SAT procedente de fusión ou cooperativa de explotación comunitaria da terra: 3 puntos.

e) Asociacion de viticultores en terreos de >15% pendente, faba e castaña: 1 puntos.

2) Atendendo á súa actividade:

a) Subsector agrario especialmente sensible: 3 puntos.

b) Outros subsectores non sensibles: 1 punto.

3) Atendendo á porcentaxe de mulleres que integren o consello reitor da entidade solicitante:

a) do 40% ao 50%: 1 punto.

b) > 50%: 3 puntos.

4) Atendendo á tipoloxía do investimento maioritario:

a) Maquinaria, instalacións e equipamentos propios das actividades no ámbito da produción agraria, e as que desenvolvan as entidades beneficiarias definidas no artigo 4: 5 puntos.

b) Construción ou adquisición de almacéns de maquinaria e Instalacións conexas necesarias, instalacións de almacenaxe e distribución de combustibles, instalacións de lavado de maquinaria, instalacións para o almacenamento de forraxes ensiladas e construción de balsas de xurro, e o seu equipamento: 3 puntos.

En caso de igualdade na aplicación do baremo concederase axuda ao solicitante que non recibise unha subvención regulada pola Orde do 10 de febreiro de 2011 (DOG do 16 de febreiro) sobre as axudas para o fomento da utilización de maquinaria e equipamentos agrarios en réxime asociativo en Galicia. Se aínda persiste o empate terase en conta en segundo lugar a maior puntuación obtida no criterio de valoración referente á tipoloxía da entidade solicitante, se aínda así persiste o empate terase en conta a maior puntuación obtida no criterio referente á tipoloxía do investimento maioritario, e por último se aínda continúa o empate terase en conta o maior número de socios da entidade asociativa.

5) Cando a subvención teña por obxecto o financiamento de actividades que vaia desenvolver o solicitante e o importe da subvención da proposta de resolución provisional sexa inferior o que figura na solicitude presentada, instarase o beneficiario para que reformule a súa solicitude para axustar os compromisos e as condicións á subvención outorgable.

Artigo 13. Solicitudes.

1) As solicitudes de axuda presentaranse segundo o modelo que se xunta, que se compón dos seguintes anexos:

a) Anexo I: instancia de solicitude.

b) Anexo II: relación das liñas de axuda solicitadas.

c) Anexo III: relación de documentación xeral que se achega.

d) Anexo IV: relación de documentación específica que se achega, para as CUMA, SAT que teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario ou agroforestal en común, e cooperativas agrarias, recollidas nos parágrafos 1 e 2 do artigo 4.

e) Anexo V: certificación do acordo de solicitude de subvención.

f) Anexo VI: certificación dos compromisos e obrigas esixidos na orde.

g) Anexo VII: declaración dos compromisos dos socios das entidades recollidas no artigo 4 punto 1.

h) Anexo VIII: declaracion de solicitudes efectuadas ou concedidas para a mesma finalidade.

2) As solicitudes deben vir debidamente cubertas e asinadas polo presidente/a ou polo representante legal da entidade peticionaria. Os anexos é imprescindible cubrilos correctamente na súa totalidade. Coas solicitudes achegarase a documentación que se detalla nos artigos 13, 14 e 15, desta orde, segundo corresponda.

3) No caso das entidades que estean en trámites de constitución, a solicitude de axuda poderá facela a comisión promotora, que estará formada polo menos por tres membros, actuando un deles como presidente e outro como secretario xunto coa solicitude de inscrición da entidade no rexistro correspondente e compromiso de presentar a documentación que acredite a efectiva inscrición no rexistro oficial. A aprobación da axuda queda condicionada en todo caso á constitución efectiva da entidade no periodo previo á resolución.

4) As solicitudes dirixiranse ao conselleiro de Medio Rural. Presentaranse preferentemente no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia nos servizos centrais, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE n.º 285, do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE n.º 12, do 14 de xaneiro). No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o regulamento polo cal se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e o minuto da súa admisión.

As solicitudes poderán tamén presentarse telematicamente. Os solicitantes poderán presentar a solicitude, coa documentación necesaria, transmitíndoa por vía telemática ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, mediante a citada sinatura electrónica avanzada, no enderezo de internet https://sede.xunta.es. Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lle poida requirir a exhibición do documento orixinal en calquera momento da tramitación do procedemento. O representante legal da entidade que formule a presentación telemática deberá posuír o devandito certificado dixital.

5) Non se admitirán como subvencionables os investimentos realizados ou iniciados con anterioridade á presentación da solicitude de axuda. No caso de instalacións fixas e construcións, non se admitirán como subvencionables os investimentos realizados ou iniciados con anterioridade á confirmación por escrito por parte desta consellería de que o proxecto cumpre as condicións de subvencionabilidade, a fin de autorizar o inicio das obras de instalacións fixas e construcións. Para estes efectos, considerarase como inicio do investimento o comezo do traballo de construción ou o primeiro compromiso que obriga legalmente á realización dos investimentos. Non obstante, non se considerará inicio do investimento a realización do proxecto ou estudos de viabilidade previos, que serán subvencionables se están realizados con posterioridade á publicación desta orde, e cumpren o resto dos requisitos establecidos nela.

6) A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado suporá a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que teñan que emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia, segundo o previsto na Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG n.º 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

7) Así mesmo, de acordo co establecido na disposición primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo (DOG n.º 53, do 9 de agosto), de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

8) Porén, quedan exentas de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas as axudas que se conceden con cargo aos programas orzamentarios nos cales así se sinale na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma Galicia para o ano 2012, os beneficiarios das axudas que non superen un importe de 1.500 euros.

Artigo 14. Documentación xeral.

1) Copia compulsada do NIF da entidade solicitante.

2) No caso de novas entidades que presenten por 1.ª vez solicitudes de axudas, copia compulsada da escritura de constitución, estatutos e inscrición rexistral. Se se encontrara en fase de constitución, presentarase a composición da comisión promotora e solicitude de inscrición no rexistro ou, se é o caso, solicitude da cualificacion previa dos estatutos antes da finalización do prazo de presentación de solicitude de axuda, en todo caso a conseción queda condicionada á constitución efectiva da entidade.

3) Copia da declaración do imposto de sociedades do último exercicio económico. No caso das entidades de nova constitución, presentarán copia compulsada do impreso de alta no Censo de actividades económicas.

4) Copia do balance e conta de resultados e do TC2 da empresa do derradeiro ano, debidamente compulsadas.

5) As entidades solicitantes presentarán copia compulsada ou certificación da acta da reunión do consello reitor, segundo o modelo do anexo V, na cal se:

a) Aproba realizar os investimentos para os cales se vai pedir a subvención.

b) Acorda solicitar a subvención.

c) Autoriza a persoa encargada dos trámites.

6) Certificación da entidade solicitante, segundo o modelo do anexo VI, sobre os seguintes aspectos:

a) Cumprimento dos requisitos necesarios para acollerse a esta orde de axudas, así como das obrigas e compromisos que se establecen nos artigos 6, 7 , 8 e 9, segundo o tipo de beneficiario

b) Autenticidade dos datos facilitados e da documentación presentada.

c) Compromiso de facilitar a documentación complementaria que se poida requirir, así como de permitir as comprobacións e inspecións que, para o efecto, esta administración considere oportunas.

d) Compromiso da entidade asociativa conforme os investimentos subvencionados só se utilizarán nas explotacións que cumpran as normas mínimas comunitarias en materia de ambiente, hixiene e benestar animal.

7) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axuda, efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto polas distintas administracións públicas, segundo o anexo VIII desta orde.

8) Memoria xustificativa asinada polo presidente/a ou representante legal da entidade, que inclúa como mínimo e na mesmo orde, os seguintes puntos:

a) Situación actual: actividades que se desenvolven, marco xeográfico, datos básicos da estrutura das explotacións dos socios beneficiados, características da maquinaria e equipamentos existentes, instalacións dispoñibles, tipo de manexo e aproveitamento da superficie agraria útil (SAU) e rabaño gandeiro, etc.

b) Relación nominal dos socios e, de ser o caso, dos agricultores aos cales se lles vai prestar o servizo, incluíndo NIF, enderezo e condición de socio ou non socio.

c) No caso de entidades ás cales lles afecten as excepcionalidades recollidas nos artigos 6.2, 8.1 e 9.3 deberán recoller a dita xustificación na memoria.

9) Estudo técnico-económico de viabilidade, en concordancia coa memoria, elaborado por técnico ou equipo técnico competente e formalmente independente da entidade solicitante que, polo menos, na súa vertente técnica deberá ser asinado por un titulado universitario na rama agraria, debendo acreditarse documentalmente. O estudo deberá xustificar a mellora do rendemento global das explotacións agrícolas beneficiarias do investimento ou servizo obxecto de axuda, e incluirá, por este orde, os seguintes puntos:

a) Investimentos que se van realizar, con base na xustificación da súa necesidade.

b) Descrición técnica.

c) Carga de traballo prevista.

d) Rendementos previstos.

e) Orzamento desagregado.

f) Custos horarios.

g) Financiamento previsto.

h) Análise económica da súa viabilidade, que inclúa, como mínimo, indicadores económicos básicos e análise comparativa cos custos de mercado (valor egandido bruto, valor engadido neto, TIR) da entidade asociativa e de cada unha das explotacións socias que utilicen a maquinaria ou as instalacións).

10) Certificación bancaria asinada e orixinal do número de conta en que se solicita o ingreso da subvención.

11) De acordo co artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG n.º 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, cando o importe do investimento subvencionable supere a contía de 30.000,00 euros no caso de obra, ou de 12.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, o beneficiario deberá presentar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á entrega do ben ou á contratación do compromiso para a prestación do servizo, agás nos casos en que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten.

A eleción destas ofertas realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a eleción, cando esta non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

Artigo 15.

Documentación específica para as CUMA, SAT que teñan como obxecto social prioritario a utilización de maquinaria de carácter agropecuario ou agroforestal en común, e cooperativas agrarias, recollidas nos puntos 1 e 2 do artigo 4:

1) Copia compulsada do acordo asembleario en que se acorda o RRI, así como copia literal deste.

2) As entidades asociativas agrarias que xa solicitasen axudas para o mesmo fin en exercicios anteriores, deberán presentar:

a) Copia compulsada do libro de rexistro da maquinaria, así como do programa de control e xestión desta, en soporte dixital, correspondente ao ano anterior á solicitude, que inclúa xustificación da imputación de custos fixos.

b) Relación informatizada de usuarios dos servizos de maquinaria da entidade, especificando a súa condición de socios ou non socios e o importe facturado a cada un deles.

3) No caso de CUMAS e SAT que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario e agroforestal e que sexan de nova creación, xustificación acreditativa de que máis do 50% dos socios que utilizan os servizos obxecto de axuda son agricultores profesionais, mediante algún dos seguintes documentos:

a) Fotocopia compulsada da última declaración do IRPF e da cotización á Seguridade Social no réxime especial agrario ou no réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, en función da súa actividade agraria ou outras acreditadas coa presentación do informe de vida laboral. Así mesmo, presentarán documentación acreditativa de seren titulares de explotación.

b) Certificación de que a súa explotación está cualificada como prioritaria.

c) Quedan exceptuadas as entidades nas cales estea xustificado non ter en conta este requisito, por razón do seu especial interese social, segundo a definición do punto 6 do artigo 2 desta orde.

4) As entidades asociativas agrarias que formen parte ou participen en proxectos de integración, deberán acreditar a constitución efectiva da nova entidade asociativa e o proceso levado a cabo. No caso de intercooperación presentarán convenio ou acordo que recolla os requisitos establecidos nesta orde e no que se establece o marco de cooperación na utilización de maquinaria de carácter agropecuario ou agroforestal, para poder solicitar e beneficiarse das axudas que se establecen nesta orde.

5) Nas CUMA e SAT que teñan como obxecto social prioritario a adquisición e utilización en común de maquinaria de carácter agropecuario e agroforestal, os socios deberán presentar un documento de compromiso, asinado polo interesado, de utilización dos bens obxecto da axuda por un período mínimo de cinco anos desde a data de concesión da axuda, segundo o anexo VII.

6) No caso de construcións, incluída a obra civil ligada ás instalacións, presentarase memoria, anteproxecto ou proxecto que inclúan como mínimo unha desagregación do investimento por unidades de obra, o seu custo unitario e os planos necesarios para a súa definición. Así mesmo, deberán presentar no momento da solicitude, licenza de obra ou, no seu defecto, solicitude dela e cualificación urbanística da parcela emitida polo concello, onde se pretenda construír, e compromiso de presentar a licenza definitiva de obra, antes da resolución de concesión da axuda.

7) No caso de adquisición de inmobles presentarase certificado de taxador independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial, xunto co plano de localización e referencia do Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícolas (SIXPAC).

8) No caso de construcións, instalacións fixas e equipamento vinculado a elas, licenza municipal e documentación acreditativa equivalente.

9) No caso de investimentos en maquinaria e equipamento non inscritible no ROMA, deberán presentar documentación acreditativa da súa homologación.

10) No caso de investimentos recollidos nos números 6 e 10 do artigo 10, estudo técnico detallado da súa localización, dimensionamento e modo de xestión, baseado nos datos propios do conxunto das explotacións participantes (superficie agraria útil SAU, número de animais e a súa equivalencia en unidades de gando maior UGM, modo de manexo,...), que no caso da utilización dos xurros debe reflectir o modelo de xestión baseado no manexo da SAU e na capacidade de extracíón dos cultivos previstos, e xunto coa documentación acreditativa correspondente.

Artigo 16.

Documentación específica para as cooperativas de explotación comunitaria da terra e SAT procedentes de fusión, recollidas no punto 3 do artigo 4:

1) Relación das explotacións participantes na fusión e certificado acreditativo da titularidade destas.

2) No caso de que o 50% ou máis dos socios da entidade resultante sexan agricultores mulleres ou mozos, relación con nome, apelidos e n.º de DNI.

Artigo 17. Tramitación.

1) As unidades administrativas receptoras remitirán no prazo máis breve posible as solicitudes de axuda recibidas á Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, para que o servizo competente comprobe que a solicitude e a documentación presentada reúnen os requisitos exixidos nesta orde e que as actuacións e investimentos incluídos na solicitude de axuda non se iniciaron fóra dos prazos permitidos pola normativa vixente.

2) Se os impresos de solicitude non están debidamente cubertos, se non se achega a documentación establecida ou se o expediente presenta defectos corrixibles, requirirase o interesado para que nun prazo máximo de dez días emende os erros ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que de non facelo se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE n.º 285, do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE n.º 12, do 14 de xaneiro).

3) O órgano competente para levar a cabo a tramitación desta orde de axudas é a Dirección Xeral de Produción Agropecuaria. A avaliación das solicitudes levaraa a cabo un órgano colexiado composto polo xefe do Servizo de Mellora da Competitividade das Producións, un xefe de área ou sección e un xefe de negociado que actuará como secretario. O órgano colexiado valorará as solicitudes de axuda segundo os criterios establecidos e formulará proposta de concesión ao director xeral de Produción Agropecuaria que, pola súa vez, a elevará ao conselleiro do Medio Rural.

Artigo 18. Resolución.

1) O conselleiro do Medio Rural resolverá sobre as axudas solicitadas en réxime de concorrencia competitiva axustándose aos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

2) O prazo para resolver o procedemento será de nove meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Transcorrido este prazo, sen que sexa notificada esta resolución, os interesados poderán entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de subvención.

3) Seguidamente, notificaráselles ás entidades asociativas beneficiarias a resolución de concesión da subvención e o seu importe, segundo as normas e criterios establecidos nesta orde, así como en función das solicitudes presentadas e da dotación orzamentaria existente. De todas formas, o pagamento queda supeditado á súa correcta xustificación. Nos casos en que proceda, cómpre informar os beneficiarios de que a medida se subvenciona en virtude dun programa cofinanciado polo Feader, e o eixe prioritario do programa de desenvolvemento rural de que se trate.

Artigo 19. Compatibilidade con outras axudas e contía máxima.

1) As subvencións reguladas por medio desta orde son compatibles con calquera outra axuda das administracións públicas, ou outros entes públicos ou privados non financiadas con fondos comunitarios, sempre e cando non superen a limitación do 50% nas zonas desfavorecidas ou de montaña, ou nas indicadas no artigo 36, letra a), incisos i), ii) e iii), do Regulamento CEE n.º 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005. Así mesmo, terase en conta as limitacións establecidas no Regulamento (CE) 1857/2006 da Comisión, do 15 de decembro sobre a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado ás empresas dedicadas a produción de produtos agrícolas e polo que se modifica o Regulamento (CE) 70/2001, e sempre que non se superen os límites especificados no artigo 4.9 do citado regulamento.

2) Non entanto, a obtención concorrente de axudas outorgadas para a misma finalidade por todas as administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, cando o importe total das subvencións percibidas por cada beneficiario supere os ditos límites, dará lugar á redución proporcional que corresponda no importe das subvencións, ata axustarse a ese límite.

Se aínda así a suma das subvencións supón unha intensidade da axuda superior aos máximos establecidos na normativa comunitaria, reducirase ata o citado límite.

Artigo 20. Xustificación e pagamento.

1) Os investimentos en obras, instalacións ou equipamento non poderán exceder o período do exercicio orzamentario.

2) O beneficiario deberá xustificar o investimento conforme á resolución de concesión e poderá solicitar os correspondentes pagamentos da axuda.

3) No caso das axudas concedidas con cargo ao Feader, os beneficiarios deberán levar un sistema de contabilidade separado, ou ben un código contable axeitado para todas as transaccións relativas á operación tal e como exixe o artigo 75.1.c) i) do Regulamento (CE) n.º 1698/2005.

4) A xustificación do gasto correspondente aos investimentos subvencionables deberase realizar segundo o prazo establecido na resolución de concesión, e antes do 15 de setembro. O beneficiario poderá solicitar unha prórroga motivada antes de vencer o prazo para a xustificación que deberá ser concedida polo órgano responsable da xestión da axuda.

5) As subvencións concedidas faranse efectivas mediante pagamentos nominativos a favor dos beneficiarios, unha vez que acrediten as actividades, investimentos e gastos realizados, de acordo co que se especifica no texto desta orde e na correspondente resolución de concesión.

6) Para efectuar o pagamento da axuda concedida é necesario que as entidades beneficiarias presenten a solicitude de pagamento xunto coa seguinte documentación:

a) Os xustificantes de gastos, que consistirán, de forma xeral, nas facturas orixinais acreditativas dos investimentos que cumpran as exixencias que establece a Axencia Tributaria (Real Decreto 1496/2003, do 28 de novembro). No caso de presentar fotocopias das facturas, achegará tamén os orixinais para seren dilixenciados pola Administración, co texto «Cofinanciado con fondos comunitarios». Tamén se achegará transferencia bancaria, certificación ou calquera outro documento, orixinal ou compulsado, que acredite fidedignamente o seu pagamento efectivo. Non se admitirán procedementos de financiamento mediante leasing ou renting.

b) Declaración do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, segundo artigo 12 punto d) da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG n.º 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

c) Copia compulsada da inscrición de todas as máquinas, apeiros e equipamentos no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola, así como da súa documentación técnica e matriculación cando corresponda.

d) Calquera outra que se sinale expresamente na resolución de concesión.

7) O pagamento da subvención realizarase tras a xustificación polo beneficiario, nos termos recollidos neste artigo, logo de presentación de solicitude de pagamento. Producirase a perda do dereito ao cobramento total ou parcial da subvención no suposto de falta de xustificación ou concorrencia dalgunha das causas previstas no artigo 33 da Lei 9/2007 (DOG n.º 121, do 25 de xuño), do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

8) A falta de comunicación ou de realización dos investimentos entenderase como renuncia ás axudas concedidas, e quedará sen efecto a resolución de concesión, coa obriga de reintegrar as cantidades percibidas, e os xuros de demora correspondentes, de ser o caso, sen prexuízo das responsabilidades ás cales houber lugar.

9) A non xustificación de polo menos o 65% do gasto correspondente ao conxunto dos investimentos suxeitos a subvención comportará a perda da totalidade da subvención.

10) No caso de redución da contía de gastos realizados, e sempre que se manteña o obxectivo inicial, reducirase a axuda na contía proporcional correspondente, sen prexuízo do recollido no punto anterior deste artigo.

11) A xustificación do gasto presentarase preferentemente no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, ou do xeito previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE n.º 285, do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE n.º 12, do 14 de xaneiro). No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro (BOE n.º 380, do 23 de novembro), polo que se aproba o regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo (BOE n.º 167, do 14 de xullo), do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e o minuto da súa admisión.

12) A consellería comprobará que a solicitude de pagamento cumpre os requisitos para aboar a subvención concedida. A comprobación incluirá como mínimo unha inspección in situ dos investimentos realizados para cada expediente de axuda.

13) O importe final das axudas concedidas calcularase en función das facturas e demais xustificantes e documentación que se presente o respecto, unha vez descontado o IVE. Se os gastos totais xustificados son inferiores aos orzados e admitidos, practicarase a redución proporcional pertinente, sempre que se cumpran os obxectivos previstos.

14) Se o importe da solicitude de pagamento supera o importe que pode concederse logo de controlar a elixibilidade dos gastos que o beneficiario presenta como xustificación da operación aprobada en máis dun 3%, aplicarase unha redución sobre o importe resultante do estudo da elixibilidade igual á diferenza entre os dous importes citados. Non se aplicará ningunha redución se o beneficiario pode demostrar que non é responsable da inclusión do importe non subvencionable.

Artigo 21. Seguimento e control.

1) Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, incluída a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á correspondente modificación da resolución de concesión.

2) Calquera modificación dos investimentos aprobados, que supoña un cambio de localización, obxectivos, conceptos, prazo de execución ou variación do orzamento, así como de calquera condición específica sinalada na resolución de concesión, requirirá a autorización desta consellería, unha vez presentada a correspondente solicitude xustificativa. No caso de redución dos investimentos, sempre que se manteñan os obxectivos iniciais, a subvención concedida verase diminuída na contía proporcional conseguinte.

3) A Dirección Xeral de Produción Agropecuaria realizará os controis sobre o terreo así como as comprobacións e inspecións que considere oportunas, co fin de comprobar a veracidade dos datos e da documentación presentada, así como o lóxico seguimento e control das axudas concedidas, en especial a contabilidade e/ou a xestión técnico-económica da maquinaria. Ademais da documentación complementaria que durante a tramitación do procedemento lles poidan exixir os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Produción Agropecuaria, os beneficiarios deberán someterse ás actuacións de comprobación e control financeiro das entidades competentes, e en particular da Consellería do Medio Rural, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga), Consello de Contas, e ás que sexan realizadas por calquera órgano comunitario de inspeción ou control.

4) Así mesmo, no caso de axuda a investimentos financiados no marco do Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013, será de aplicación o referido a controis sobre o terreo, así como o réxime de controis, reducións e exclusión reguladas no Regulamento (CE) 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011 (DO L 25, do 28 de xaneiro), polo que se establecen disposicions de aplicación do Regulamento CE n.º 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277, do 21 de outubro), no que respeta á aplicación dos procedementos de control e a condicionalidade en relación coas medidas da axuda ao desenvolvemento rural.

5) Se se descobre que un beneficiario efectuou deliberadamente unha declaración falsa, a operación de que se trate quedará excluída da axuda do Feader e recuperaranse todos os importes que se aboaron pola devandita operación. Ademais, o beneficiario quedará excluído da axuda pola medida en cuestión durante o exercicio do Feader de que se trate e durante o exercicio do Feader seguinte.

Artigo 22. Reintegro da axuda, obriga de facilitar información e réxime sancionador.

1) Os beneficiarios quedan obrigados ao reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora devengados desde o tempo que medie entre a notificación ao beneficiario da obriga de reembolso e o reembolso efectivo ou a dedución da cantidade que se debe reembolsar segundo o previsto no artigo 5.2 do Regulamento 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011.

2) Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 50 a 68 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG n.º 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia, e, se é o caso, no Regulamento (CE) 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro de 2011 (DO L 25, do 28 de xaneiro), en particular o establecido no artigo 30 do citado regulamento.

3) O interesado ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como as que lle solicite calquera órgano comunitario de inspeción ou control.

Artigo 23. Medidas informativas e publicitarias das axudas cofinanciadas polo Feader.

En todos os casos, ao tratarse de axudas cofinanciadas polo Feader, seralles de obrigatorio cumprimento o seguinte:

1) Nos instrumentos de información e difusión que utilice a Consellería do Medio Rural farase constar que, á marxe doutras fontes de financiamento público, concorre o financiamento con fondos Feader.

2) Conforme ao establecido no artigo 58 e no anexo VI do Regulamento (CE) 1974/2006, o beneficiario das axudas deberá cumprir coa normativa sobre información e publicidade das axudas do Feader indicadas no anexo VI do referido regulamento. En particular, no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 50.000 €, o beneficiario deberá colocar unha placa explicativa en que figurará unha descrición do proxecto así como a bandeira europea e o lema «O Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural: europa inviste nas zonas rurais»; no caso de investimentos subvencionados cun custo total superior a 500.000 €, o beneficiario deberá colocar un panel no cal figurará a mesma lenda anterior. En ambos os dous casos esta imformación ocupará, como mínimo, o 25% da placa ou panel publicitario correspondente.

Artigo 24. Réxime de recursos.

1) A convocatoria desta axuda, as súas bases e todos cantos actos administrativos deriven dela, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro (BOE n.º 285, do 27 de novembro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE n.º 12, do 14 de xaneiro).

2) As resolucións expresas ou presuntas ditadas en aplicación desta orde esgotan a vía administrativa, e contra elas poderase interpor potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación se é expresa, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos; ou ben poderá ser impugnada directamente ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo no prazo de dous meses.

Sección 2.ª Convocatoria

Artigo 25. Convocatoria.

Convócanse, de acordo coas bases reguladoras establecidas nesta orde, as axudas para o ano 2012.

Artigo 26. Prazo de presentación.

O prazo de presentación de solicitudes será de 45 días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

Artigo 27. Financiamento.

As axudas concedidas financiaranse con cargo á seguinte partida orzamentaria:

Aplicación 13.02.712-C.770.1, cofinanciada con fondos Feader, por un importe de 500.000 € para o exercicio 2012.

Poderase proceder a incrementar a cantidade fixada anteriormente, de acordo co establecido na alínea c) do punto 2 do artigo 30 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 28. Tramitación anticipada.

Esta convocatoria tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, en que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Deste xeito a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente nos Orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2012, no momento da resolución.

Disposición adicional primeira.

En todo aquelo non previsto nesta orde será de aplicación o disposto no Regulamento 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277, do 21 de outubro), relativo á axuda ao desenvolvemento rural a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), no Regulamento 1974/2006 da Comisión, do 15 de decembro (DO L 368, do 23 de decembro), polo que se establecen disposicións de aplicación do anterior, no Regulamento 65/2011 da Comisión, do 27 de xaneiro (DO L 25, do 28 de xaneiro), polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) n.º 1698/2005 do Consello, do 20 de setembro de 2005 (DO L 277, do 21 de outubro), no que respecta á aplicación dos procedementos de control e condicionalidade en relación coas medidas de axuda ao desenvolvemento rural, no Programa de desenvolvemento rural de Galicia 2007-2013 aprobado pola Unión Europea, na Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG n.º 121, do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

Disposición adicional segunda.

De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño (DOG n.º 121, do 14 de xullo), de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a Consellería do Medio Rural publicará na súa páxina web oficial as concesións das axudas reguladas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Así mesmo, de acordo co establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo (DOG n.º 53, do 9 de agosto), de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da axuda consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso. O interesado poderá facer constar o seu dereito a que non se fagan públicos os seus datos cando concorra algunha das circunstancias previstas na letra d) do número 2 do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño (DOG n.º 121 do 25 de xuño), de subvencións de Galicia.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o director xeral de Produción Agropecuaria da Consellería do Medio Rural para que, no ámbito das súas competencias, dite os actos necesarios para a correcta aplicación, desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file