Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 9 Venres, 13 de xaneiro de 2012 Páx. 2101

I. Disposicións xerais

Consellería de Traballo e Benestar

ORDE do 2 de xaneiro de 2012 de desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema para a Autonomía e a Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

Exposición de motivos

Tal e como se dispón na exposición de motivos do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, a atención ao colectivo de poboación con algún tipo de discapacidade ou limitación, que lle causou ou lle pode chegar a causar unha dependencia para as actividades da vida diaria ou necesidades de apoio para a súa autonomía persoal en igualdade de oportunidades, convértese nun reto ineludible para os poderes públicos que require unha resposta firme, sostida e adaptada ao noso actual modelo de sociedade. Así se establece na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, cando no seu artigo 3 formula, como un dos obxectivos do Sistema Galego de Servizos Sociais «garantir a vida independente e a autonomía persoal das persoas en situación de dependencia integrando, para estes efectos, o catálogo de prestacións do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia».

Neste senso, e á vista da evolución da implantación do sistema de atención á dependencia na Comunidade Autónoma e das súas dificultades, o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, ten por obxecto avanzar no desenvolvemento da atención e prevención das situacións de dependencia, adaptarse aos últimos cambios normativos, consolidar os dereitos das persoas con grao e nivel de dependencia, así como de todas aquelas persoas que xa eran usuarios/as do Sistema Galego de Servizos Sociais con anterioridade á entrada en vigor da normativa específica en materia de dependencia, e garantir a máxima axilidade e eficacia nos procedementos de valoración da dependencia e da elaboración do programa individual de atención, derrogando o anterior Decreto 176/2007, do 6 de setembro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía e atención a á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Resulta necesario abordar o seu desenvolvemento normativo, especialmente no que respecta aos requisitos e condicións para cada tipo de servizo e/ou libranza, as intensidades de protección dos servizos, o réxime de compatibilidades entre os servizos e libranzas e os criterios para a xestión das prestacións do sistema para a autonomía e atención á dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Este desenvolvemento normativo resulta necesario para alcanzar a plena aplicación na Comunidade Autónoma galega das previsións contidas na propia Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia e na súa normativa de desenvolvemento, especialmente nos acordos adoptados no seo do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía Persoal e Atención á Dependencia.

A Xunta de Galicia está decidida a realizar un esforzo substancial para facer efectivos os servizos e medidas de carácter económico destinadas a apoiar as persoas en situación de dependencia e as súas familias, dentro do marco normativo configurado pola Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia. De acordo co anterior, a través da presente orde, en desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, desprégase un ambicioso sistema de protección a través do cal se consiga unha atención integral ás persoas en situación de dependencia.

A presente orde consta de 113 artigos, agrupados en 9 capítulos, 7 disposicións adicionais, 6 disposicións transitorias, 1 disposición derrogatoria e 3 disposicións derradeiras.

O capítulo primeiro consta de dúas seccións. A sección 1.ª regula o ámbito de aplicación desta orde, a integración do catálogo de servizos e libranzas do sistema para a promoción da autonomía e atención á dependencia (SAAD) no Sistema Galego de Servizos Sociais, o seguimento das prestacións e obrigas e dereitos das persoas beneficiarias. A sección 2.ª regula a composición e o réxime de funcionamento do órgano de valoración e asesoramento da dependencia.

No capítulo segundo, dividido en 5 seccións, regúlanse as prestacións do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia. Na sección 1.ª establécese o catálogo de prestacións do SAAD na Comunidade Autónoma e introduce como novidade o catálogo para o grao I, nivel 2 e 1, onde se veñen a desenvolver, entre outros, os servizos para a promoción da autonomía persoal, despois de ser aprobado o acordo sobre os criterios para determinar as intensidades de protección dos servizos e o importe das prestacións económicas para as persoas recoñecidas en situación de dependencia en grao I publicado mediante a Resolución da Secretaría Xeral de Política Social e Consumo do Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, do 4 de novembro de 2010.

Na sección 2.ª regúlanse os requisitos xerais de acceso ás prestacións do SAAD. A sección 3.ª establece os requisitos específicos de acceso e intensidades dos servizos. Divídese en dúas subseccións, e regula dun xeito novo o réxime da intensidade de prestación dos servizos co obxecto de posibilitar a súa compatibilidade con outros servizos ou libranzas do sistema segundo se establece no capítulo III. Asemade, na súa subsección 2.ª regúlase o réxime de extinción e suspensión dos servizos.

A sección 4.ª, dividida en 6 subseccións, establece os requisitos específicos e as intensidades para cada tipo de libranza. Destaca a regulación da libranza de coidados no medio familiar introducindo os últimos acordos do Consello Territorial do SAAD co obxectivo de concretar a excepcionalidade desta prestación tal e como a define a Lei 39/2006.

Nesta sección regúlase, en coherencia coa disposición transitoria novena do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, a libranza de asistente persoal, establecendo un complemento adicional da Comunidade Autónoma e ampliando esta prestación para as situacións de dependencia severa.

Na sección 5.ª, dividida en dúas subseccións, vénse a regular a cuantificación e a xestión das libranzas. Determínase que se entende por capacidade económica da persoa beneficiaria e as regras para os efectos do seu cálculo. Asemade, regúlase a determinación das contías das libranzas aplicando un coeficiente redutor referenciado ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), así como o tramo do complemento adicional da Comunidade Autónoma para a libranza de asistencia persoal.

No capítulo III, dividido en tres seccións, establécese o réxime de compatibilidades das prestacións do sistema. Incorpórase un novo marco normativo que vai permitir, se así se establece no programa individual de atención, a compatibilidade entre as distintas prestacións do sistema nunha intensidade parcial e co obxectivo de proporcionar unha atención integral adaptada á persoa en situación de dependencia.

Tamén se regula neste capítulo o marco xurídico nos supostos de respiro da persoa coidadora non profesional.

No capítulo IV regúlase a efectividade do dereito aos servizos e/ou libranzas con obxecto de proporcionar a debida seguranza xurídica despois dos distintos cambios normativos na materia, especialmente significativos os efectuados polo Real decreto lei 8/2010, do 20 de maio, polo que se aplican medidas extraordinarias de redución do déficit público.

O capítulo V regula o procedemento de valoración e recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para os/as menores de tres anos, tendo en conta as súas características específicas e establecendo a prioridade na tramitación destes expedientes.

O capítulo VI regula o procedemento de valoración e recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema nos supostos de emerxencia social.

O capítulo VII regula os requisitos, as persoas beneficiarias e o procedemento para o recoñecemento da efectividade do dereito ás prestacións económicas das persoas solicitantes falecidas durante a tramitación do procedemento sen recibiren a atención solicitada, en desenvolvemento do artigo 40 e da disposición transitoria sexta do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

O capítulo VIII regula as comisións provinciais de coordinación para os efectos de articular os mecanismos de coordinación adecuados no desenvolvemento do SAAD na Comunidade Autónoma entre técnicos/as das xefaturas territoriais da consellería con competencias en materia de servizos sociais, dos servizos sociais comunitarios, das unidades de traballo social de atención primaria de saúde e de servizos sociais especializados.

O capítulo IX fai referencia ao réxime de infraccións e sancións do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia segundo o establecido no título III da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e do título X da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia.

Nas disposicións adicionais a esta orde regúlase a situación relativa aos supostos de desprazamentos da residencia habitual a outras comunidades autónomas, a formación das persoas coidadoras non profesionais de persoas en situación de dependencia como accións de formación non formal, información, apoio e orientación ás persoas coidadoras familiares, as axudas económicas para facilitar a autonomía persoal, a prevención das situacións de dependencia en menores de tres anos, a tramitación electrónica do procedemento, así como se define o procedemento para a solicitude do servizo de teleasistencia.

As disposicións transitorias desta orde establecen o marco normativo transitorio para os procedementos iniciados antes da data da súa entrada en vigor, a continuidade na prestación de servizos das persoas recoñecidas en situación de dependencia, os requisitos das persoas beneficiarias de servizos/libranza de atención residencial no referente á idade para o acceso a centros residenciais de atención a persoas maiores en situación de dependencia, a incompatibilidade dos servizos e das prestacións económicas derivadas do programa do cheque asistencial, a situación de transitoriedade relativa ás persoas en situación de dependencia moderada que estiveren recibindo servizos de atención residencial e o réxime transitorio para a prestación do servizo de atención de noite polos centros residenciais debidamente acreditados.

En virtude do exposto, no exercicio das atribucións conferidas segundo o artigo 38 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, así como pola disposición derradeira segunda do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro (DOG n.º 34, do 19 de febreiro) polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes, e polo artigo 34.6.º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Capítulo I

Sección 1.ª Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

1. Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia, o procedemento para a elaboración do programa individual de atención e a organización e funcionamento dos órganos técnicos competentes.

2. En particular, esta orde ten por obxecto o desenvolvemento do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, canto aos requisitos e condicións para cada tipo de servizo e/ou libranza, as intensidades de protección dos servizos, o réxime de compatibilidades entre os servizos e libranzas, os criterios para a xestión das prestacións do sistema e a efectividade delas, o procedemento de valoración e recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para os/as menores de tres anos, así como dos supostos de emerxencia social, o procedemento para o recoñecemento da efectividade do dereito ás prestacións económicas das persoas solicitantes falecidas durante a tramitación do procedemento sen recibiren atención, as comisións provinciais de coordinación e o réxime de infraccións e sancións do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. O ámbito de aplicación desta orde esténdese a todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Integración no Sistema Galego de Servizos Sociais.

1. Segundo se dispón no artigo 5 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, a Comunidade Autónoma de Galicia, no ámbito das súas competencias e de conformidade co disposto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, garante a oferta de servizos e libranzas recollidas na Lei 39/2006, do 14 de decembro, integrándoas no Sistema Galego de Servizos Sociais.

2. De conformidade co artigo 14 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, os servizos do catálogo terán carácter prioritario e serán prestadas, directa ou indirectamente, pola Comunidade Autónoma, a través da oferta pública da rede de servizos sociais de atención á dependencia.

Integran a rede pública de servizos sociais de atención á dependencia todos os servizos e programas acreditados para a atención a persoas en situación de dependencia de que sexan titulares a Xunta de Galicia, o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e do Benestar, así como o servizo de axuda no fogar de titularidade municipal, ben sexan xestionados de forma directa ou mediante concesión, concerto ou convenio específico, ou calquera outro servizo e programa que, con independencia da súa titularidade e debidamente acreditado, se integre na rede pública galega de atención á dependencia.

3. De non ser posible a atención mediante algún destes servizos e programas, procederá o recoñecemento da libranza vinculada á adquisición dun servizo. Esta prestación irá destinada á cobertura dos gastos do servizo previsto no programa individual de atención, debendo ser prestado a través dun servizo, centro ou programa acreditado para a atención á dependencia.

En consecuencia, a través daqueles recursos sociais de titularidade das entidades locais non mencionados expresamente no punto segundo ou a través daqueles de titularidade privada en relación ás prazas de que dispoñan sen concerto/convenio coa Administración autonómica, que conten coas autorizacións regulamentarias para a prestación de servizos sociais ou sociosanitarios para a atención a persoas en situación de dependencia, poderase prestar a atención a persoas beneficiarias da libranza vinculada á adquisición do servizo de acordo cos requisitos e o procedemento previsto nesta orde.

Artigo 3. Seguimento das prestacións.

1. A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, a través da consellería competente en materia de servizos sociais, e os servizos sociais de referencia da persoa beneficiaria, velarán pola correcta aplicación ou utilización dos fondos públicos, prestacións, servizos e cantos beneficios se deriven do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.

O seguimento directo e continuado da correcta aplicación do programa individual de atención e da adecuación á situación da persoa beneficiaria corresponderá aos/ás profesionais de servizos sociais comunitarios ou de atención primaria de saúde, así como de atención especializada, de ser o caso. Para estes efectos terase en conta o/a profesional de traballo social dos servizos sociais de referencia ao domicilio da persoa beneficiaria que iniciase o expediente e do recurso que finalmente se determine como modalidade de intervención.

Canto aos expedientes iniciados en atención especializada, cando non poidan garantir o correcto seguimento do PIA serán derivados aos/ás profesionais de traballo social dos servizos sociais comunitarios básicos ou de atención primaria de saúde.

2. Para o seguimento da correcta aplicación do PIA, naquelas situacións en que as persoas que teñan recoñecido un grao e nivel de dependencia solicitasen como expectativa algún dos servizos xestionados polas entidades locais ou cando estes servizos xa fosen recoñecidos no correspondente PIA, os/as profesionais de traballo social de servizos sociais comunitarios, por iniciativa da consellería con competencias en materia de servizos sociais, establecerán a coordinación mediante protocolos e sistemas de derivación e coordinación cos/as profesionais de traballo social do sistema de saúde, educación, cultura, emprego, vivenda, migracións e, se é o caso, desenvolvemento rural, co único fin de facilitar o procedemento aos/ás usuarios/as e favorecer un correcto seguimento do PIA.

3. A Administración autonómica exercerá as súas facultades inspectoras sobre as entidades, centros, servizos e programas, tanto públicos como privados, e sobre as prestacións recoñecidas, a través da consellería competente en materia de servizos sociais, coa finalidade de verificar o estrito cumprimento da normativa de aplicación nesta materia, de forma que se garantan os dereitos das persoas usuarias e se procure a mellora continua da calidade nos servizos sociais que se presten.

Artigo 4. Realización do seguimento.

1. Despois das primeiras entrevistas ás persoas en situación de dependencia e, se é o caso, ás persoas coidadoras, así como as visitas ao fogar necesarias e outras ferramentas de intervención social, o/a traballador/a social de referencia identificará aqueles aspectos do caso que requiran dunha especial atención e seguimento, así como a periodicidade con que se establecerán as distintas accións.

2. Realizarase, en todo caso, como mínimo, unha visita anual de seguimento no fogar da persoa en situación de dependencia. Durante o primeiro ano desde o recoñecemento da concreta prestación/servizo, non obstante, será preceptiva unha visita semestral. Nas situacións especiais poderá establecerse unha maior frecuencia de visitas.

3. Se o recurso é o servizo de axuda no fogar, a periodicidade establecerase con carácter bimensual, en concordancia coa Orde do 22 de xaneiro de 2009, pola que se regula o servizo de axuda no fogar.

4. As actuacións realizadas con base no seguimento deberán ser reflectidas polo/a traballador/a social de referencia no expediente de seguimento. Asemade, de verificarse a existencia de incidencias, deberá remitirse á xefatura territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais un informe de seguimento indicando, segundo os casos, a posible inadecuación do recurso aplicado, a súa posible modificación, o axuste das intensidades dos coidados ás características do caso, as circunstancias de relevancia producidas no medio familiar, así como outras circunstancias que a criterio do/a profesional se queiran facer constar. Para estes efectos a consellería con competencias en materia de servizos sociais facilitará un formulario telemático adaptado. Este seguimento profesional realizarase sen prexuízo das comunicacións e xustificacións a que está obrigada a persoa beneficiaria segundo o disposto no artigo 5 desta orde.

5. O/a profesional de referencia que realizase o seguimento emitirá un informe final dirixido á xefatura territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais, cando a persoa usuaria se traslade de localidade e o ámbito territorial impida a continuidade do seguimento, antes do arquivo do expediente de seguimento. Para estes efectos a consellería facilitará un formulario telemático adaptado. A xefatura territorial que corresponda comunicará o traslado do expediente ao/á novo/a profesional de traballo social de referencia que corresponda para os efectos da continuidade do seguimento.

Artigo 5. Obrigas e dereitos das persoas beneficiarias, das persoas coidadoras e/ou representante.

1. Son obrigas das persoas beneficiarias con carácter xeral as sinaladas no artigo 7 da Lei 13/2008, do 3 de decembro, e en particular:

a) Facilitar toda a información e datos que lle sexan requiridos e que resulten necesarios para recoñecer ou manter o dereito ás prestacións do sistema.

b) Destinar o importe da libranza á finalidade para que se lle concedeu, así como xustificar a súa aplicación.

c) Se é o caso, participar no pagamento do custo do servizo nos termos que estableza a normativa vixente que os regule.

d) Comunicar á xefatura territorial correspondente da consellería con competencias en materia de servizos sociais calquera variación da súa situación con respecto a aquela sobre a cal se concedeu a prestación, no prazo máximo de trinta días naturais contados desde que a dita variación se produza.

e) Comunicar á xefatura territorial correspondente da consellería con competencias en materia de servizos sociais, cun prazo previo de trinta días naturais, os traslados da súa residencia habitual, tanto aqueles de carácter temporal superiores a trinta días ou definitivos que se produzan dentro da mesma ou diferente localidade, a outra Comunidade Autónoma e ao estranxeiro.

f) Facilitar cantas comprobacións ou visitas á súa residencia habitual sexan necesarias para verificar o cumprimento dos requisitos e circunstancias exixidas para ser persoa beneficiaria das prestacións.

2. Se a persoa beneficiaria incumprir as obrigas establecidas no número anterior e, como consecuencia de tal incumprimento, se derivasen contías indebidamente percibidas da libranza recoñecida ou unha interrupción da participación ou unha participación insuficiente no custo dos servizos, estará obrigada ao seu reintegro ou aboamento da diferenza que corresponda; todo iso sen prexuízo da aplicación do réxime sancionador que, se é o caso, corresponda segundo o disposto no capítulo IX desta orde.

3. As persoas beneficiarias e as persoas coidadoras terán os seus dereitos como usuarios/as do Sistema Galego de Servizos Sociais, segundo o disposto no artigo 6 da Lei 13/2008, do 13 de decembro.

Sección 2.ª Órgano de valoración e asesoramento do sistema para a autonomía
e atención á dependencia

Artigo 6. Órgano de valoración e asesoramento da dependencia. Composición e réxime de funcionamento.

1. Segundo o disposto no artigo 8 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, cada órgano de valoración estará integrado por profesionais con perfil social e sanitario nomeados polo respectivo xefe/a da xefatura territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais, de entre os profesionais técnicos determinados na correspondente relación de postos de traballo na estrutura administrativa da respectiva xefatura territorial.

2. Cada órgano de valoración terá unha composición mínima dun profesional médico, un/ha psicólogo/a, un/ha traballador/a social e dun/ha terapeuta ocupacional, e pode ser integrado a maiores por outros técnicos da xefatura territorial con perfil social e sanitario.

3. Unha vez nomeados polo respectivo/a xefe/a territorial da xefatura territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais, este convocará a primeira reunión do órgano co obxecto da súa constitución formal, elixir de entre os membros o seu presidente por maioría de votos e fixar o seu réxime de funcionamento e periodicidade das sesións.

4. En cada órgano de valoración existirá un/unha presidente/a.

1) Corresponde ao/á presidente/a do órgano:

a) Exercer a representación do órgano.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates para os efectos de adoptar os acordos.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos do órgano.

g) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente do órgano.

2) Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade, ou outra causa legal, o/a presidente/a será substituído/a polo membro do órgano de valoración de maior xerarquía, antigüidade e idade, por esta orde, de entre os seus compoñentes.

5. O órgano de valoración terá un/ha secretario/a, que poderá ser membro do propio órgano ou empregado público ao servizo da xefatura territorial correspondente.

Corresponde ao/á secretario/a:

a) Asistir ás reunións con voz pero sen voto se non é membro do órgano, e con voz e voto se é membro deste.

b) Preparar o despacho dos asuntos, redactar e autorizar as actas das sesións.

c) Cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de secretario/a.

6. O réxime de funcionamento e periodicidade das sesións serán acordadas polo órgano de valoración cun mínimo de tres sesións semanais.

7. Nos demais aspectos relativos á organización e réxime de funcionamento do órgano de valoración que non se regulan expresamente neste artigo seguirase o disposto na sección 3.ª, capítulo I, do título I da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Capítulo II
Prestacións do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia

Sección 1.ª Catálogo de prestacións do Sistema para a Autonomía
e Atención á Dependencia

Artigo 7. Catálogo de servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia para o grao III, nivel 2 e 1, e para o grao II, nivel 2 e 1.

1. De conformidade co establecido no artigo 3 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, o Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia está configurado na Comunidade Autónoma de Galicia polo seguinte catálogo de servizos:

a) Servizos de prevención das situacións de dependencia e de promoción da autonomía persoal.

b) Servizo de teleasistencia.

c) Servizo de axuda no fogar.

d) Servizo de atención diúrna e de atención de noite para persoas en situación de dependencia:

1. Servizo de atención diúrna para persoas maiores.

2. Servizo de atención diúrna para persoas menores de 65 anos.

3. Servizo de atención diúrna especializada.

4. Servizo de atención de noite.

e) Servizo de atención residencial para persoas en situación de dependencia:

1. Servizo residencial de persoas en situación de dependencia.

2. Estadías temporais en residencia.

3. Servizo de atención residencial a persoas en situación de dependencia, en razón dos distintos tipos de discapacidade.

f) Outros servizos de atención a persoas en situación de dependencia, en razón dos distintos tipos de discapacidade.

2. Os centros e servizos citados estarán suxeitos ao previsto na normativa vixente da Comunidade Autónoma de Galicia que regule a calidade, condicións e réxime de prestación dos servizos.

Artigo 8. Libranzas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia para o grao III, nivel 2 e 1, e para o grao II, nivel 2 e 1.

De conformidade co establecido no artigo 4 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, as libranzas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia son as seguintes:

a) A libranza vinculada ao servizo, que ten por finalidade facilitar, por medio dunha achega económica, a adquisición dun servizo privado dos enumerados no artigo 7.1 desta orde, cando non sexa posible ser prestado mediante a oferta pública da rede de servizos sociais de atención á dependencia definida no artigo 2.2 desta orde.

b) A libranza para coidados no medio familiar, cuxa finalidade é que, con carácter excepcional, a persoa en situación de dependencia reciba no seu medio familiar os coidados non profesionais que precise e así se determine no correspondente programa individual de atención.

c) A libranza de asistencia persoal, que terá por obxecto a promoción da autonomía das persoas en situación de gran dependencia e dependencia severa, neste último suposto como complemento adicional da Comunidade Autónoma.

Artigo 9. Catálogo de servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia para o grao I, nivel 2 e 1.

1. De conformidade co establecido no Real decreto 175/2011, do 11 de febreiro, polo que se modifica o Real decreto 727/2007, do 8 de xuño, sobre criterios para determinar as intensidades de protección dos servizos e a contía das prestacións económicas da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, e o Real decreto 615/2007, do 11 de maio, polo que se regula a Seguridade Social dos coidadores das persoas en situación de dependencia, o Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia está configurado polo seguinte catálogo de servizos:

a) Servizos de prevención das situacións de dependencia.

b) Servizos de promoción da autonomía persoal.

1. Servizo de habilitación e terapia ocupacional.

2. Servizo de atención temperá.

3. Servizo de estimulación cognitiva.

4. Servizo de promoción, mantemento e recuperación da autonomía funcional.

5. Servizo de habilitación psicosocial para persoas con enfermidade mental ou discapacidade intelectual.

6. Servizo de apoios persoais e coidados en equipamentos especiais.

c) Servizo de teleasistencia.

d) Servizo de axuda no fogar.

e) Servizo de atención diúrna e de atención de noite para persoas en situación de dependencia:

1. Servizo de atención diúrna para persoas maiores.

2. Servizo de atención diúrna para persoas menores de 65 anos.

3. Servizo de atención diúrna especializada.

4. Servizo de atención de noite.

2. Os centros e servizos citados estarán suxeitos ao previsto na normativa vixente da Comunidade Autónoma de Galicia que regule a calidade, condicións e réxime de prestación dos servizos.

3. A prevención será prioritaria para as persoas en situación de dependencia en grao I, co obxecto de previr o agravamento do seu grao e nivel de dependencia, polo que debe formar parte de todas as actuacións que se realicen no ámbito do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia.

4. Os plans de prevención das situacións de dependencia, elaborados pola Comunidade Autónoma, concretarán no seu correspondente ámbito territorial os criterios, recomendacións e condicións mínimas que estableza o Consello Territorial do SAAD.

Artigo 10. Libranzas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia para o grao I, nivel 2 e 1.

De conformidade co establecido no Real decreto 175/2011, do 11 de febreiro, as libranzas do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia son as seguintes:

a) A libranza vinculada ao servizo, que ten por finalidade facilitar, por medio dunha achega económica, a adquisición dun servizo dos enumerados no artigo 9.1 desta orde, cando non sexa posible ser prestado mediante a oferta pública da rede de servizos sociais de atención á dependencia definida no artigo 2.2 da mesma orde.

b) A libranza para coidados no medio familiar, cuxa finalidade é que, con carácter excepcional, a persoa en situación de dependencia reciba no seu medio familiar os coidados non profesionais que precise e así se determinen no correspondente programa individual de atención.

Sección 2.ª Requisitos xerais para o acceso ás prestacións do catálogo do sistema
para a autonomía e atención á dependencia

Artigo 11. Requisitos xerais para ser persoa beneficiaria.

Poderán ser persoas beneficiarias das prestacións reguladas na presente orde as persoas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Ter o recoñecemento da situación de dependencia nalgún dos graos establecidos na Lei 39/2006, do 14 de decembro, segundo o disposto no artigo 2 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, conforme o calendario de aplicación progresiva establecido na disposición derradeira primeira da citada lei.

b) Que a prestación sexa determinada como a modalidade de intervención máis axeitada, segundo as necesidades de atención da persoa en situación de dependencia, no programa individual de atención.

c) Que se acredite o cumprimento dos requisitos específicos para o aceso ás prestacións que correspondan en cada caso, conforme a normativa vixente.

d) Que a percepción da prestación se adecue ao réxime de compatibilidades regulada no capítulo III da presente orde.

Sección 3.ª Requisitos específicos de acceso e intensidade dos servizos

Subsección 1.ª Requisitos e intensidade dos servizos

Artigo 12. Intensidades dos servizos.

1. A intensidade dos servizos do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia establecerase no correspondente programa individual de atención. A intensidade determinarase polo contido prestacional de cada un dos servizos asistenciais e pola súa duración ou extensión segundo o grao e nivel de dependencia recoñecido, nos termos establecidos nos artigos seguintes.

2. Enténdense por servizos asistenciais os que ten que recibir a persoa en situación de dependencia para a súa atención e coidado persoal na realización das actividades da vida diaria, así como os que teñen como finalidade a promoción da súa autonomía persoal.

Artigo 13. Intensidade dos servizos de prevención das situacións de dependencia.

1. As persoas en situación de dependencia nalgún dos graos establecidos poderán recibir servizos de prevención co obxecto de manteren a súa autonomía e adiaren o posible agravamento da súa dependencia, incluíndo esta atención nos programas de teleasistencia, axuda no fogar, dos servizos de atención diúrna e de atención residencial.

2. Os servizos de prevención das situacións de dependencia tamén poderán estar orientados a afrontar circunstancias adversas e críticas, situacións de especial risco que poden agravar a situación de dependencia dunha persoa, circunstancias tales como, entre outras, a aparición de alteracións na saúde mental, a aparición de enfermidades graves, tanto na persoa como nas persoas coidadoras non profesionais, e aparición de situacións traumáticas e procesos de cambio.

3. Sen prexuízo do establecido no parágrafo anterior e de conformidade co previsto no artigo 21 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, a Comunidade Autónoma de Galicia elaborará plans de prevención das situacións de dependencia, nos cales se determinarán as intensidades dos servizos de prevención, segundo os criterios que se establezan no Consello Territorial do SAAD.

Artigo 14. Intensidade dos servizos de promoción da autonomía persoal.

1. Os servizos de promoción da autonomía persoal teñen por finalidade desenvolver e manter a capacidade persoal de controlar, afrontar e tomar decisións acerca de como vivir de acordo coas normas e preferencias propias e facilitar a execución das actividades básicas da vida diaria, de xeito que todas as persoas poidan levar unha vida o máis autónoma posible.

2. Son servizos de promoción da autonomía persoal os servizos enumerados no artigo 9.1.b), así como calquera outro programa de intervención que se estableza coa mesma finalidade, segundo os criterios que se acorden no seo do Consello Territorial do SAAD para cada grao e nivel de dependencia.

Artigo 15. Servizo de habilitación e terapia ocupacional.

1. Son servizos de habilitación e terapia ocupacional o conxunto de intervencións dirixidas, en función das necesidades de cada persoa, a previr ou reducir unha limitación na actividade ou alteración da función física, intelectual, sensorial ou mental, así como a manter ou mellorar as habilidades xa adquiridas, coa finalidade de conseguir o maior grao posible de autonomía persoal, adaptación ao seu contorno, mellora na calidade de vida e integración na vida comunitaria.

2. Serán persoas beneficiarias dos servizos de habilitación e terapia ocupacional as que teñan dificultades para realizar as actividades da vida diarias (AVD), fundamentalmente con problemas do desempeño de tipo F, mesmo algúns de tipo C como nos casos de dano cerebral sobrevido, segundo a descrición especificada no anexo VI.

3. As actuacións estarán orientadas preferentemente ao desenvolvemento persoal e a integración na vida comunitaria e nun contorno normalizado. Serán planificadas por un equipo multiprofesional competente para atender as necesidades da persoa beneficiaria.

Así, centraranse nalgunha das seguintes áreas: psicomotora, autonomía persoal, así como nas áreas de comunicación, linguaxe, cognitivo-condutual e social.

Artigo 16. Servizo de atención temperá.

1. O servizo de atención temperá é o conxunto de actuacións preventivas, de diagnóstico e de intervención que de forma coordinada se dirixen á poboación infantil de 0 a 6 anos, á familia e ao seu contorno, que teñen por finalidade dar resposta o máis axiña posible ás necesidades transitorias ou permanentes que presentan os nenos e nenas con trastornos no seu desenvolvemento ou que teñen risco de padecelos. Estas actuacións, que deben considerar a globalidade do neno ou da nena, deben ser programadas e executadas por equipos multidisciplinares.

2. Serán persoas beneficiarias os nenos e nenas de 0 a 6 anos aos cales se detecte algún tipo de limitación na actividade, discapacidade, trastorno no desenvolvemento ou risco de padecelos, sen perxuízo de que a faceta preventiva deba estenderse tamén a todo o ámbito familiar, así como ao seu contorno próximo cando se considere procedente.

3. Estableceranse programas de atención temperá orientados á prevención, á consecución do nivel óptimo do desenvolvemento evolutivo do neno e da nena e á redución das consecuencias negativas das discapacidades, alteracións e trastornos do desenvolvemento. As estratexias de atención temperá realizaranse, preferentemente, no contorno normalizado en que se desenvolve a vida do neno ou da nena.

A faceta preventiva debe estenderse tamén ao ámbito familiar, así como ao seu contorno próximo cando se considere procedente, considerando ambos os dous ámbitos como parte do programa de intervención.

4. As técnicas e programas estarán destinadas ao:

a) Desenvolvemento psicomotor.

b) Desenvolvemento cognitivo.

c) Desenvolvemento da linguaxe e a comunicación.

d) Desenvolvemento da autonomía.

e) Desenvolvemento da área social e afectiva.

f) Apoio, información, habilitación e formación da familia.

Artigo 17. Servizo de estimulación cognitiva.

1. O servizo de estimulación cognitiva é o tratamento terapéutico que, por medio das técnicas adecuadas, ten por finalidade manter, mellorar o funcionamento dalgunha ou dalgunhas das capacidades cognitivas superiores (razoamento, memoria, atención, concentración, linguaxe e similares), das capacidades funcionais, a conduta e/ou a afectividade.

2. Serán persoas beneficiarias as persoas con deterioración cognitiva, sobrevida ou dexenerativa, dano cerebral ou alteración das funcións mentais superiores debidas ao envellecemento, trastorno mental, discapacidade intelectual ou por etioloxía non filiada.

3. As actuacións orientaranse a atrasar, e a ser posible minorar, a deterioración cognitiva, para manter as habilidades psicosociais necesarias nas actividades da vida diaria e toma de decisións.

Realizaranse algunha das seguintes actuacións, individuais ou en grupo, de estimulación da memoria, concentración e redución da fatiga, atención, razoamento, abstracción, orientación, linguaxe, funcións executivas, cálculo, lecto-escritura, intervencións sobre as afasias, así como información, asesoramento e apoio ás persoas coidadoras.

Artigo 18. Servizo de promoción, mantemento e recuperación da autonomía funcional.

1. O servizo de promoción, mantemento e recuperación da autonomía funcional é o conxunto de intervencións orientadas a manter ou mellorar a capacidade para realizar as AVD, evitar a aparición de limitacións na actividade, deficiencias ou déficits secundarios e potenciar o desenvolvemento persoal e a integración social, todo isto co fin de alcanzar o maior nivel de autonomía e calidade de vida.

2. Serán persoas beneficiarias as persoas con alteracións ou perda funcional de tipo físico (limitacións psicomotoras, trastornos motores, perda de dominancia lateral, trastornos da praxes ou con déficits sensoriais, entre outras) intelectual ou mental, que ocasionan problemas do desempeño tipo F, segundo a descrición especificada no anexo VI.

3. Con carácter xeral as actuacións levaranse a cabo enfocadas ao mantemento das persoas no seu medio físico e relacional.

As diversas actuacións abranguerán, polo menos, algún ou varios dos seguintes aspectos:

a) Programas de asesoramento e adestramento no uso de produtos e tecnoloxías de apoio.

b) Asesoramento sobre adaptación funcional da vivenda.

c) Información sobre técnicas de conservación de enerxía, economía articular e hixiene postural.

d) Educación e adestramento no manexo de próteses e órteses para a vida diaria.

e) Valoración da necesidade de adaptacións do contorno doméstico, ocupacional de lecer no cal se desenvolven habitualmente as persoas, así como asesoramento e, no caso preciso, adestramento.

f) Adestramento para a integración familiar, comunitaria e social.

g) Orientación para a organización eficaz das actividades da vida diaria.

h) Asesoramento, adestramento e apoio ás persoas coidadoras para a aplicación das actuacións anteriormente citadas.

Artigo 19. Servizo de habilitación psicosocial para persoas con enfermidade mental ou discapacidade intelectual.

1. O servizo de habilitación psicosocial para persoas con enfermidade mental ou discapacidade intelectual é o conxunto de actuacións encamiñadas a prestar apoios, transitorios ou permanentes, a persoas con discapacidade intelectual ou con enfermidade mental, a fin de mellorar as súas posibilidades de manterse no contorno familiar e social nas condicións máis normalizadas e independentes que sexa posible.

2. Serán persoas beneficiarias as persoas con dificultades no desempeño tipo C ou I orixinada por calquera trastorno mental grave, discapacidade intelectual e similares, segundo a descrición especificada no anexo VI.

3. Realizaranse actuacións, individuais ou en grupo, encamiñadas a:

a) Adestrar en habilidades persoais e sociais.

b) Crear estratexias psicoeducativas.

c) Desenvolver redes sociais e de apoio en que participe a familia.

d) Apoiar a inserción laboral.

4. A execución das ditas actuacións realizarase mediante:

a) A avaliación funcional das habilidades da persoa usuaria en relación coas exixencias do seu contorno.

b) O adestramento nas habilidades necesarias.

c) O seguimento da persoa usuaria nos diferentes ambientes do seu contorno.

d) A implicación da persoa usuaria e a súa familia.

Artigo 20. Servizo de apoios persoais e coidados en equipamentos especiais.

Os diferentes servizos de promoción da autonomía persoal poderanse prestar en equipamentos especiais como servizos de apoios persoais e coidados.

Artigo 21. Localización e prestación dos servizos.

Os sinalados servizos de promoción da autonomía persoal poderanse prestar nos diferentes dispositivos que configuran a actual oferta pública da rede de servizos sociais de atención á dependencia na Comunidade Autónoma, segundo o disposto no artigo 2.2.

Artigo 22. Intensidade dos servizos de promoción da autonomía persoal.

1. A intensidade dos servizos de promoción da autonomía persoal axustarase ao seguinte intervalo de protección, sen prexuízo do previsto nos parágrafos seguintes para a atención temperá e os de promoción, mantemento e recuperación da autonomía funcional:

Grao de dependencia

Horas de atención

Grao III, nivel 2

70-90 h/mes

Grao III, nivel 1

55-70 h/mes

Grao II, nivel 2

40-55 h/mes

Grao II, nivel 1

30-40 h/mes

Grao I, nivel 2

20-30 h/mes

Grao I, nivel 1

12-19 h/mes

2. Para a atención temperá, establécese a seguinte intensidade máxima:

Grao de dependencia

Horas de atención

Grao III, nivel 2

18 h/mes

Grao III, nivel 1

14 h/mes

Grao II, nivel 2

11 h/mes

Grao II, nivel 1

8 h/mes

Grao I, nivel 2

6 h/mes

Grao I, nivel 1

6 h/mes

3. Para os servizos de promoción, mantemento e recuperación da autonomía funcional, establecerase a seguinte intensidade máxima:

Grado I. Dependencia moderada

Horas de atención

Niveles 2 e 1

15 h/mes

4. A concreción da intensidade determinarase no programa individual de atención, de conformidade coas horas mensuais que se establezan en función das actividades da vida diaria en que a persoa en situación de dependencia precise apoios ou coidados.

5. A Comunidade Autónoma poderá desenvolver accións e programas con carácter complementario ás prestacións contidas no programa individual de atención tales como asesoramento, acompañamento activo, orientación, asistencia e formación en tecnoloxías de apoio e adaptacións que contribúan a facilitar a realización das actividades da vida diaria.

6. A intensidade deste servizo adecuarase ás necesidades persoais de promoción da autonomía e á infraestrutura dos recursos existentes, recolléndose nos plans de promoción da autonomía persoal da Comunidade Autónoma de Galicia en desenvolvemento dos criterios que estableza o Consello Territorial do SAAD.

Artigo 23. Intensidade do servizo de teleasistencia.

1. O servizo de teleasistencia ten por finalidade facilitar a asistencia mediante o uso de tecnoloxías da información e da comunicación, observando as medidas de accesibilidade adecuadas para cada caso, e apoio dos medios persoais necesarios en resposta inmediata ante situacións de emerxencia, de inseguranza, soidade ou illamento, co fin de favorecer a súa permanencia no contorno habitual.

2. Este servizo de teleasistencia comprende, co carácter de mínimos, as seguintes medidas:

a) Apoio inmediato, a través da liña telefónica, a demandas ante situacións de soidade, angustia, accidentes domésticos, caídas e enfermidades.

b) Seguimento permanente desde o centro de atención mediante chamadas telefónicas periódicas.

c) Mobilización de recursos ante situacións de emerxencia sanitaria, doméstica ou social.

d) Funcións de axenda co obxecto de lembrar á persoa beneficiaria datos importantes sobre a súa saúde, toma de medicacións, realización de xestións ou outras actividades de análoga natureza.

3. Este servizo prestarase as vinte e catro horas do día, durante todo o ano, en todos os graos e niveis de dependencia.

4. Asemade, poderase contemplar no programa individual de atención servizos de teleasistencia avanzada con apoios complementarios, cuxo contido determinará a Comisión Delegada do Consello Territorial do SAAD e será desenvolvido pola Comunidade Autónoma.

5. O servizo de teleasistencia prestarase conforme o establecido no programa individual de atención.

Artigo 24. Intensidade do servizo de axuda no fogar.

1. O servizo de axuda no fogar constitúeo o conxunto de actuacións levadas a cabo no domicilio das persoas en situación de dependencia co fin de atender ás necesidades da vida diaria e incrementar a súa autonomía, posibilitando a permanencia no seu domicilio.

2. O servizo de axuda no fogar inclúe a atención persoal na realización das actividades da vida diaria e a cobertura das necesidades domésticas mediante os servizos previstos no artigo 23 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e os que se establecen na Orde do 22 de xaneiro de 2009 pola que se regula o servizo de axuda no fogar na Comunidade Autónoma de Galicia.

3. A intensidade do servizo de axuda no fogar determinarase no programa individual de atención e establecerase en número de horas mensuais de servizos asistenciais, mediante intervalos en función do grao e nivel de dependencia e da súa condición de axuda no fogar intensiva ou non intensiva segundo o seguinte:

a) Entenderase por axuda no fogar intensiva, en función do grao e nivel de dependencia e número de horas ao mes de atención, a seguinte:

Grao de dependencia

Horas de atención

Grao III nivel 2

70-90 horas/mes

Grao III nivel 1

55-70 horas/mes

Grao II nivel 2

40-55 horas/mes

Grao II nivel 1

30-40 horas/mes

Grao I, nivel 2

21-30 horas/mes

Grao I, nivel 1

12-20 horas/mes

b) Entenderase por servizo de axuda no fogar non intensivo, en función do grao e nivel de dependencia e número de horas ao mes de atención, cando así o determine o programa individual de atención compatibilizando este servizo con outros servizos e/ou libranzas tal e como se recolle no capítulo III desta orde, o seguinte:

Grao de dependencia

Horas de atención

Grao III nivel 2

Ata 45 horas/mes

Grao III nivel 1

Ata 35 horas/mes

Grao II nivel 2

Ata 28 horas/mes

Grao II nivel 1

Ata 20 horas/mes

Grao I, nivel 2

Ata 15 horas/mes

Grao I, nivel 1

Ata 10 horas/mes

Artigo 25. Intensidade dos servizos de atención diúrna e de noite.

1. O servizo de atención diúrna é aquel que lles ofrece unha atención integral durante o período diúrno ás persoas en situación de dependencia co obxectivo de mellorar ou manter o nivel de autonomía persoal, así como apoiar as súas familias ou persoas coidadoras.

2. A intensidade dos servizos de atención diúrna poderá ser en xornada intensiva ou en horario non intensivo:

a) Entenderase por servizo de atención diúrna en xornada intensiva a asistencia ao centro nun horario como máximo de 8 horas diarias de luns a venres, en función da intensidade máxima segundo o grao e nivel de dependencia e cando así o determine o programa individual de atención tendo en conta as necesidades da persoa en situación de dependencia. A intensidade do servizo de atención diúrna intensiva, segundo o grao e nivel recoñecido, será a seguinte:

Grao de dependencia

Horas de atención

Grao III nivel 2

160 ou máis horas/mes

Grao III nivel 1

160 ou máis horas/mes

Grao II nivel 2

160 ou máis horas/mes

Grao II nivel 1

160 ou máis horas/mes

Grao I, nivel 2

100 horas/mes

Grao I, nivel 1

60 horas/mes

b) Considérase por servizo de atención diúrna en horario non intensivo un número de horas ao mes inferior ao sinalado no punto anterior, en función do grao e nivel de dependencia e da intensidade horaria establecida para este servizo, segundo o que se determine no programa individual de atención e que poderá compatibilizarse con algún dos servizos e/ou libranzas tal e como se recolle no capítulo III da presente orde.

3. O centro de día axustará os servizos establecidos no artigo 24 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, ás necesidades das persoas en situación de dependencia moderada.

4. Tendo en conta a tipoloxía de centros establecida no artigo 15.1.d) da Lei 39/2006, do 14 de decembro, os centros de día adecuaranse para ofrecer ás persoas en situación de dependencia atención especializada de acordo coa súa idade e os coidados que requiren.

5. O servizo de atención de noite ten por finalidade dar resposta ás necesidades da persoa en situación de dependencia que precise atención durante a noite. Este servizo poderase prestar en equipamentos debidamente acreditados para a prestación do servizo de estadía nocturna.

6. A intensidade dos servizos de atención de noite prestarase nun horario de 20:00 horas ata as 10:00 horas do día seguinte, segundo o establecido no programa individual de atención, adecuándose ás peculiaridades das persoas en situación de dependencia.

7. Cando sexa necesario, o correspondente programa individual de atención fará constar as dificultades de mobilidade da persoa en situación de dependencia e a imposibilidade da utilización dos medios de transporte habituais para os efectos da prestación dun servizo complementario de transporte adaptado para a asistencia ao centro. O servizo de transporte adaptado poderá ser prestado pola entidade prestadora do servizo principal, ou conforme o establecido e segundo os requisitos do Decreto 195/2007, do 13 de setembro, polo que se regula o servizo galego de apoio á mobilidade persoal para persoas con discapacidade ou en situación de dependencia.

Artigo 26. Intensidade do servizo de atención residencial.

1. O servizo de atención residencial ofrece unha atención integral, continuada e personalizada ás persoas en situación de dependencia, tendo en conta a natureza da situación de dependencia, o seu grao e nivel e a intensidade de coidados que precise a persoa.

2. O servizo de atención residencial terá carácter permanente cando o centro de atención residencial sexa a residencia habitual da persoa. Terá a consideración de temporal cando se atendan estadías temporais de convalecencia ou durante vacacións, fins de semana, enfermidades ou períodos de descanso das persoas coidadoras non profesionais.

3. O servizo de estadías temporais poderase prestar nos centros debidamente acreditados e non terá unha duración superior a corenta e cinco días ao ano no suposto de períodos de descanso das persoas coidadoras non profesionais.

A persoa en situación de dependencia gozará, nestes casos, dos mesmos dereitos e obrigas que as persoas residentes con carácter permanente durante o tempo que permaneza neste servizo.

Subsección 2.ª Suspensión e extinción dos servizos

Artigo 27. Suspensión temporal dos servizos de prevención das situacións de dependencia e de promoción da autonomía persoal, de teleasistencia, do servizo de axuda no fogar e do servizo de atención diúrna e de noite.

Os servizos de prevención das situacións de dependencia e de promoción da autonomía persoal, de teleasistencia, de axuda no fogar e de atención diúrna e de noite suspenderanse temporalmente durante o internamento da persoa beneficiaria nunha institución sanitaria, durante a súa estadía temporal nun centro de atención residencial ou no suposto de ausencia temporal do domicilio, nos cales se poderá suspender por un período máximo de tres meses. No suposto de ausencia temporal do domicilio a persoa en situación de dependencia deberá de acreditar as causas que motivan a súa ausencia. Para estes efectos, tales circunstancias deberán ser obxecto de comunicación nos termos establecidos no artigo 5 da presente orde.

Artigo 28. Suspensión temporal do servizo de atención residencial.

O servizo de atención residencial suspenderase temporalmente como consecuencia do internamento da persoa beneficiaria en institucións sanitarias ou por convivencia familiar fóra do medio residencial; neste último suposto o período de suspensión non poderá ser superior a corenta e cinco días ao ano. Para estes efectos, tales circunstancias deberán ser obxecto de comunicación nos termos establecidos no artigo 5 da presente orde.

Artigo 29. Extinción dos servizos.

Son causas de extinción dos servizos:

a) O falecemento, ou declaración de falecemento, da persoa en situación de dependencia.

b) A renuncia expresa da persoa en situación de dependencia ou do seu representante. Entenderase igualmente por renuncia non proceder á alta no servizo no prazo fixado por causa imputable á persoa usuaria.

c) A perda dalgún dos requisitos exixidos na normativa vixente para a súa percepción.

d) A ocultación ou falsidade nos datos e/ou documentos que deben ser tidos en conta para a concesión do servizo que determinase a imposibilidade do seu desfrute ou a variación nas condicións deste.

e) A percepción doutra prestación incompatible.

f) A revisión do programa individual de atención no cal se determine outra modalidade de intervención.

g) O traslado definitivo da súa residencia a outro municipio ou provincia, cando este traslado signifique a imposibilidade de prestar o servizo, así como nos supostos de traslado definitivo da súa residencia a outra Comunidade Autónoma.

h) O incumprimento dos deberes e obrigas establecidos para as persoas usuarias dos servizos que signifique a imposición dunha sanción que implique a extinción da prestación do servizo, conforme a normativa vixente.

i) O transcurso do prazo máximo establecido para a suspensión do servizo sen que a persoa beneficiaria se incorpore ao seu desfrute do mesmo.

j) Por calquera outra causa establecida para o efecto na normativa vixente.

Sección 4.ª Requisitos específicos e intensidades das libranzas

Subsección 1.ª Criterios xerais

Artigo 30. Libranzas.

1. Son libranzas do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia aquelas prestacións económicas de carácter periódico destinadas a cofinanciar os gastos derivados da atención ás persoas en situación de dependencia e da promoción da autonomía persoal.

2. As libranzas do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia son as seguintes:

2.1. Libranza para coidados no contorno familiar.

2.2. Libranza de asistencia persoal.

2.3. Libranza vinculada ao servizo.

Artigo 31. Criterios de prelación no acceso ás libranzas.

A orde de prelación no recoñecemento da efectividade das libranzas a que se refire o artigo anterior será o seguinte:

a) Grao e nivel de dependencia, segundo o calendario de aplicación sinalado na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro.

b) Menor capacidade económica.

c) Data de presentación da solicitude.

Subsección 2.ª Requisitos específicos da libranza vinculada ao servizo

Artigo 32. Libranza vinculada ao servizo.

1. A kibranza vinculada ao servizo consiste nunha achega económica de carácter periódico que ten por finalidade contribuír ao financiamento do custo dos servizos que se determinen no programa individual de atención como os máis axeitados para a persoa en situación de dependencia e sexan prestados por entidades debidamente acreditadas para a atención á dependencia, cando non sexa posible o acceso a un servizo público.

2. No caso de que, dispoñendo de servizo público e, unha vez ofrecido o servizo pola Administración, a persoa usuaria optase por non facer uso del, procederase a excluílo do programa de asignación de recursos regulado no título II do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, e porase fin ao expediente de conformidade co disposto no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Non obstante, cando así o solicite o/a interesado/a, poderá recoñecerse o dereito á libranza vinculada ao servizo con carácter prioritario cando a persoa usuaria xa estivese recibindo o servizo por unha entidade privada debidamente acreditada para a atención á dependencia.

4. No caso de que a libranza a recoñecer estea vinculada á obtención dos servizos de axuda a domicilio e teleasistencia, acreditarase previamente de oficio que os devanditos servizos non poden ser facilitados, nese momento, polas administracións públicas que os xestionan. No caso do servizo de axuda a domicilio, terase en conta para valorar a súa dispoñibilidade a intensidade de protección establecida pola normativa vixente, segundo o grao e nivel de dependencia recoñecido á persoa beneficiaria.

Artigo 33. Requisitos específicos.

Ademais dos requisitos xerais establecidos no Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, e na presente orde, para a elaboración do programa individual de atención e o recoñecemento do dereito á libranza vinculada ao servizo deberanse cumprir as seguintes condicións:

a) Que o servizo o que se vai vincular a libranza se preste a través de centro ou servizo debidamente acreditado para a atención á dependencia segundo a normativa vixente na Comunidade Autónoma de Galicia. A xefatura territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais comprobará de oficio o cumprimento do requisito da acreditación.

b) Se a persoa beneficiaria estiver recibindo o servizo durante a elaboración da proposta do programa individual de atención deberá presentar:

1. Orixinal ou copia compulsada do certificado do número de conta bancaria en que figure a persoa en situación de dependencia e, se é o caso, o/a titor/a ou o/a representante, coma persoa titular.

2. Orixinal ou copia compulsada do contrato asinado por ambas as dúas partes ou certificado do centro que acredite a data de acceso ao servizo e, no caso dos servizos de atención diúrna e de axuda no fogar, o número de horas/mes de atención.

3. Orixinal ou copia compulsada da última factura emitida, se o prezo do servizo é fixo. Se nas distintas mensualidades satisfeitas o importe for variable, deberán presentar a totalidade das facturas emitidas.

c) No caso de non estar recibindo o servizo durante a elaboración do programa individual de atención:

1. Orixinal ou copia compulsada do certificado do número de conta bancaria en que figure a persoa en situación de dependencia e, se é o caso, o seu titor/representante, como titular.

2. Orzamento emitido pola entidade prestataria do servizo que se vai contratar. Posteriormente á notificación da resolución pola que se aprobe o PIA, o/a interesado/a ou o/a representante deberá acreditar a contratación efectiva dese mesmo servizo no prazo máximo de 30 días naturais desde o día seguinte á notificación da resolución do PIA.

Artigo 34. Determinación da contía.

A contía da libranza vinculada ao servizo en ningún caso poderá ser superior ao importe aboado pola persoa beneficiaria polos servizos recibidos.

A determinación da contía individual da libranza efectuarase en función do grao e nivel de dependencia recoñecido, da dedicación horaria dos coidados e da capacidade económica, de acordo co establecido nos artigos 47, 56 e 57 desta orde.

A contía individual da libranza vinculada ao servizo de teleasistencia non poderá ser superior ao 85,00% do custo do servizo que se xustifique en relación con aquelas persoas beneficiarias cunha capacidade económica igual ou superior ao IPREM.

Subsección 3.ª Libranza para coidados no contorno familiar

Artigo 35. Libranza para coidados no contorno familiar.

Con carácter excepcional poderá recoñecerse a libranza para coidados no contorno familiar, que consistirá nunha contía económica de carácter periódico cuxa finalidade é proporcionar á persoa beneficiaria recursos económicos para contribuír á cobertura dos gastos derivados da atención prestada pola persoa coidadora non profesional co obxecto de posibilitar a permanencia da persoa beneficiaria no seu domicilio habitual, sempre e cando o programa individual de atención determine esta modalidade de intervención como a máis adecuada entre as do catálogo de prestacións, tendo en conta o grao e nivel de dependencia recoñecido e as necesidades de atención da persoa en situación de dependencia.

Artigo 36. Requisitos xerais da libranza para coidados no contorno familiar.

1. Como regra xeral, non se admitirá no PIA que unha persoa que estivese sendo atendida nun servizo deixe de facelo para poder recibir a libranza de coidados no contorno familiar.Non obstante, cando existan razóns que xustifiquen a inadecuación dun servizo ás necesidades da persoa, ou cambios nas condicións persoais, familiares ou do contorno desta que así o aconsellen, poderase admitir un PIA ou unha modificación del en que se contemple a libranza de coidados no contorno familiar.

Asemade, no caso de que a persoa en situación de dependencia moderada viñera recibindo un servizo dos previstos para o seu grao e nivel de dependencia, na resolución de concesión das prestacións manterase, cando menos, o mesmo servizo ou outro coa mesma intensidade. No caso de que o dito servizo sexa incompatible coa libranza de coidados no contorno familiar, non se concederá esta.

2. No caso de persoas con discapacidade que terminan a súa formación, e sen prexuízo do réxime de compatibilidades establecido nesta orde, non poderá acordarse só a libranza de coidados no contorno familiar cando existan servizos que permitan continuar o seu proceso de inserción socio-laboral e de promoción da autonomía persoal.

3. A concesión da libranza de coidados no contorno familiar debe conlevar a designación dunha persoa coidadora principal, que deberá asumir a responsabilidade do coidado, aínda que no exercicio das funcións de coidado poida estar apoiada por outras persoas.

4. Como regra xeral, unha mesma persoa non poderá ser coidador/a, a dedicación completa, de máis de dúas persoas en situación de dependencia. Excepcionalmente, unha persoa en situación de dependencia poderá ser atendida no seu domicilio habitual e simultaneamente por un máximo de dúas persoas coidadoras non profesionais a tempo parcial.

5. Excepcionalmente, no caso de varias persoas coidadoras que se sucedan de forma rotatoria, con cambio ou non de domicilio da persoa en situación de dependencia, determinaranse claramente os períodos de tempo que corresponden a cada unha delas dentro do período do ano natural, sen que poida establecerse para cada unha delas un período continuado inferior a tres meses.

Artigo 37. Requisitos específicos para o acceso á libranza para coidados no contorno familiar.

1. Para adquirir a condición de persoa beneficiaria é necesario, ademais do establecido no artigo 2 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, e no artigo 11 da presente orde, reunir os seguintes requisitos:

a) Que o programa individual de atención da persoa beneficiaria determine a adecuación desta prestación.

b) Que o expediente non sexa susceptible de tramitación como emerxencia social, segundo o establecido no artigo 16 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

c) Que os coidados que se deriven da súa situación de dependencia se estean a prestar no seu domicilio habitual e con carácter previo á solicitude, debendo residir a persoa en situación de dependencia no dito domicilio como mínimo 9 meses ao ano.

d) Que se dean as condicións axeitadas de convivencia e habitabilidade da vivenda para a prestación dos coidados necesarios. Valoraranse as condicións axeitadas de habitabilidade da vivenda, entre as cales se terá en conta a accesibilidade suficiente que permita o exercicio das funcións de coidado persoal.

A convivencia no mesmo domicilio constituirá un elemento referencial de condición axeitada. Tamén o será a proximidade física dos respectivos domicilios na medida en que permita dispensar unha atención pronta e axeitada á persoa en situación de dependencia. No informe que elaboren os servizos sociais comunitarios, de saúde ou especializados, de ser o caso, debe quedar constancia de que se dan as condicións de habitabilidade, convivencia e relación de parentesco. No suposto de persoas ás cales se lle recoñecese o grao I, de dependencia moderada, será requisito o de que a persoa coidadora conviva coa persoa en situación de dependencia no mesmo domicilio.

2. Respecto da persoa coidadora non profesional encargada da atención da persoa en situación de dependencia, deberán acreditarse os seguintes requisitos:

a) Residir legalmente en España e estar empadroado nun municipio na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Ser cónxuxe ou familiar por consanguinidade, afinidade ou adopción, ata o terceiro grao de parentesco. A atención e coidados que preste a persoa coidadora non profesional á persoa beneficiaria desenvólvense no marco da relación familiar e, en ningún caso no dunha relación contractual, xa sexa laboral ou doutra índole. Enténdense como situacións asimiladas á relación familiar, a parella de feito, titor/a e persoa designada, administrativa ou xudicialmente, con funcións de acollemento.

c) Excepcionalmente, e cando a persoa en situación de dependencia teña o seu domicilio nun contorno caracterizado pola insuficiencia de recursos públicos ou privados acreditados, a despoboación, a ausencia de rede de apoio familiar, as circunstancias xeográficas ou doutra natureza que impidan ou dificulten outras modalidades de atención, poderá ter a condición de persoa coidadora non profesional a persoa que, aínda non tendo grao de parentesco, resida no mesmo municipio ou noutro veciño. Para estes efectos é preciso que a persoa coidadora residise no municipio ou noutro veciño durante o período previo dun ano, contado desde a data de presentación da solicitude de recoñecemento da situación de dependencia.

Considéranse circunstancias doutra natureza que impidan ou dificulten outras modalidades de atención, entre outras, a pertenza da persoa en situación de dependencia a comunidades relixiosas cando a atención a través doutras prestacións do SAAD poidan perturbar o desenvolvemento da vida ordinaria na comunidade. Nestes supostos é requisito imprescindible a convivencia da persoa coidadora non profesional no mesmo domicilio que o da persoa en situación de dependencia.

d) Ser maior de dezaoito anos, reunir as condicións de idoneidade e estar en plenitude de facultades e dispoñibilidade para prestar de maneira efectiva os coidados adecuados á persoa en situación de dependencia. Estas circunstancias serán valoradas polo órgano encargado de elaborar a proposta de PIA, tendo en conta a experiencia da persoa coidadora, o informe de condicións de saúde da persoa en situación de dependencia, o informe social e as actividades identificadas no baremo establecido normativamente que afecten o seu desempeño e o grao de apoio que precise.

A persoa coidadora deberá contar coa capacidade física e psíquica suficiente para desenvolver axeitadamente por si mesma as funcións do coidado e apoio. Para estes efectos o órgano de valoración terá en conta a idade da persoa coidadora, a súa situación física e/ou psíquica, a existencia de apoios complementarios, as dificultades da realización das tarefas do coidado, os apoios con que puider contar no exercicio destas funcións así como aqueles aspectos que considere para os efectos de valorar a idoneidade da persoa coidadora.

e) Reunir as condicións de afiliación, alta e cotización á Seguridade Social na forma establecida no Real decreto 615/2007, do 11 de maio, polo que se regula a Seguridade Social dos/as coidadores/as das persoas en situación de dependencia.

f) A persoa coidadora deberá ter dispoñibilidade para prestar o coidado e atención de forma axeitada e continuada durante un período mínimo dun ano, excepto que por circunstancias sobrevidas e imprevisibles non poida completar este período. Ademais, requírese que a persoa coidadora conte con tempo de dedicación suficiente para atender a persoa beneficiaria naquelas situacións en que precise axuda para realizar as actividades básicas da vida diaria.

g) Reunir as condicións de formación non formal que se recollan na normativa autonómica específica segundo o disposto na disposición adicional segunda a esta orde ou, no seu defecto, asumir o compromiso da súa participación nas accións formativas non formais e de apoio que se lle ofrezan por parte da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

h) Estes requisitos deberán reunirse no momento de elaborar o ditame do programa individual de atención e manterse no momento da resolución do programa individual de atención.

Artigo 38. Documentación específica para o acceso á libranza de coidados no contorno familiar.

Para o acceso á libranza de coidados no contorno familiar deberase de achegar a seguinte documentación específica:

a) Orixinal ou copia compulsada do certificado do número de conta bancaria en que figure a persoa en situación de dependencia e, se é o caso, o/a titor/a ou o/a representante, como persoa titular.

b) Orixinal ou copia compulsada do DNI/NIE en vigor da persoa coidadora, no suposto de que non o autorice o interesado/a para que estes datos poidan ser solicitados directamente no seu nome polo órgano tramitador.

c) Orixinal ou copia compulsada do certificado do empadroamento da persoa coidadora, no suposto de que non o autorice o interesado/a para que estes datos poidan ser solicitados directamente no seu nome polo órgano tramitador. No suposto recollido no artigo 37.2.c) o certificado de empadroamento deberá acreditar que o tempo de residencia no mesmo municipio que o da persoa en situación de dependencia, ou noutro veciño, é de polo menos dun período previo dun ano, contado desde a data de presentación da solicitude de recoñecemento da situación de dependencia.

d) Se é o caso, certificado de residencia legal en España da persoa coidadora ou permiso de residencia.

Artigo 39. Determinación da contía.

A determinación da contía individual da libranza efectuarase en función do grao e nivel de dependencia recoñecido, da dedicación horaria dos coidados e da capacidade económica, de acordo co disposto nos artigos 47, 56 e 57 desta orde.

Artigo 40. Seguimento da calidade dos coidados.

1. O seguimento da calidade dos coidados da persoa en situación de dependencia, beneficiaria da libranza de coidados no contorno familiar, ten por obxecto comprobar que persisten as condicións axeitadas de atención, de convivencia, de habitabilidade da vivenda e as demais de acceso á libranza, garantir a calidade dos coidados, así como previr posibles situacións futuras de desatención.

2. Para garantir a calidade dos coidados teranse en conta, entre outros criterios, os seguintes:

2.1. O mantemento, por parte da persoa coidadora, da súa capacidade física e psíquica para desenvolver axeitadamente o coidado e apoio á persoa en situación de dependencia.

2.2. O tempo dedicado aos coidados da persoa en situación de dependencia.

2.3. As variacións nos apoios ao coidado que se viñesen recibindo.

2.4. A modificación da situación de convivencia respecto á persoa en situación de dependencia.

2.5. As accións formativas da persoa coidadora.

2.6. Os períodos de descanso da persoa coidadora.

No seguimento proporcionarase información, orientación e asesoramento á persoa en situación de dependencia e á persoa coidadora.

3. Con carácter xeral, realizarase un seguimento anual, semestral durante o primeiro ano, segundo o disposto nos artigos 3 e 4 desta orde. Non obstante, poderanse establecer criterios xerais para a realización de seguimentos cunha periodicidade inferior cando concorran circunstancias específicas nas persoas en situación de dependencia ou nas persoas coidadoras.

4. En calquera caso, se antes da data prevista para o seguimento o/a profesional responsable deste tivese información acerca da existencia de cambios substanciais que puidesen afectar a adecuación desta prestación, poderá iniciar actuacións de control sen ter que esperar ao momento previsto para realizalo.

Subsección 4.ª Libranza de asistencia persoal

Artigo 41. Libranza de asistencia persoal.

1. A libranza de asistencia persoal está destinada a contribuír á cobertura dos gastos derivados da contratación dun/unha asistente/a persoal que facilite o aceso á educación e/ou ao traballo, así como promover unha maior autonomía no exercicio das actividades da vida diaria ás persoas en situación de gran dependencia. Así mesmo, a Comunidade Autónoma de Galicia establece esta prestación como nivel adicional de protección para as persoas recoñecidas en situación de dependencia severa en calquera dos seus niveis.

2. A libranza de asistencia persoal consistirá na prestación de apoio persoal, inclusión laboral e/ou educativa, promoción e participación das persoas en situación de gran dependencia ou dependencia severa. Esta libranza ten por obxecto facilitar o desenvolvemento de actividades da vida diaria, laborais e/ou educativas e propiciar a participación na vida social e económica da persoa beneficiaria. As actividades laborais e educativas comprendidas nesta modalidade poden ter lugar, indistintamente, dentro ou fóra do domicilio habitual da persoa beneficiaria.

3. Esta prestación incluirá, polo menos, as seguintes accións:

1. Atención persoal (apoio á hixiene persoal, a alimentación, a mobilidade e ao coidado da saúde, entre outros).

2. Apoio á organización, á limpeza e a orde do fogar.

3. Acompañamento e apoio en xestións persoais fora do fogar.

4. Acompañamento e apoio nas actividades laborais, ocupacionais, educativas e/ou de participación social e económica.

Artigo 42. Requisitos específicos.

1. Para adquirir a condición de persoa beneficiaria, ademais dos requisitos xerais establecidos no Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, e na presente orde, deberán cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a persoa beneficiaria teña recoñecida unha situación de dependencia en grao III ou grao II, en calquera dos seus niveis.

b) Que a persoa en situación de dependencia estea capacitada para ordenar e supervisar as actividades do servizo de asistencia persoal.

c) Con respecto á participación da persoa beneficiaria en actividades educativas e/ou laborais regulares, estas deben de cumprir os seguintes criterios:

1. A actividade laboral deberá desenvolverse nun centro especial de emprego, nun centro ocupacional ou nunha empresa ordinaria, ou ben deberase acreditar traballar como autónomo.

2. A actividade formativa integrarase nun programa de estudos de carácter continuado. A formación impartirase nun centro público ou privado legalmente autorizado. O ensino ofrecerase en modalidade virtual ou presencial.

3. Que o programa de estudos estea recoñecido, homologado ou autorizado, segundo os casos, pola autoridade pública competente.

4. Que a persoa beneficiaria se encontre en situación de busca activa de emprego. Enténdese por busca activa de emprego o compromiso, por parte da persoa beneficiaria, de participar activamente nos distintos programas, accións ou medidas activas de emprego propostas polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

d) A persoa beneficiaria deberá de comprometerse a cumprir coas obrigas establecidas en materia de seguridade social no caso de que o/a asistente/a persoal sexa contratado/a directamente pola persoa beneficiaria da libranza.

2. Respecto ao/á asistente/a persoal deberán acreditarse o cumprimento dos seguintes requisitos:

a) Ser maior de dezaoito e menor de 65 anos, no momento da sinatura do contrato previsto.

b) Ter residencia legal en España.

c) Reunir as condicións de formación ou comprometerse a realizar a formación específica que se estableza para prestar os servizos derivados da asistencia persoal, nos termos establecidos pola normativa de acreditación para a prestación de servizos de atención á dependencia e promoción da autonomía persoal vixente na Comunidade Autónoma.

d) Reunir a condición de idoneidade para a prestación deste servizo, na cal se terá en conta a experiencia e a formación previa da persoa candidata, segundo a normativa de acreditación para a prestación de servizos de atención á dependencia e promoción da autonomía persoal vixente na Comunidade Autónoma.

e) No suposto en que, derivado da potestade de elección do/a asistente/a persoal, a relación entre a persoa beneficiaria e o/a asistente/a persoal derive dun contrato de prestación de servizos, esta última terá que acreditar o cumprimento das súas obrigas de afiliación, alta e cotización no correspondente réxime da Seguridade Social.

f) Cando a asistencia persoal se realice a través de empresa prestadora deste servizo, esta deberá contar coas autorizacións previstas na normativa vixente sobre o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos de atención a persoas en situación de dependencia.

3. A asistencia persoal debe ser obxecto dun contrato de prestación de servizos entre a persoa beneficiaria e a entidade correspondente, ou entre a persoa beneficiaria e a persoa encargada da asistencia persoal. A Xunta de Galicia non formará parte nin será responsable, en ningún caso, da relación contractual establecida. O contrato, ademais dos contidos xerais previstos na lexislación civil ou laboral, deberá incorporar as condicións específicas da prestación do servizo establecidas nesta orde e no programa individual de atención, e a cláusula de confidencialidade correspondente.

Artigo 43. Documentación específica para ao acceso á libranza de asistente persoal.

Para o aceso á libranza de asistente persoal deberá de achegarse a seguinte documentación específica:

a) Orixinal ou copia compulsada do certificado do número de conta bancaria en que figure a persoa en situación de dependencia e, se é o caso, o/a titor/a ou o/a representante, como persoa titular.

b) Orixinal ou copia compulsada do DNI/NIE en vigor do/a asistente/a persoal, no suposto de que non o autorice o interesado/a para que estes datos poidan ser solicitados directamente no seu nome polo órgano tramitador, ou CIF da entidade prestadora.

c) Se é o caso, orixinal ou copia compulsada do certificado de residencia legal en España do asistente persoal.

d) Declaración responsable da persoa que presta a asistencia persoal en que conste o compromiso de realizar a formación que no seu momento determine a consellería con competencias en materia de servizos sociais, segundo o modelo do anexo X do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

e) Compromiso de cumprir coas condicións en materia de seguridade social relativas á persoa que prestará os servizos de asistencia persoal, que se formulará no modelo que figura como anexo I a esta orde.

Artigo 44. Determinación da contía.

1. A contía da libranza de asistencia persoal en ningún caso poderá ser superior ao importe aboado polo servizo recibido.

2. A determinación da contía individual da prestación efectuarase en función do grao e nivel de dependencia recoñecido, da dedicación horaria dos coidados, da capacidade económica e do complemento adicional da Comunidade Autónoma, de acordo co establecido nos artigos 45, 46, 47, 56 e 57 desta orde.

Artigo 45. Nivel de protección adicional ás persoas en situación de gran dependencia.

1. A contía da libranza de asistencia persoal terá un nivel de protección adicional cuxo importe será igual á diferenza entre a contía que lle correspondería á persoa beneficiaria, segundo os importes e regras de cuantificación establecidas polo SAAD, e a contía máxima establecida no anexo V a esta orde como teito deste nivel adicional, que será actualizada anualmente segundo o disposto no artigo 56.1 desta orde, en función da intensidade horaria e segundo a súa capacidade económica, de acordo co establecido no artigo 56.4 da presente orde.

2. Excepcionalmente poderase incrementar nun 15% a contía total recoñecida en función da intensidade horaria, cando así se recoñeza no programa individual de atención e neste se acredite a prestación de, polo menos, un 10% da intensidade horaria en períodos de especial dedicación como os vacacionais e fins de semana, festivos, períodos nocturnos das 22.00 ás 7.00 horas ou estadías temporais fóra da Comunidade Autónoma non superiores a tres meses.

Artigo 46. Nivel de protección adicional ás persoas en situación de dependencia severa.

1. A Comunidade Autónoma de Galicia poderá recoñecer no programa individual de atención a libranza de asistencia persoal ás persoas recoñecidas en situación de dependencia severa en calquera dos seus niveis, ata a contía máxima establecida no anexo V a esta orde como teito deste nivel adicional, que será actualizada anualmente segundo o disposto no artigo 56.1 desta orde, en función da intensidade horaria e segundo a súa capacidade económica, de acordo co establecido no artigo 56.4 da presente orde.

2. Excepcionalmente poderase incrementar nun 15% a contía total recoñecida en función da intensidade horaria, cando así se recoñeza no programa individual de atención e neste se acredite a prestación de, polo menos, un 10% da intensidade horaria en períodos de especial dedicación como os vacacionais e fins de semana, festivos, períodos nocturnos das 22.00 ás 7.00 horas ou estadías temporais fóra da Comunidade Autónoma non superiores a tres meses.

Subsección 5.ª Intensidade das libranzas

Artigo 47. Intensidade das libranzas do Catálogo do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia.

1. A intensidade das libranzas recollidas na presente orde con carácter xeral efectuarase en función da dedicación horaria das persoas coidadoras non profesionais e da intensidade do servizo vinculado, segundo o seguinte cadro:

Intensidade completa

160 ou máis horas/mes

Intensidade parcial

Menos de 160 horas/mes

A persoa beneficiaria deberá especificar, na xustificación que se debe presentar segundo o disposto nos artigos 47 a 49 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, a intensidade da dedicación dos coidados en horas/mes. De non especificarse a intensidade dos coidados en horas/mes, o órgano xestor estimaraa nun cálculo proporcional que será o resultado de dividir a intensidade máxima da libranza, segundo o grao e nivel, entre trinta días ao mes e multiplicado polo número de días de coidados que se xustifiquen, con excepción do disposto nos puntos seguintes.

2. Entenderase por intensidade completa da libranza vinculada á adquisición do servizo de axuda no fogar un número de horas mensuais igual ou superior ao sinalado no cadro seguinte segundo o grao e nivel de dependencia recoñecido, e por intensidade parcial, un número de horas inferior á sinalada.

Grao de dependencia

Dedicación completa

Grao III, nivel 2

90 horas/mes

Grao III, nivel 1

70 horas/mes

Grao II, nivel 2

55 horas/mes

Grao II, nivel 1

40 horas/mes

Grao I, nivel 2

30 horas/mes

Grao I, nivel 1

20 horas/mes

3. Entenderase por intensidade completa da libranza de asistencia persoal aquela cuxo cómputo de horas mensuais sexa de 120 ou máis horas ao mes, e por intensidade parcial, un número de horas inferior á sinalada.

4. Entenderase por intensidade completa da libranza vinculada á adquisición do servizo de atención diúrna un número de horas mensuais igual ou superior ao sinalado no cadro seguinte segundo o grao e nivel de dependencia, e por intensidade parcial, un número de horas inferior á sinalada.

Grao de dependencia

Dedicación completa

Grao III, nivel 2

190 horas/mes

Grao III, nivel 1

170 horas/mes

Grao II, nivel 2

160 horas/mes

Grao II, nivel 1

160 horas/mes

Grao I, nivel 2

100 horas/mes

Grao I, nivel 1

60 horas/mes

De non especificarse a intensidade dos coidados en horas/mes, o órgano xestor estimaraa nun cálculo proporcional en relación ao número de días de coidados que se xustifiquen tendo en conta unha dedicación máxima dos coidados de 20,5 días/mes e de 8 h/día.

5. Con carácter xeral entenderase por intensidade completa da libranza vinculada á adquisición dos servizos de promoción da autonomía persoal un número de horas mensuais igual ou superior ao sinalado no cadro seguinte segundo o grao e nivel de dependencia, e por intensidade parcial, un número de horas mensuais inferior á sinalada.

Grao de dependencia

Dedicación completa

Grao III, nivel 2

90 horas/mes

Grao III, nivel 1

70 horas/mes

Grao II, nivel 2

55 horas/mes

Grao II, nivel 1

40 horas/mes

Grao I, nivel 2

30 horas/mes

Grao I, nivel 1

19 horas/mes

6. Na libranza vinculada á adquisición do servizo de atención temperá entenderase por intensidade completa un número de horas mensuais igual ou superior ao sinalado no cadro seguinte segundo o grao e nivel de dependencia, e por intensidade parcial, un número de horas mensuais inferior á sinalada.

Grao de dependencia

Dedicación completa

Grao III, nivel 2

18 horas/mes

Grao III, nivel 1

14 horas/mes

Grao II, nivel 2

11 horas/mes

Grao II, nivel 1

8 horas/mes

Grao I, nivel 2

6 horas/mes

Grao I, nivel 1

6 horas/mes

7. Na libranza vinculada á adquisición do servizo de promoción, mantemento e recuperación da autonomía funcional nos supostos de dependencia moderada entenderase por intensidade completa un número de horas mensuais igual ou superior ao sinalado no cadro seguinte, e por intensidade parcial, un número de horas mensuais inferior á sinalada.

Grao I. Dependencia moderada

Dedicación completa

Niveis 2 e 1

15 horas/mes

8. Entenderase por intensidade completa da libranza vinculada á adquisición do servizo de atención residencial aquela cuxo cómputo de horas mensuais sexa de 480 ou máis horas ao mes, e por intensidade parcial, un número de horas inferior á sinalada.

De non especificarse a intensidade dos coidados en horas/mes, o órgano xestor estimaraa nun cálculo proporcional en relación ao número de días de coidados que se xustifiquen tendo en conta unha dedicación máxima dos coidados de 30 días/mes e de 24 h/día.

9. Entenderase por intensidade completa da libranza vinculada á adquisición do servizo de atención de noite aquela cuxo cómputo de horas mensuais sexa de 420 ou máis horas ao mes, e por intensidade parcial, un número de horas inferior á sinalada.

De non especificarse a intensidade dos coidados en horas/mes, o órgano xestor estimaraa nun cálculo proporcional en relación ao número de noites de coidados que se xustifiquen tendo en conta unha dedicación máxima dos coidados de 30 noites/mes e de 14 h/noite.

10. Entenderase por intensidade completa da libranza vinculada á adquisición do servizo de teleasistencia aquela cuxo cómputo de horas mensuais sexa de 720 horas ao mes, e por intensidade parcial, un número de horas inferior á sinalada.

De non especificarse a intensidade dos coidados en horas/mes, o órgano xestor estimaraa nun cálculo proporcional en relación ao número de días de coidados que se xustifiquen tendo en conta unha dedicación máxima dos coidados de 30 días/mes e de 24 h/día.

11. A contía das libranzas cando se trate dunha dedicación completa percibirase integramente. Para o resto dos supostos, a contía que se percibira será proporcional ao número de horas de dedicación dos coidados. Para determinar a intensidade do servizo non se terán en conta os períodos de respiro das persoas coidadoras non profesionais, cun máximo de corenta e cinco días ao ano.

Subsección 6.ª Causas de suspensión e extinción das libranzas

Artigo 48. Suspensión das libranzas.

As libranzas poderán ser suspendidas nos seguintes supostos:

1. Polo ingreso da persoa en situación de dependencia nun centro hospitalario, agás na libranza de coidados no contorno familiar e de asistencia persoal, unha vez transcorrido un mes desde o ingreso e ata a data da alta hospitalaria, salvo que concorra unha causa de extinción.

2. Durante o tempo en que a persoa en situación de dependencia sexa usuario/a dunha praza de estadía temporal nun centro da rede pública do SAAD.

Non obstante, a persoa titular da libranza para coidados no contorno familiar ou de asistencia persoal non perderá o dereito á dita prestación debido á súa estadía temporal nun servizo de atención residencial, motivada por un período de enfermidade, descanso ou formación da persoa coidadora non profesional ou do/a asistente/a persoal, sempre que o dito período non sexa superior a corenta e cinco días ao ano.

Artigo 49. Extinción das libranzas.

1. O dereito á libranza extinguirase nos seguintes supostos:

1.1. Perda dalgún dos requisitos exixidos para o recoñecemento da situación de dependencia. En particular, pola perda da condición de residente en España ou traslado da súa residencia fóra da Comunidade Autónoma por un tempo superior a 3 meses, ou pola melloría da situación de dependencia que determine que a persoa beneficiaria xa non se atope en tal situación.

1.2. Renuncia expresa á libranza pola persoa beneficiaria ou o/a representante. Entenderase por renuncia non presentar a documentación solicitada no prazo de 30 días naturais desde a notificación da resolución pola que se aproba o PIA, así como non proceder á xustificación dela nos prazos e cos requisitos establecidos.

1.3. Revisión do programa individual de atención polo que se deixe de determinar como idónea a libranza recoñecida.

1.4. Falecemento, ou declaración de falecemento, da persoa beneficiaria.

1.5. Imposición dunha sanción que implique a extinción ou perda da libranza concedida debido a unha actuación fraudulenta para a obtención da axuda ou ao uso inadecuado dela ao non cumprir a súa finalidade.

1.6. Percepción de libranza ou servizo incompatible.

1.7. Incumprimento das obrigas, condicións ou requisitos específicos exixidos para determinar o dereito a cada unha das prestacións reguladas na presente orde e demais normativa aplicable.

1.8. Por calquera outra causa establecida para o efecto conforme a normativa vixente.

2. Igualmente, será causa de extinción a substitución da libranza recoñecida por outra libranza ou servizo, como consecuencia da modificación do grao e nivel recoñecido ou da revisión do programa individual de atención.

3. A extinción da libranza farase efectiva a partir do día primeiro do mes seguinte a aquel en que se produza a causa. Os pagamentos que se efectúen pasado este prazo, debido ao atraso nas comunicacións a que está obrigada a persoa beneficiaria ou o/a representante segundo o disposto no artigo 5 desta orde, deberán reintegrarse.

4. Acordada a extinción da libranza, na notificación á persoa beneficiaria requirirase esta para que proceda ao reintegro do indebidamente percibido, sen prexuízo das responsabilidades a que houber lugar, segundo o disposto nos artigos 50 e seguintes do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

5. No caso de que se produzan contías económicas correctamente devengadas e non percibidas, aboaranse por instancia da parte lexítima. O aboamento procederá ata o último día do mes do falecemento, de ser o caso, ou ata á data en que se xustifique o gasto correspondente no caso de libranzas vinculadas ao servizo.

Sección 5.ª Cuantificación e xestión das libranzas

Artigo 50. Órganos competentes para a xestión das libranzas.

De conformidade co previsto no artigo 6.1 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro de 2010, a xestión das libranzas corresponderá ás xefaturas territoriais da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

Subsección 1.ª Da capacidade económica da persoa en situación de dependencia

Artigo 51. Determinación da capacidade económica persoal da persoa beneficiaria.

1. A capacidade económica persoal da persoa beneficiaria terase en conta para determinar o importe da libranza.

2. A capacidade económica das persoas beneficiarias das libranzas calcularase en atención á súa renda e patrimonio, de conformidade co establecido nos artigos 52, 53 e 54.

3. O período que se terá en conta na determinación da renda e patrimonio será o correspondente á última declaración fiscal dispoñible.

4. A xefatura territorial da consellería competente en materia de servizos sociais poderá comprobar as alteracións ou variacións que afecten a capacidade económica da persoa beneficiaria en exercicios seguintes.

5. En calquera caso, non se considerarán como diminución da capacidade económica aquelas transmisións patrimoniais a título oneroso ou gratuíto realizadas con posterioridade á data de presentación da solicitude.

Artigo 52. Delimitación do concepto de renda.

1. Considérase renda a totalidade de ingresos da persoa beneficiaria derivados de calquera das compoñentes ou fontes a que se refire o artigo 6.2 da Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas.

2. O importe que se computará como renda da persoa beneficiaria será o resultado da suma dos importes netos que perciba, exclusivamente no exercicio fiscal que se considere, dos rendementos de traballo (incluídas pensións e prestacións de previsión social, calquera que for o seu réxime), dos rendementos de capital mobiliario e inmobiliario e dos rendementos das actividades económicas, que poden estar minorados, segundo o caso, polo importe das perdas patrimoniais xeradas ou compensadas con ganancias patrimoniais no mesmo exercicio. Para tal efecto, tomarase como tal o importe que proporcione a Administración tributaria competente na xestión do IRPF.

3. Nos ingresos da persoa beneficiaria non se terán en consideración como renda:

a) A contía das prestacións de análoga natureza e finalidade ás que se refire o artigo 31 da Lei 39/2006, do 14 de decembro.

b) As primas satisfeitas a seguros privados que cubran exclusivamente o risco de dependencia nos graos e niveis implantados segundo o calendario establecido na Lei 39/2006, nos termos e cos límites que ao respecto estableza a normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas e sempre e cando o/a interesado/a as xustifique debidamente.

c) As pensións compensatorias a favor do/a cónxuxe e as anualidades por alimentos que o/a interesado/a xustifique debidamente.

4. Cando a persoa beneficiaria opte por presentar a declaración do imposto sobre a renda das persoas físicas de forma conxunta ou nos casos de persoas beneficiarias con cónxuxe en réxime de gananciais, a súa renda final virá determinada polo cociente de dividir entre dous a suma dos ingresos citados anteriormente.

5. Cando o/a interesado/a teña persoas ao seu cargo, a súa renda sumarase á do resto das persoas que dependan economicamente del/a e o resultado obtido dividirase entre o número total de persoas. Non obstante, cando o/a interesado/a tiver cónxuxe ou parella de feito rexistrada, pero non dependa economicamente daquel/a, a súa renda sumarase á do resto das persoas que dependan economicamente del/a, e o resultado obtido dividirase entre o número total de persoas, computadas as persoas ao seu cargo a razón de 0,5.

6. Enténdense por persoa a cargo do/a interesado/a aquelas cuxos ingresos anuais sexan inferiores ao importe fixado na normativa reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas para a aplicación do mínimo persoal e familiar, sempre que sexan:

a) Cónxuxe ou parella de feito do/a interesado/a rexistrado/a.

b) Descendentes do/a interesado/a ou persoas vinculadas á persoa beneficiaria por razón de tutela e/ou acollemento menores de vinte e cinco anos ou persoas maiores de tal idade en situación de dependencia ou con discapacidade, incapacitadas xudicialmente ou sometidas a patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

c) Ascendentes do/a interesado/a ou do seu cónxuxe ou parella de feito rexistrada como tal, persoas maiores de sesenta e cinco anos ou calquera que sexa a súa idade sempre que teñan recoñecida unha situación de dependencia ou discapacidade igual ou superior ao 33 por 100.

En calquera caso, as persoas a cargo do/a interesado/a deberán estar empadroadas no domicilio do/a interesado/a polo menos desde un ano antes da solicitude de recoñecemento da situación de dependencia. Asemade, deberán de convivir co/coa interesado/a, como mínimo, 183 días ao ano.

Artigo 53. Delimitación do concepto de patrimonio.

1. Enténdese por patrimonio neto da persoa beneficiaria o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexa titular a persoa en situación de dependencia, determinado conforme as regras de valoración recollidas na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, con dedución das cargas e gravames de natureza real que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais de que deba responder.

Nos supostos de cotitularidade, só se terá en conta a porcentaxe correspondente á propiedade da persoa beneficiaria.

2. Consideraranse exentos deste cómputo os bens e dereitos cualificados como tales na Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio, incluída a vivenda habitual, e cos límites establecidos legalmente. Tamén estará exento do cómputo a vivenda habitual para as persoas beneficiarias que reciban unha prestación e deban continuar residindo no seu domicilio, ou ben cando ocupen praza nun centro de atención residencial e teñan ao seu cargo o seu cónxuxe ou parella de feito, ascendentes, ou descendentes ou persoas vinculadas á persoa beneficiaria por razón de tutela e/ou acollemento menores de 25 anos ou persoas maiores de 25 anos en situación de dependencia ou con discapacidade ao seu cargo que continúen vivindo no mesmo domicilio.

3. No se computarán na determinación do patrimonio os bens e dereitos achegados a un patrimonio especialmente protexido dos regulados pola Lei 41/2003, do 18 de novembro, de protección patrimonial das persoas con discapacidade e de modificación do Código civil, da Lei de axuizamento civil e da normativa tributaria con esta finalidade, do cal sexa titular a persoa beneficiaria, mentres persista tal afección. Non obstante, si se computarán as rendas derivadas de dito patrimonio que non se integren nel.

4. Na determinación da capacidade económica da persoa beneficiaria computaranse as disposicións patrimoniais realizadas nos catro anos anteriores á presentación da solicitude, tanto se fosen a título oneroso como gratuíto, a favor dos cónxuxes ou parentes ata o cuarto grao inclusive, de acordo coas normas contidas na disposición quinta da Lei 41/2007, do 7 de decembro, pola que se modifica a Lei 2/1981, do 25 de marzo, de regulación do mercado hipotecario, e outras normas do sistema hipotecario e financeiro, de regulación das hipotecas inversas e o seguro de dependencia e pola que se establece determinada norma tributaria.

Artigo 54. Cálculo da capacidade económica da persoa beneficiaria.

1. A capacidade económica da persoa solicitante virá determinada pola suma da renda e do patrimonio neto, considerados segundo o establecido nos artigos 52 e 53.

2. A capacidade económica será a correspondente á súa renda, modificada á alza pola suma dun 5% do valor do patrimonio neto a partir dos 65 anos de idade, un 3% dos 35 aos 65 anos e un 1% para os menores de 35 anos.

3. Non obstante, canto á capacidade económica das persoas beneficiarias de libranza de asistencia persoal, para os efectos de determinar a contía do complemento adicional da C.A., considerarase como capacidade económica para calcular o tramo aplicable a determinada segundo o disposto nos puntos anteriores e minorada na contía de 1,39 veces o IPREM en concepto de custos adicionais vencellados ao tipo de discapacidade.

4. No caso de que a persoa beneficiaria realice disposicións patrimoniais a título oneroso ou gratuíto nos termos establecidos no artigo 53.4, estas teranse en conta da seguinte forma:

a) Nas disposicións de bens, constitución de dereitos reais sobre os mesmos ou renuncia a dereitos, a capacidade económica será o resultado de sumar á súa renda:

1. Un 5% do valor daqueles, para efectos do imposto sobre o patrimonio, a partir dos sesenta e cinco anos de idade.

2. Un 3% do valor dos mesmos, para os de entre os 35 e os 65 anos

3. Un 1% para os menores de trinta e cinco anos.

Cando se trate de disposicións a título oneroso, deducirase do seu valor a contraprestación recibida, sempre que exista constancia da súa efectiva recepción.

b) Cando se trate da renuncia a rendas, pensións e, en xeral, todo rendemento periódico, se esta for realizada de forma gratuíta, computarase como se se seguise percibindo, para os efectos de calcular a súa capacidade económica. Se a renuncia for onerosa, computarase a diferenza entre o valor capitalizado da renda a que se renuncia para efectos do imposto sobre o patrimonio e a contraprestación recibida, sempre e cando exista constancia da súa efectiva recepción.

c) Cando a disposición patrimonial for realizada a través do aumento de débedas ou obrigas, se estas foron contraídas a título gratuíto, non se computarán para diminuír a capacidade económica do solicitante, polo que se sumará á base liquidable da declaración do imposto sobre o patrimonio, se o houber. Se foron contraídas a título oneroso, so diminuirán a capacidade económica da persoa solicitante ata o valor para efectos do imposto sobre o patrimonio outorgado aos bens ou dereitos recibidos a cambio.

Artigo 55. Comprobación da capacidade económica persoal da persoa beneficiaria.

1. A xefatura territorial que corresponda da consellería competente en materia de servizos sociais poderá comprobar de oficio a acreditación dos requisitos da capacidade económica, sen prexuízo de poder requirir o/a interesado/a calquera outra documentación necesaria para completar a dita verificación.

2. Así mesmo, a xefatura territorial da consellería competente en materia de servizos sociais tamén poderá verificar a información fornecida polas persoas titulares do dereito, logo de autorización asinada segundo recolle o artigo 22 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, mediante a obtención de datos de carácter económico que sobre elas exista nas distintas administracións, rexistros públicos ou calquera outro organismo competente.

3. No caso de que exista diferenza entre a información económica fornecida e a obtida pola Administración pública, utilizarase esta última para a determinación da súa capacidade económica, sen prexuízo de que o/a interesado/a poida iniciar as accións oportunas para corrixir esta situación, se estiver fundamentado.

4. A ocultación ou falsificación de datos sobre a capacidade económica poderá dar lugar á suspensión temporal ou á extinción da prestación do servizo/libranza, así como, no caso das libranzas, á devolución das cantidades percibidas indebidamente segundo o disposto nos artigos 50 e seguintes do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

Subsección 2.ª Determinación da contía das libranzas

Artigo 56. Determinación da contía das libranzas.

1. A contía máxima das libranzas será a establecida anualmente polo Goberno mediante real decreto, logo de acordo do Consello Territorial do SAAD, segundo os graos e niveis con dereito ás prestacións e actualizadas en función do índice de referencia que se estableza. Asemade, os complementos como nivel adicional que estableza a Comunidade Autónoma, de ser o caso, actualizaranse na mesma porcentaxe que a aprobada polo Consello Territorial do SAAD para o resto das libranzas.

2. O importe da libranza que se recoñeza a cada persoa beneficiaria determinarase aplicando á contía vixente para cada ano un coeficiente redutor, calculado de acordo coa súa capacidade económica en relación ao IPREM.

3. Para os efectos do previsto no punto anterior, a contía das libranzas percibirase integramente ou reducirase de acordo coa seguinte táboa:

Capacidade económica de acordo coa contía do IPREM

Libranza

Vinculada á adquisición do servizo

Para coidados no contorno familiar

De asistencia persoal

Igual ou menor de 1 IPREM

100%

100%

100%

Máis de 1 a 2 veces o IPREM,

90%

95%

90%

Máis de 2 a 3 veces o IPREM

80%

90%

80%

Máis de 3 a 4 veces o IPREM

70%

85%

70%

Máis de 4 a 5 veces o IPREM

60%

80%

60%

Máis de 5 veces o IPREM

50%

75%

50%

4. Para os efectos de determinar a contía do complemento adicional da C.A para a libranza de asistencia persoal, en calquera dos seus graos e niveis, esta percibirase integramente ou reducirase de acordo coa seguinte táboa:

Capacidade económica de acordo coa contía do IPREM

Complemento adicional de asistencia persoal

Ata 2,5 veces o IPREM

100%

Máis de 2,5 a 3 veces o IPREM

90%

Máis de 3 a 3,5 veces o IPREM

85%

Máis de 3,5 a 4 veces o IPREM

80%

Máis de 4 a 4,5 veces o IPREM

75%

Máis de 4,5 a 5 veces o IPREM

60%

Máis de 5 veces o IPREM

50%

5. O importe das libranzas que se fixe para cada persoa beneficiaria en situación de dependencia de grao III, en calquera dos seus niveis, non poderá ser inferior á contía fixada na Lei de orzamentos xerais do Estado para a pensión non contributiva na súa contía anual.

Artigo 57. Deducións por prestacións de análoga natureza e finalidade.

1. Da contía da libranza que resultase da aplicación dos artigos anteriores deberá deducirse calquera outra prestación de análoga natureza e finalidade establecida nos réximes públicos de protección social. En particular, e de acordo co establecido no artigo 31 da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e no artigo 14 do Real decreto 727/2007, do 8 de xuño, sobre criterios para determinar as intensidades de protección dos servizos e a contía das prestacións económicas da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, deduciranse as seguintes:

a) O complemento de grande invalidez, regulado no artigo 139.4.º do Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da seguridade social.

b) O complemento da asignación económica por fillo/a a cargo maior de 18 anos cun grao de discapacidade igual ou superior ao 75% previsto no artigo 182 bis.2.c), do Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral da seguridade social.

c) O complemento por necesidade de terceira persoa da pensión de invalidez non contributiva, previsto no artigo 145.6.º do citado Real decreto lexislativo 1/1994, do 20 de xuño.

d) O subsidio por axuda de terceira persoa, previsto no artigo 12.2.º c) da Lei 13/1982, do 7 de abril, de integración social das persoas con discapacidade.

2. Cando a persoa beneficiaria sexa titular de calquera outra prestación de análoga natureza e finalidade, segundo o disposto no punto anterior, o importe da libranza que se recoñeza, despois das deducións anteriores, non poderá ser inferior ao 25 por 100 da contía máxima establecida para cada unha das libranzas vixente segundo o grao e nivel de dependencia na data en que se produza o recoñecemento.

Capítulo III
Réxime de compatibilidades entre as prestacións do sistema para a autonomía
e atención á dependencia

Sección 1.ª Disposicións xerais

Artigo 58. Réxime de compatibilidades entre servizos e libranzas.

1. Para os efectos do disposto na presente orde, establécense nos artigos seguintes o réxime de compatibilidades entre as prestacións do sistema para a promoción da autonomía persoal e atención á dependencia no ámbito da Comunidade Autónoma.

2. A libranza de coidados no contorno familiar poderase compatibilizar cos períodos de respiro da persoa coidadora distribuídos en 45 días ao ano de forma continua ou en períodos como mínimo quincenais ou de fins de semana ata completar os 45 días, para estadías temporais en centros de atención residencial ou, no seu defecto, co servizo de axuda no fogar, servizo de centro de día ou de atención de noite, ou, cando for o caso, coa libranza vinculada á adquisición destes servizos, na forma en que se establece nos seguintes artigos.

3. Habilítase a persoa titular do órgano de dirección competente en materia de dependencia para exceptuar da aplicación deste réxime de compatibilidades aqueles supostos que, polas súas condicións obxectivamente demostradas, requiran un tratamento especial con base no ditame-proposta do órgano de valoración e asesoramento da dependencia.

Sección 2.ª Compatibilidade dos servizos e libranzas vinculadas á adquisición
do servizo

Artigo 59. Servizos de prevención das situacións de dependencia.

Os servizos de prevención das situacións de dependencia serán compatibles con todos os servizos e libranzas.

Artigo 60. Servizo de teleasistencia.

O servizo de teleasistencia será compatible con todos os servizos e libranzas a excepción de:

– Servizo de atención residencial.

– Libranza vinculada á adquisición dun servizo de atención residencial.

Artigo 61. Servizo de axuda no fogar.

1. O servizo de axuda no fogar será compatible, cos límites de intensidade que se regulan nos puntos seguintes e segundo o que se estableza no programa individual de atención, con todos os servizos agás co servizo de atención residencial.

2. O réxime de compatibilidades que se establece é o seguinte:

a) Será compatible co servizo de atención diúrna ou libranza vinculada á adquisición deste servizo, co seguinte límite de intensidade:

Grao de dependencia

Servizo de axuda no fogar non intensivo

Servizo de atención diúrna non intensivo

Grao III, 2

Ata 45 h/mes

90 h/mes

Grao III, 1

Ata 35 h/mes

76 h/mes

Grao II, 2

Ata 28 h/mes

60 h/mes

Grao II, 1

Ata 20 h/mes

44 h/mes

Grao I, 2

Ata 15 h/mes

32 h/mes

Grao I, 1

Ata 10 h/mes

24 h/mes

b) Será compatible co servizo de atención de noite ou libranza vinculada á adquisición deste servizo, co seguinte límite de intensidade:

Grao de dependencia

Servizo de axuda no fogar non intensivo

Servizo de atención de noite

Grao III, 2

Ata 45 h/mes

21 noites/mes

Grao III, 1

Ata 35 h/mes

16 noites/mes

Grao II, 2

Ata 28 h/mes

12 noites/mes

Grao II, 1

Ata 20 h/mes

9 noites/mes

Grao I, 2

Ata 15 h/mes

6 noites/mes

Grao I,1

Ata 10 h/mes

4 noites/mes

c) Será compatible cos servizos de promoción da autonomía persoal que se establezan no programa individual de atención, ou coa libranza vinculada á adquisición destes servizos, co seguinte límite de intensidade:

Grao de dependencia

Servizo de axuda no fogar non intensivo

Servizos de promoción da autonomía persoal

Grao III, 2

Ata 45 h/mes

70 h/mes

Grao III, 1

Ata 35 h/mes

55 h/mes

Grao II, 2

Ata 28 h/mes

40 h/mes

Grao II, 1

Ata 20 h/mes

30 h/mes

Grao I, 2

Ata 15 h/mes

20 h/mes

Grao I,1

Ata 10 h/mes

12 h/mes

Artigo 62. Servizo de atención diúrna.

1. O servizo de atención diúrna non intensivo será compatible, cos límites de intensidade que se regulan nos puntos seguintes e segundo o que se dispoña no programa individual de atención, co servizo de teleasistencia e co servizo de axuda no fogar, así como coa libranza vinculada á adquisición deste servizo.

2. Será compatible co servizo de axuda no fogar ou libranza vinculada á adquisición deste servizo, co seguinte límite de intensidade:

Grao de dependencia

Servizo de atención diúrna non intensivo

Servizo de axuda no fogar non intensivo

Grao III, 2

Ata 100 h/mes

30 h/mes

Grao III, 1

Ata 100 h/mes

30 h/mes

Grao II, 2

Ata 100 h/mes

30 h/mes

Grao II, 1

Ata 100 h/mes

30 h/mes

Grao I, 2

Ata 80 h/mes

10 h/mes

Grao I, 1

Ata 40 h/mes

10 h/mes

Artigo 63. Servizo de atención de noite.

1. O servizo de atención de noite non intensivo será compatible, cos límites de intensidade que se regulan nos puntos seguintes e segundo o que se dispoña no programa individual de atención, co servizo de teleasistencia e cos servizos de promoción da autonomía persoal, así como coa libranza vinculada á adquisición destes servizos.

2. Será compatible cos servizos de promoción da autonomía persoal ou libranza vinculada á adquisición destes servizos, co seguinte límite de intensidade:

Grao de dependencia

Servizo de atención de noite non intensivo

Servizos de promoción da autonomía persoal

Grao III,2

Ata 21 noites/mes

70 h/mes

Grao III,1

Ata 16 noites/mes

55 h/mes

Grao II, 2

Ata 12 noites/mes

40 h/mes

Grao II, 1

Ata 9 noites/mes

30 h/mes

Grao I, 2

Ata 6 noites/mes

20 h/mes

Grao I,1

Ata 4 noites/mes

12 h/mes

Sección 3.ª Compatibilidade das libranzas

Artigo 64. Libranza de coidados no contorno familiar.

1. A libranza de coidados no contorno familiar cunha intensidade parcial poderá compatibilizarse con outro servizo ou libranza do sistema segundo o disposto neste artigo.

2. A libranza de coidados no contorno familiar será compatible con outro servizo ou libranza nos períodos de respiro da persoa coidadora non profesional, tendo en conta que os períodos de respiro da persoa coidadora terán unha duración máxima de 45 días ao ano.

3. Para facer efectiva a libranza vinculada á adquisición de servizos para o período de respiro da persoa coidadora nos supostos en que non sexa posible o acceso a un servizo público, é requisito imprescindible a aprobación, por parte do/a xefe territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais da súa provincia, do PIA en que se conteña a libranza vinculada á adquisición do servizo de respiro, previa solicitude do seu desfrute por parte da persoa beneficiaria ou do/a representante.

A xefatura territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais que corresponda, procederá ao aboamento da contía da libranza vinculada á adquisición do servizo de respiro nun só pagamento, segundo o procedemento que se establece no título III do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, logo de xustificación por parte da persoa beneficiaria ou do/a representante do seu desfrute.

4. O réxime de compatibilidade da libranza de coidados no contorno familiar nunha intensidade parcial será o seguinte:

a) Poderase compatibilizar co servizo de axuda no fogar non intensivo segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza vinculada a coidados no contorno familiar cunha intensidade parcial

Servizo de axuda no fogar non intensivo

Grao III, 2

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 21 h/mes

Grao III, 1

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 17 h/mes

Grao II, 2

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 14 h/mes

Grao II, 1

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 13 h/mes

Grao I, 2

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 8 h/mes

Grao I, 1

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 6 h/mes

b) Poderase compatibilizar co servizo de atención diúrna non intensivo segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza vinculada a coidados no contorno familiar cunha intensidade parcial

Servizo de atención diúrna non intensivo

Grao III, 2

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 48 h/mes

Grao III, 1

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 40 h/mes

Grao II, 2

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 32 h/mes

Grao II, 1

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 28 h/mes

Grao I, 2

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 16 h/mes

Grao I, 1

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 14 h/mes

c) Poderase compatibilizar co servizo de promoción da autonomía persoal segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza vinculada a coidados no contorno familiar cunha intensidade parcial

Servizo de promoción da autonomía persoal

Grao III, 2

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 21 h/mes

Grao III, 1

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 17 h/mes

Grao II, 2

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 14 h/mes

Grao II, 1

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 13 h/mes

Grao I, 2

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 8 h/mes

Grao I, 1

Intensidade parcial ata 80 h/mes

Ata 6 h/mes

5. O réxime de compatibilidades nos períodos de respiro da persoa coidadora será o seguinte:

a) Poderanse compatibilizar cos períodos de respiro da persoa coidadora distribuídos en 45 días ao ano de forma continua ou en períodos, como mínimo quincenais ou de fins de semana ata completar os 45 días ao ano, para as estadías temporais en centros de atención residencial.

b) Poderase compatibilizar co servizo de atención diúrna non intensivo segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza vinculada a coidados no contorno familiar

Servizo de atención diúrna non intensivo como respiro (45 días/ano)

Grao III, 2

Intensidade completa

Ata 360 h/ano

Grao III, 1

Intensidade completa

Ata 360 h/ano

Grao II, 2

Intensidade completa

Ata 360 h/ano

Grao II, 1

Intensidade completa

Ata 360 h/ano

Grao I, 2

Intensidade completa

Ata 225 h/ano

Grao I, 1

Intensidade completa

Ata 135 h/ano

c) Poderase compatibilizar co servizo de axuda no fogar non intensivo segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza vinculada a coidados no contorno familiar

Servizo de axuda no fogar non intensivo como respiro (45 días/ano)

Grao III, 2

Intensidade completa

Ata 105/135 h/ano

Grao III, 1

Intensidade completa

Ata 82/105 h/ano

Grao II, 2

Intensidade completa

Ata 60/82 h/ano

Grao II, 1

Intensidade completa

Ata 45/60 h/ano

Grao I, 2

Intensidade completa

Ata 31/45 h/ano

Grao I, 1

Intensidade completa

Ata 18/30 h/ano

d) Poderase compatibilizar co servizo de centro de noite non intensivo segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza vinculada a coidados no contorno familiar

Servizo de atención de noite non intensivo como respiro (45 noites/ano)

Grao III, 2

Intensidade completa

Ata 45 noites/ano

Grao III, 1

Intensidade completa

Ata 45 noites/ano

Grao II, 2

Intensidade completa

Ata 45 noites/ano

Grao II, 1

Intensidade completa

Ata 45 noites/ano

Grao I, 2

Intensidade completa

Ata 45 noites/ano

Grao I, 1

Intensidade completa

Ata 45 noites/ano

Artigo 65. Libranza vinculada á adquisición de servizos.

A libranza vinculada á adquisición de servizos, cando non sexa posible o acceso a un servizo público, será compatible co resto de servizos e libranzas segundo o disposto neste capítulo.

Artigo 66. Libranza de asistente persoal.

1. A libranza vinculada á adquisición do servizo de asistencia persoal cunha intensidade parcial poderá compatibilizarse con outro servizo ou libranza do sistema segundo o disposto neste artigo.

2. Poderá ser compatible co servizo de axuda no fogar non intensivo segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza vinculada ao servizo de asistencia persoal cunha intensidade parcial

Servizo de axuda no fogar non intensivo

Grao III, 2

Intensidade parcial ata 91 h/mes

Ata 30 h/mes

Grao III, 1

Intensidade parcial ata 91 h/mes

Ata 30 h/mes

Grao II, 2

Intensidade parcial ata 91 h/mes

Ata 30 h/mes

Grao II, 1

Intensidade parcial ata 91 h/mes

Ata 30 h/mes

3. Poderá ser compatible co servizo de atención diúrna non intensivo segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza vinculada ao servizo de asistencia persoal cunha intensidade parcial

Servizo de atención diúrna non intensivo

Grao III, 2

Intensidade parcial ata 91 h/mes

Ata 64 h/mes

Grao III, 1

Intensidade parcial ata 91 h/mes

Ata 64 h/mes

Grao II, 2

Intensidade parcial ata 91 h/mes

Ata 64 h/mes

Grao II, 1

Intensidade parcial ata 91 h/mes

Ata 64 h/mes

4. Poderá ser compatible co servizo de atención de noite non intensivo segundo o seguinte:

Grao de dependencia

Libranza vinculada ao servizo de asistencia persoal cunha intensidade parcial

Servizo de atención de noite non intensivo

Grao III, 2

Intensidade parcial ata 91 h/mes

Ata 14 noites/mes

Grao III, 1

Intensidade parcial ata 91 h/mes

Ata 14 noites/mes

Grao II, 2

Intensidade parcial ata 91 h/mes

Ata 14 noites/mes

Grao II, 1

Intensidade parcial ata 91 h/mes

Ata 14 noites/mes

Capítulo IV
Efectividade do dereito aos servizos e/ou libranzas

Sección 1.ª Procedemento xeral

Artigo 67. Solicitudes presentadas con anterioridade ao 1 de xuño de 2010.

1. Tendo en conta o disposto na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e no artigo 39 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, segundo a redacción vixente antes da entrada en vigor do Real decreto lei 8/2010, do 20 de maio, polo que se adoptan medidas extraordinarias para a redución do déficit público, a efectividade do dereito aos servizos, no caso de que a persoa beneficiaria non os estea a recibir no momento en que se resolve o programa individual de atención, producirase desde a data en que a persoa beneficiaria se incorpore ao servizo de maneira efectiva ou desde o primeiro día do ano en que proceda a implantación do grao e nivel de dependencia que lle fose recoñecido, cando a resolución do programa individual de atención sexa posterior á data de acceso ao servizo no suposto de persoas beneficiarias xa atendidas a través do Sistema Galego de Servizos Sociais.

2. En aplicación do disposto na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e no artigo 39 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, segundo a redacción vixente antes da entrada en vigor do Real decreto lei 8/2010, do 20 de maio, polo que se adoptan medidas extraordinarias para a redución do déficit público, a efectividade do dereito ás libranzas producirase a partir do día seguinte á data de presentación da solicitude, ou desde o primeiro día do ano en que proceda a implantación do grao e nivel de dependencia que lle fora recoñecido. Na data de efectividade será necesario que se reúnan os requisitos que se exixan na normativa vixente para cada tipo de libranza. No caso contrario, a efectividade producirase a partir do día primeiro do mes seguinte a aquel en que concorran os ditos requisitos.

3. Os efectos económicos do recoñecemento do dereito á libranza de coidados no contorno familiar produciranse a partir do día primeiro do mes seguinte a aquel desde o que se recoñeza a súa efectividade. Asemade, aboarase como último pagamento a mensualidade total correspondente ao mes en que se extinga a libranza por falecemento da persoa beneficiaria ou se produza a súa baixa por calquera outro motivo.

Artigo 68. Solicitudes presentadas na data do 1 de xuño de 2010 ou en data posterior.

1. En aplicación do disposto na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e no artigo 39 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, segundo a redacción vixente despois da entrada en vigor do Real decreto lei 8/2010, do 20 de maio, polo que se adoptan medidas extraordinarias para a redución do déficit público, así como segundo o establecido polo artigo único, un, do Decreto 148/2011, do 7 de xullo, polo que se modifica o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, a efectividade do dereito aos servizos producirase desde a data da resolución en que se recoñeza a concreta prestación, ou desde o primeiro día do ano en que proceda a implantación do grao e nivel de dependencia que lle fose recoñecido, cando a resolución do programa individual de atención sexa posterior á data de acceso ao servizo no suposto de persoas beneficiarias xa atendidas a través do Sistema Galego de Servizos Sociais.

2. En aplicación do disposto na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e no artigo 39 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, segundo a redacción vixente despois de entrada en vigor do Real decreto lei 8/2010, do 20 de maio, polo que se adoptan medidas extraordinarias para a redución do déficit público, así como segundo o establecido pola artigo único, un, do Decreto 148/2011, do 7 de xullo, polo que se modifica o Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, a efectividade do dereito ás libranzas producirase a partir da data da resolución en que se recoñeza a concreta prestación económica, ou desde o día seguinte á data en que se cumpra o prazo máximo de seis meses desde a solicitude sen que se notificase a resolución expresa de recoñecemento da libranza. Na data de efectividade será necesario que se reúnan os requisitos que se exixan na normativa vixente para cada tipo de libranza. No caso contrario, a efectividade producirase a partir do día primeiro do mes seguinte a aquel en que concorran os ditos requisitos.

3. Os efectos económicos do recoñecemento do dereito ás libranzas produciranse a partir do día primeiro do mes seguinte a aquel en que tivese entrada na intervención territorial correspondente a documentación necesaria xunto coa proposta do PIA para os efectos da fiscalización do gasto, condicionado á súa posterior fiscalización de conformidade e á aprobación do PIA mediante a resolución do/a xefe/a territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

Non obstante, os efectos económicos do recoñecemento ao dereito ás libranzas, de recoñecérense nun prazo superior ao prazo máximo establecido segundo o disposto no punto segundo deste artigo, produciranse a partir do día primeiro do mes seguinte a aquel desde o que se recoñeza a súa efectividade.

Asemade, nos supostos de libranza de coidados no contorno familiar aboarase como último pagamento a mensualidade total correspondente ao mes en que se extinga a libranza por falecemento da persoa beneficiaria ou se produza a súa baixa por calquera outro motivo.

Sección 2.ª Procedemento de revisión do grao e nivel de dependencia

Artigo 69. Procedemento de revisión do grao e nivel de dependencia con solicitudes presentadas ou iniciados de oficio con anterioridade ao 1 de xuño de 2010.

1. Segundo o disposto no artigo 42.4 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, será de aplicación ao procedemento de revisión as normas establecidas no mesmo para o recoñecemento da situación de dependencia.

2. A efectividade do acceso aos servizos e/ou prestacións económicas do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma determinados na resolución de revisión do grao e nivel de dependencia, quedará demorada ata a aprobación do correspondente programa individual de atención, seguindo o disposto no artigo 67 desta orde canto á efectividade do dereito ás prestacións do sistema.

Artigo 70. Procedementos de revisión do grao e nivel de dependencia con solicitudes presentadas ou iniciados de oficio na data do 1 de xuño de 2010 ou en data posterior.

1. Segundo o disposto no artigo 42.4 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, serán de aplicación ao procedemento de revisión as normas establecidas nel para o recoñecemento da situación de dependencia.

2. A efectividade do acceso aos servizos e/ou prestacións económicas do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma determinados na resolución de revisión do grao e nivel de dependencia, quedará demorada ata a aprobación do correspondente programa individual de atención, seguindo o disposto no artigo 68 desta orde canto á efectividade do dereito ás prestacións do sistema.

Sección 3.ª Procedemento de revisión do PIA

Artigo 71. Procedementos de revisión do PIA con solicitudes presentadas ou iniciados de oficio con anterioridade ao 1 de xuño de 2010.

1. Segundo o disposto no artigo 43.4 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, será de aplicación ao procedemento de revisión as normas establecidas nel para o procedemento de aprobación do programa individual de atención.

2. A efectividade do acceso aos servizos e/ou prestacións económicas do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma producirase seguindo o disposto no artigo 67 desta orde.

Artigo 72. Procedementos de revisión do PIA con solicitudes presentadas ou iniciados de oficio na data do 1 de xuño de 2010 ou en data posterior.

1. Segundo o disposto no artigo 43.4 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, serán de aplicación ao procedemento de revisión as normas establecidas nel para o procedemento de aprobación do programa individual de atención.

2. A efectividade do acceso aos servizos e/ou prestacións económicas do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma producirase seguindo o disposto no artigo 68 desta orde.

Artigo 73. Continuidade no servizo ou libranza.

1. Con carácter xeral, despois da aprobación do PIA no procedemento de revisión de oficio pola propia Administración ou por instancia do/a propio/a interesado/a ou do/a representante, garantirase a continuidade da libranza e/ou servizo concedido ata a efectividade do novo PIA sempre que se cumpran todos os requisitos conforme os cales foi recoñecida.

2. Se, debido a circunstancias sobrevidas e motivadas, é precisa a prestación dun servizo/libranza distinto ao concedido inicialmente e de forma inminente, a resolución pola que se aproba a revisión do PIA terá efectos desde a data en que se extinga o anterior servizo/prestación, sempre que a persoa beneficiaria cumpra coa súa obriga de comunicación segundo o disposto no artigo 5 desta orde.

3. Se o/a interesado/a non cumpre coa súa obriga de comunicación segundo o disposto no artigo 5 desta orde, e debido a circunstancias sobrevidas e motivadas é precisa a prestación dun servizo/libranza distinto ao concedido inicialmente e de forma inminente, a resolución pola que se aproba a revisión do PIA terá efectos desde a súa data, sempre que o novo servizo/libranza sexa idóneo como modalidade de intervención adecuada ás necesidades de atención da persoa en situación de dependencia.

4. En todo caso, o órgano de valoración da dependencia valorará as circunstancias de cada caso concreto para os efectos de determinar o cumprimento dos requisitos establecidos para cada tipo de servizo/libranza así como a súa adecuación ás necesidades de atención da persoa beneficiaria, conforme o cal determinará a aprobación do programa individual de atención segundo os efectos sinalados nos puntos anteriores.

Capítulo V
Procedemento de valoración e recoñecemento da situación de dependencia
e do dereito ás prestacións do sistema para os/as menores de tres anos

Artigo 74. Prelación dos expedientes dos/as menores de tres anos.

Segundo o establecido no artigo 26.3 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, debido ás características específicas do recoñecemento da situación de dependencia dos/as menores de tres anos, establécese a prioridade na tramitación destes procedementos para evitar a demora e interferencia nos prazos de revisión de oficio sinalados polo Real decreto 504/2007, do 20 de abril, e polo Real decreto 174/2011, do 11 de febreiro, polo que se aproba o baremo de valoración da situación de dependencia establecido pola Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, con especial incidencia nos neonatos e co fin de que as persoas interesadas poidan acreditar a situación de discapacidade do/a fillo/a menor, para os efectos da ampliación do permiso de maternidade ou paternidade e, se for o caso, dos correspondentes subsidios, segundo o disposto no punto 4.b da Resolución do 4 de febreiro de 2010, da Secretaría General de Política Social e Consumo, pola que se publica o Acordo do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, en materia de órganos e de procedemento.

Artigo 75. Profesional de referencia.

Un/unha técnico/a do órgano de valoración e asesoramento da dependencia, co perfil que se determinará en función do caso en concreto, será o/a referente para filtrar estes expedientes e o/a responsable das intervencións oportunas cos servizos sociais comunitarios e/ou de saúde, se for o caso, de cara a reunir a documentación e axilizar os trámites necesarios.

Artigo 76. Prazos para a resolución do grao e nivel de dependencia e do programa individual de atención.

1. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do grao e nivel de dependencia será de 20 días hábiles desde que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente para resolvelo.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do programa individual de atención será de 20 días hábiles desde a data da notificación da resolución do grao e nivel de dependencia.

Artigo 77. Disposicións xerais. Recoñecemento do grao e nivel de dependencia.

No recoñecemento do grao e nivel de dependencia terase en conta o seguinte:

1. Terase en conta no recoñecemento do grao e nivel de dependencia o informe de condicións de saúde, aínda que será o ditame motivado do órgano de valoración o que determine a situación de dependencia recoñecible segundo a normativa de valoración vixente.

2. Segundo o disposto no anexo II do Real decreto 504/2007, serán obxecto de valoración en menores de tres anos as situacións orixinadas por condicións de saúde de carácter crónico, prolongado, de longa duración ou de frecuente concorrencia.

3. Segundo o disposto na disposición adicional décimo terceira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, relativa á protección de menores de tres anos, a Comunidade Autónoma, seguindo os criterios que se establezan no Consello Territorial do SAAD, adoptará un plan integral de atención a menores de tres anos en situación de dependencia.

Artigo 78. Procedemento.

No procedemento de valoración do recoñecemento da situación de dependencia observarase o seguinte:

1. Os expedientes de valoración do grao e nivel de dependencia, unha vez que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa resolución, serán identificadas co obxecto de darlle a prioridade na súa tramitación.

2. Procederase no prazo máximo de dous días hábiles ao seu rexistro nos sistemas de información, á comprobación e revisión da documentación presentada e, de ser o caso, ao requirimento da documentación pertinente.

3. Unha vez identificados e completos estes expedientes pasarán ao/á técnico/a que se determine en cada órgano de valoración e asesoramento da dependencia, co perfil que se determinará en función de cada caso en concreto, que filtrará os expedientes en función das tipoloxías establecidas nos artigos seguintes.

4. En todo o non disposto neste capítulo en canto ao procedemento que se debe seguir, observarase o disposto no título I do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

Artigo 79. Menores de seis meses de baixo peso ao nacer (especialmente prematuros).

Para os efectos do recoñecemento do grao e nivel de dependencia observarase o seguinte:

1. Valórase o peso ao nacemento, para o que se require o correspondente informe de saúde que acredite esta información.

2. Cando o peso sexa inferior a 1.100 g, o expediente pasarase directamente á fase de ditame proposta, sen necesidade de aplicación do baremo establecido normativamente, cun grao de dependencia en grao III, nivel 2. Excepcionalmente, nestes expedientes poderase levar a cabo a aplicación da escala de valoración específica para os menores de tres anos (EVE) durante os 5 primeiros días do prazo total establecido para resolver o grao e nivel de dependencia.

3. Cando o peso estea entre 1.100 e 1.500 g, o grao e nivel de dependencia corresponderase co grao II, nivel 2, aínda que se debe de valorar a existencia doutras circunstancias que puideren supoñer un maior grao de dependencia. Estes expedientes requiren a aplicación do baremo establecido normativamente, procedendo a realizarse a valoración entre o sexto e o décimo segundo día do prazo total establecido para resolver o grao e nivel de dependencia.

4. Cando o peso sexa superior a 1.500 e inferior a 2.200 g, débese aplicar a EVE para os efectos de valorar a situación de dependencia. Estes expedientes requiren a aplicación do baremo establecido normativamente, procedendo á valoración entre o sexto e o décimo segundo día do prazo total establecido para resolver o grao e nivel de dependencia.

Artigo 80. Menores de tres anos que utilicen medidas de soporte para funcións vitais.

Os expedientes de menores de tres anos que utilicen medidas de soporte para funcións vitais pasarán directamente á fase de ditame proposta cun grao de dependencia en grao III, nivel 2, sen necesidade de aplicación do baremo establecido normativamente.

Artigo 81. Expedientes que requiran aplicación da EVE.

Nos demais supostos diferentes aos sinalados nos artigos anteriores, requirirase a aplicación da EVE segundo o seguinte:

1. Realizarase sempre a aplicación do baremo establecido normativamente. A valoración realizarase entre o sexto e o décimo segundo día do prazo total establecido para resolver o grao e nivel de dependencia.

2. A través de protocolos de colaboración entre a consellería con competencia en materia de servizos sociais e outras consellerías ou administracións que teñan por obxecto a aplicación do baremo establecido normativamente, a valoración poderá ser levada a cabo polos seguintes profesionais:

• Valoradores/as do equipo técnico.

• Profesionais con perfil sanitario e social da unidade de neonatoloxía.

• Profesionais con perfil sanitario e social do servizo de pediatría.

• Profesionais con perfil sanitario e social do servizo de atención temperá.

• Con outros/as técnicos/as que se determinen nos convenios, acordos ou protocolos que estableza a consellería con competencias en materia de servizos sociais con outros departamentos, administracións ou institucións.

Capítulo VI
Procedemento de valoración e recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema nos supostos de emerxencia social

Artigo 82. Prelación dos expedientes en situación de emerxencia social.

1. Segundo o artigo 16 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, darase prioridade á tramitación do procedemento cando así o aconsellen razóns de interese público debidamente documentadas e obxectivadas que impliquen:

a) Unha situación de desamparo ou abandono.

b) Malos tratos físicos e/ou psíquicos.

c) Situación de risco grave inminente para a súa integridade física e/ou psíquica.

2. A consellería con competencias en materia de servizos sociais establecerá protocolos de coordinación coas demais consellerías, organismos e institucións para a xestión das situación de emerxencia social.

Artigo 83. Profesional de referencia.

Un/unha técnico/a do órgano de valoración e asesoramento da dependencia, co perfil que se determinará en función do caso en concreto, será o referente para filtrar estes expedientes e o/a responsable das intervencións oportunas cos servizos sociais comunitarios e/ou de saúde, se for o caso, para completar a documentación e axilizar o trámites necesarios.

Artigo 84. Documentación.

Para os efectos do inicio da tramitación de emerxencia deberase achegar:

a) A solicitude de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema, segundo o modelo do anexo VIII-I a esta orde.

A solicitude deberá remitirse debidamente cuberta e asinada polo/a interesado/a, o/a representante ou, de ser o caso, dilixenciada polo/a traballador/a social de referencia. De consideralo necesario debido ás circunstancias observadas, o/a traballador social de referencia cursará no mesmo instante a debida comunicación ao Ministerio Fiscal para os efectos oportunos.

b) Informe de saúde e informe social emitido polo/a traballador/a social de referencia, e demais documentación que se considere necesaria, para os efectos de xustificar a situación de emerxencia segundo o artigo 82 desta orde.

Artigo 85. Declaración da tramitación pola vía de emerxencia.

1. No prazo máximo de 48 horas desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver o expediente, e conforme o informe social e de saúde, o órgano de valoración e asesoramento da dependencia emitirá ditame técnico en que se proporá a tramitación do expediente pola vía da emerxencia, logo de acreditación dos supostos establecidos, e determinará a modalidade de intervención máis adecuada ás necesidades de atención da persoa, preferentemente o servizo de atención residencial ou servizo de axuda no fogar.

2. O ditame será elevado ao/á respectivo xefe/a territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais, que declarará a tramitación de emerxencia mediante resolución motivada no prazo máximo de 72 horas desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver o expediente. De non apreciarse causas xustificativas que motiven a tramitación do procedemento de emerxencia, continuarase coa súa tramitación pola vía ordinaria e segundo a orde de entrada da solicitude.

Artigo 86. Asignación do recurso.

1. Unha vez declarada a tramitación de emerxencia e no prazo máximo de 48 horas desde a declaración de emerxencia a unidade xestora competente proporcioná o acceso ao recurso determinado como modalidade de intervención máis adecuada.

2. Con carácter excepcional nos supostos en que a asignación do recurso sexa necesaria de forma inmediata procederase, a través da unidade xestora do recurso, a proporcionar o dito acceso e deben confirmarse, posteriormente e no prazo máximo de 48 horas desde a asignación do recurso, a situación de emerxencia mediante resolución motivada do/a respectivo/a xefe/a territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais.

Artigo 87. Continuación do procedemento.

1. Unha vez proporcionado o recurso adecuado continuarase coa tramitación do procedemento segundo o disposto no título I do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, para os efectos de complementar os trámites oportunos sinalados para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema para a autonomía persoal e atención á dependencia, e deben de completarse toda a documentación obrigatoria disposta no artigo 21 do citado decreto.

2. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do grao e nivel de dependencia será de 20 días hábiles desde que a solicitude tivo entrada no rexistro do órgano competente para resolvelo.

3. Se, logo da súa valoración, resultar unha situación de non dependencia ou un grao e nivel de dependencia aínda non implantado, derivarase o expediente á unidade competente da consellería con competencias en materia de servizos sociais en función do recurso asignado.

4. O prazo máximo para ditar e notificar a resolución do programa individual de atención que conteña a modalidade de intervención máis adecuada que se considere definitiva será de 10 días hábiles desde a data da resolución do grao e nivel de dependencia.

5. En todo o non disposto neste capítulo en canto ao procedemento que se debe seguir observarase o disposto no título I do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

Capítulo VII
Dereito á efectividade das prestacións económicas das persoas solicitantes
falecidas

Sección 1.ª Disposicións xerais

Artigo 88. Persoas solicitantes falecidas.

1. Segundo se establece no artigo 40 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, a efectividade do dereito ás prestacións económicas das persoas solicitantes falecidas durante a tramitación do procedemento recoñecerase á persoa que soportara o gasto sempre que lle corresponda conforme a normativa de aplicación.

2. Será necesario que a documentación que consta no expediente no momento do falecemento probe cal era o grao e nivel de dependencia da persoa solicitante falecida. Así mesmo, de existir proposta do programa individual de atención terá que constar que se cumprían os requisitos establecidos para cada tipo de libranza, debendo de xustificarse documentalmente o gasto efectivamente soportado.

3. A efectividade do dereito ás prestacións económicas das persoas solicitantes falecidas antes da entrada en vigor do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, e durante a tramitación do procedemento, segundo o establecido na súa disposición transitoria sexta, producirase cos mesmos efectos e requisitos que os supostos recollidos nos seus artigos 39 e 40.

Artigo 89. Requisitos comúns.

1. O dereito á efectividade das prestacións económicas das persoas solicitantes falecidas só será recoñecido no suposto en que a Administración competente incorrese en demora en relación co prazo máximo para resolver establecido na normativa de aplicación sen que o/a interesado/a recibise a notificación da resolución pola que se aprobe o seu programa individual de atención. Así, para as solicitudes presentadas con anterioridade á entrada en vigor do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, o prazo establecido é de doce meses segundo o disposto no Decreto 176/2007, do 6 de setembro.

Para as solicitudes presentadas con posterioridade á entrada en vigor do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, e segundo o disposto nos seus artigos 14 e 15, o prazo establecido é de seis meses desde a data de presentación da solicitude.

Non xerarán este dereito aquelas solicitudes en que o/a interesado/a desistise do procedemento, renunciase aos dereitos recoñecidos ou cuxo expediente estivese paralizado por causa imputable ao/á propio/a interesado/a.

2. Non se xera este dereito cando o/a interesado/a estivese sendo atendido/a, simultaneamente á tramitación do expediente de dependencia, a través dun recurso do Sistema Galego de Servizos Sociais incluído como prestación do catálogo do SAAD.

3. Para o recoñecemento desta efectividade é preciso que da documentación que figura no expediente se poida probar o grao e nivel de dependencia do/a interesado/a. Para estes efectos será preciso que, como mínimo, conste no expediente o informe de condicións de saúde e o informe social e, ademais, o resultado da aplicación do baremo establecido normativamente. Asemade, é preciso que o grao e nivel de dependencia que se recoñecese ou se probe xere dereito no período de referencia segundo o calendario de implantación disposto na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro.

Artigo 90. Prestación solicitada.

A efectividade do dereito ás prestacións económicas das persoas solicitantes falecidas durante a tramitación do procedemento farase efectiva soamente en relación con aquela libranza que solicitase o/a interesado/a e así conste na documentación que consta no expediente, sempre que a prestación solicitada se entendese idónea como modalidade de intervención adecuada á situación da persoa en situación de dependencia.

Artigo 91. Persoas beneficiarias.

1. Considérase persoa beneficiaria deste dereito, segundo o disposto no artigo 40 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, a persoa que soportase o gasto.

2. Se o gasto o soportou a persoa solicitante falecida, o abonamento das cantidades que correspondan derivadas deste recoñecemento corresponderá á comunidade hereditaria.

3. Se o gasto o soportou outra persoa física distinta da persoa solicitante falecida, o aboamento das cantidades que correspondan derivadas deste recoñecemento corresponderá a esa/s persoa/s físicas sempre e cando acrediten todos os puntos sinalados nesta orde.

4. No caso de libranza para coidados no contorno familiar, considérase persoa beneficiaria a persoa coidadora non profesional sempre e cando cumpra os requisitos establecidos.

Artigo 92. Prazo para a solicitude da efectividade deste dereito.

O prazo establecido para solicitar a efectividade do dereito ás prestacións económicas das persoas solicitantes falecidas será de cinco anos desde a data en que se produciu ou se produza o falecemento da persoa solicitante, segundo o establecido no artigo 27 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 93. Xustificación documental do gasto efectivo no caso de libranza vinculada á adquisición do servizo e de asistencia persoal.

Nos supostos de libranza vinculada á adquisición do servizo e de asistencia persoal será preciso xustificar documentalmente o gasto efectivo a través de facturas orixinais ou compulsadas do servizo prestado á persoa solicitante en situación de dependencia.

Artigo 94. Xustificación documental do gasto efectivo no caso de libranza de coidados no contorno familiar.

Nestes supostos será preciso xustificar documentalmente a través do correspondente informe social do/a traballador/a social de servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa solicitante, do sistema de saúde ou de servizos sociais especializados a efectividade dos coidados durante o período de referencia.

Ademais deberase presentar unha declaración responsable da persoa coidadora non profesional segundo o modelo do anexo III a esta orde, así como unha declaración responsable das persoas herdeiras segundo o modelo do anexo IV a esta orde.

Artigo 95. Acreditación dos requisitos exixidos para cada tipo de libranza.

1. De existir proposta do programa individual de atención, terá que acreditarse nesta, xunto coa demais documentación que conste no expediente, que se cumprían os requisitos establecidos para cada tipo de libranza que se relacionan nos seguintes artigos.

2. De non existir proposta do programa individual de atención, terase que acreditar que se cumprían os requisitos establecidos para cada tipo de libranza que se relacionan nos artigos 96, 97 e 98 desta orde, a través dun un informe social emitido polo/a traballador/a social de servizos sociais comunitarios, de saúde ou de servizos especializados.

Artigo 96. Requisitos específicos para a libranza vinculada á adquisición de servizos.

1. Para os efectos do recoñecemento da efectividade deste dereito, deberá quedar acreditado o cumprimento de todos os requisitos establecidos nos artigos 32 e 33 da presente orde.

2. En particular, deberá quedar acreditado que a persoa beneficiaria obtivo efectivamente, durante o período de referencia, a prestación do servizo por unha entidade debidamente acreditada para a atención a persoas en situación de dependencia.

Artigo 97. Requisitos específicos para a libranza de coidados no contorno familiar.

1. Para os efectos do recoñecemento da efectividade deste dereito, deberá quedar acreditado o cumprimento de todos os requisitos establecidos nos artigos 36, 37 e 38 da presente orde.

2. Ademais, deberá acreditarse:

2.1. Que o programa individual de atención da persoa beneficiaria, de existir, determine a adecuación desta prestación.

2.2. Que os coidados que se deriven da súa situación de dependencia se estiveron a prestar no seu domicilio habitual e con carácter previo á solicitude, debendo residir a persoa en situación de dependencia no dito domicilio como mínimo 9 meses ao ano.

2.3. Que se deron as condicións axeitadas de convivencia e habitabilidade da vivenda para a prestación dos coidados necesarios. Valoraranse as condicións axeitadas de habitabilidade da vivenda, entre as cales se terá en conta a accesibilidade suficiente que permitise o exercicio das funcións de coidado persoal.

A convivencia no mesmo domicilio constitúe un elemento referencial de condición axeitada, sendo requisito necesario o de que a persoa coidadora convivise coa persoa en situación de dependencia no mesmo domicilio durante o tempo de referencia dos coidados. No informe que elaboren os servizos sociais comunitarios, de saúde ou especializados, de ser o caso, debe quedar constancia de que se deron as condicións de convivencia e relación no mesmo domicilio.

Artigo 98. Requisitos específicos para a libranza de asistente persoal.

1. Para os efectos do recoñecemento da efectividade deste dereito deberá quedar acreditado o cumprimento de todos os requisitos establecidos nos artigos 42 a 43 da presente orde.

2. En particular, deberá quedar acreditado que a persoa beneficiaria obtivese efectivamente, durante o período de referencia, a prestación do servizo por unha entidade debidamente acreditada para a atención a persoas en situación de dependencia ou directamente mediante contrato laboral ou de prestación de servizos.

Sección 2.ª Procedemento para a solicitude do dereito

Artigo 99. Prazo para resolver o procedemento.

O procedemento resolverase no prazo máximo de seis meses desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a tramitación do expediente.

Artigo 100. Silencio administrativo.

No suposto do vencemento do prazo máximo establecido sen ditarse e notificarse a resolución expresa, os/as interesados/as poderán entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga da Administración de resolver expresamente.

Artigo 101. Iniciación do procedemento e presentación da solicitude.

1. En todo o non establecido nesta sección observarase o disposto no título I do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. O procedemento iniciarase por instancia de persoa interesada que considere ter dereito á efectividade das prestacións económicas das persoas solicitantes falecidas sen recibiren a atención solicitada durante a tramitación do procedemento de recoñecemento da situación de dependencia, e a solicitude dirixirase á xefatura territorial da consellería con competencia en materia de servizos sociais correspondente á provincia en que a persoa en situación de dependencia presentase a súa solicitude de recoñecemento da situación de dependencia.

3. A solicitude formalizarase no modelo normalizado no anexo II a esta orde e presentarase, xunto coa documentación preceptiva, no rexistro que corresponda aos servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa solicitante. Así mesmo, poderase presentar no rexistro da consellería con competencias en materia de servizos sociais, no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou en calquera dos lugares recollidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, así como por medios electrónicos a través do rexistro electrónico da Xunta de Galicia, segundo o disposto no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e polo Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 102. Documentación necesaria.

Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

a) Orixinal ou copia compulsada do DNI das persoas solicitantes ou calquera outro documento acreditativo da súa identidade, de conformidade coa normativa vixente, no suposto de que non o autorice o interesado/a para que estes datos poidan ser solicitados directamente no seu nome polo órgano tramitador.

b) No caso de libranzas vinculadas a coidados no contorno familiar:

1. Orixinal ou copia compulsada do certificado de empadroamento da persoa coidadora non profesional emitido polo concello correspondente, no suposto de que non o autorice o interesado/a para que estes datos poidan ser solicitados directamente no seu nome polo órgano tramitador.

2. Informe social do/a traballador/a social de servizos sociais comunitarios do domicilio do solicitante, do sistema de saúde ou de servizos sociais especializados que xustifique os aspectos do artigo 94.

3. Declaración responsable da persoa coidadora non profesional segundo o modelo anexo III.

4. Declaración responsable das persoas herdeiras segundo o modelo anexo IV a esta orde.

5. Se for o caso, informe social, emitido polo/a traballador/a social dos servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa solicitante en situación de dependencia e, se é o caso, do/a traballador/a social do sistema de saúde ou do/a traballador/a social dos servizos sociais especializados que xustifique os aspectos do artigo 95.2.

c) No caso de libranzas vinculadas á adquisición dun servizo ou de asistencia persoal:

1. Orixinal ou copia compulsada das facturas para os efectos de xustificar o gasto segundo o disposto no artigo 93.

2. Se é o caso, informe social, emitido polo/a traballador/a social dos servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa solicitante en situación de dependencia e, se é o caso, do/a traballador/a social do sistema de saúde ou do/a traballador/a social dos servizos sociais especializados que xustifique os aspectos do artigo 95.2.

d) No suposto de solicitude presentada a nome da comunidade hereditaria deberase de achegar:

1. Orixinal ou copia compulsada do certificado do rexistro de derradeiras vontades.

2. Testamento ou declaración de herdeiros ab intestato e aceptación da herdanza.

3. Se for o caso, documento acreditativo da liquidación do imposto de sucesións ou a xustificación da súa exención.

4. Ficha de terceiros (DNI, n.º de conta bancaria e certificado expedido pola entidade bancaria da titularidade da conta bancaria).

f) No suposto de solicitude presentada por persoa/a físicas consideradas interesadas no procedemento deberase achegar:

1. Documentación acreditativa da relación de parentesco entre a persoa solicitante falecida e a persoa reclamante.

2. Ficha de terceiros (DNI, n.º de conta bancaria e certificado expedido pola entidade bancaria da titularidade da conta bancaria).

Artigo 103. Dereito a non presentar a documentación que conste en poder da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

1. Os/as interesados/as non estarán na obriga de achegar información, datos ou documentación que estea xa en poder da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou que, de acordo coa lexislación vixente, poida obterse polos seus propios medios.

2. A solicitude deberáe conter a autorización da persoa solicitante en relación á persoa causante deste dereito e dos seus convivientes, para que a xefatura territorial da consellería competente en materia de servizos sociais realice as consultas aos arquivos que consten en poder das distintas administracións públicas para os efectos de verificar os datos declarados sobre a situación económica.

3. A persoa solicitante autorizará expresamente á xefatura territorial da consellería competente en materia de servizos sociais para poder solicitar directamente no seu nome os datos do DNI e de residencia, suposto en que non será necesaria a presentación de copias destes documentos.

Artigo 104. Instrución do expediente. Emenda de solicitudes.

Unha vez examinada a solicitude presentada perante a xefatura territorial da consellería competente en materia de servizos sociais, se esta non reunir os requisitos exixidos ou non se acompañar da documentación necesaria, segundo se establece no artigo 102 desta orde, requirirase a persoa interesada para que, no prazo de 10 días hábiles contados desde o día seguinte á recepción da notificación do requirimento, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistida da súa petición, de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, logo da resolución que deberá ditarse nos termos previstos no artigo 42 da citada lei.

Artigo 105. Remisión do expediente e proposta de resolución.

1. Unha vez completado o expediente ou transcorrido o prazo máximo para a súa emenda, a xefatura territorial, no prazo máximo de 5 días, remitirá o expediente completo ao órgano de dirección con competencia en materia de dependencia.

2. A Subdirección Xeral da Dependencia, tendo en conta a documentación que conste no expediente e a presentada polo/a interesado/a xunto coa solicitude, emitirá ditame-proposta de resolución, que deberá conter como mínimo a estimación ou desestimación da solicitude de recoñecemento do dereito á efectividade das prestacións económicas da persoa solicitante falecida durante o procedemento, así como, se for o caso, a cuantificación económica dela e as persoas beneficiarias do pagamento, e aqueloutros extremos que se consideren relevantes en función de cada caso, e elevarao á persoa titular do órgano de dirección con competencia en materia de dependencia.

Artigo 106. Resolución.

1. A persoa titular do órgano de dirección con competencia en materia de dependencia ditará a correspondente resolución, que deberá conter os aspectos relacionados no punto 2 do artigo anterior.

2. A execución da resolución, de ser o caso, poderá corresponder á xefatura territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais do domicilio da persoa beneficiaria.

Artigo 107. Recurso de alzada.

Contra a resolución de recoñecemento da efectividade do dereito ás prestacións económicas das persoas solicitantes falecidas durante a tramitación do procedemento os/as interesados/as poderán interpor, no prazo dun mes desde o día seguinte á súa notificación ou no prazo de tres meses a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto por silencio administrativo, recurso de alzada perante a persoa titular da consellería con competencia en materia de servizos sociais, de conformidade co disposto nos artigos 107 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 108. Aprazamento e periodificación das contías económicas recoñecidas nos supostos de libranzas vinculadas a coidados no contorno familiar.

Ás contías económicas de libranzas vinculadas a coidados no contorno familiar, recoñecidas segundo o disposto neste capítulo, poderáselles aplicar o réxime de aprazamento e periodificación regulado na disposición adicional quinta do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

Capítulo VIII
Comisión provincial de coordinación

Artigo 109. Comisión provincial de coordinación.

1. Segundo o artigo 6.3 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, as administracións públicas, no exercicio das súas respectivas competencias, actuarán de conformidade cos principios de coordinación, colaboración e cooperación interadministrativa.

2. Para os efectos de articular os mecanismos de coordinación adecuados no desenvolvemento do sistema para a promoción da autonomía e atención ás persoas en situación de dependencia, crearase unha comisión provincial de coordinación entre a xefatura territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais, os servizos sociais comunitarios, de atención primaria de saúde e especializados.

Artigo 110. Composición.

1. A comisión provincial de coordinación estará formada por un máximo de 10 persoas entre técnicos/as do servizo da dependencia e autonomía persoal da xefatura territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais, dos servizos sociais comunitarios, das unidades de traballo social de atención primaria de saúde e de servizos sociais especializados. De considerarse necesario, en función da temática concreta que se trate, poderanse incorporar ás reunións ordinarias distintos/as profesionais doutros sistemas de protección (educativos, vivenda, xustiza, emprego, cultura, migracións, outros ...).

2. Por parte da xefatura territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais formará parte da comisión o/a xefe/a de servizo da dependencia e autonomía persoal, o/a coordinador/a técnico/a de dependencia e tres técnicos/as designados/as polo/a respectivo/a xefe territorial.

3. Por parte dos servizos sociais de referencia formarán parte da comisión tres traballadores/as sociais dos servizos sociais comunitarios, un/unha traballador/a social das unidades de traballo social de atención primaria de saúde e un/unha traballador/a social de servizos sociais especializados. Os/as traballadores/as sociais serán nomeados segundo o sistema de representación que teñan establecido en relación ao seu ámbito profesional, sendo o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia o encargado de comunicar á respectiva xefatura territorial o nome dos/as profesionais que formarán parte da comisión de coordinación.

Artigo 111. Réxime de funcionamento.

1. Na comisión de coordinación exercerá as funcións de presidente/a o/a xefe de servizo da dependencia e autonomía persoal.

Correspóndelle ao/á presidente/a da comisión:

a) Exercer a representación da comisión.

b) Acordar a convocatoria das sesións ordinarias e extraordinarias e a fixación da orde do día.

c) Presidir as sesións, moderar o desenvolvemento dos debates e suspendelos por causas xustificadas.

d) Dirimir co seu voto os empates para os efectos de adoptar os acordos.

e) Asegurar o cumprimento das leis.

f) Visar as actas e certificacións dos acordos da comisión.

g) Exercer cantas outras funcións sexan inherentes á súa condición de presidente/a da comisión.

h) Nos casos de vacante, ausencia, enfermidade, ou outra causa legal, o/a presidente/a será substituído/a polo/a coordinador/a técnico/a da dependencia e, no seu defecto, polo membro da comisión de maior xerarquía, antigüidade e idade, por esta orde, de entre os seus compoñentes.

2. A comisión de coordinación terá un/ha secretario/a que poderá ser membro da propia comisión ou empregado público ao servizo da xefatura territorial correspondente.

Correspóndelle ao/á secretario/a:

a) Asistir ás reunións con voz pero sen voto se non é membro da comisión, e con voz e voto se é membro desta.

b) Preparar o despacho dos asuntos, redactar e autorizar as actas das sesións.

c) Cantas outras funcións sexan inherentes a súa condición de secretario/a.

3. O réxime de funcionamento e periodicidade das sesións serán acordados pola comisión cun mínimo dunha reunión trimestral.

4. Canto ao non establecido neste capítulo para o réxime de organización e funcionamento, seguirase o disposto na sección 3.ª, capítulo I do título I da Lei 17/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Artigo 112. Competencias.

1. A comisión poderá propoñer ao órgano de dirección da Administración autonómica competente en materia de dependencia liñas de actuación e medidas para a mellora da coordinación entre as distintas administracións públicas e os departamentos implicados, así como para a mellora da calidade do sistema para a promoción da autonomía persoal e atención á dependencia en Galicia.

2. Con carácter xeral a comisión abordará as seguintes temáticas:

a) Realizar o seguimento e avaliación das medidas implementadas na mellora da calidade da xestión do sistema para a promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.

b) Caracterizar os problemas do sistema en Galicia e procurar as posibles solucións.

c) Participar no deseño, execución e avaliación dos plans e proxectos que afecten o desenvolvemento do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia.

d) Compilar e centralizar o conxunto de coñecementos, experiencias e boas prácticas na materia e propoñer medidas para a súa implementación.

3. Con carácter particular a comisión de coordinación abordará o estudo e a proposta de medidas para unificar criterios de actuación relativos ás seguintes cuestións:

a) Xestión do procedemento de recoñecemento de grao e nivel de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema en relación co ámbito de actuación propio de cada administración e/ou consellería.

b) Información que se proporcionará ao cidadán sobre os dereitos e obrigas, réxime de acceso ás distintas prestacións do sistema e daquelas novidades que se produzan en relación co sistema para a promoción da autonomía persoal e atención á dependencia.

c) Asignación dos distintos servizos do SAAD, principalmente en relación cos servizos sociais comunitarios.

d) Determinación dos supostos tipificados como de emerxencia social.

e) Supostos de discordancia entre a expectativa da persoa solicitante ou a proposta de modalidade de intervención feita polo/a traballador/a social de referencia, e/ou a proposta do PIA do órgano de valoración e asesoramento da dependencia.

f) Seguimento directo e continuado da correcta aplicación do programa individual de atención e da adecuación á situación da persoa beneficiaria segundo o disposto no artigo 3 e 4 desta orde.

g) Así como calquera outra temática para a cal se considere necesaria a unificación de criterios dentro do ámbito do sistema para a promoción da autonomía persoal e atención á dependencia.

4. As propostas aprobadas pola comisión de coordinación será elevadas ao órgano de dirección con competencias en materia de dependencia que, logo da súa validación, serán trasladadas ás respectivas xefaturas territoriais da consellería con competencias en materia de servizos sociais, ás administracións e departamentos a que afecten, así como ao Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia para os efectos da súa difusión entre o colectivo de profesionais.

Capítulo IX
Infraccións e sancións do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia

Artigo 113. Réxime de infraccións e sancións.

1. Canto ao réxime de infraccións e sancións observarase o disposto no título III da Lei 39/2006, do 14 de decembro, artigos 42 a 47, e no disposto no título X da Lei 13/2008, do 3 de decembro, de servizos sociais de Galicia, artigos 89 a 97.

2. Só poderán ser sancionadas por feitos constitutivos de infracción administrativa as persoas físicas ou xurídicas que resulten responsables deles.

3. Considéranse autores das infraccións os que realicen os feitos por si mesmos, conxuntamente ou a través de persoa interposta.

4. Terán tamén a consideración de autores os que cooperen na súa execución mediante unha acción ou omisión sen a cal a infracción non se podería levar a cabo.

5. Canto ao non previsto na Lei 13/2008, do 3 de decembro, atenderase á regulación do procedemento sancionador do título IX da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e ao establecido no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aprobou o regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Disposición adicional primeira. Desprazamentos da residencia habitual, temporais e definitivos, a outras comunidades autónomas.

1. O desprazamento da residencia habitual dentro do territorio español terá carácter temporal cando non supere os tres meses. Durante este período manterase a continuidade da libranza concedida.

2. A persoa interesada, ou o/a representante, deberá de comunicar o traslado á xefatura territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais correspondente á súa provincia, cun prazo de anticipación de 30 días naturais. Asemade, no suposto de traslado definitivo, deberá proceder ao empadroamento no municipio de destino no prazo máximo de 10 días desde a notificación do requirimento por parte da administración competente da Comunidade Autónoma de destino.

3. No prazo máximo de 30 días naturais desde a recepción na xefatura territorial da consellería con competencias en materia de servizos sociais da comunicación de traslado do/a interesado/a, a consellería competente en materia de servizos sociais deberá de comunicar á Comunidade Autónoma de destino a solicitude de traslado.

4. Cando o traslado de residencia a outra Comunidade Autónoma teña carácter definitivo, a xefatura territorial correspondente da consellería con competencias en materia de servizos sociais manterá, durante un prazo máximo de tres meses desde a data da comunicación do traslado á Comunidade Autónoma de destino, o dereito á percepción da libranza, ou poderá outorgar, con carácter excepcional, unha libranza vinculada ao servizo sempre que se cumpran os requisitos establecidos na presente orde.

5. Procederase á revogación da libranza e ao reintegro das cantidades percibidas indebidamente cando, con anterioridade ao transcurso dos tres meses a que se refire o parágrafo anterior se teña coñecemento de que a Comunidade Autónoma de destino concedeu á persoa beneficiaria o servizo ou prestación que lle corresponda.

Disposición adicional segunda. Formación non formal de apoio ás persoas coidadoras non profesionais de persoas en situación de dependencia.

1. As accións formativas non formais de apoio desenvolvidas pola Xunta de Galicia estarán dirixidas ás persoas coidadoras non profesionais de persoas en situación de dependencia que fosen recoñecidos como tales na resolución do PIA pola que se concede a libranza para coidados no contorno familiar.

2. O órgano de dirección con competencia en materia de dependencia establecerá os criterios para determinar as necesidades formativas non formais e de apoio das persoas coidadoras destinatarias destas accións formativas non formais e de apoio en función do seu perfil.

3. As accións formativas non formais e de apoio teñen os seguintes obxectivos:

1. Facilitar uns coñecementos básicos ás persoas coidadoras para mellorar o coidado sociosanitario das persoas en situación de dependencia.

2. Promover que as persoas coidadoras apliquen os procedementos e estratexias máis axeitadas para manter e mellorar a autonomía persoal da persoa en situación de dependencia e a súa relación co contorno.

3. Ofrecer información sobre produtos de apoio que propicien o autocoidado e a vida autónoma da persoa en situación de dependencia.

4. Facilitar un apoio emocional ás persoas coidadoras a través de actuacións de autocoidado.

5. Informar e orientar sobre os recursos sociosanitarios máis axeitados para garantir os coidados, a asistencia e a vida autónoma das persoas en situación de dependencia.

6. Impulsar o recoñecemento social das persoas coidadoras, favorecendo, se for o caso, unha orientación para unha futura integración no mercado laboral.

4. Condicións mínimas das accións de formación non formais de apoio.

a) En función das necesidades da persoa coidadora, a modalidade de formación será presencial, a distancia ou mixta. Poderase realizar a distancia naqueles casos que o seu perfil garanta un axeitado aproveitamento. Así mesmo, procurarase utilizar unha metodoloxía activa e participativa.

b) Establecerase, na medida do posible, a incorporación das TIC como unha metodoloxía complementaria para utilizar, especialmente na formación específica e de reforzo.

c) No deseño da formación terase en conta o ámbito rural e urbano das persoas coidadoras.

d) Poderase contar, no proceso de desenvolvemento das accións de formación, coa colaboración dos interlocutores sociais e as organizacións do terceiro sector especializadas no ámbito da dependencia.

e) Para o desenvolvemento da formación, promoverase a coordinación entre as diferentes administracións públicas competentes no ámbito sanitario, educativo e laboral, coa colaboración das entidades locais.

f) No desenvolvemento das accións de formación teranse en conta os distintos perfís da persoa coidadora, promovendo, se for o caso, unha orientación cara accións formativas que permitan ás persoas coidadoras non profesionais incorporarse ao mercado laboral.

g) Cando a formación se dirixa a persoas coidadoras de menores de 3 anos en situación de dependencia, terase en conta o recollido nos plans de atención integral a menores de 3 anos que desenvolva a Comunidade Autónoma.

5. Programas de formación non formais e de apoio.

a) Os programas de formación estruturaranse nunha formación inicial que se realizará, prioritariamente, no primeiro ano a partir da resolución pola que se concede a libranza para coidados no contorno familiar, e unha formación específica que se desenvolverá en función das necesidades da persoa coidadora e da persoa en situación de dependencia. Así mesmo, realizarase unha formación de apoio e reforzo á persoa coidadora.

b) Os contidos da formación non formal e de apoio inicial abordarán aspectos tales como:

1. Desenvolvemento persoal da persoa coidadora.

2. Competencias e habilidades para promover o coidado e a autonomía das persoas en situación de dependencia.

3. Recursos existentes e xeración de redes sociais de apoio.

c) O total de horas da formación inicial será de 15 horas, e o da formación específica de 10 horas, salvo que a formación, capacitación ou experiencia da persoa coidadora indique que non precisa a dita formación.

6. Plan de formación non formal e de apoio.

Anualmente o órgano de dirección con competencia en materia de dependencia, de acordo co establecido nos puntos anteriores e o disposto polo Consello Territorial do SAAD, elaborará o plan de formación, que comprenderá as accións formativas non formais e de apoio que se levarán a cabo durante ese ano e as bases e condicións delas.

7. Contidos formativos non formais e de apoio.

Os contidos formativos, tanto da formación non formal e de apoio inicial como específica, deberán de ser aprobados pola consellería con competencias en materia de servizos sociais.

8. Acreditación da formación non formal e de apoio.

O órgano de dirección con competencia en materia de dependencia acreditará a formación non formal da persoa coidadora dentro do seu programa formativo non formal ou daqueles programas formativos non formais doutras entidades, sempre e cando se axusten aos requisitos dispostos nos puntos anteriores e se seguise o contido formativo aprobado pola consellería con competencias en materia de servizos sociais.

Enténdese por entidades formadoras os centros e entidades públicas, as entidades privadas que teñan entre os seus obxectivos os de impartir cursos de formación ou aquelas organizacións privadas do terceiro sector especializadas en atender persoas en situación de dependencia.

Disposición adicional terceira. Axudas económicas para facilitar a autonomía persoal.

A consellería con competencias en materia de servizos sociais poderá, nos termos da disposición adicional terceira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, e en función das súas dispoñibilidades orzamentarias, establecer axudas económicas co fin de facilitar a autonomía persoal.

Tales axudas terán a condición de subvencións e irán destinadas:

a) A apoiar a persoa con axudas técnicas ou instrumentos necesarios para o normal desenvolvemento da súa vida ordinaria.

b) A facilitar a accesibilidade e adaptacións no fogar que contribúan a mellorar a súa capacidade de desprazamento na vivenda.

Disposición adicional cuarta. Prevención da dependencia nos/as menores de 3 anos.

En tanto en canto non se desenvolva, segundo o disposto na disposición adicional décimo terceira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, o Plan integral de atención a menores de tres anos en situación de dependencia, a consellería con competencias en materia de servizos sociais regulará o procedemento de acceso aos servizos de atención temperá dos/as menores de tres anos en situación de risco biopsicosocial que, de non mediar a antedita intervención, podería derivar nunha situación de dependencia.

Disposición adicional quinta. Tramitación electrónica do procedemento de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do sistema.

1. Segundo o teor do disposto no artigo 19 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, deberanse establecer os medios necesarios para habilitar este procedemento no Rexistro Electrónico da Xunta de Galicia, tendo en conta o disposto no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Conforme o Decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes, e o Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia, habilítase, entre outros, a tramitación electrónica do procedemento de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia debido ao cal se actualizan segundo o anexo VIII a esta orde os modelos normalizados de solicitude (anexo VIII-I), informe de saúde (anexo VIII-II) e informe social (anexo VIII-III) do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

3. Co obxecto de posibilitar a presentación electrónica da solicitude de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia, a autorización á Administración por parte do cónxuxe ou parella de feito, ascendentes ou fillos/as menores de 25 anos ou maiores en situación de discapacidade economicamente a cargo da persoa solicitante, para o acceso por medios propios á información de carácter tributario necesaria, así como as verificacións e as consultas a ficheiros públicos necesarias para acreditar os datos declarados cos que estean en poder das distintas administracións públicas competentes, entre eles para a consulta dos datos de identidade e residencia nos Sistemas de Verificación de Datos de Identidade e Residencia do Ministerio da Presidencia, segundo o disposto no artigo 21, p), e 22 do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, e recollida no punto quinto do anexo I, que agora se actualiza, do mencionado decreto, presentarase como anexo independente, segundo o modelo recollido no anexo IX a esta orde, xuntándoa escaneada na sede electrónica xunto coa solicitude.

4. A solicitude formalizarase no modelo normalizado e presentarase, xunto coa documentación preceptiva, no rexistro que corresponda aos servizos sociais comunitarios do domicilio da persoa solicitante. Así mesmo, poderase presentar no rexistro da consellería con competencias en materia de servizos sociais, no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia ou en calquera dos lugares recollidos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, así como por medios electrónicos a través do rexistro electrónico da Xunta de Galicia segundo o disposto no decreto 198/2010, do 2 de decembro, polo que se regula o desenvolvemento da Administración electrónica na Xunta de Galicia e nas entidades dela dependentes e do Decreto 191/2011, do 22 de setembro, de organización e funcionamento dos rexistros da Administración xeral e das entidades públicas instrumentais da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. Asemade, conforme o disposto no artigo 32 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, os/as interesados/as con capacidade de obrar poderán actuar electrónicamente por medio de representante, entendéndose con este as actuacións administrativas, salvo manifestación expresa en contra do/a interesado/a.

6. Para formular a solicitude por vía electrónica por medio de representante, deberá acreditarse a representación por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, ou mediante declaración en comparecencia persoal do/a interesado/a. Para os actos e xestións de mero trámite presumirase aquela representación.

7. O/a interesado/a, ou o seu representante, poderá autorizar expresamente o/a traballador/a social de referencia para a presentación electrónica da solicitude e da demais documentación que a debe de acompañar, así como para a presentación da demais documentación necesaria derivada desta actuación canto a emendar ou xuntar os documentos preceptivos e demais documentación complementaria que se considere para o efecto.

Neste suposto deberá acreditarse a representación expresa para a presentación da solicitude por calquera medio válido en dereito que deixe constancia fidedigna, ou mediante declaración en comparecencia persoal do/a interesado/a perante un/unha funcionario/a da administración en cuxo rexistro se presente a solicitude, segundo o modelo do anexo VII a esta orde. Unha vez presentada a solicitude, as actuacións practicaranse co/a interesado/a ou co/a representante que designase para o efecto.

8. Habilitaranse os medios necesarios para o envío electrónico, por parte dos/as profesionais responsables do informe social e do informe de condicións de saúde á consellería con competencias en materia de servizos sociais.

Disposición adicional sexta. Solicitude do servizo de teleasistencia a través do Sistema de Atención á Dependencia da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para a solicitude e acceso ao servizo de teleasistencia incluído no catálogo de servizos e prestacións do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, deberase acreditar o recoñecemento da situación de dependencia, conforme o calendario previsto. Para estes efectos, na solicitude de recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia deberase sinalar como expectativa o servizo de teleasistencia, ademais de xuntar a documentación preceptiva establecida no artigo 21 do citado decreto.

Unha vez valorada a persoa solicitante, e no suposto de resultar unha situación de non dependencia ou non alcanzar un grao e nivel implantado segundo o calendario establecido na disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, a solicitude do servizo de teleasistencia será derivada de oficio e tramitarase polo procedemento de libre concorrencia que se determine para o efecto.

Disposición adicional sétima. Comisión provincial de coordinación.

A constitución e posta en funcionamento da comisión provincial de coordinación non suporá incremento dos créditos orzamentarios da Secretaría Xeral de Política Social.

Disposición transitoria primeira. Procedementos iniciados.

1. Os procedementos para o recoñecemento da situación de dependencia e do dereito ás prestacións do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia iniciados con anterioridade á entrada en vigor desta orde rexeranse polas disposicións contidas nesta, mantendo a súa validez os trámites xa realizados conforme a normativa anterior.

2. Non obstante, canto aos PIA aprobados con anterioridade á entrada en vigor desta orde, observarase o disposto na normativa vixente na data da súa resolución, sendo que as disposicións contidas na presente orde se aplicarán ás propostas PIA e revisións dos PIA que se aproben a partir da súa entrada en vigor.

3. Cando por aplicación das regras contidas nesta orde sexa precisa a realización dun trámite imprescindible para a resolución do expediente non previsto no Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, nin na Orde do 17 de decembro de 2007, seralle requirido de oficio pola administración ao/á interesado/a.

Disposición transitoria segunda. Continuidade na prestación de servizos das persoas recoñecidas en situación de dependencia.

As persoas recoñecidas en situación de dependencia que no momento da entrada en vigor desta orde estean sendo atendidas nun centro ou programa público ou privado con prazas concertadas ou conveniadas coa Administración autonómica, continuarán, dentro das posibilidades que determine o seu programa individual de atención, na permanencia no antedito centro ou programa.

No suposto de que, no momento da entrada en vigor desta orde, as persoas recoñecidas en situación de dependencia estean sendo atendidas nun centro ou programa privado non concertado que conte con prazas para a atención a persoas en situación de dependencia, poderán optar, dentro das posibilidades que determine o seu programa individual de atención, pola libranza para a adquisición de servizos co fin de facilitar a súa permanencia no centro ou programa e garantir, así, a continuidade na atención, sempre que as persoas recoñecidas ocupen prazas destinadas a persoas en situación de dependencia e que o centro estea debidamente acreditado para a atención a persoas en situación de dependencia, segundo o disposto na disposición transitoria cuarta do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro.

Disposición transitoria terceira. Requisitos das persoas beneficiarias do servizo de atención residencial e de libranza vinculada ao servizo de atención residencial de persoas en situación de dependencia en centros autorizados para a atención residencial de persoas maiores en situación de dependencia.

1. Transitoriamente e mentres non fixe a Comunidade Autónoma os criterios de acreditación de centros e plans de calidade, de acordo co establecido na Resolución do 2 de decembro de 2008, da Secretaría de Estado de Política Social, Familias e Atención á Dependencia e á Discapacidade, pola que se publica o Acordo do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, sobre criterios comúns de acreditación para garantir a calidade dos centros e servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, así como a definición dunha nova carteira de servizos do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma segundo o disposto na Lei 39/2006, do 14 de decembro, onde se establezan os requisitos para ser persoa beneficiaria de servizos de atención residencial, o/a titular do órgano de dirección competente en materia de dependencia poderá, mediante resolución motivada, exceptuar do requisito da idade para o acceso ao servizo ou á libranza vinculada de atención residencial de persoas en situación de dependencia en centros de atención residencial para persoas maiores en situación de dependencia.

2. A autorización necesitará dun informe-proposta previo por parte do órgano de valoración e asesoramento da dependencia da xefatura territorial da consellería competente en materia de servizos sociais onde se motive a necesidade de exceptuar o requisito da idade segundo circunstancias de saúde ou sociais, a idoneidade como modalidade de atención dos servizos de atención residencial e a inexistencia da dispoñibilidade doutro tipo de recurso para a súa atención que se adapte as súas necesidades.

Disposición transitoria cuarta. Incompatibilidade dos servizos e das prestacións económicas periódicas co programa de atención ás persoas maiores dependentes a través do cheque asistencial, regulado no Decreto 176/2000, do 22 de xuño, e réxime transitorio para as persoas beneficiarias actuais do programa.

1. Segundo o disposto na disposición transitoria sétima do Decreto 15/2010, do 4 de febreiro, transitoriamente as persoas beneficiarias actuais do programa do cheque asistencial permanecerán sendo atendidas ata que se produza a súa baixa definitiva nel ou a súa integración no SAAD de acordo co disposto nos puntos seguintes da citada disposición.

2. En todo caso, a integración das actuais persoas beneficiarias no SAAD segundo o procedemento establecido na disposición transitoria sétima do Decreto 15/2010, con carácter prioritario, finalizará na data do 30 de xuño de 2012. Nesa data producirase a baixa definitiva das persoas beneficiarias do programa do cheque asistencial agás para as persoas beneficiarias recoñecidas cun grao I, nivel 1, de dependencia moderada, para as cales rematará na data do 31 de decembro de 2013.

Excepcionalmente o órgano de dirección con competencias en materia de dependencia poderá autorizar, a prórroga na continuidade no programa por un período máximo de 6 meses.

Disposición transitoria quinta. Situación de transitoriedade relativa ás persoas en situación de dependencia moderada que estean recibindo servizos de atención residencial.

1. Ata o 31 de decembro do ano 2013, ás persoas en situación de dependencia moderada que na data do 28 de outubro de 2010 estivesen a recibir o servizo de atención residencial, poderáselles ofrecer esta prestación como a modalidade de intervención máis axeitada no proceso de consulta para o establecemento do programa individual de atención.

2. No caso de que se recoñecese esta prestación, o servizo de atención residencial axustará os seus servizos e programas de intervención ás necesidades das persoas en situación de dependencia moderada atendidas.

Disposición transitoria sexta. Acreditación dos centros de atención de noite.

O servizo de atención nocturna poderase prestar, transitoriamente, mentres a Comunidade Autónoma non defina os requisitos materiais e funcionais que deben de cumprir os centros de noite para a súa acreditación, en centros residenciais debidamente acreditados para a prestación do servizo de estadía nocturna, sempre que, neste último suposto, a praza correspondente non estea ocupada ou reservada en réxime residencial ordinario.

Disposición derrogatoria única.

Queda derrogada a Orde do 17 de decembro de 2007, pola se establecen os criterios para a elaboración do programa individual de atención, fixación das intensidades de protección dos servizos, réxime de compatibilidades das prestacións e xestión das prestacións económicas do Sistema a Autonomía e Atención á Dependencia na Comunidade Autónoma de Galicia, e calquera outra disposición de igual ou inferior rango que se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira primeira. Habilitación para o desenvolvemento da orde.

Autorízase a/o titular do órgano de dirección con competencias en materia de dependencia e autonomía persoal para ditar as normas que resulten necesarias para o desenvolvemento e a execución desta orde.

Disposición derradeira segunda. Efectividade do dereito ás prestacións do sistema para as persoas valoradas en grao I de dependencia moderada.

En virtude do Real decreto lei 20/2011, do 30 de decembro, de medidas urxentes en materia orzamentaria, tributaria e financeira para a corrección do déficit público, que na súa disposición derradeira décimo cuarta modifica a disposición derradeira primeira da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia, a efectividade do dereito ás prestacións do sistema para as persoas valoradas en grao I de dependencia moderada exercerase progresivamente, de modo gradual, e realizarase de acordo co seguinte calendario a partir do 1 de xaneiro de 2007:

a) O quinto ano, que finaliza o 31 de decembro de 2011, aos que sexan valorados no grao I de dependencia moderada, nivel 2.

b) A partir do 1 de xaneiro de 2013 ao resto dos que sexan valorados no grao I de dependencia moderada, nivel 2.

c) A partir do 1 de xaneiro de 2014 aos que sexan valorados no grao I de dependencia moderada, nivel 1.

Disposición derradeira terceira. Vixencia da norma.

Esta orde entrará en vigor aos 20 días naturais seguintes ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 2 de xaneiro de 2012.

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file

ANEXO V

Contías máximas da libranza para o ano 2011

Grao e nivel de dependencia

Libranza vinculada á
adquisición de servizos

Libranza de coidados
no contorno

Libranza de asistente persoal

Euros/mes

Contía

Contía

Cuota (SS + FP)

Contía

Grao III-nivel 2

833,96 €

520,69 €

164,54 €

(163,04 € +1,50 €)

833,96 €

Grao III-nivel 1

625,47 €

416,98 €

625,47 €

Grao II-nivel 2

462,18 €

337,25 €

-

Grao II-nivel 1

401,20 €

300,90 €

-

Grao I-nivel 2

300 €

180 €

82,27 € (81,52 € + 0,75 €)

-

Complemento nivel adicional da C.A

Grao III-nivel 2

– Contía nivel adicional ata 1.300 €.

– Complemento adicional do 15% da contía total recoñecida en períodos de especial dedicación.

Grao III-nivel 1

– Ata 1.300 €.

– Complemento adicional do 15% da contía total recoñecida en períodos de especial dedicación.

Grao II-nivel 2

– Ata 1.300 €.

– Complemento adicional do 15% da contía total recoñecida en períodos de especial dedicación.

Grao II-nivel 1

– Ata 1.300 €.

– Complemento adicional do 15% da contía total recoñecida en períodos de especial dedicación.

Anexo VI

Descricións e claves

Niveis de desempeño de tarefas:

– Si, a persoa valorada é capaz de realizar a tarefa sen o apoio doutra persoa.

– Non, a persoa valorada necesita o apoio doutra persoa.

– Non aplicable.

Problemas no desempeño de tarefas:

– F. Non executa fisicamente a tarefa.

– C (só aplicable na discapacidade intelectual/enfermidade mental). Non comprende a tarefa e/ou a execútaa sen coherencia e/ou con desorientación.

– I (só aplicable en DI/EM). Non mostra iniciativa para a realización da tarefa.

Graos de apoio doutra persoa nas tarefas:

– SP. Supervisión/preparación. A persoa valorada só necesita que outra persoa lle prepare os elementos necesarios para realizar a actividade e/ou lle faga indicacións ou estímulos, sen contacto físico, para realizar a actividade correctamente e/ou evitar que represente un perigo.

– FP. Asistencia física parcial. A persoa valorada require que outra persoa colabore fisicamente na realización da actividade.

– FM. Asistencia física máxima. A persoa valorada require que outra persoa a substitúa na realización física da actividade.

– ES. Asistencia especial. A persoa valorada presenta trastornos de comportamento e/ou problemas perceptivos-cognitivos que dificultan a prestación do apoio doutra persoa na realización da actividade.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file