Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 1 Luns, 2 de xaneiro de 2012 Páx. 199

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 21 de decembro de 2011, da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, polo que se acorda someter á participación do público a proposta de ampliación da rede Natura 2000 de Galicia.

O día 21 de decembro de 2011 o conselleiro do Medio Rural presentou ao Parlamento a nova proposta de lugares de importancia comunitaria (LIC), dando así inicio ao procedemento de ampliación da actual rede Natura 2000 en Galicia. Desde o día seguinte, o documento quedou á disposición do público na páxina web da Consellería do Medio Rural.

A rede Natura 2000 en Galicia atópase actualmente composta por 16 zonas de especial protección para as aves (ZEPA) que representan unha superficie de máis de 101.000 ha (medios mariños e terrestres) e 59 lugares de importancia comunitaria (LIC) que abranguen unha superficie de máis de 374.500 ha (medios mariños e terrestres). De acordo coa clasificación en ecorrexións da Comisión Europea, 55 LIC adscríbense á rexión bioxeográfica atlántica e 10 á mediterránea, e seis destes espazos superficies posúen en ambas as rexións. No seu conxunto, a rede Natura 2000 ocupa unha superficie de 389.737 ha (medios mariños e terrestres).

A actual lista de lugares de importancia comunitaria (LIC) en Galicia foi considerada como insuficiente por parte da Comisión Europea, polo que é preciso completar a aplicación en Galicia da Directiva 92/43/CEE, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, coa aprobación dunha nova proposta de LIC. Así, a Comisión Europea, nas súas decisións polas que se aproban as primeiras listas de lugares de importancia comunitaria (rexión bioxeográfica atlántica, Decisión 2004/813/CEE, Diario Oficial de la Unión Europea, 29.12.2004, e rexión bioxeográfica mediterránea, Decisión 2006/613/CE, Diario Oficial de la Unión Europea, 21.9.2006), estableceu para cada unha das rexións bioxeográficas e para cada estado membro as necesidades de mellora na contribución á rede Natura 2000 que se debían considerar nas futuras ampliacións, corrixindo as insuficiencias detectadas ou mellorando a información.

Transcorrido un amplo período desde a publicación pola Comisión das dúas decisións, é urxente iniciar os trámites para completar a rede Natura 2000 galega, e dar así cumprimento ao mandado da Comisión.

Conforme o establecido no artigo 16.1.a) da Lei 27/2006, do 18 de xullo, pola que se regulan os dereitos de acceso á información, de participación pública e de acceso á xustiza en materia de ambiente,

ACORDO:

Abrir un período de participación do público á proposta de ampliación da rede Natura 2000 de Galicia polo prazo dun mes, contado desde a publicación desta resolución, coa finalidade de que todos aqueles interesados que se consideren directamente afectados poidan remitir observacións e opinións mediante escrito, dirixido á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería do Medio Rural, San Lázaro s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou ao enderezo de correo electrónico ampliacionnatura2000.cmr.santiago@xunta.es

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2011.

Ricardo García-Borregón Millán
Director xeral de Conservación da Natureza