Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 29 de decembro de 2011 Páx. 40244

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 23 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo, e se convocan para o ano 2012.

De acordo co disposto no artigo 148.1.11 da Constitución, en virtude do establecido no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.

O Decreto 318/2009, do 4 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería do Medio Rural e do Fondo Galego de Garantía Agraria, en relación co Decreto 79/2009, do 19 de abril, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 8/2011, do 28 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, compete á citada consellería a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos.

O lobo mantén unha poboación abundante na xeografía galega. A súa presenza nos nosos montes non só é un expoñente da nosa rica biodiversidade senón, ademais, un elemento destacado no equilibrio biolóxico do medio en que se desenvolve. As súas necesidades alimenticias entran ás veces en conflito cos intereses dos nosos gandeiros, que sofren a depredación que ocasionalmente realiza sobre o gando. É por iso polo que a Consellería do Medio Rural, para conciliar o interese pola pervivencia da especie coa dos gandeiros, pon en marcha unha liña de axudas, de carácter compensatorio, para reparar os danos ocasionados sobre o gando vacún, ovino, cabrún, equino e porcino de Galicia.

O réxime xeral das axudas e subvencións nas administracións públicas establécese nas disposicións básicas da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A nivel regulamentario a norma principal constitúea o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro. Esta orde cumpre coas exixencias da citada normativa.

Nos vindeiros exercicios, estas axudas financiaranse con cargo ás consignacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, de acordo co contido da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para cada exercicio. Para o 2012 o referido importe recóllese no artigo 11 desta orde.

En virtude do anterior, en concordancia co disposto no artigo 27.15 do Estatuto de autonomía e en uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto e principios.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras dunha liña de axudas a favor dos gandeiros afectados polos ataques do lobo ás reses das súas explotacións, coa finalidade de compensalos polos danos ocasionados no seu gando, e proceder á súa convocatoria para o ano 2012.

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non-discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos básicos da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 2. Beneficiarios.

1. Poderanse acoller a estas axudas os propietarios de gando, especificado no anexo I, afectado por ataques de lobos dentro da comunidade autónoma.

2. Non poderán obter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que se produza algunha das circunstancias previstas no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, ou os propietarios de gando vacún leiteiro que teñan nas últimas 3 convocatorias de axudas un número de animais mortos superior a 5, por entender que non se adoptaron medidas preventivas.

Artigo 3. Requisitos.

O gando deberá pertencer a unha explotación incluída no Rexistro Xeral de Explotacións Gandeiras de Galicia, estar identificado e saneado de acordo coa normativa aplicable para o efecto, agás no caso do gando cabalar, asnar e mular, que soamente deberá estar identificado individualmente, e no caso do gando porcino que, a mais de pertencer á raza celta, terá que ter cumprido os requisitos sanitarios establecidos nos Real decreto 1186/2006, do 13 de outubro, e 360/2009, do 23 de marzo, e no caso de reproductores estar identificados individualmente e estar inscritos no Libro xenealóxico da raza.

Artigo 4. Ámbito temporal.

As axudas a que se refire esta orde comprenden os danos producidos polo lobo desde o 1 de outubro de 2011 ata o 30 de setembro de 2012.

Artigo 5. Comunicación do dano.

1. Nas vinte e catro horas seguintes ao ataque os propietarios das reses deberán poñelo en coñecemento da Consellería do Medio Rural mediante unha chamada desde as 8.00 ás 20.00 horas de luns a venres, e das 8.00 ás 17.30 horas os sábados, ao teléfono 012, a través do cal se lles facilitará unha clave que servirá para acreditar a chamada e identificar o expediente. Os animais mortos non poderán ser manipulados para non obstaculizar o labor investigador dos axentes que se despracen ao lugar para valorar os feitos e elaborar a correspondente acta.

Os feridos poderán ser atendidos polos veterinarios coa menor manipulación posible co obxecto de non entorpecer o labor investigador.

2. Dado que a cobertura dos danos amparados por esta orde só é ata o 30 de setembro do 2012, os danos producidos desde o 1 de outubro ata a entrada en vigor da orde do próximo ano, no caso de habela, terán que axustarse ao procedemento establecido nos parágrafos anteriores deste artigo.

3. As comunicacións de danos a partir do 1 de outubro de 2012 só darán dereito a axudas no caso de que se tramite a orde de axudas para os danos causados polo lobo do ano próximo.

Artigo 6. Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán formalizarse por un dos procedementos que seguen:

a) En soporte papel segundo o modelo formalizado que se recolle no anexo II desta orde.

Presentarase, preferentemente, nos rexistros dos departamentos territoriais da Consellería do Medio Rural.

Así mesmo, tamén se poderán presentar en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) Telematicamente os solicitantes que posúan certificado dixital baixo a norma X.509 V3, expedido pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda, poderán presentar a solicitude, coa documentación necesaria, transmitíndoa por vía telemática ao Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, mediante a citada sinatura electrónica avanzada, no enderezo da internet http://www.xunta.es/sede-electronica. Neste caso, os solicitantes deberán anexar, ademais, unha declaración responsable de que os documentos escaneados son orixinais e auténticos, sen prexuízo de que se lle poida requirir a exhibición do documento orixinal en calquera momento da tramitación do procedemento. O representante legal da entidade que formule a presentación telemática deberá posuír o devandito certificado dixital.

2. As solicitudes de axuda correspondentes aos danos producidos entre o 1 de outubro de 2011 e a entrada en vigor desta orde cursaranse no prazo dun mes contado a partir da entrada en vigor desta orde.

Para os danos ocasionados a partir da entrada en vigor desta orde, a presentación das solicitudes de axuda deberase de facer dentro do mes seguinte ao de producción do dano.

3. Dado o caracter compensatorio das axudas e de conformidade co sinalado no artigo 49.1.ñ) da Lei 14/2010, do 27 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2011, para obter a condición de beneficiario destas axudas non se exixirá estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias ou fronte á Seguridade Social ou non ter pendentes de pagamento débedas coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Xunto coa solicitude, presentarase a seguinte documentación:

a) Copia das follas do libro da explotación gandeira en que aparezan os animais afectados, así como as datas de alta e baixa deles na explotación.

b) Fotocopia do CIF do propietario das reses, no caso de persoas xurídicas.

c) Ficha para a transferencia bancaria no modelo que se xunta como anexo III a esta orde.

d) Se o titular for unha persoa xurídica, acordo do órgano competente deste polo que se aprobou a solicitude desta axuda.

e) Cando se actúe en nome doutra persoa, física ou xurídica, así como dunha comunidade de bens, deberase acreditar a representación con que se actúa.

f) Declaración do total das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas, no modelo que se xunta como anexo IV a esta orde.

g) No caso de animais feridos, a factura do veterinario segundo vén especificado no artigo 7.2.

A presentación do NIF só será obrigada no caso de que o solicitante non autorice a consulta dos datos de identidade a través do sistema de verificación de datos de identidade do Ministerio da Presidencia.

Artigo 7. Importe das axudas.

1. O importe destas axudas, que figura no anexo I desta orde, corresponderá ao suposto de morte e estará condicionado á existencia de crédito orzamentario.

2. No caso de animais feridos, a axuda estimarase en función dos gastos veterinarios producidos e acreditados, nunha contía que en ningún caso poderá exceder o límite das axudas previstas no anexo I para os animais mortos. Cando os feridos sexan varios exemplares, admitiranse facturas conxuntas do servizo veterinario en que se faga relación individual dos animais feridos coa súa idade. O sacrificio eutanásico poderase equiparar á morte e non se indemnizará, por tanto, a atención veterinaria.

3. Dada a maior densidade e os ataques reiterados constatados nos últimos anos dos lobos, o importe das axudas incrementarase nun 30% cando afecte a explotacións dos concellos incluídos na zona 1 do Plan de xestión do lobo en Galicia e recollidos no anexo V desta orde.

Artigo 8. Procedemento de concesión.

1. A concesión das axudas para paliar os danos producidos polo lobo tramitarase en réxime de concorrencia.

2. O procedemento de concesión das axudas para paliar os danos producidos polo lobo iniciarase coa presentación da solicitude para ser beneficiario destas axudas.

3. De conformidade co establecido no artigo 19.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, e tendo en conta o carácter compensatorio que presentan as axudas para paliar os danos producidos polo lobo, exceptúase expresamente o requisito de fixar unha orde de prelación entre as solicitudes que reúnan os requisitos establecidos nesta orde.

4. Na tramitación das axudas para paliar os danos producidos polo lobo seguirase o procedemento abreviado sinalado no artigo 22 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 9. Tramitación.

1. Recibidas as solicitudes nos departamentos territoriais, os servizos provinciais de Conservación da Natureza examinaranas xunto coa documentación anexa.

No caso de que sexan detectados erros ou omisións, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días contados desde o seguinte ao de recepción do requirimento, os emenden ou complete a documentación, coa indicación de que, se non o fixer así, se terá por desistido da súa petición logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os referidos servizos provinciais avaliarán, dentro dos seus ámbitos territoriais, a natureza dos ataque do lobo obxecto da solicitude de subvención e realizarán a súa valoración. Para tal fin, levarán a cabo as funcións de organización, control e coordinación das unidades encargadas da comprobación dos danos.

3. Examinadas as solicitudes e a documentación presentada, e efectuada a correspondente valoración, os servizos provinciais de Conservación da Natureza remitirán a documentación á Dirección Xeral de Conservación da Natureza para que esta elabore a oportuna proposta e continúe coa súa tramitación.

4. Para o anterior, quincenalmente, cada servizo provincial de Conservación da Natureza remitirá a documentación relativa á solicitudes avaliadas.

5. Na semana seguinte á recepción das propostas dos servizos provinciais, a Subdirección Xeral de Recursos Cinexéticos e Piscícolas tramitará os expedientes coas propostas da Dirección Xeral de Conservación da Natureza ata esgotar o crédito consignado para o efecto.

6. Unha vez esgotado o crédito, poderase realizar a oportuna modificación orzamentaria para dotar a aplicación orzamentaria do crédito necesario para atender as solicitudes que se produzan nun período anual dado.

Malia o anterior, as solicitudes e mailos recursos estimados de anos anteriores que non se poidan conceder por insuficiencia orzamentaria ou por retrasos na tramitación imputables á Administración, atenderanse con cargo á convocatoria do ano seguinte de se producir.

7. En ningún caso se concederán aboamentos á conta ou pagamentos anticipados.

Artigo 10. Resolución e recursos.

1. De conformidade co establecido no artigo 7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a competencia para a concesión das axudas reguladas nesta orde corresponde ao conselleiro do Medio Rural. A resolución que poña fin ao procedemento será motivada con suxeición ao establecido nas bases reguladoras das axudas para paliar os danos producidos polo lobo recollidas nesta orde.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses desde a presentación da solicitude de axuda. Transcorrido este sen que se dite resolución expresa, os solicitantes poderán entender desestimada a súa solicitude, nos termos previstos nos artigos 44.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e 23.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. A resolución ditada, segundo o disposto no número 1 deste artigo, poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpoñer recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes a partir da notificación da resolución, ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución for expresa, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, e 46 da Lei 26/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11. Crédito.

As axudas reguladas nesta orde financiaranse no exercicio 2012 con cargo á aplicación orzamentaria 13.06.541-B.470.1, cuxo importe é de cento vinteoito mil trescentos un euros (128.301 euros) sen prexuízo do incremento orzamentario que se poda realizar, de acordo co establecido no punto primeiro do artigo 9.6.

Artigo 12. Rexistro Público de Subvencións.

1. A concesión das axudas para paliar os danos producidos polo lobo reguladas nesta orde será obxecto de inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda, co fin da ordenación e coñecemento da actividade subvencional en Galicia.

2. Os interesados terán, en calquera momento, o dereito de acceso, rectificación, cancelación e oposición dos seus datos que figuren no Rexistro Público de Subvencións, de conformidade co establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

3. A solicitude para ser beneficiario de axudas para paliar os danos producidos polo lobo levará implícita a autorización, no suposto de que se lle conceda a axuda solicitada, para a inscrición no Rexistro Público de Axudas, Subvencións, Convenios e de Sancións dependente da Consellería de Facenda dos datos facilitados á Xunta de Galicia na súa solicitude. Non obstante, os solicitantes poderán denegar expresamente o seu consentimento á inscrición dos seus datos no Rexistro Público de Subvencións cando concorra algunha das circunstancias previstas na alínea d), do número 2, do artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 13. Compatibilidade.

1. As axudas previstas nesta orde serán compatibles con outras subvencións de calquera outra Administración pública para as mesmas finalidades, sempre que a suma das subvencións concedidas non supere o importe total dos gastos, conforme o establecido no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Estas axudas serán incompatibles coas cantidades percibidas en concepto de indemnización polos mesmos danos derivados dun expediente de responsabilidade patrimonial.

Artigo 14. Disposicións xerais.

1. O réxime de infraccións e sancións aplicable será o establecido no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente doutras outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, de acordo co disposto no artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Os beneficiarios están obrigados a someterse ás actuacións de comprobación e control que poidan efectuar os servizos competentes da Consellería do Medio Rural, así como a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas, así como a que lles requira calquera órgano comunitario de inspección ou control, de acordo co establecido no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño.

4. Así mesmo, o beneficiario deberá incluír necesariamente no momento do pagamento unha declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes, así como de non ser debedor por resolución de procedencia de reintegro consonte o establecido na Orde da Consellería de Facenda do 4 de xaneiro de 2010.

5. Procederá a revogación das axudas concedidas, así como o reintegro total ou parcial das contías percibidas e a exixencia dos xuros de demora, de acordo co establecido no artigo 36 da Lei 9/2007, citada, nos casos e termos previstos no artigo 33 da mesma lei.

6. Deberá publicarse no Diario Oficial de Galicia a relación das axudas concedidas cando o importe delas, individualmente consideradas, sexa igual ou superior aos 3.000 €. Para as de contía inferior, a relación das concedidas e denegadas farase pública a través da páxina web da consellería, nos termos establecidos no artigo 13 puntos 3 e 4, da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, e tamén as sancións que se poidan impor, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada páxina web.

Disposición adicional primeira. Delegación de funcións.

Delégase no secretario xeral técnico o exercicio da competencia para conceder ou denegar as axudas obxecto desta orde, contida no seu artigo 10.1, consonte o disposto no artigo 13 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposición adicional segunda. Anticipado de gasto.

Esta convocatoria de axudas tramítase de acordo co establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto. Por iso a súa eficacia queda condicionada á existencia de crédito adecuado e suficiente, nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o próximo ano 2012, no momento da resolución.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

ANEXO I
Baremo utilizado para o pagamento de axudas polos ataques do lobo

Especie

Clase e idade

Custo calidade normal

Custo calidade selecta

Ovino

Año < 12 meses

58 €

88 €

Ovino

Adulto

102 €

124 €

Ovino

Adulto > 6 anos

26 €

31 €

Caprino

Cabrito < 12 meses

73 €

109 €

Caprino

Adulto

102 €

131 €

Caprino

Adulto > 6 anos

26 €

31 €

Especie

Clase e idade

Raza celta

Porcino

Leitón < 3 meses

90 €

Porcino

Porco entre 3 e 6 meses

150 €

Porcino

Porco entre 6 e 9 meses

200 €

Porcino

Porco da ceba entre 9 e 12 meses

300 €

Porcino

Porco da ceba > 12 meses

380 €

Porcino

Reprodutoras

360 €

Porcino

Reprodutora preñada

400 €

Porcino

Reprodutor

450 €

Especie

Clase e idade

Custo rubia galega

Custo outras razas autóctonas*

Custo vacún leiteiro

Resto de reses de gando vacún

Vacún

Becerrro < 2 meses

277 €

327 €

218 €

218 €

Vacún

Becerrro entre 2 e 4 meses

348 €

416 €

277 €

277 €

Vacún

Becerrro entre 4 e 6 meses

581 €

763 €

509 €

509 €

Vacún

Becerrro entre 6 meses e 1 ano

598 €

788 €

526 €

526 €

Vacún

Ata 2 anos

799 €

1.045 €

871 €

697 €

Vacún

Vacas menores de 6 anos

1.090 €

1.635 €

1.452 €

1.090 €

Vacún

Vacas de 6 a 9 anos

871 €

1.198 €

799 €

799 €

Vacún

Vacas > 9 anos

523 €

653 €

436 €

436 €

* Cachena, caldelá, vianesa, limiá e frieiresa

Especie

Clase e idade

Custo pura raza galega

Custo outros cabalos

Equino

Poldro < 2 meses

198 €

158 €

Equino

Poldro entre 2 e 4 meses

258 €

198 €

Equino

Poldro entre 4 e 6 meses

396 €

330 €

Equino

Poldro entre 6 meses e 1 ano

594 €

496 €

Equino

Ata 2 anos

634 €

541 €

Equino

Cabalos entre 2-10 anos

792 €

594 €

Equino

Cabalos >10 anos

594 €

449 €

Asno

<1 ano

60 €

Asno

Entre 1 e 10 anos

200 €

Asno

>10 anos

150 €

Mulo

<1 ano

100 €

Mulo

Entre 1 e 10 anos

300 €

Mulo

>10 anos

225 €

ANEXO V
Concellos zona 1

– Provincia da Coruña:

Aranga

As Pontes de García Rodríguez

Dumbría

Mazaricos

Monfero

Muxía

Sobrado dos Monxes

Toques

Vimianzo

– Provincia de Lugo:

Abadín

Alfoz

Baralla

Friol

Guitiriz

Muras

O Corgo

O Incio

O Páramo

O Valadouro

Ourol

Samos

Triacastela

– Provincia de Ourense:

A Bola

Avión

Baltar

Bande

Beariz

Calvos de Randín

Cualedro

Entrimo

Lobeira

Lobios

Melón

Muíños

Os Blancos

Rairiz de Veiga

Vilar de Santos

– Provincia de Pontevedra:

A Cañiza

A Estrada

A Lama

Cerdedo

Covelo

Cuntis

Forcarei

Fornelos do Monte

Valga

missing image file
missing image file
missing image file