Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 29 de decembro de 2011 Páx. 40222

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 23 de decembro de 2011 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de países terceiros, e se convocan para o ano 2012.

O Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro, para a aplicación das medidas do programa de apoio ao sector vitivinícola español, modificado polo Real decreto 461/2011, do 1 de abril, desenvolve o programa de apoio ao sector en aplicación do Regulamento (CE) n.º 479/2008, do Consello, do 29 de abril, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola, no relativo aos programas de apoio, o comercio con terceiros países o potencial produtivo e os controis no sector vitivinícola e o Regulamento (CE) n.º 555/2008, da Comisión, do 27 de xuño, que o desenvolve.

O citado Real decreto 244/2009 atribúelles aos órganos competentes das comunidades autónomas onde se localice o domicilio social do solicitante, a instrución, resolución e pagamento das axudas, polo que ante a proximidade do inicio do exercicio orzamentario 2012, procede realizar a convocatoria correspondente a ese ano.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3.º do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países, e realizar a convocatoria para o ano 2012.

Sección 1.ª Bases reguladoras para a concesión das axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países

Artigo 2. Réxime xurídico.

O réxime xurídico aplicable ás axudas que regulan estas bases está integrado polo Regulamento (CE) n.º 479/2008, do Consello, do 29 de abril, polo que se establece a organización común do mercado vitivinícola, se modifican os regulamentos (CE) n.º 1493/1999, (CE) n.º 1782/2003, (CE) n.º 1290/2005 e (CE) n.º 3/2008 e se derrogan os regulamentos (CEE) n.º 2392/1986 e (CE) n.º 1493/1999; o Regulamento (CE) n.º 555/2008, da Comisión, do 27 de xuño, polo que se establecen normas de desenvolvemento do Regulamento (CE) n.º 479/2008, do Consello, polo que se establece a organización común de mercado vitivinícola, no relativo aos programas de apoio, o comercio con terceiros países, o potencial produtivo e os controis no sector vitivinícola; o Regulamento (UE) n.º 772/2010, da Comisión, do 1 de setembro que modifica o Regulamento (CE) n.º 555/2008; o Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro de 2009, para a aplicación das medidas do programa de apoio ao sector vitivinícola español; o Real decreto 461/2011, do 1 de abril, polo que se modifica o Real decreto 244/2009; a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, de acordo co establecido no seu artigo 3.3.º e o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro que a desenvolve de acordo co establecido no seu artigo 2.1.º.

Artigo 3. Tipos de accións e duración dos programas.

1. As medidas de información e promoción dos viños en terceiros países poderán incluír calquera das accións mencionadas no artigo 10 do Regulamento (CE) n.º 479/2008 do Consello, do 29 de abril, e as actividades relacionadas no anexo III desta orde.

2. As ditas accións deberán levarse a cabo preferentemente no marco dun programa de información e de promoción, entendendo como tal o conxunto de accións de promoción coherentes que se desenvolvan nun ou varios terceiros países, cuxo alcance sexa suficiente para contribuír a aumentar a información sobre os produtos en cuestión, así como a súa comercialización.

3. Os programas poderán ter unha duración máxima de tres anos por beneficiario e país. Non entanto, poderán ser prorrogados por un período de non máis de dous anos, logo de solicitude de acordo co previsto no parágrafo 4 do artigo 7.

Artigo 4. Beneficiarios.

1. Poderán presentar solicitudes para acollerse ao financiamento das medidas de promoción en terceiros países as seguintes figuras xurídicas con sede social na Comunidade Autónoma de Galicia sempre que non incorran nalgunha das prohibicións do artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

a) Empresas vinícolas.

b) Organizacións de produtores e organizacións interprofesionais definidas no capítulo VII do título III do Regulamento (CE) n.º 479/2008 del Consello, do 29 de abril.

c) Órganos de xestión e de representación das indicacións xeográficas vitivinícolas.

d) Asociacións de exportadores e consorcios de exportación.

e) Entidades asociativas sen ánimo de lucro participadas por empresas do sector vitivinícola que teñan entre os seus fins a promoción exterior dos viños.

2. Os beneficiarios deberán demostrar suficiente capacidade para afrontar as exixencias de comercio cos terceiros países e medios para asegurar que a medida se implementa o máis efectivamente posible. Deberán, así mesmo, garantir a dispoñibilidade, en cantidade e calidade, de produtos para asegurar a resposta fronte ás demandas que se poidan xerar como efecto da promoción realizada.

Artigo 5. Produtos e países que poden ser obxecto de accións.

1. Poderán ser obxecto das medidas de promoción os produtos de calidade, destinados ao consumo directo, detallados no anexo IV, que conten con posibilidades de exportación ou de novas saídas comerciais en terceiros países e que pertenzan a algunha das seguintes categorías:

a) Viños con denominación de orixe protexida.

b) Viños con indicación xeográfica protexida.

c) Viños nos que se indique a variedade de uva de vinificación.

Artigo 6. Características das accións e programas.

1. As accións e programas estarán claramente definidos especificando o país ou países aos que se dirixen, os tipos de viños que inclúen, as medidas que se pretenden levar a cabo e os custos estimados de cada unha delas.

2. As accións distribuiranse en períodos de 12 meses que comezarán o 1 de xullo.

3. As mensaxes basearanse nas cualidades intrínsecas do produto e deberán axustarse á normativa aplicable nos terceiros países a que van destinados.

4. No caso dos viños que conten cunha indicación xeográfica, deberá especificarse a orixe do produto como parte da campaña de información e promoción.

5. Sen prexuízo do disposto nos puntos 3 e 4 as referencias a marcas, se é o caso, poderán formar parte da mensaxe.

Artigo 7. Presentación de solicitudes.

1. Os interesados que reúnan as condicións previstas no artigo 4 presentarán as propostas de accións e programas e a documentación correspondente en instancia dirixida ao conselleiro do Medio Rural, de acordo co modelo que figura no anexo I que vai con esta orde, antes do 1 de marzo de cada ano segundo o que se estableza na convocatoria correspondente.

2. As solicitudes presentaranse no Rexistro Xeral do edificio administrativo de San Caetano en Santiago de Compostela ou nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural. Así mesmo, poderán presentarse nos rexistros de calquera órgano administrativo que pertenza á Administración xeral do Estado, á de calquera Administración das comunidades autónomas ou a algunha das entidades que integran a Administración local se, neste último caso, se subscribiu o oportuno convenio, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que indica que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina, a data e o lugar da súa admisión. Tamén poderán presentarse en sede electrónica no enderezo da internet https://sede.xunta.es, conforme ao disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes.

3. As accións e programas presentados deberán conter cando menos a información prevista no anexo II e:

• Cumprir o disposto nesta orde.

• Respectar a normativa comunitaria relativa aos produtos considerados e a súa comercialización.

• Estar o suficientemente desenvoltos como para que poida avaliarse a súa conformidade coa normativa aplicable e a súa relación calidade/prezo.

• Especificarán os medios propios ou externos con que se contará para desenvolver as accións previstas.

4. En caso de prórroga dun programa, de acordo co parágrafo 3 do artigo 3, ademais da documentación previstas nos parágrafos 1 e 3 deste artigo, os interesados deberán presentar un informe da avaliación dos dous primeiros anos de execución. O dito informe conterá, polo menos, información relativa para os efectos no mercado de destino do programa desenvolto, ademais de detallar as razóns para solicitar a prórroga.

5. Non se concederán nin pagarán subvencións a solicitantes ou beneficiarios que non estean ao día nas obrigas tributarias (Ministerio de Economía e Facenda) e coa Seguridade Social, ou que teñan débedas pendentes de pagamento coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia (Consellería de Facenda) consonte ao establecido nos artigos 11 e 31 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Para eses efectos, a presentación da solicitude de axuda supón a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións acreditativas correspondentes da Axencia Estatal da Administración Tributaria, Tesouraría Xeral da Seguridade Social e Consellería de Facenda consonte o establecido no artigo 10 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 8. Instrución e resolución.

1. Correspóndelle á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais a instrución do procedemento. Se a solicitude non reúne os requisitos establecidos nesta orde, a unidade correspondente da dita dirección xeral requirirá o interesado para que a repare no prazo máximo e improrrogable de dez días, e indicaralle que, se non o fixese, se lle terá por desistido da súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O exame e valoración das solicitudes levaraos a cabo unha comisión de valoración constituída do seguinte xeito:

• Presidente: o subdirector xeral de Industrias e Calidade Agroalimentaria.

• Vogais: dous funcionarios do Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria.

• Secretario: un funcionario do dito servizo, que actuará con voz e sen voto.

3. A comisión de valoración, facendo aplicación dos criterios establecidos no anexo V e das especificacións en relación coa súa avaliación recollidas no anexo V-B, examinará as solicitudes presentadas e emitirá un informe coa valoración, que elevará á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, a cal elaborará unha lista provisional cos programas seleccionados priorizados, que remitirá ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño antes do 1 de abril de cada ano.

O informe de valoración da comisión deberá conter unha relación dos solicitantes para os cales se propón a axuda e os criterios de valoración seguidos para efectuala.

En caso de empate, darase prioridade aos programas presentados por microempresas e pequenas e medianas empresas, e as marcas comerciais colectivas.

4. De acordo co establecido no artigo 10 do Real decreto 244/2009, modificado polo Real decreto 461/2011, no seo da Mesa de Promoción Alimentaria, aprobada na Conferencia Sectorial de Agricultura e Desenvolvemento Rural do 19 de febreiro de 2007, integrada por representantes do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño e as comunidades autónomas, constituirase unha Comisión Nacional de Selección de Programas.

A dita comisión será a responsable de elaborar, para cada exercicio Feaga, a lista definitiva das accións e programas a propoñer á Conferencia Sectorial para a súa aprobación.

5. Unha vez aprobada pola Conferencia Sectorial a lista definitiva das accións e programas seleccionados e as condicións establecidas para eles, as solicitudes correspondentes á Comunidade Autónoma serán resoltas polo conselleiro do Medio Rural no prazo máximo de 6 meses contados desde o día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Transcorrido o prazo máximo para resolver sen que o interesado recibise comunicación expresa, poderase entender desestimada a súa pretensión por silencio administrativo.

6. A resolución de concesión indicará os gastos considerados como subvencionables, así como as condicións xerais e particulares que se consideren necesarias para garantir o cumprimento dos obxectivos da axuda. Especificamente indicará o prazo máximo para a realización e xustificación dos gastos efectuados.

A dita resolución de concesión indicará expresamente a procedencia dos fondos.

7. As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados en aplicación desta orde ou da respectiva orde de convocatoria anual esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Recurso potestativo de reposición ante o conselleiro do Medio Rural, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso-administrativo competente, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa notificación, se a resolución é expresa.

8. No caso de resolución positiva, os beneficiarios comunicarán, no prazo de 15 días a partir da notificación desta, á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais a aceptación da resolución nos termos establecidos así como a xustificación da constitución dunha garantía, de acordo coas condicións previstas no Regulamento (CEE) n.º 2220/1985 da Comisión, do 22 de xullo, polo que se establecen as modalidades comúns de aplicación do réxime de garantías para os produtos agrícolas, por un importe non inferior ao 15% do montante anual do financiamento comunitario, co fin de asegurar a correcta execución do programa.

9. A exixencia principal, de acordo co artigo 20 do Regulamento (CEE) n.º 2220/1985 da Comisión, do 22 de xullo, será a execución das accións obxecto da resolución favorable, que deberá acadar, polo menos, o cumprimento do 75% do orzamento total.

Artigo 9. Modalidades de pagamento das axudas.

1. As axudas para execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países pagaranse despois da xustificación dos investimentos de acordo co establecido no artigo 10.

2. Non obstante o beneficiario poderá solicitar un anticipo polo 80% da contribución comunitaria anual.

O pagamento dun anticipo supeditarase á constitución dunha garantía financeira, por un importe igual ao 110% do anticipo da axuda, de conformidade coas condicións establecidas no título III do Regulamento (CEE) n.º 2220/1985 da Comisión do 22 de xullo.

Artigo 10. Tramitación do pagamento das axudas.

1. Os beneficiarios poderán elixir entre a posibilidade de solicitar un único pagamento ou pagamentos intermedios da contribución comunitaria anual. As solicitudes referiranse a accións realizadas e pagadas.

2. Todos os pagamentos deben realizarse a través dunha conta única dedicada en exclusiva a este fin.

3. As solicitudes de pagamentos intermedios deberán presentarse antes de que remate o mes civil seguinte a aquel no que expire cada período de catro meses, a partir do 1 de xullo.

Os pagamentos intermedios e o pagamento do anticipo previsto no artigo 10 non poderán sobrepasar no seu conxunto o 80% do total da contribución comunitaria.

4. Unha vez finalizadas as accións de cada anualidade e, a máis tardar, antes de que remate o mes seguinte á finalización da anualidade, o beneficiario solicitará o pagamento da axuda e presentará, preferentemente nos servizos centrais ou nas delegacións provinciais da Consellería do Medio Rural, sempre destinada á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais, en Santiago de Compostela a seguinte documentación:

a) Un informe resumo das actuacións desagregadas en actividades co correspondente importe orzamentario e o custo final de cada unha delas, e unha avaliación dos resultados obtidos que poden verificarse na data do informe.

b) Orixinais e copias das facturas e xustificantes dos pagamentos realizados.

c) Extracto bancario da conta mencionada na alínea 2 deste artigo no que se poida comprobar a realización dos pagamentos xustificados mediante as facturas citadas na letra b) deste punto.

5. O pagamento estará supeditado á presentación das contas auditadas e informes de control realizados por unha empresa de auditoría de recoñecido prestixio ou, no seu defecto, a verificación por parte do persoal da Consellería do Medio Rural das facturas e os documentos mencionados no parágrafo 4 deste artigo.

6. Poderanse considerar custos indirectos imputables á acción subvencionada, ata un límite do dous por cento dos custos efectivos de execución das accións promocionais. Os ditos custos non requirirán xustificación adicional e deberán estar recollidos especificamente no orzamento do programa presentado.

7. Así mesmo, de cara á xustificación técnica das accións, poderanse solicitar ao beneficiario medios de proba da realización das accións promocionais.

Artigo 11. Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión. Así mesmo, a obtención concorrente de subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. Como norma xeral, non se poderán modificar produtos, actividades e custos das accións e programas salvo cando sexa patente que se obterían mellores resultados coas modificacións propostas. Calquera destas modificacións debe ser obxecto dunha notificación previa á Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais da Consellería do Medio Rural nun prazo de, cando menos 15 días anteriores á súa realización, e sempre antes do 1 de maio. A dirección xeral deberá comprobar, e de ser o caso, autorizar as modificacións propostas, que deberán cumprir os requisitos para ser subvencionables.

3. A Dirección Xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais comunicará ao Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño antes do 1 de xuño, as modificacións producidas que afecten as anualidades en curso.

4. En ningún caso se poderán modificar á alza os orzamentos aprobados para os programas, nin se poderán incluír novos países.

Artigo 12. Incumprimento da resolución de concesión.

Se o beneficiario da axuda cumpre as condicións establecidas na resolución de concesión, executando e xustificando todos os conceptos dos gastos aprobados nos prazos establecidos, e cumprindo co resto dos requisitos da resolución de concesión, procederá a aboarse a totalidade da subvención concedida.

No caso contrario existirá un incumprimento, aplicándose os seguintes criterios:

– Cando o beneficiario realice parcialmente e xustifique nos prazos establecidos as actuacións obxecto da axuda, aboarase a subvención proporcional correspondente sempre que estea relacionada con actuacións finalizadas, xustifique cando menos o 75% do orzamento total obxecto de resolución favorable e se cumpran o resto das condicións establecidas.

– Cando o beneficiario non realice nin xustifique nos prazos establecidos ningunha das actuacións obxecto da axuda, existirá un incumprimento total e non se pagará ningunha axuda. Igualmente non se pagará ningunha axuda cando se xustifique menos do 75% do orzamento total obxecto de resolución favorable

Artigo 13. Reintegro da axuda.

1. Procederá o reintegro total ou parcial das axudas concedidas ao abeiro desta orde e dos xuros de demora acumulados desde a notificación da resolución do procedemento de reintegro ao interesado e o seu reembolso polo obrigado, no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e, en xeral, nos casos establecidos na normativa de aplicación vixente.

2. O tipo de xuro que se van aplicar será o de demora establecido na correspondente Lei de orzamentos xerais do Estado.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto nos artigos 37 a 45 da Lei 24/2003, do 10 de xullo, da viña e do viño, nos artigos 52 a 69 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no título VI do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve.

Artigo 14. Controis.

1. A Consellería do Medio Rural adoptará as medidas de control necesarias para garantir o cumprimento das actuacións previstas nun Plan Xeral de Control que deberá establecer o Fondo Español de Garantía Agraria, en colaboración coas comunidades autónomas.

2. O Plan Xeral de Control será executado anualmente sobre a base dunha análise de riscos que incluirá, polo menos, o 20% dos programas pagados no ano anterior e terá por obxecto comprobar:

a) A exactitude da información facilitada coa solicitude de pagamento.

b) A realidade e regularidade das facturas presentadas como xustificantes dos gastos.

c) A exactitude do extracto bancario.

d) Que non se perciben axudas recollidas no artigo 20 letra c), inciso iii), do Regulamento (CE) n.º 1698/2005, ou do artigo 2 alínea 3 do Regulamento (CE) n.º 3/2008.

3. Con independencia do Plan Xeral de Control a que se refire o parágrafo anterior, a Consellería do Medio Rural poderá desenvolver todas aquelas actuacións de control que considere precisas.

4. Alén do anterior, as subvencións estarán sometidas á función interventora e de control financeiro exercida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, nos termos que establece o título III da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e na súa normativa de desenvolvemento. Así mesmo, estará sometida ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 15. Comprobación do material.

A dirección xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais comprobará a conformidade do material de información e promoción elaborado no marco dos programas coa normativa comunitaria e a lexislación do terceiro país no que se desenvolva o programa.

Artigo 16. Autorizacións e obrigas do beneficiario.

1. De conformidade co artigo 18 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a Consellería do Medio Rural publicará no Diario Oficial de Galicia e na súa páxina web oficial, nos termos previstos no artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e boas prácticas na Administración pública galega, as concesións das subvencións convocadas nesta orde, polo que a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na citada web.

2. Segundo o establecido na disposición adicional primeira do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións da Xunta de Galicia, a persoa solicitante da subvención consentirá expresamente a inclusión e publicidade dos datos relevantes referidos ás axudas recibidas, así como ás sancións impostas, de ser o caso.

3. O beneficiario deberá cumprir as obrigas do artigo 14 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, Xeral de Subvencións, e comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras axudas, ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada, así como a modificación de calquera das circunstancias que fundamentasen a concesión da axuda.

Artigo 17. Compatibilidade das axudas.

Non se financiarán cos fondos do Programa Nacional de Apoio, as medidas que están recollidas nos programas de Desenvolvemento Rural ao abeiro do Regulamento (CE) n.º 1698/2005, do Consello, do 20 de setembro, relativo á axuda ao desenvolvemento rural e ás accións de información e de promoción dos produtos agrícolas no mercado interior e en terceiros países recollidas na alínea 3 do artigo 2 do Regulamento (CE) n.º 3/2008, do Consello, do 17 de decembro de 2007.

En ningún caso estas axudas poderán ser acumuladas ou completadas con outras axudas nacionais ou das comunidades autónomas dedicadas á mesma finalidade.

Sección 2.ª Convocatoria das axudas para execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países

Artigo 18. Convocatoria.

Convócanse, de acordo coas bases reguladoras establecidas na sección primeira desta orde, as axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de terceiros países para o ano 2012.

Artigo 19. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes, a partir do día seguinte ao da data de publicación no DOG.

Artigo 20. Gastos atendibles na convocatoria de 2012.

Para a convocatoria de 2012 serán atendibles os gastos realizados entre 1 de xullo de 2012 e 30 de xuño de 2013.

Artigo 21. Financiamento das axudas.

1. O financiamento das axudas previstas nesta orde procede do Fondo Europeo Agrícola de Garantía (Feaga), farase de conformidade co artigo 3 do Regulamento (CE) n.º 1290/2005 do Consello, do 21 de xuño, sobre o financiamento da política agrícola comunitaria con cargo á aplicación orzamentaria 13.04.713-D.770.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 cunha dotación de 950.000 euros.

Esta dotación poderán verse incrementada con fondos transferidos do Ministerio de Medio Ambiente, Medio Rural e Mariño de acordo co previsto no Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro, modificado polo Real decreto 461/2011 e con outros remanentes orzamentarios, sen prexuízo de posteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias.

2. Esta orde tramítase conforme o establecido no artigo 25 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, relativo á tramitación anticipada de subvencións, polo que queda condicionada a súa eficacia á existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución de concesión.

3. A participación financeira da Comunidade nos programas seleccionados non poderá superar o 50 por cen dos gastos subvencionables.

4. A achega económica dos beneficiarios poderá proceder de taxas e contribucións obrigatorias.

Disposición adicional única.

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde, será de aplicación o disposto nos regulamentos (CE) 479/2008 do Consello, do 29 de abril; (CE) 555/2008, da Comisión, do 27 de xuño e (UE) 772/2010, da Comisión, do 1 de setembro de 2010; no Real decreto 244/2009, do 27 de febreiro, para a aplicación das medidas do programa de apoio ao sector vitivinícola español; no Real decreto 461/2011, do 1 de abril, polo que se modifica o Real decreto 244/2009; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; no Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, que a desenvolve, na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, que a desenvolve.

Disposición derrogatoria única. Derrogación de normativa.

Queda derrogada a Orde do 30 de decembro de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de axudas para a execución de medidas de promoción do sector vitivinícola en mercados de países terceiros, e se convocan para o ano 2011 (DOG n.º 4, do 7 de xaneiro de 2011) e a Orde do 23 de febreiro de 2011 que a modifica (DOG n.º 40, do 28 de febreiro de 2011).

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais para ditar as instrucións que considere oportunas para a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO III
Accións e Actividades de Promoción

Accións

(artigo 10 do R(CE) 479/2008)

Actividades

Relacións públicas e medidas de promoción e

publicidade que destaquen en particular as vantaxes dos produtos comunitarios en termos de calidade, seguridade alimentaria e respecto ao ambiente

• Misións comerciais

• Campañas publicitarias de natureza diversa (TV, radio, prensa, eventos, etc.)

• Promocións en puntos de venda

• Portais web para promoción exterior

• Misións inversas

• Oficinas de información

• Gabinete de prensa

• Presentacións de produto

Participación en manifestacións, feiras e

exposicións de importancia internacional

• Feiras e exposicións internacionais, etc.,sectoriais ou xerais, profesionais e de consumidores

Campañas de información, en particular sobre os sistemas comunitarios de denominacións de orixe, indicacións xeográficas e producións ecolóxicas

• Encontros empresariais, profesionais, líderes de opinión e consumidores

• Xornadas, seminarios, catas, degustacións, etc.

Estudos de novos mercados, necesarios para a búsqueda de novas saídas comerciais

• Estudos e informes de mercado

Avaliación dos resultados das medidas de

promoción e información

• Estudos de avaliación de resultados das medidas de promoción

• Auditorías de execución de medidas e gastos das accións

ANEXO IV
Lista de produtos que poden ser obxecto de accións

1. Viño.

2. Viño de licor.

3. Viño espumoso.

4. Viño espumoso de calidade.

5. Viño espumoso aromático de calidade.

6. Viño de agulla.

7. Viño de agulla gasificado.

8. Viño de uvas pasificadas.

9. Viño de uvas sobremaduradas.

10. Viños procedentes da produción ecolóxica.

ANEXO V
Criterios de avaliación

Puntuación máxima

1. Interese xeral do programa:

a) Repercusión do programa …............................................................................................................................

5 puntos

b) Representatividade do propoñente …..............................................................................................................

5 puntos

1. Subtotal …....................................................................................................................................……..

10 puntos

2. Calidade e eficacia do programa:

a) Coherencia entre os obxectivos, as mensaxes, as accións e as canles de información ...................................

5 puntos

b) Alcance e cobertura das accións do programa en termos de duración e grupos destinatarios (impactos previstos) ...........................................................................................................................................................

5 puntos

c) Presentación e calidade das mensaxes (creatividade) e á súa adaptación ao mercado de destino ............

5 puntos

d) Relación calidade/prezo .....................................................................................................................………

5 puntos

e) Método para medir a repercusión .........................................................................................................…….

5 puntos

2. Subtotal ..................................................................................................................................………

25 puntos

3. Solvencia técnica do propoñente:

a) Implantación internacional e experiencia exportadora xeral. .........................................................………...

10 puntos

b) Experiencia en programas de promoción exterior ............................................................................………

10 puntos

c) Estrutura e capacidade técnica para a execución do programa ..................................................................

10 puntos

3. Subtotal ............................................................................................................................................

30 puntos

4. Capacidade de resposta comercial:

a) Dispoñibilidade de distribución no mercado de destino ..........................................................................….

5 puntos

b) Porcentaxe de exportación sobre o total vendas ...................................................................................…..

10 puntos

c) Amplitude e diversificación da carteira de produtos ....................................................................................

10 puntos

4. Subtotal ....................................................................................................................................……

25 puntos

5. Interese para a Comunidade Autónoma:

Programas relativos a viños con denominación de orixe .........................................................………………

10 puntos

5. Subtotal ....................................................................................................................................……

10 puntos

Avaliación total xeral ...........................................................................................................................................

100 puntos

ANEVO V-B
Especificacións criterios de avaliación

1) Interese xeral do programa:

a) Importancia do programa para a situación do mercado ou as necesidades do sector.

b) Representatividade do propoñente: en función da importancia da empresa ou o colectivo na zona vitivinícola á que representa e, se é o caso, noutras zonas.

2) Calidade e eficacia do programa:

a) Coherencia técnica e económica entre os obxectivos, as mensaxes, as accións e as canles de información.

b) Alcance e cobertura das accións do programa en termos de duración e grupos destinatarios (contactos previstos).

c) Presentación e calidade das mensaxes (creatividade) e á súa adaptación ao mercado de destino: valorarase a capacidade estimada da mensaxe para conseguir o efecto desexado no mercado de destino e tomando en consideración o tarjet en destino para o que están previstos.

d) Relación calidade/prezo: valorarase de 0 a 5 puntos en función da repercusión estimada polo propoñente en termos de impactos o incremento previsible das súas vendas, en relación co custo da acción proposta.

e) Método para medir a repercusión.

3) Solvencia do propoñente:

a) Implantación internacional e experiencia exportadora xeral: valorarase de 0 a 10 os anos de experiencia exportadora do propoñente, en proporción directa (0 puntos para quen no teña nada de experiencia exportadora, 5 puntos para quen leve exportando 5 anos e 10 puntos para quen leve exportando 10 anos ou máis).

b) Experiencia en programas de promoción exterior: valorarase de 0 a 10 os anos de experiencia en programas de promoción internacional do propoñente, tanto con recursos propios como con subvencións, en proporción directa: 0 puntos para quen non teña nada de experiencia en promoción exterior, 5 puntos para quen leve con programas 5 anos e 10 puntos para quen leve 10 anos ou máis.

c) Estrutura e capacidade técnica para a execución do programa:valorarse de 0 a 10 puntos, en función de:

i) A existencia ou no e, se é o caso, o tamaño e experiencia do departamento de comercio exterior da entidade;

ii) A existencia ou non e, se é o caso, o tamaño e experiencia do departamento de marketing na entidade propoñente;

iii) Os medios dispoñibles no país de destino da promoción, xa sexan propios (recursos e experiencia) como alleos (experiencia e relación coa axencia contratada).

4) Capacidade de resposta comercial:

a) Dispoñibilidade de distribución no mercado de destino.

b) Porcentaxe de exportación sobre total de vendas: valorarase en función 1 a 2 da proporción (5% de exportación = 10% de los puntos = 0,5 puntos; 10 puntos para quen exporte 50% ou máis). Para programas colectivos calcularase a media de exportacións globais sobre total vendas dos integrantes do colectivo e valorarase conforme o mencionado anteriormente.

c) Amplitude e diversificación da carteira de produtos do propoñente: valoraranse os aspectos complementarios:

i) Valoración do volume para posible resposta: máis puntos a maior volume de comercialización.

ii) Valoración de diversidade de tipos de viño e zonas xeográficas nas que está presente: maior puntuación a maior diversidade e abano de produtos (por dar maior posibilidade de resposta de comercial).

5) Interese para a comunidade autónoma:

a) Programas relativos a viños con denominación de orixe: valoraranse con 10 puntos os programas que inclúan a promoción dos viños dalgunha das denominacións de orixe existentes en Galicia.

missing image file
missing image file