Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 2012 Páx. 2232

III. Outras disposicións

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 30 de decembro de 2011, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pola que se dispón a publicación da Addenda ao Acordo asinado polas consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, Facenda e Economía e Industria e as universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo para o Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2011-2015.

Logo de ser consensuada cos reitores das tres universidades públicas galegas e tras obter o informe favorable do pleno do Consello Galego de Universidades, na súa sesión do 21 de outubro de 2011, o Consello da Xunta de Galicia, en sesión do 15 de decembro de 2011, autorizou a sinatura da Addenda ao Acordo sobre o Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2011-2015.

A dita Addenda foi asinada polos responsables das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, Facenda e Economía e Industria así como polos reitores das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo o día 19 de decembro de 2011.

Procede, pois, a publicación no Diario Oficial de Galicia da dita Addenda, que figura como anexo desta resolución.

O que se fai público para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2011.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO

Addenda ao acordo asinado polas consellerías de Educación e Ordenación
Universitaria, Facenda e Economía e Industria e as universidades de Santiago
de Compostela, A Coruña e Vigo para o Plan de Financiamento do Sistema
Universitario de Galicia 2011-2015

En Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2011.

REUNIDOS:

Marta Fernández Currás, conselleira de Facenda, nomeada mediante o Decreto 81/2009, do 19 de abril, en virtude da competencia atribuída polo artigo 34.1 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Jesús Vázquez Abad, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, nomeado mediante o Decreto 81/2009, do 19 de abril, en virtude da competencia atribuída polo artigo 34.1 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Javier Guerra Fernández, conselleiro de Economía e Industria, nomeado mediante o Decreto 81/2009, do 19 de abril, en virtude da competencia atribuída polo artigo 34.1 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia.

Juan José Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela, en virtude da competencia atribuída no artigo 87 dos estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, aprobados polo Decreto 28/2004, do 22 de xaneiro (DOG do 9 de febreiro), e o seu nomeamento mediante o Decreto 99/2010, do 17 de xuño.

José María Barja Pérez, reitor da Universidade da Coruña, en virtude da competencia atribuída no artigo 36 dos estatutos da Universidade da Coruña, aprobados polo Decreto 101/2004, do 13 de maio (DOG do 26 de maio), modificados polo Decreto 194/2007, do 11 de outubro, e o seu nomeamento mediante o Decreto 3/2008, do 10 de xaneiro.

Salustiano Mato de la Iglesia, reitor da Universidade de Vigo, en virtude da competencia atribuída no artigo 58 dos estatutos da Universidade de Vigo, aprobados polo Decreto 7/2010, do 14 de xaneiro (DOG do 2 de febreiro), e o seu nomeamento mediante o Decreto 90/2010, do 10 de xuño,

MANIFESTAN:

I. O 21 de decembro de 2010 foi asinado polos responsables das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria, Facenda e Economía e Industria e polos reitores das universidades de Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo, o acordo sobre o Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2011-2015.

II. O novo plan aposta por impulsar, consolidar e orientar a educación universitaria de natureza pública, é a expresión instrumental da administración educativa para fomentar a calidade da docencia, a investigación e a transferencia de coñecemento. Todo iso facilitando un cambio na xestión universitaria cara á eficacia e á eficiencia no emprego de recursos. Estes obxectivos acadarase mediante o compromiso da administración pública de recompensar ás universidades en función dos esforzos que realicen en dirixir aos traballadores universitarios e os recursos materiais cara ás liñas de mellora continua da formación que realizan, así como potenciar unha investigación que xere valor de retorno para a sociedade galega.

III. O punto Ia) do punto segundo do mencionado acordo, no que se regula a Subvención fixa do Financiamento estrutural, se establece «Nos exercicios 2012 a 2015 a distribución deste fondo realizarase en aplicación de novos criterios de repartición que serán fixados polos asinantes antes do 31 de xullo de 2011 e que figurarán como addenda a este acordo. En todo caso vincularase cada ano o equivalente do 5% do total deste fondo aos novos criterios, de xeito que no ano 2015, un 20% deste fondo repartirase en función da aplicación dos mencionados novos criterios, sendo as contías restantes distribuídas en función das variables utilizadas no exercicio 2011».

IV. O Grupo de Traballo previsto na cláusula 7.ª do Acordo asinado o 21 de decembro de 2010, en sesión que tivo lugar o 23 de xuño de 2011, acordou os cinco novos criterios de repartición mencionados no parágrafo anterior, cumprindo deste xeito o compromiso asumido polas partes asinantes do Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2011-2015. Así mesmo, o dito Grupo de Traballo, na sesión que tivo lugar o 10 de outubro de 2011, acordou os indicadores asociados a cada un dos cinco criterios e que servirán para realizar os cálculos de repartición dos fondos correspondentes a cada un deles.

V. Deste xeito as partes formalizan e subscriben esta addenda e

ACORDAN:

Primeiro. Novos criterios de repartición.

Fíxanse, como novos criterios que se van aplicar na repartición de parte do fondo da subvención fixa do financiamento estrutural, destinado ao financiamento dos custos estruturais das tres universidades públicas de Galicia, os seguintes:

– Campus de Excelencia Internacional.

– Captación de recursos externos.

– Internacionalización.

– Transferencia de coñecemento.

– Calidade na docencia.

Para os efectos da repartición do fondo, cada un destes criterios terá un peso relativo do 20%.

Segundo. Definición e determinación de contías.

Para proceder á repartición dos créditos correspondentes a esta parte do fondo da Subvención fixa do Financiamento estrutural, cada criterio levará asociado indicadores que permitirán o cálculo das cantidades correspondentes a cada institución en función dos datos actualizados referidos a estes, do xeito que segue:

Criterio 1. Campus de excelencia internacional.

– Indicador: existencia e categoría dun proxecto seleccionado polo Ministerio de Educación nas convocatorias do Programa Campus de Excelencia Internacional ou Rexional.

– Modo de repartición: o crédito vinculado a este criterio repartirase a partes iguais entre as universidades que teñan a consideración de universidade coordinadora dun proxecto aprobado de Campus de Excelencia de ámbito rexional, segundo a convocatoria do Ministerio de Educación.

En caso de que o proxecto obteña a cualificación de internacional, a universidade beneficiaria desta percibirá unha contía dobre respecto do resto de institucións.

– Fonte: resolucións do Ministerio de Educación en relación ao Programa Campus de Excelencia.

Criterio 2. Captación de recursos externos.

– Indicador: cantidade total de recursos económicos, obtidos polas universidades, que non procedan de fondos vinculados ao Plan de Financiamento do SUG 2011-2015: proxectos de I+D, actividades de consultaría, estudos e asesoramento, patrocinio e mecenado, ingresos por taxas e prezos, etc.

– Modo de repartición: os fondos vinculados a este criterio repartiranse de xeito directamente proporcional á cantidade obtida por cada universidade en relación ao PDI doutor de cada unha delas.

– Fonte: certificación de cada universidade respecto dos ingresos rexistrados pola institución, á marxe das achegas vinculadas ao PFSUG 2011-2015.

Criterio 3. Internacionalización.

– Indicador: valor do indicador output do Informe Anual Scimago World Report obtido por cada unha das universidades, en relación ao PDI doutor de cada una delas.

– Modo de repartición: o crédito vinculado a este criterio repartirase de xeito directamente proporcional ao valor obtido por cada unha das universidades.

– Fonte: informe anual Scimago World Report.

Criterio 4. Transferencia de coñecemento.

– Indicadores:

a) Este indicador subdivídese en dous subindicadores cun peso do 25% do total do crédito asociado a este criterio:

a-1) O resultado da suma do número de Proxectos Individuais de Investigación e Desenvolvemento (PID), proxectos do programa de Consorcios Estratéxicos Nacionais de Investigación Técnica (CENIT) en relación co PDI doutor de cada universidade.

a-2) O número de spin-off (entendidas como empresas baseadas en coñecementos creadas nas universidades e impulsadas por membros da comunidade universitaria) en relación co PDI doutor de cada universidade.

b) Ingresos percibidos en concepto de contratos e convenios con empresas e entidades privadas en relación co PDI doutor de cada universidade.

– Modo de repartición: cada un dos indicadores terá un peso do 50% do crédito correspondente a este criterio, correspondendo a cada un dos subindicadores do a) o 25% do crédito asociado a este. As contías repartiranse de xeito directamente proporcional ao valor obtido por cada unha das universidades.

– Fontes:

– Indicador a): Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), Enquisa Red Otri e Informe anual da Fundación CYD.

-Indicador b): orzamentos liquidados das universidades públicas galegas.

Criterio 5. Calidade na docencia.

– Indicador: transferencias correntes da administración educativa por estudante matriculado de primeiro e segundo ciclo e grao en centros propios de cada universidade.

– Modo de repartición: as contías repartiranse de xeito inversamente proporcional ao valor obtido por cada unha das universidades.

– Fonte: informe bianual da CRUE, «La universidad española en cifras».

Terceiro. Datos para o cálculo.

Para o cálculo das contías asociadas a cada criterio utilizaranse os datos relativos a cada unha das universidades do SUG que figuren nas fontes de referencia. En todo caso tomaranse como base os datos das fontes indicadas na versión máis actualizada que exista no momento de proceder ao cálculo das contías que se vaian repartir.

Co fin de proceder ao cálculo das contías correspondentes a cada un dos criterios anteriores, a Xunta de Galicia poderá solicitar ás universidades a remisión de canta información adicional sexa precisa, que deberá ser certificada polo órgano competente de cada institución.

No caso de que non resulte posible determinar o importe dalgún dos fondos correspondentes aos criterios indicados por causas imputables a unha universidade, asignarase a esta o equivalente do 90% da percibida no exercicio precedente.

Cuarto. Evolución dos créditos asociados aos novos criterios.

Nos exercicios 2012, 2013, 2014 e 2015 a repartición dos créditos asociados ao fondo da Subvención Fixa do Financiamento estrutural destinado ao financiamento dos custos estruturais derivados do normal funcionamento das universidades de Galicia, realizarase do xeito que a seguir se especifica:

Exercicio orzamentario

Porcentaxe que se vai repartir
segundo novos criterios

Porcentaxe que se vai repartir
segundo criterios históricos

2012

5%

95%

2013

10%

90%

2014

15%

85%

2015

20%

80%

Exceptuaranse deste criterio de repartición as contías correspondentes aos sexenios e complementos retributivos autonómicos recoñecidos ao persoal destas institucións. O seu importe engadirase ás transferencias realizadas a favor de cada universidade, calculándose con base nas certificacións relativas aos tramos de investigación concedidos pola Comisión Nacional Avaliadora da Actividade Investigadora e ás certificacións achegadas polo Consello Social de cada universidade.

E en proba de aceptación, asinan de conformidade, no lugar e data indicados, comprometéndose a colaborar na plena e eficiente execución e desenvolvemento do previsto nesta addenda ao Plan de Financiamento do Sistema Universitario de Galicia 2011-2015, segundo os principios de confianza lexítima, boa fe, lealdade institucional, transparencia e servizo á sociedade e ao interese xeral.

Conselleira de Facenda

Conselleiro de Educación
e Ordenación Universitaria

Conselleiro de Economía
e Industria

Reitor da Universidade
de Santiago de Compostela

Reitor da Universidade da Coruña

Reitor da Universidade de Vigo