Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 248 Xoves, 29 de decembro de 2011 Páx. 40202

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural

ORDE do 23 de decembro de 2011 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas para os investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais do período 2007-2013 e se convocan as cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) para o exercicio orzamentario de 2012.

A Consellería do Medio Rural publicou, con data do 5 de abril de 2010, a Orde do 24 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais para o período 2007-2013, e convocando as correspondentes ao ano 2010.

A experiencia adquirida na xestión destas axudas fai conveniente introducir algunhas modificacións que afectan a tipoloxía e requisitos dos investimentos para ser subvencionables. Por todo iso, e ante a proximidade do inicio do exercicio orzamentario 2012, procede realizar a convocatoria correspondente a ese ano, limitada inicialmente aos proxectos cofinanciados con fondos Feader.

En consecuencia, e de acordo co disposto no artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia, e demais normativa de aplicación,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

O obxecto desta Orde é modificar a Orde do 24 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais para o período 2007-2013, e convocar parcialmente as correspondentes ao exercicio orzamentario do ano 2012. A concesión das axudas efectuarase mediante concorrencia competitiva.

Sección 1.ª Modificación da Orde do 24 de marzo de 2010

Artigo 2.

Introdúcense as seguintes modificacións na Orde do 24 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais para o período 2007-2013.

Primeira. Supresión do punto 3 do artigo 4 da Orde do 24 de marzo de 2010.

Suprímese o punto 3 do artigo 4 (Contía das axudas) da Orde do 24 de marzo de 2010.

Segunda. Modificación do punto 4 do artigo 5 (Requisitos adicionais) da Orde do 24 de marzo de 2010.

No punto 4 do artigo 5 (Requisitos adicionais) da Orde do 24 de marzo de 2010 engádese ao final o seguinte paragrafo adicional:

«Tampouco poderán ser beneficiarias das axudas as empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación de axudas como consecuencia dunha decisión previa da Comisión Europea que as declare ilegais e incompatibles co mercado común».

Terceira. Engadir un punto 13 no artigo 5 (Requisitos adicionais) da Orde do 24 de marzo de 2010.

Engádese un punto 13 no artigo 5 (Requisitos adicionais) da Orde do 24 de marzo de 2010, co seguinte texto:

«13. No caso de empresas lácteas que adquiran leite a terceiros, deberán acreditar que elas e os seus subministradores dispoñen dos contratos escritos establecidos na disposición adicional única do Real decreto 460/2011, do 1 de abril, polo que se regula o recoñecemento das organizacións de produtores de leite e das organizacións interprofesionais no sector lácteo e se explicitan as decisións de España sobre a contratación no sector lácteo en relación á normativa europea que modificará para o sector lácteo o Regulamento (CE) 1234/2007 do Consello. Esta acreditación deberá facerse antes do pagamento final da axuda”.

Cuarta. Modificación do punto 1 do artigo 6 da Orde do 24 de marzo de 2010.

O punto 1 do artigo 6 (Solicitudes) da Orde do 24 de marzo de 2010 quedará redactado como segue:

«1. As solicitudes de axuda presentaranse no modelo que figura como anexo A1, xunto coa documentación adicional que se sinala no punto seguinte, por duplicado. O lugar de presentación será prioritariamente nos servizos provinciais de Control de Calidade Agroalimentaria e Industrias dos departamentos territoriais correspondentes da Consellería do Medio Rural, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, segundo a redacción da Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Tamén poderán presentarse en sede electrónica conforme o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes».

Quinta. Modificación do punto 2 do artigo 10 da Orde do 24 de marzo de 2010.

O punto 2 do artigo 10 (Resolución de concesión) da Orde do 24 de marzo de 2010 quedará redactado como segue:

«2. A resolución indicará especificamente a anualización aprobada para a execución dos investimentos. As anualidades establecidas indicarán o investimento que se debe executar e pagar en cada unha delas así como a data límite establecida para presentar a documentación acreditativa correspondente e cumprir outras condicións establecidas, se é o caso. O número de anualidades así como o investimento que se vai executar en cada unha delas establecerase conforme a previsión de execución presentada coa solicitude de axuda e as limitacións existentes. O número máximo de anualidades nas que poderá executarse o investimento aprobado será de dúas correlativas, salvo no caso de proxectos cun investimento aprobado superior a dous millóns de euros, nos que poderá incluírse unha terceira anualidade para executar o 20% final do investimento e cumprir o resto das condicións establecidas. En todo caso ningunha anualidade poderá ser posterior ao ano 2014».

Sexta. Modificación do artigo 14 da Orde do 24 de marzo de 2010.

O artigo 14 (Reintegro das axudas, infraccions e sancións) da Orde do 24 de marzo de 2010 quedará redactado como segue:

«Artigo 14. Reintegro das axudas, infraccións e sancións.

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto, se é o caso, cos xuros de mora calculados conforme a normativa aplicable, nos supostos sinalados no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En particular, procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida, no caso de incumprimento da obriga de xustificación ou doutras obrigas derivadas da concesión da subvención. Neses caso, se o incumprimento supón a necesidade de deixar sen efecto con carácter definitivo a resolución de concesión de axuda, o órgano xestor iniciará o procedemento correspondente para a súa revogación.

2. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior, e na normativa comunitaria aplicable, aos beneficiarios das axudas reguladas nesta orde seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión do 7 de decembro de 2006. En particular, e en aplicación do establecido no artigo 31 do Regulamento (CE) 1975/2006, no caso de que se descubra que un beneficiario fixo deliberadamente unha declaración falsa, revogarase a axuda concedida, non pagando cantidade ningunha e debendo reintegrar o beneficiario as contías percibidas xunto, se é o caso, cos xuros de demora calculados conforme a normativa aplicable. Ademais ao beneficiario non se lle poderán conceder nin pagar axudas ao abeiro desta orde nas dúas convocatorias seguintes.”

Sétima. Modificación do anexo I da Orde do 24 de marzo de 2010.

Engádese un punto 11 ao punto A (Actividades non subvencionables ) do anexo I (Investimentos non auxiliables) da Orde do 24 de marzo de 2010 co seguinte texto:

«11. Non se subvencionaran proxectos de organizacións de produtores de froitas e hortalizas (OPFH) cando o investimento subvencionable non acade 50.000 euros, xa que nese caso o proxecto é subvencionable a través dos programas operativos establecidos especificamente para este tipo de organizacións na OCM de froitas e hortalizas. “

Sección 2.ª Convocatoria de axudas àra 2012

Artigo 3. Convocatoria.

Convócanse parcialmente para o exercicio orzamentario 2012, as axudas cofinanciadas polo Feader reguladas pola Orde do 24 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais para o período 2007-2013, e coas modificacións introducidas no artigo segundo desta orde, para os beneficiarios sinalados nos puntos A.1, A.2 e B.1 do artigo 2 da orde indicada que establece as bases reguladoras, e que corresponden a :

A. Empresas con investimentos en transformación e comercialización de produtos incluídos no anexo I do tratado:

– A.1) Microempresas, pequenas e medianas empresas e empresas intermedias nas que o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos estea incluído no anexo I do tratado.

– A.2) Microempresas, pequenas e medianas empresas e empresas intermedias nas que o produto final do proceso de transformación e/ou comercialización derivado dos investimentos non estea incluído no anexo I do tratado.

B. Empresas con investimentos relativos á serradura de madeira:

– B.1) Microempresas.

Artigo 4. Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder a estas axudas o solicitante deberá estar incluído nalgún dos grupos sinalados no punto anterior e cumprir os requisitos establecidos na Orde do 24 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais para o período 2007-2013, coas modificacións introducidas no artigo segundo desta orde.

2. Estas axudas teñen por finalidade incentivar os investimentos en activos fixos materiais para a creación, ampliación e modernización das instalacións situadas en Galicia destinadas á transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais. A concesión das axudas efectuarase mediante concorrencia competitiva.

Artigo 5. Solicitudes.

1. As solicitudes de axuda presentaranse no modelo que figura como anexo A1 nesta orde, xunto co resto da documentación, que será a establecida na Orde do 24 de marzo de 2010 pola que se establecen as bases reguladoras das axudas aos investimentos en transformación e comercialización de produtos agrarios e forestais para o período 2007-2013. O procedemento de xestión e xustificación das axudas será, así mesmo, o establecido con carácter xeral na Orde do 24 de marzo de 2010, coas modificacións introducidas no artigo segundo desta orde.

Artigo 6. Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes para esta convocatoria será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. Non obstante, no caso de que o investimento inclúa a construción de novas superficies cubertas ou ampliación das existentes, o solicitante terá un prazo adicional de dous meses ao sinalado anteriormente para presentar a preceptiva licenza de obras.

Artigo 7. Execución.

Os investimentos obxecto da axuda deberán ter unha execución mínima (investimento xustificado e pagado) na anualidade 2012 do 30% do total subvencionable . Cando o importe do investimento subvencionable sexa superior a dous millóns de euros, a porcentaxe de execución indicada reducirase á metade.

Porén, este requisito non será exixible cando a concesión da axuda sexa posterior ao 15 de setembro de 2012.

Artigo 8. Financiamento.

As axudas concedidas financiaranse con cargo ás seguintes aplicacións orzamentarias:

– Aplicación 13.04.741A.770.0 por un importe máximo de 7.550.000 € para a anualidade 2012, 11.895.277 € para a anualidade 2013 e 3.300.000€ para a anualidade 2014.

– Aplicación 13.04.713D.770.0 e proxecto 2011-00767 por un importe máximo de 300.000 € para a anualidade 2012, 504.000 € para a anualidade 2013 e 100.000 € para a anualidade 2014.

Estes importes poderanse incrementar con remanentes adicionais de acordo coas dispoñibilidades de crédito. En todo caso as concesións limitaranse ás dispoñibilidades orzamentarias.

Esta orde tramítase conforme o establecido na orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, modificada polas ordes do 27 de novembro do 2000 e do 25 de outubro de 2001, relativa á tramitación anticipada de expedientes de gasto, polo que queda condicionada a súa eficacia a que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o vindeiro ano 2012 aprobados polo Consello da Xunta de Galicia, e en trámite parlamentario actualmente.

Disposición transitoria.

A entrada en vigor efectiva da obrigatoriedade dos contratos escritos no sector lácteo, establecida na disposición adicional única do Real decreto 460/2011, e que se menciona na modificación segunda incluída no artigo segundo desta orde, está pendente actualmente da modificación do Regulamento (CE) 1234/2007 do Consello. Debido a iso, e para fomentar as relacións contractuais escritas nese sector, se antes da resolución das solicitudes de axuda presentadas non se producise a referida entrada en vigor, para a concesión das axudas aplicaranse adicionalmente os seguintes criterios:

1.º No caso de empresas lácteas que adquiran leite a terceiros e non teñan elas directamente ou os seus subministradores contratos homologados amparados pola Lei 2/2000, que abarquen á maioría (máis do 50%) da produción adquirida, a porcentaxe máxima de axuda non superará o 20% cando o beneficiario sexa unha Peme, e o 10% cando sexa una empresa intermedia ou grande empresa. Os contratos homologados sinalados deberán estar vixentes como mínimo dende o momento da solicitude de axuda ata tres meses despois da data de solicitude do pagamento final da axuda. No caso de novas industrias, os contratos deberán estar vixentes como mínimo durante un ano dende a data de solicitude do pagamento final da axuda.

2.º Nos criterios de prioridade establecidos no artigo 7 da Orde do 24 de marzo de 2010, engadirase un novo epígrafe (Epígrafe VII) no apartado B (Criterios negativos), que asignará 20 puntos negativos aos proxectos de industrias lácteas que non cumpran o requisito de contratos homologados establecido no apartado 1 anterior.

Disposición adicional primeira.

As referencias citadas na orde relativas ao Regulamento (CE) 1975/2006 da Comisión do 7 de decembro de 2006, deben entenderse realizadas ao Regulamento (UE) 65/2011 do 27 de xaneiro que o substitúe, e en particular as referencias ao artigo 31 dese Regulamento deben entenderse realizadas ao artigo 30 do Regulamento (UE) 65/2011.

Disposición adicional segunda.

En todas aquelas cuestións non previstas nesta orde relativas á subvencionabilidade dos gastos, haberá que aterse ao disposto no Real decreto 1852/2009, do 4 de decembro, polo que se establecen os criterios para subvencionar os gastos no marco dos Programas de Desenvolvemento Rural cofinanciados polo Feader.

Disposición derradeira primeira. Habilitación normativa.

Autorízase a directora xeral de Innovación e Industrias Agrarias e Forestais para ditar as disposicións que considere oportunas para a aplicación desta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2011.

Samuel Jesús Juárez Casado
Conselleiro do Medio Rural

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file