Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 2 Martes, 3 de xaneiro de 2012 Páx. 371

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería do Medio Rural

ANUNCIO do 29 de novembro de 2011, da Xefatura Territorial de Ourense, polo que se anuncia a toma de posesión provisoria dos predios de substitución na zona de concentración parcelaria de Mourazos-Tamagos-Tamaguelos (Verín-Ourense).

Rematada a publicación do acordo de concentración parcelaria da zona de Mourazos-Tamagos-Tamaguelos (Verín-Ourense), e non excedendo o número de recursos presentados e pendentes do seis por cento dos titulares das explotacións, nin representando os reclamantes máis do dez por cento da superficie concentrada, a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural resolveu dar posesión provisoria dos novos predios. A toma de posesión é obrigatoria para todos os interesados e enténdese sen prexuízo das rectificacións que procedan como consecuencia dos recursos que prosperen (artigo 44 da Lei 10/1985, de concentración parcelaria para Galicia, modificada pola Lei 12/2001, do 10 de setembro). No caso de que algún propietario non permita a toma de posesión dos predios de substitución no prazo indicado, será obxecto, logo do apercibimento, de compulsión directa, tal e como establece o artigo 45 da antedita lei, sen prexuízo das sancións que se lle poidan impor conforme o disposto nos artigos 69 e seguintes desta lei.

Os interesados poderán reclamar ante esta xefatura territorial, sita na rúa Florentino L. Cuevillas, 4 e 6, baixo, de Ourense, xuntando ditame pericial, sobre diferenzas superiores ao dous por cento entre a cabida real dos novos predios e o que conste no expediente de concentración, no prazo dos sesenta días naturais seguintes á data en que os predios de substitución se poñan ao dispor dos novos propietarios para a súa toma de posesión (artigo 46 da Lei de concentración parcelaria para Galicia).

As denuncias dos propietarios que impidan a toma de posesión deberán facelas os novos propietarios no plazo sinalado no segundo parágrafo deste aviso.

Así mesmo, ponse en coñecemento de todos que a posesión dos predios de substitución, outorga aos que no acordo de concentración figuren como adxudicatarios os medios de defensa establecidos nas leis.

Para os efectos oportunos establécese como data de toma de posesión o día seguinte ao da publicación deste aviso no Diario Oficial de Galicia.

En relación coas árbores existentes nos predios, recoméndase, na medida do posible, chegar a un acordo entre achegante e adxudicatario. No caso contrario, poderán ser retiradas polos propietarios das parcelas de achega dentro dos tres meses seguintes á data de toma de posesión, logo de petición ao Servizo de Montes do preceptivo permiso, e o informe favorable do Servizo de Conservación da Natureza desta consellería, no caso de seren especies autóctonas protexidas. Transcorrido o referido prazo, entenderase que pertencen ao propietario do novo predio.

Desde o día 1 de xullo de 2006, data en que tivo entrada en vigor o Decreto 105/2006 (DOG n.º 125, do 30 de xuño), polo que se regulan as medidas relativas á prevención de incendios forestais, á protección dos asentamentos no medio rural e á regulación de aproveitamentos e repoboacións forestais, deberase ter en conta o establecido nos seus artigos 21 e seguintes para evitar posibles danos nos predios en cuestión.

Ourense, 29 de novembro de 2011.

Ricardo Ignacio Vecillas Rojo
Xefe territorial de Ourense