Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 12 Mércores, 18 de xaneiro de 2012 Páx. 2733

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 30 de decembro de 2011 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos e de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación.

As políticas de cooperación para o desenvolvemento humano orientadas a unha real superación da pobreza e da desigualdade precisan de iniciativas universais de promoción da solidariedade e a equidade. Á cooperación internacional propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de cooperación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais e económicos diversos que senten como un deber ético común o compromiso de traballar pola consecución dos Obxectivos de desenvolvemento do milenio, seguindo criterios de eficacia e calidade da axuda. Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma de Galicia reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de cooperar con outros países para propiciar o seu desenvolvemento integral, contribuír á mellora das condicións de vida dos seus habitantes e aliviar e corrixir as situacións de pobreza e desigualdade e propiciar un desenvolvemento humano solidario, igualitario e estable, que inclúa maiores cotas de liberdade, igualdade e unha repartición máis xusta dos froitos do crecemento económico.

O artigo 23 desta lei considera axentes da cooperación as organizacións non gobernamentais para o desenvolvemento así como as universidades, os sindicatos, as empresas e organizacións empresariais, e as comunidades galegas no exterior.

Tendo en consideración isto, deben aprobarse as bases reguladoras para o ano 2012 para a execución de proxectos no exterior promovidos polos axentes de cooperación e de microproxectos no exterior que realicen as organizacións non gobernamentais de desenvolvemento de Galicia.

Pola súa vez, procede convocar a concesión de subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 de acordo con estas bases reguladoras e que garanten os principios de publicidade, concorrencia e obxectividade.

En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta orde para a concesión de subvencións a proxectos e microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2012 e 2013 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo ás aplicacións orzamentarias seguintes:

Capítulo I, Axudas a proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior
promovidos polos axentes de cooperación.

Proxectos no exterior de ONGD:

05.06.331A.490.0, pola contía total de 2.216.000 euros (664.800 euros no ano 2012 e de 1.551.200 euros no ano 2013) e 05.06.331A.790.0, pola contía total de 1.134.000 euros (340.200 euros no ano 2012 e 793.800 euros no 2013).

Proxectos no exterior dos outros axentes:

05.06.331A.490.0, pola contía total de 1.000.000 euros (300.000 no ano 2012 e 700.000 euros no ano 2013).

Capítulo II, Axudas a ONGD para execución de microproxectos de cooperación
para o desenvolvemento no exterior:

05.06.331A.490.0, pola contía de 90.000 euros e 05.06.331A.790.0, pola contía de 85.000 euros no ano 2012.

No caso que os créditos asignados nos procedementos do capítulo I «Axudas a proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación» ou do capítulo II «Axudas a ONGD para execución de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior» non se esgotasen, o saldo resultante podería incrementar a asignación dos recursos financeiros dos outros procedementos, ao tratarse de subvencións con cargo ás mesmas aplicacións orzamentarias.

3. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira.

Esta resolución tramítase ao abeiro do disposto no artigo 1.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada de expedientes de gasto, na redacción dada pola Orde do 27 de novembro de 2000, ao existir crédito axeitado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 18 de outubro de 2011.

Disposición adicional segunda.

A convocatoria e a concesión das axudas reguladas nesta resolución estará supeditada á existencia de crédito suficiente nas aplicacións orzamentarias 05.06.331A.490.0 e 05.06.331A.790.0 dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2012.

Disposición adicional terceira.

Aprobase a delegación de atribucións do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 3.4 da Orde do 22 de setembro de 2011 sobre delegación de competencias na secretaría xeral técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional cuarta.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2011.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Bases reguladoras da concesión de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, para a execución de proxectos e de microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior promovidos polos axentes de cooperación

CAPÍTULO I
Axudas a proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior
promovidos polos axentes de cooperación

Artigo 1. Obxecto.

1. O obxecto destas bases é a regulación da concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais, ás universidades, ás empresas e organizacións empresariais, aos sindicatos e ás comunidades galegas no exterior que teñan a condición de axentes de cooperación, para a execución de proxectos no exterior.

2. Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a axuda humanitaria, e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Artigo 2. Requisitos que deben reunir as entidades beneficiarias das axudas e os proxectos.

2.1. Requisitos das entidades.

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con polo menos un ano de antelación ao de publicación da convocatoria. As universidades e as comunidades galegas no exterior que consten inscritas no Rexistro de Centros e Comunidades Galegas dependente da Secretaría Xeral de Emigración quedan exentas de cumprir este requisito.

b) Ter xustificadas, se é o caso, antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, as axudas recibidas para as anualidades 2009 e anteriores, por parte da Xunta de Galicia a outros proxectos en materia de cooperación para o desenvolvemento subvencionados anteriormente. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que, sobre as beneficiarias de axudas económicas, recaese resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non estar incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Ter sede, domicilio social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, agás as comunidades no exterior. Entenderase por delegación permanente aquela que conte con persoal permanente da organización e local fixo onde realicen as súas actividades. Neste caso, esta asumirá a responsabilidade directa na presentación da solicitude e comprometerase ao mantemento da documentación, á contabilidade e coxestión do proxecto na súa oficina de Galicia, entendendo por esta a participación en, polo menos, a identificación, formulación, seguimento e avaliación do proxecto. Así mesmo, as entidades beneficiarias deben manter aberta como mínimo a súa sede ou delegación permanente en Galicia, ata a prescrición do proxecto, é dicir, por un período de 4 anos desde a finalización da súa execución. En caso contrario, o incumprimento levará consigo a obriga de devolución do importe da subvención concedida.

e) No caso das universidades, deberán formar parte do Sistema Universitario de Galicia segundo a Lei 11/1989, do 20 de xullo, de ordenación do sistema universitario de Galicia. Poderán optar a estas subvencións os seus departamentos e institutos que realicen actividades que poidan ser obxecto das axudas reguladas nestas bases.

f) Tamén poderán acceder ás subvencións os proxectos presentados por unha entidade beneficiaria desta convocatoria, agrupada con calquera das entidades definidas como axentes de cooperación segundo o artigo 23.1, letras b), c), d), e), f), g) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, que cumprindo os requisitos anteriores se presenten agrupadas. Neste caso, cada unha das entidades deberá cumprir os requisitos sinalados anteriormente, debendo xuntar á solicitude a documentación a que se refire o artigo 3.2 –carpeta 1– destas bases reguladoras, así como o contrato ou acordo de colaboración asinado entre as persoas que desempeñan a súa representación legal polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os que se lle concedeu a subvención.

Tanto na solicitude como na resolución de concesión, deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada entidade membro da agrupación, así como o importe da subvención que executará cada unha delas. As entidades agrupadas asumen a responsabilidade solidaria do proxecto e designarán unha persoa responsable con poderes bastantes para cumprir as obrigas que como beneficiaria lle corresponderían á agrupación de entidades, e que necesariamente pertencerá á entidade solicitante. Así mesmo, designarán un enderezo único para os efectos de notificacións administrativas dos expedientes. Non poderá disolverse a agrupación até que transcorra o prazo de prescrición de catro anos desde a aprobación do proxecto.

g) As entidades solicitantes poderán presentar un máximo de dous proxectos. Respecto das universidades, esta limitación aplicarase por departamento. Financiarase un único proxecto individual a cada entidade e un único proxecto en agrupación, en ambos os casos o de maior puntuación. Se as dispoñibilidades financeiras o permitisen poderase subvencionar o segundo proxecto, sempre que obteña a puntuación necesaria.

2.2. Requisitos xerais de todos os proxectos.

a) Non estar iniciada a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2012, sendo necesario que o inicio das actividades sexa no ano 2012. Nos supostos en que o proxecto teña carácter anual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de novembro do ano en que se conceda a subvención. No caso de proxectos con carácter plurianual, os proxectos deberán executarse antes do 30 de novembro do ano seguinte ao de concesión da subvención.

b) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso no proxecto.

c) Que as accións non teñan como obxectivo a substitución do Estado na prestación de servizos públicos de saúde, a educación regulada ou a investigación oficial.

d) Que o proxecto redunde na ampliación das capacidades e das liberdades das poboacións beneficiarias: que conten coa participación das persoas beneficiarias no desenvolvemento do proxecto; non sexa discriminatorio por razón de cultura, raza, xénero, relixión ou orixe; que fomente a igualdade entre homes e mulleres; e que sexa respectuoso coa protección do medio.

e) Que teña unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas e os intereses estratéxicos da poboación das zonas máis desfavorecidas do país no en se execute, atendendo de xeito prioritario ás diferenzas derivadas das brechas de xénero, e que sexa respectuoso cos obxectivos de desenvolvemento do país, da zona onde se leve a cabo a acción, e das comunidades beneficiarias.

f) Que o proxecto se axuste tanto á realidade como á capacidade de xestión da entidade solicitante e á da súa contraparte, co fin de asegurar a súa viabilidade.

g) Os proxectos deberán estar vinculados de xeito directo á realización das prioridades transversais, segundo o establecido no II Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento.

2.3. Requisitos específicos dos proxectos presentados polos outros axentes de cooperación.

Non serán valorados os proxectos presentados polos outros axentes da cooperación galega (exceptúanse os presentados polas ONGD) que non se enmarquen, cada un deles, dentro dos seguintes:

Universidades:

a) Actividades de cooperación interuniversitaria, como fortalecemento institucional das universidades dos países en desenvolvemento, asistencia para o deseño de títulos e currículos académicos, apoio á mobilidade de persoal investigador e docente e realización de investigacións conxuntas, organización de pasantías de alumnado en prácticas, formación de redes para o traballo en común e outras.

b) Actividades de identificación con perspectiva de xénero, apoio e asistencia ao resto dos actores da cooperación tanto administracións públicas como entidades privadas (ONGD) e de desenvolvemento científico e transferencia de tecnoloxía.

Empresas e asociacións empresariais:

a) Dotación de bens e servizos –materiais, obras e asistencia técnica– que os procesos de desenvolvemento demandan, así como achega libre de recursos humanos, materiais, técnicos ou financeiros a proxectos ou institucións de desenvolvemento.

b) Actividades de fortalecemento no sector en que desempeña a súa actividade dos países en desenvolvemento, apoiando a participación no diálogo social, na transferencia da súa experiencia e recursos a institucións cun fin homólogo nos países en desenvolvemento, tales como tarefas de formación e de asistencia técnica en áreas profesionais definidas e no apoio á consolidación das organizacións empresariais.

c) Promoción dos contactos previos e os estudos de identificación ou prefactibilidade que alenten a creación de oportunidades para a posta en marcha de iniciativas empresariais, que permitan xerar renda e emprego no país en desenvolvemento, fortalecendo o tecido produtivo do país. Estas iniciativas deberán incluír unha especial atención ao respecto e defensa dos dereitos laborais, humanos, dereito ao territorio, e atenderán ao impacto na loita pola equidade de xénero.

d) Actividades encamiñadas á promoción de prácticas de responsabilidade social corporativa.

e) Desenvolvemento de proxectos de economía social e fortalecemento do tecido produtivo que favorezan o crecemento económico de base aproveitando o coñecemento do país, a implantación e a rede de relacións que as empresas creasen.

Sindicatos:

a) Actividades de apoio a través dos seus recursos e capacidades humanas e técnicas ás intervencións directas dos actores de cooperación.

b) Actividades de apoio á organización sindical nos países en desenvolvemento, potenciando a capacidade técnica e organizativa destas institucións e apoiando a súa participación no diálogo social nos seus respectivos países, co obxectivo de contribuír a unha maior articulación e fortaleza da sociedade civil.

c) Actividades de promoción da organización da produción a través da transferencia da experiencia dos sindicatos agrarios.

d) Actividades encamiñadas á promoción de prácticas de defensa de dereitos laborais cunha especial atención aos dereitos laborais das mulleres.

Comunidades galegas no exterior:

a) Desenvolvemento de proxectos de economía social e fortalecemento do tecido produtivo que favorezan o crecemento económico de base aproveitando o coñecemento do país, a implantación e a rede de relacións que as comunidades galegas creasen.

b) Promoción da igualdade de oportunidades entre homes e mulleres e a defensa dos grupos de poboación máis vulnerables, con especial incidencia na infancia, terceira idade, persoas refuxiadas, desprazadas, inmigrantes, retornadas, minorías étnicas e comunidades indíxenas.

Outras entidades con fins sociais:

Actuacións ou actividades de apoio a organizacións do sur que desempeñen ou estean relacionadas co fin principal que a entidade solicitante realice en Galicia.

Artigo 3. Solicitude.

3.1. A solicitude de subvención presentarase de acordo co modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 13.4.º da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na páxina web, www.cooperaciongalega.org

3.2. A citada solicitude irá acompañada da documentación que se recolle a continuación e do proxecto, que se presentará no modelo oficial de documento de formulación de presentación de proxecto. A documentación das carpetas 1 e 2 e os documentos de formulación do proxecto, carpeta 3, presentaranse en orixinal e en soporte electrónico:

Carpeta 1. Información relativa á entidade solicitante.

a) Certificación asinada pola secretaría da entidade (agás as universidades), relativa á:

• Representación da persoa responsable legal da entidade (para aquelas entidades con domicilio social en Galicia). En defecto da certificación da secretaría, presentarase poder bastante sobre a representación para que a persoa responsable ou delegada en Galicia que actúe en nome da entidade.

• Depósito dos seus estatutos na oficina pública correspondente, cando proceda.

• Que dispón de sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, así mesmo, co compromiso de mantela aberta ata a prescrición do proxecto, agás as universidades e as comunidades galegas e os seus centros colaboradores.

• Composición do órgano de goberno da dirección da entidade (as renovacións ou modificacións da súa composición deben ser notificadas, especialmente no que atinxe aos postos de representación legal e secretaría).

• NIF da entidade.

• No caso das ONGD deberá figurar expresamente o número de socios/as en Galicia.

No caso de que calquera documento dos recollidos nesta alínea carecese de vixencia no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, farase indicación expresa sobre isto e achegarase debidamente compulsado o dito documento, co obxecto de ser incorporado de oficio ao rexistro.

Cando a persoa que formule a solicitude non sexa ningunha daquelas de cuxos datos se dispón no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, deberase de achegar xunto coa certificación anterior certificación da secretaría da entidade acreditativa da vinculación que a une coa entidade solicitante.

b) Declaración responsable da persoa representante legal da entidade facendo constar que a entidade solicitante non está incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo modelo que figura como anexo III.

c) Certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesouraría Xeral da Seguridade Social acreditativas de estar ao día das obrigas tributarias e sociais e certificación da Consellería de Facenda de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa facenda autonómica, agás as universidades e as comunidades galegas no exterior que presentasen una declaración responsable, de acordo co establecido nas letras e) e l) do artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

d) Declaración responsable da persoa que desempeña a representación legal da entidade en que se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

e) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades.

f) Memoria da organización en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos. Farase especial mención dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento levados a cabo no ano anterior financiados por entidades galegas, públicas ou privadas, daquelas actuacións levadas a cabo na mesma zona do proxecto que se presenta e das persoas beneficiarias, ou daquelas realizadas noutras zonas pero no mesmo sector de actuación.

g) Plan/estratexia de cooperación da entidade para os seguintes anos (dous como mínimo) en que se enmarca o proxecto presentado.

h) Cando varias entidades se agrupen para a realización dun proxecto, ademais de presentar a documentación prevista nesta carpeta de cada unha das entidades, deberán xuntar á solicitude o contrato ou acordo de colaboración asinado polas persoas que desempeñen a representación legal das entidades, polo que se obrigan solidariamente ante a Xunta de Galicia polas posibles responsabilidades derivadas da execución do proxecto e, se é o caso, ao reintegro total ou parcial das subvencións nos supostos de falsidade ou ocultación de datos ou incumprimento pleno ou parcial dos fins para os cales se lle concedeu a subvención. Neste documento designarán unha persoa que desempeñen a representación legal, que necesariamente pertencerá á entidade solicitante, e un enderezo único para os efectos de notificacións. Así mesmo, deberá detallar as actuacións en que colaboran conxuntamente e o grao de participación de cada unha delas no que se refire ao financiamento, ás actividades que se van desenvolver e á distribución da subvención prevista, de ser o caso, mencionando expresamente o valor engadido que achegue cada un dos socios á agrupación. No caso das universidades o contrato ou acordo de colaboración deberá ser asinado polo seu representante legal.

i) Os axentes de cooperación que pola súa natureza xurídica posúan ánimo de lucro achegarán documento de compromiso de non obter ningún beneficio da operación, segundo establecido no artigo 23.b), da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. Este documento estará asinado pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade.

j) As universidades incluirán certificación, expedida pola persoa que desempeñe a representación legal segundo o establecido ao respecto na normativa de universidades e nos respectivos estatutos, autorizando a presentación do proxecto á convocatoria, e autorizando, así mesmo, o compromiso de gasto correspondente.

k) No suposto de que a entidade presentara esta documentación ou parte a outra convocatoria de axudas das convocadas pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea no ano en curso ou no ano anterior, será suficiente con achegar unha declaración especificando a documentación xa presentada, así como o número de expediente en que se atopa incorporada, anexando a documentación que falte ou estea sen actualizar.

Carpeta 2. Información relativa á contraparte local.

a) Documentación acreditativa da representación legal da entidade: copia do documento en que se recolla o nomeamento da persoa que desempeñe a representación legal e do seu documento ou cédula de identidade.

b) Declaración da persoa que desempeñe a representación legal da entidade en que se especifique, se procede, a personalidade xurídica da entidade socia ou contraparte local, o seu domicilio social, a cuantificación do número de socios/as da entidade e a descrición da vinculación existente entre a entidade e o persoal ao seu servizo.

c) Copia dos estatutos da entidade, copia do documento de inscrición no rexistro correspondente da entidade socia ou contraparte local e copia do número de identificación fiscal da entidade.

d) Carta de compromiso de participación no proxecto por parte da contraparte local, asinada pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade.

e) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade. Desta obriga quedarán exceptuadas as universidades.

f) Memoria de actividades e traballos da entidade, onde se inclúan outros proxectos de cooperación para o desenvolvemento nos que participase así como experiencia acadada na zona e no sector de actuación do proxecto (como mínimo dos dous últimos anos).

g) No caso de que a contraparte local sexa unha administración ou entidade pública deberá presentar:

– Carta de compromiso de participación no proxecto.

– Fotocopia compulsada do documento ou cédula de identidade da persoa que desempeñe a representación legal da entidade.

– Copia do documento en que se recolla o nomeamento do representante legal ou certificación expedida polo órgano competente.

h) No caso de que a entidade solicitante presentara esta documentación ou parte a outra convocatoria de axudas das convocadas pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea no ano en curso ou no ano anterior, será suficiente con achegar unha declaración especificando a documentación xa presentada, así como o número de expediente en que se atopa incorporada, anexando a documentación que falte.

Carpeta 3. Información relativa ao proxecto.

A información sobre o proxecto presentarase nos documentos normalizados para o efecto (o de formulación e o do orzamento do proxecto), que poderán descargarse da páxina web da cooperación galega, www.cooperaciongalega.org

Calquera problema, dúbida ou aclaración poderá formularse directamente ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico: cooperacion.exterior@xunta.es

3.3. A falta de documentación relativa ás carpetas 1 e 2 e de información nalgunha das carpetas, impedirán a avaliación do proxecto, se non se procedera á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 16 desta orde. Quedarán excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos que impliquen unha elaboración propia por parte da entidade solicitante, isto é, aqueles previstos nas letras f) e g) da carpeta 1 e os documentos normalizados de proxecto (carpeta 3).

Así mesmo, a presentación da solicitude en modelo distinto do establecido para esta convocatoria (anexo I) ou a manipulación dos documentos de formulación normalizados ou o emprego dun documento que non sexa o adaptado a esta convocatoria conducirá á exclusión e non avaliación do proxecto.

Artigo 4. Condicións de financiamento.

4.1. A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95% do orzamento total do proxecto. A subvención concedida non superará en ningún caso os 175.000 euros para proxectos plurianuais. Para proxectos cuxa execución estea limitada ao 2012, o importe máximo da subvención será de 60.000 €.

Nos proxectos presentados por varias entidades, a subvención concedida non excederá o límite de 225.000 euros.

4.2. A subvención concedida aos proxectos plurianuais distribuirase do seguinte xeito: o 30% no 2012 e o 70% no 2013.

4.3. Os xuros que, se é o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

Artigo 5. Gastos do proxecto.

5.1. Gastos subvencionables:

1. Serán gastos subvencionables os custos directos e os custos indirectos do proxecto, agás no suposto de que as entidades solicitantes sexan empresas; en tal caso subvencionaranse exclusivamente os custos directos.

2. Entenderanse por custos directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos.

a) Aqueles derivados da identificación con perspectiva de xénero da intervención no terreo ou de elaboración de liñas de base, ata un máximo de 10.000 euros por proxecto, sempre que se realizasen no prazo dos tres meses anteriores á data de presentación de solicitudes desta convocatoria, ou durante execución do proxecto.

b) Terreos e inmobles no país de execución do proxecto (inclúe compra ou aluguer). No suposto de adquisición de bens inmobles, inclúe os gastos necesarios para a compra de terreos e inmobles, a súa inscrición legal nos rexistros locais de propiedade: impostos, taxas, gastos notariais, licenzas legais, etc. Debe achegarse certificado de taxador/a independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

Non se imputarán nesta partida os gastos de aluguer ou adquisición da vivenda do persoal expatriado nin dos locais ou sedes da entidade beneficiaria ou contraparte local. O aluguer dos locais da entidade beneficiaria en terreo ou da contraparte local imputaranse na partida de funcionamento.

c) Construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas: inclúe elaboración do proxecto, planos e estudos técnicos, man de obra, dirección de obra, licenza de obras e taxas, materiais de construción e o transporte dos citados materiais, obras de acceso, e instalacións de auga, eléctricas e de saneamento, construción de pozos e sistemas de regadíos, etc. No caso de ser achegada a man de obra ligada a estas tarefas pola contraparte local ou pola poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de xeito suficiente a prezos de mercado local. Nos gastos imputados a construción de inmobles deberá especificarse o réxime de propiedade e a titularidade.

Non se imputarán gastos por reformas ou reparacións na vivenda do persoal expatriado nin en locais ou sedes da entidade beneficiaria ou contraparte local.

d) Equipamentos e materiais.

Considerarase equipamento e materias inventariables a adquisición de elementos de inmobilizado, distintos a terreos e edificios, afectos á actividade subvencionada, como maquinaria, mobiliario, equipamentos informáticos (hardware e software), dotación de bibliotecas e outro equipamento. Nese concepto inclúense os gastos derivados do envío, traslado e da posta en funcionamento dos equipamentos, taxas aduaneiras ou portuarias, etc. Así mesmo no caso de proxectos produtivos inclúese tamén a adquisición de animais, árbores, sementes etc., o seu transporte e almacenamento.

Materiais consumibles, considéranse aos gastos consumibles en prazos inferiores a un ano: material de escritorio, material informático, material de formación, libros, materiais didácticos, materiais sanitarios, reprografías e imprenta, reparacións e mantemento de maquinaria e vehículos (que se atopen especificamente identificados na formulación da intervención e vinculados a esta), utensilios. Tamén se inclúen os alugueres de vehículos, maquinaria, instalacións e ferramentas necesarias para a execución da intervención.

e) Elementos de transporte de dúas rodas e vehículos especializados e vinculados coa actividade subvencionada (como ambulancias, cisternas de auga, tractores, etc.).

f) Persoal. Para os efectos desta norma entenderase:

1. Persoal expatriado, aquel persoal da entidade española sometido á lexislación española, que presta os seus servizos no país onde se executa a intervención obxecto da subvención e cuxas funcións e tarefas están directamente relacionadas con aquela. Para o envío de persoas expatriadas achegarase unha memoria xustificativa da necesidade de envío do dito persoal e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición de tarefas.

2. Persoal local, aquel persoal da contraparte local ou contratado ao servizo do proxecto sometido á lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto de subvención e no cal presta os seus servizos, de acordo co réxime laboral correspondente ás súas funcións e desempeño, estando as súas funcións e tarefas directamente relacionadas coa intervención. Deberá acreditarse documentalmente o salario medio para ese tipo de contrato do país ou zona onde se execute o proxecto.

3. Persoal en sede, aquel da entidade en Galicia sometido á lexislación española, que presta os seus servizos en Galicia, con independencia de que por razón das súas funcións teña que desprazarse aos países de execución ocasional ou regularmente, e cuxas funcións e tarefas están imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención. En todos os casos a imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación.

A entidade solicitante deberá recorrer na medida do posible aos recursos humanos locais.

Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención, así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao.

O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar o 70% do orzamento total do proxecto.

g) Servizos técnicos e profesionais requiridos para a realización de capacitacións, seminarios, diagnósticos, informes, publicacións, control de xestión ou outras necesidades recollidas na formulación da intervención (distintos aos de identificación, elaboración de liñas de base, avaliación e auditoría que se imputan nas súas partidas correspondentes).

Así como tamén os gastos derivados de pólizas de seguros de accidente, enfermidade e de responsabilidade civil subscritos a favor do voluntariado da organización que non perciban contraprestación económica e que participen directamente nos proxectos subvencionados, e calquera outro gasto en que puidesen incorrer e que estean directamente relacionados coa intervención.

As bolsas de formación que consistan no pagamento da matrícula ou entrega monetaria, inclúense nesta alínea. As bolsas de transporte, alimentación ou material incluiranse na alínea que corresponda segundo o obxecto da bolsa.

h) Funcionamento no terreo, gastos correntes de funcionamento acaecidos no país de execución e ligados á execución do proxecto. Inclúese o aluguer de oficinas, electricidade, auga, comunicacións, papelaría ou outros gastos de oficina, limpeza, mantemento e seguridade, até un máximo do 2% do orzamento do proxecto.

i) Viaxes, aloxamento e axudas de custo. Inclúense, entre outros, os gastos vinculados á mobilidade individual ou colectiva do persoal (local e expatriado), voluntarios e das persoas beneficiarias necesarios para a execución da intervención (incluíndo combustible, seguros e mantemento de vehículos), así como o aloxamento, manutención dos participantes en formación e capacitacións, e, de ser necesarios, os incentivos (monetarios e en especie) aos beneficiarios dos proxectos que sexan membros de comités, redes ou similares, necesarias para a boa execución do proxecto.

j) Avaliación externa con enfoque de xénero obrigatoria ao final da intervención e requirida polas bases desta convocatoria no caso dos proxectos que recibiran unha subvención superior a 120.000 euros, así como outras non obrigatorias que se recollan no documento de formulación do proxecto que se xunta a solicitude de subvención. A avaliación externa deberá ser realizada por persoa ou entidade recoñecida en Galicia e/ou no país de execución do proxecto, para o que se acreditará a súa solvencia e experiencia na realización destas avaliacións, xuntando a documentación que a xustifique. A avaliación externa poderá realizarse fóra do prazo de execución do proxecto, aínda que sempre antes do 15 de decembro do ano en que remate a súa execución.

A contía máxima que se pode imputar a este concepto non superará os 6.000 euros.

k) Auditoría contable. Financiarase para os axentes de cooperación que non posúan ánimo de lucro. O importe máximo imputado a este concepto non excederá os 4.000 euros. A auditoría contable poderá realizarse fóra do prazo de execución do proxecto, aínda que sempre antes do 15 de decembro do ano en que remate a súa execución.

As universidades están eximidas da presentación da dita auditoría contable.

As entidades que posúan ánimo de lucro terán a obriga de encargar pola súa conta unha auditoría contable, que deberá ser efectuada por persoal profesional independente inscrito no Rexistro Oficial de Auditores de Contas, (ROAC). Os auditores/as exercentes no país onde se levará a cabo a revisión consideraranse como tales, sempre que no dito país exista un réxime de habilitación para o exercicio da profesión e, se é o caso, sexa preceptiva a obriga de someter a auditoría os seus estados contables. De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da profesión, a revisión prevista poderá realizala un auditor/a establecido no dito país, sempre que a súa designación a leve a cabo a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, segundo uns criterios técnicos que garantan a axeitada calidade.

l) Fondo rotatorio. Enténdese por tal a cantidade económica que se emprega como empréstitos directos ou en especie ás persoas beneficiarias, que deben ser devoltos por elas nas condicións contractuais que se establezan destinadas a garantir a súa devolución. Xuntarase en todo caso o regulamento do funcionamento do fondo. Inclúe gastos de funcionamento, administración e xestión do fondo. O fondo rotatorio non poderá superar o 9% do orzamento total do proxecto.

m) Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos rexistrais e periciais para a realización do proxecto son subvencionables sempre que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a axeitada preparación ou execución desta e sempre que non deriven de malas prácticas ou incumprimentos legais. Gastos bancarios producidos pola conta do proxecto e os gastos bancarios derivados das transferencias bancarias dos fondos ao país de execución do proxecto; as derivadas da compulsa de documentos por parte de notarios, autoridades locais ou servizos consulares españois, e os gastos de tradución de documentos cando se require na convocatoria.

3. Custos indirectos: son os gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte ou socio local, para o sostemento da execución do proxecto, así como da difusión da execución e do seguimento do proxecto en Galicia. A porcentaxe máxima aplicable a este concepto será de ata o 10% do importe total do orzamento do proxecto.

Estes gastos imputaraos a entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales importes correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Este gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea dunha soa vez pola entidade solicitante mediante unha declaración responsable da persoa que desempeñe a representación legal.

Se a entidade solicitante é unha empresa, en tal caso non se subvencionarán os custos indirectos.

4. Como achegas locais pódense aceptar, en concepto de gastos susceptibles de axuda, valorizacións, sempre que estean suficientemente acreditadas e intrinsecamente vinculadas, de maneira exclusiva ou proporcional, á intervención que ten que desenvolverse.

Para os efectos do que prevé o parágrafo anterior, considéranse valorizacións as achegas de terreos, locais, equipamentos, materiais e servizos por parte da poboación beneficiaria final, socios locais e outras entidades locais distintas das entidades beneficiarias, como tamén a man de obra das persoas beneficiarias finais directamente vinculadas á execución das actividades orzamentadas e que, en caso de terreos, locais ou equipamentos, vaian ser transferidas definitivamente cando acabe a execución, xunto co resto de bens adquiridos con cargo ao proxecto obxecto de axuda. Tamén poden valorarse os bens e os locais postos temporalmente á disposición da execución directa do proxecto, por un importe equivalente ao aluguer destes durante o tempo en que sexan utilizados dentro do prazo de execución.

As valorizacións acreditaranse cun certificado da contraparte ou socio local, da poboación beneficiaria final do proxecto ou da entidade que achegue os bens e servizos. Neste certificado, ou nun documento anexo, describirase e cuantificará a achega, con indicación do número de unidades, horas de traballo, prezos unitarios (se corresponde) e a valoración total.

As valorizacións axustaranse aos prezos de mercado local e, no caso de equipamentos e bens, deben ter en conta a antigüidade.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6. No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, estes deberán quedar formalmente vinculados durante dez anos, os bens inscritibles nun rexistro público, e cinco anos para o resto de bens, aos fins das actuacións realizadas. Unha vez rematen estas, deberán ser transferidos a unha Administración pública do país beneficiario ou a unha contraparte local, que se faga responsable da súa utilización para o fin creado e do seu correcto mantemento. Tal cesión deberá documentarse a través de escritura pública.

No suposto dos bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura pública a circunstancia da afectación e o período polo cal se afectan os bens, debendo ser obxecto estes aspectos de inscrición no rexistro publico correspondente; a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea deberá autorizar previamente tal cesión.

O incumprimento da devandita obriga de destino, que se producirá en todo caso co alleamento ou o gravame do ben, será causa de reintegro, nos termos establecidos no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 74 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da dita Lei 9/2007, quedando o ben afecto ao pagamento do reintegro calquera que sexa a persoa ou entidade posuidora, salvo que resulte ser unha terceira protexida pola fe pública rexistral ou se xustifique a adquisición dos bens con boa fe e xusto título ou en establecemento mercantil ou industrial, en caso de bens mobles non inscritibles.

7. En ningún caso serán gastos subvencionables:

• Os elementos de transporte externos, a excepción dos vehículos de dúas rodas e vehículos especializados, como ambulancias, cisternas de auga, tractores, etc.

• Os gastos de aluguer ou adquisición da vivenda do persoal expatriado.

• Os xuros debedores das contas bancarias.

• Xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

• Gastos de procedementos xudiciais.

• As amortizacións de bens inventariables.

• Gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, regalos, flores, entradas a espectáculos, etc.).

Artigo 6. Criterios de valoración.

6.1. Prioridades xeográficas:

Países prioritarios: América Central (Honduras, El Salvador, Nicaragua e Guatemala); Caribe (Haití, República Dominicana); América do Sur (Perú, Ecuador e Bolivia); África (Cabo Verde, Guinea-Bissau, Mozambique e a poboación saharauí), e os países menos adiantados (PMA).

6.2. Prioridades sectoriais.

De acordo co establecido no artigo 8 da Lei galega de cooperación para o desenvolvemento e no II Plan director da Cooperación Galega 2010-2013, teranse especialmente en conta os proxectos que se integren nas seguintes prioridades:

– Cobertura de necesidades sociais básicas (saúde básica, educación básica, seguridade alimentaria, subministración de auga e saneamento e habitabilidade).

– Infraestrutura e promoción do tecido económico (comercio xusto, proxectos de economía social e cooperativas, dinamización do sector privado e programas de desenvolvemento, investimento no sector pesqueiro, investimento no sector agroindustrial, desenvolvemento forestal, comunicacións, enerxías, iniciativas que contribúan ao pleno exercicio dos dereitos económicos das mulleres como promoción do acceso da muller á actividade empresarial, ao emprendemento, á formación e capacitación…).

– Participación social, desenvolvemento institucional, bo goberno e construción da paz (defensa dos dereitos humanos, especialmente no referente ás accións positivas tendentes a mellorar a posición das mulleres na sociedade, promoción da participación social e empoderamento, desenvolvemento das institucións e estruturas democráticas, fortalecemento do estado de dereito e procesos descentralizados).

– Investimento no ser humano (apoio á educación superior e á consolidación da cooperación interuniversitaria, apoio ao desenvolvemento intercultural e á preservación do patrimonio cultural, investigación, transferencia e intercambio de coñecemento e tecnoloxía).

– Xestión ambiental sustentable e hábitat.

6.3. Prioridades transversais.

De acordo co establecido no II Plan director, as seguintes prioridades débense consideran en toda intervención de desenvolvemento, calquera que sexa o seu sector de actuación:

– A loita contra a pobreza.

– A equidade de xénero.

– A defensa da sustentabilidade ambiental.

– O respecto polos dereitos humanos.

– A defensa da interculturalidade.

6.4. Outras prioridades:

– Que sexan presentados por unha agrupación de entidades, dúas ou máis, das recoñecidas como axente galego de cooperación exterior (artigo 23 b), c), d), e), f), g) da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento. A entidade solicitante asumirá o liderado da dita agrupación.

– Que complementen programas institucionais de desenvolvemento.

– Que teñan un maior grao de implicación das persoas beneficiarias e da contraparte local no proxecto, tanto na súa formulación como na súa execución. Serán prioritarios aqueles proxectos con maior número de persoas beneficiarias e que incorporen a perspectivas de xénero na atención á infancia, ás mulleres, as comunidades indíxenas, e as persoas refuxiadas e desprazadas, así como os proxectos que atendan especificamente a defensa dos dereitos das mulleres e a igualdade entre homes e mulleres.

– Que a súa sustentabilidade estea garantida unha vez finalizada a acción exterior.

– Que se inclúa no proxecto unha estratexia da súa difusión en Galicia.

– Que prevexan a realización dunha avaliación externa que se presentará co informe final, en que conste o grao de cumprimento dos obxectivos acadados, cando se trate de proxectos polos cales se solicite unha subvención inferior a 120.000 euros.

Artigo 7. Valoración dos proxectos.

Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios.

7.1. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 15 puntos.

1. Experiencia relevante en accións de cooperación para o desenvolvemento (no sector de actuación do proxecto e no país, zona, comunidade onde se vai executar) suficientemente descrita nas carpetas 1 e 3, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 4 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola entidade (xestión, recursos humanos capacitados para desenvolver o seu traballo con perspectiva de xénero, e baixo o resto de prioridades transversais recollidas no plan director da cooperación galega técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto). Máximo: 4 puntos.

3. Estratexia de cooperación da entidade (carpeta 1) que inclúa a incorporación da perspectiva de xénero e/ou política de xénero da entidade, así como o resto de prioridades transversais recollidas no Plan director da cooperación galega para os vindeiros anos (dous como mínimo). Máximo: 2 puntos.

4. Contribución da entidade solicitante ao fomento do sector galego de cooperación (valorándose o traballo e a presenza en Galicia, a participación en redes galegas, o acomodo a liñas estratéxicas da cooperación). Máximo: 2 puntos.

5. Presentación da proposta en agrupación de entidades: 2 puntos.

6. Achega financeira da entidade ao proxecto. Esta deberá ser dun mínimo do 5% para ser puntuada. Máximo: 1 punto.

7.2. Aspectos relacionados co socio local: ata 15 puntos.

1. Experiencia de traballo en proxectos de cooperación para o desenvolvemento, na zona ou comunidade onde se vai executar o proxecto e no sector de actuación do proxecto, descrita suficientemente nas carpetas 2 e 3 para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola contraparte. Garantía de implicación da entidade na comunidade e da propia comunidade no proxecto mediante a intervención da contraparte. Adecuación e coherencia no sector de traballo da entidade e o obxectivo do proxecto. Máximo: 5 puntos.

3. Participación en redes, foros, espazos locais ou internacionais no ámbito do sector de actuación do proxecto. Máximo: 2 puntos.

4. Participación no proxecto xunto a outras organizacións ou institucións locais. Máximo: 2 puntos.

5. Achega financeira do socio local ao proxecto. Esta deberá ser dun mínimo do 5% para ser puntuada. Máximo: 1 punto.

7.3. Aspectos relacionados co contido do proxecto: ata 50 puntos.

1. Pertinencia do proxecto con especial concreción sobre o contexto social, económico, político e cultural das persoas beneficiarias, atendendo especificamente a situación de homes e mulleres, zona e país onde se vai desenvolver; antecedentes e xustificación deste. Máximo: 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos e resultados coa problemática presentada. Máximo: 5 puntos.

3. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal. Máximo: 3 puntos.

4. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

5. Recursos humanos e técnicos suficientes e adecuados para acadar os obxectivos do proxecto. Máximo: 3 puntos.

6. Poboación beneficiaria: descrición precisa das persoas destinatarias, criterios de determinación, grao de participación nas distintas fases do proxecto e mecanismos previstos para a súa apropiación. Máximo: 5 puntos.

7. Viabilidade e sustentabilidade do proxecto a nivel social, económico e ambiental. Máximo: 5 puntos.

8. Impacto e transversabilidade de xénero. Máximo: 4 puntos.

9. Impacto ambiental. Máximo: 2 puntos.

10. Adecuación e contribución aos principios da Declaración de París: ata 5 puntos.

– Apropiación por parte da poboación e institucións locais: 1 punto.

– Aliñación coa políticas e prioridades do país: 1 punto.

– Harmonización do proxecto con outros na zona: 1 punto.

– Xestión do proxecto orientado a resultados: 1 punto.

– Medidas adoptadas para garantir a mutua responsabilidade e a rendición de contas: 1 punto.

10. Seguimento e avaliación previstos (internos e externos). Máximo: 3 puntos.

11. Difusión do proxecto en Galicia. Máximo: 1 punto.

12. Emprego da lingua galega na realización das actividades para as cales se solicita a axuda. Máximo: 1 punto.

13. Inserción do proxecto en estratexias integrais de desenvolvemento de carácter público e/ou existencia de sinerxías con outros axentes no terreo, e garantía de transferencia a unha administración pública do país beneficiario ou a unha contraparte local dos inmobles financiados con cargo ao proxecto. Máximo: 3 puntos.

7.4. Coincidencia do proxecto coa estratexia da cooperación galega. Máximo: 20 puntos.

1. País prioritario para a cooperación galega. Máximo: 5 puntos.

2. País onde se desenvolva o proxecto que estea considerado como país menos adiantado (PMA). Máximo: 5 puntos.

Priorizaranse dentro de cada país aquelas zonas ou rexións en que a Xunta de Galicia financia ou ten financiado máis intervencións, nun intento de lograr un maior grao de concentración da nosa axuda.

3. Sector prioritario da cooperación galega. Ata 10 puntos.

– Cobertura de necesidades sociais básicas. Máximo 5 puntos.

– Infraestrutura e promoción do tecido económico, concretamente proxectos de economía social e cooperativa, ou dedicados ao sector pesqueiro, acuícola e agrícola. Máximo: 5 puntos.

CAPÍTULO II
Axudas a microproxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior
promovidos polas organizacións non gobernamentais de desenvolvemento

Artigo 8. Obxecto.

1. Estas bases teñen como obxecto a regulación da concesión de subvencións, a través dun procedemento de concorrencia competitiva, ás organizacións non gobernamentais de desenvolvemento para a execución de microproxectos no exterior.

2. Exclúense destas bases os proxectos que teñan como obxecto a axuda humanitaria e os de carácter asistencial que non poidan asegurar a súa viabilidade cando cese o financiamento externo.

Artigo 9. Requisitos que deben reunir as entidades solicitantes e requisitos dos proxectos.

9.1. Requisitos das entidades solicitantes:

a) Estar inscrita no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con polo menos un ano de antelación ao de publicación da convocatoria.

b) Ter xustificadas, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, as axudas recibidas para a anualidade 2010 das convocatorias para microproxectos, para actividades de educación para o desenvolvemento e para consolidación e fortalecemento de ONGD.

c) Que non recibiran ningunha subvención nas convocatorias para programas e para proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior que desenvolven os axentes de cooperación ao desenvolvemento dos anos 2008, 2009, 2010 e 2011 (exceptuadas as axudas recibidas con cargo á convocatoria de microproxectos de anos anteriores).

d) Non incorrer en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Ter sede, domicilio social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase por delegación permanente aquela que conte con persoal permanente da organización e local fixo onde realicen as súas actividades. Neste caso, esta asumirá a responsabilidade directa na presentación da solicitude e comprometerase ao mantemento da documentación, á contabilidade e á coxestión do proxecto na súa oficina de Galicia, entendendo por esta a participación en, polo menos, a identificación, formulación, seguimento e avaliación do proxecto.

f) Cada entidade solicitante solo poderá presentar un máximo dun microproxecto.

9.2. Requisitos dos microproxectos:

a) Que non se iniciara a execución do proxecto antes do 1 de xaneiro de 2012 e que estea finalizada antes do 30 de novembro de 2012.

b) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso no proxecto.

c) Que as accións non teñan como obxectivo a substitución do Estado na prestación de servizos públicos de saúde, a educación regrada, ou a investigación oficial, agás razóns excepcionais.

d) Que o proxecto redunde na ampliación das capacidades e as liberdades das poboacións beneficiarias: que conte coa participación dos beneficiarios/as no desenvolvemento do proxecto; non sexa discriminatorio por razón de cultura, raza, xénero, relixión ou orixe; que fomente a igualdade entre homes e mulleres; e que sexa respectuoso coa protección do ambiente.

e) Que teña unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades básicas da poboación das zonas máis desfavorecidas do país en que se execute, atendendo de xeito prioritario as diferenzas derivadas da brecha de xénero e que sexa respectuoso cos obxectivos de desenvolvemento do país, da zona onde se leve a cabo a acción e das comunidades beneficiarias.

f) Que o proxecto se axuste tanto á realidade como á capacidade de xestión da entidade solicitante e á da súa contraparte, co fin de asegurar a súa viabilidade.

Artigo 10. Solicitude.

10.1. A solicitude de subvención presentarase no modelo que figura como anexo II destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos dos beneficiarios e da súa publicación na páxina web www.cooperaciongalega.org

10.2. A citada solicitude irá acompañada da documentación que se recolle a continuación e do proxecto, que se presentará no modelo oficial de documento de formulación de presentación de proxecto. No suposto de que a entidade presentara esta documentación ou parte a outra convocatoria de axudas das convocadas pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea no ano en curso ou no ano anterior, será suficiente con achegar unha declaración especificando a documentación xa presentada, así como o número de expediente en que se atopa incorporada, anexando a documentación que falte.

10.3. A documentación das carpetas 1 e 2 e os documentos de formulación do proxecto, carpeta 3, serán presentados en orixinal e en soporte electrónico:

Carpeta 1. Información relativa á entidade solicitante.

a) Certificación da secretaría da entidade en Galicia acreditativa da vixencia dos datos depositados no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con indicación do número de inscrición no citado rexistro e onde deberá figurar expresamente o número de socios/as en Galicia.

No caso de que calquera documento dos recollidos nesta alínea carecese de vixencia no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, farase indicación expresa sobre isto e achegarase, debidamente compulsado o dito documento, co obxecto de ser incorporado de oficio ao rexistro.

Cando a persoa que formule a solicitude non sexa ningunha daquelas de cuxos datos se dispón no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, deberase de achegar xunto coa certificación anterior certificación da secretaría da entidade acreditativa da vinculación que a une coa entidade solicitante.

b) Declaración responsable da persoa representante legal da entidade a que faga constar que a entidade solicitante non incorre en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo modelo que figura como anexo III destas bases reguladoras.

c) Certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesouraría Xeral da Seguridade Social acreditativas de estar ao día das obrigas tributarias e sociais e certificación da Consellería de Facenda de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa facenda autonómica. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

d) Declaración responsable da persoa representante legal da entidade en que se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

e) Declaración responsable da persoa representante legal da entidade en que conste que a entidade solicitante non percibiu ningunha subvención das convocatorias para programas e para proxectos de cooperación ao desenvolvemento dos anos 2008, 2009, 2010 e 2011 (exceptúanse desta restrición as axudas recibidas con cargo á convocatoria de microproxectos dos anos anteriores).

f) Copia das contas anuais da entidade (ingresos de carácter público e privado e gastos) da última liquidación do orzamento rendida e aprobada polo órgano competente da entidade.

g) Memoria da organización en que se inclúan as accións en materia de cooperación para o desenvolvemento realizadas pola entidade nos últimos dous anos.

h) Plan/ estratexia de cooperación da entidade para os seguintes anos, en que se enmarca o proxecto presentado.

Carpeta 2. Información relativa á contraparte local.

a) Documentación acreditativa da representación legal da entidade: copia do documento en que se recolla o nomeamento da persoa que desempeñe a representación legal e do seu documento ou cédula de identidade.

b) Declaración da persoa que desempeñe a representación legal da entidade en que se especifique, se procede, a personalidade xurídica da entidade socia ou contraparte local, o seu domicilio social, o balance de ingresos e gastos da última liquidación orzamentaria, a cuantificación do número de socios/as da entidade e a descrición da vinculación existente entre a entidade e o persoal ao seu servizo.

c) Copia dos estatutos, copia do documento de inscrición no rexistro correspondente da entidade socia ou contraparte local e do número de identificación fiscal da entidade ou documentos similares no país de orixe.

d) Carta de compromiso de participación no proxecto por parte da contraparte local, asinada pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade.

e) Memoria de actividades e traballos da entidade onde se inclúan outros proxectos de cooperación ao desenvolvemento nos que participase, así como a experiencia acadada na zona e no sector de actuación do proxecto.

f) No caso de que a contraparte local sexa unha administración ou entidade pública, deberá presentar:

– Carta de compromiso de participación no proxecto.

– Fotocopia compulsada do documento ou cédula de identidade da persoa que desempeñe a representación legal da entidade.

– Copia do documento en que se recolla o nomeamento da persoa representante legal ou certificación expedida polo órgano competente.

Carpeta 3. Información relativa ao proxecto de desenvolvemento.

A información sobre o proxecto presentarase nos documentos normalizados para o efecto (o de formulación e o do orzamento do proxecto), que poderán descargarse da páxina web da cooperación galega www.cooperaciongalega.org

Ante calquera problema, dúbida ou aclaración, poderá dirixirse directamente á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou a través do enderezo electrónico: cooperacion.exterior@xunta.es

A falta de documentación relativa ás carpetas 1, 2 e 3 impedirá a avaliación do proxecto, se non se procede á súa emenda dentro do prazo establecido no artigo 16 desta orde. Quedan excluídos da posibilidade de emenda aqueles documentos que impliquen unha elaboración propia por parte da entidade solicitante, isto é, aquel previsto na letra g) da carpeta 1 así como os documentos de formulación do proxecto (carpeta 3).

A presentación da solicitude en modelo distinto do establecido para esta convocatoria (anexo II), así como a manipulación dos documentos de formulación normalizados ou o emprego de documentos que non sexan os adaptados á esta convocatoria, conducirá á exclusión e non avaliación do proxecto.

Artigo 11. Condicións de cofinanciamento.

A Xunta de Galicia poderá financiar ata un 95% do orzamento total do proxecto. A subvención concedida non superará en ningún caso os 25.000 euros.

Os xuros que, de ser o caso, xeren os fondos transferidos pola Xunta de Galicia, reinvestiranse en custos directos, de xeito que non poderán ser imputados a custos indirectos.

Artigo 12. Gastos do proxecto.

12.1. Gastos subvencionables:

1. Serán gastos subvencionables os custos directos e os custos indirectos dos proxectos.

2. Entenderanse por custes directos aqueles que son imprescindibles para a posta en marcha do proxecto, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos. Para os efectos de concesión da axuda teranse en conta os seguintes:

a) Aluguer, construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas.

No caso de aluguer, inclúense os gastos de aluguer de terreos, inmobles necesarios para a execución da intervención. Non se imputarán os gastos de aluguer da vivenda do persoal expatriado nin dos locais ou sedes da entidade beneficiaria ou contraparte local. O aluguer dos locais da entidade beneficiaria en terreo ou da contraparte local imputaranse na partida de funcionamento.

A construción e/ou reforma de inmobles e infraestruturas inclúe elaboración do proxecto, planos e estudos técnicos, man de obra, dirección de obra, licenza de obras e taxas, materiais de construción e o transporte dos citados materiais, obras de acceso, e instalacións de auga, eléctricas e de saneamento, construción de pozos e sistemas de regadíos, etc. No caso de ser achegada a man de obra ligada a estas tarefas pola contraparte local ou pola poboación beneficiaria, só se aceptará a súa valoración de estar acreditada de xeito suficiente a prezos de mercado local. Nos gastos imputados á construción de inmobles deberá especificarse o réxime de propiedade e a titularidade.

Non se imputarán gastos por reformas ou reparacións na vivenda do persoal expatriado nin en locais ou sedes da entidade beneficiaria ou contraparte local.

b) Equipamentos e materiais.

Considerarase equipamento e materiais inventariables a adquisición de elementos de inmobilizado, distintos a terreos e edificios, afectos á actividade subvencionada, como maquinaria, mobiliario, equipamentos informáticos (hardware e software), dotación bibliotecas e outro equipamento. Nese concepto inclúense os gastos derivados do envío, traslado e da posta en funcionamento dos equipamentos, taxas aduaneiras ou portuarias etc. Así mesmo, no caso de proxectos produtivos inclúese tamén a adquisición de animais, árbores, sementes etc., o seu transporte e almacenamento.

Materiais consumibles considéranse os gastos consumibles en prazos inferiores a un ano: material de escritorio, material informático, material de formación, libros, materiais didácticos, materiais sanitarios, reprografías e imprenta, reparacións e mantemento de maquinaria e vehículos, utensilios. Tamén se inclúen os alugueres de vehículos, maquinaria, instalacións e ferramentas necesarias para a execución da intervención.

c) Persoal. Para os efectos desta convocatoria entenderase:

1. Persoal expatriado, aquel persoal da entidade española sometido a lexislación española, que presta os seus servizos no país onde se executa a intervención obxecto da subvención e con funcións e tarefas directamente relacionadas con aquela. Para o envío de persoas expatriadas achegarase unha memoria xustificativa da necesidade de envío dese persoal e marcaranse os criterios de aptitude e cualificación requiridos para a correcta realización da acción, a duración e a descrición de tarefas.

2. Persoal local, aquel persoal da contraparte local ou contratado ao servizo do proxecto sometido a lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto de subvención e no cal presta os seus servizos, de acordo co réxime laboral correspondente ás súas funcións e desempeño, estando as súas funcións e tarefas directamente relacionadas coa intervención. Deberá acreditarse documentalmente o salario medio para ese tipo de contrato do país ou zona onde se execute o proxecto.

3. Persoal en sede, aquel da entidade en Galicia sometido á lexislación española, que presta os seus servizos en Galicia, con independencia de que por razón das súas funcións teña que desprazarse ao país de execución ocasional ou regularmente, e cuxas funcións e tarefas están imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención. En todos os casos a imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación.

A entidade solicitante deberá recorrer na medida do posible aos recursos humanos locais.

Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención, así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao ou as retribucións complementarias destinadas a afrontar os gastos de escolarización dos fillos no país de destino.

O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar o 70% do orzamento total do proxecto.

d) Servizos técnicos e profesionais, requiridos para a realización de capacitacións, seminarios, diagnósticos, informes, publicacións, control de xestión ou outras necesidades recollidas na formulación da intervención (distintos aos de identificación, elaboración de liñas de base, avaliación e auditoría que se imputan nas súas partidas correspondentes).

Así como tamén os gastos derivados de pólizas de seguros de accidente, enfermidade e de responsabilidade civil subscritos a favor do voluntariado da organización que non perciban contraprestación económica e que participen directamente nos proxectos subvencionados, e calquera outros gastos en que puidesen incorrer e que estean directamente relacionados coa intervención.

As bolsas de formación que consistan no pagamento da matrícula ou entrega monetaria, inclúense neste alínea. As bolsas de transporte, alimentación ou material incluiranse na alínea que corresponda segundo o obxecto da bolsa.

e) Funcionamento no terreo, gastos correntes de funcionamento acaecidos no país de execución e ligados á execución do proxecto. Inclúese o aluguer de oficina, electricidade, auga, comunicacións, limpeza, papelaría e outros gastos de oficina, mantemento e seguridade, até un máximo do 2% do orzamento do proxecto.

f) Viaxes, aloxamento e axudas de custo. Inclúense entre outros, os gastos vinculados á mobilidade individual ou colectiva do persoal (local e expatriado), voluntarios e das persoas beneficiarias necesarios para a execución da intervención (incluíndo combustible, seguros e mantemento de vehículos que se atopen especificamente identificados na formulación da intervención e vinculados a esta), así como o aloxamento, manutención dos participantes en formación e capacitacións, e de ser necesarios, os incentivos (monetarios ou en especie) aos beneficiarios dos proxectos que sexan membros de comités, redes ou similares, necesarios para a boa execución do proxecto.

g) Os gastos financeiros, os gastos de asesoría xurídica ou financeira, os gastos rexistrais e periciais para a realización do proxecto son subvencionables sempre que estean directamente relacionados coa actividade subvencionada e sexan indispensables para a axeitada preparación ou execución desta e sempre que non deriven de malas prácticas ou incumprimentos legais. Gastos bancarios producidos pola conta do proxecto e os gastos bancarios derivados das transferencias bancarias dos fondos ao país de execución do proxecto; as derivadas da compulsa de documentos por parte de notarios, autoridades locais ou servizos consulares españois, e os gastos de tradución de documentos cando se require na convocatoria.

3. Custos indirectos: son os gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte ou socio local, para a sustentabilidade da execución do proxecto, así como da difusión da execución e do seguimento do proxecto en Galicia. A porcentaxe máxima aplicable a este concepto será de ata 10% do importe total do orzamento do proxecto.

Estes gastos imputaraos a entidade beneficiaria á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales importes correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Este gasto imputarase dentro do período de execución da intervención e será acreditado ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea pola entidade solicitante mediante unha declaración responsable da persoa que desempeñe a representación legal.

4. Como achegas locais pódense aceptar, en concepto de gastos susceptibles de axuda, valorizacións, sempre que estean suficientemente acreditadas e intrinsecamente vinculadas, de maneira exclusiva ou proporcional, á intervención que ten que desenvolverse.

Para os efectos do que prevé o parágrafo anterior, considéranse valorizacións as achegas de terreos, locais, equipamentos, materiais e servizos por parte da poboación beneficiaria final, socios locais e outras entidades locais distintas das entidades beneficiarias, como tamén a man de obra das persoas beneficiarias finais directamente vinculadas á execución das actividades orzadas e que, en caso de terreos, locais ou equipamentos, vaian ser transferidas definitivamente cando acabe a execución, xunto co resto de bens adquiridos con cargo ao proxecto obxecto de axuda. Tamén poden valorarse os bens e os locais postos temporalmente a disposición da execución directa do proxecto, por un importe equivalente ao aluguer destes durante o tempo en que sexan utilizados dentro do prazo de execución.

As valorizacións acreditaranse cun certificado da contraparte, da poboación beneficiaria final do proxecto ou da entidade que achegue os bens e servizos. Neste certificado, ou nun documento anexo, describirase e cuantificará a achega, con indicación do número de unidades, horas de traballo, prezos unitarios (se corresponde) e a valoración total.

As valorizacións axustaranse aos prezos de mercado local e, no caso de equipamentos e bens, deben ter en conta a antigüidade.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6. No suposto de construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables, estes deberán quedar formalmente vinculados aos fins das actuacións realizadas durante dez anos os bens inscritibles nun rexistro público, e cinco anos o resto de bens. Unha vez rematen as actuacións, os bens deberán ser transferidos a unha Administración pública do país beneficiario, ou a unha contraparte local, que se faga responsable da súa utilización para o fin creado e do seu correcto mantemento. Tal cesión deberá quedar documentada a través de escritura pública.

No suposto dos bens inscritibles nun rexistro público, deberá facerse constar na escritura pública a circunstancia da afectación e o período polo cal se afectan os bens, debendo ser obxecto estes aspectos de inscrición no rexistro público correspondente. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea autorizará previamente tal cesión.

7. En ningún caso serán gastos subvencionables:

– Os elementos de transporte externos.

– Os gastos de aluguer ou adquisición da vivenda do persoal expatriado.

– Os xuros debedores das contas bancarias.

– Xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

– Gastos de procedementos xudiciais.

– As amortizacións de bens inventariables.

– Gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, regalos, flores, entradas a espectáculos, etc.).

Artigo 13. Criterios de valoración.

13.1. Prioridades xeográficas.

Países prioritarios: América Central (Guatemala, Honduras, Nicaragua e El Salvador); Caribe (Haití e República Dominicana); América do Sur (Bolivia, Ecuador e Perú); África (Cabo Verde, Guinea-Bissau e Mozambique e a poboación saharauí) e os países menos adiantados (PMA).

13.2. Prioridades sectoriais.

De acordo co establecido no artigo 8 da Lei galega de cooperación para o desenvolvemento e no Plan director da cooperación galega, teranse especialmente en conta os proxectos que se integren nas seguintes prioridades:

a) Cobertura de necesidades sociais básicas (saúde básica, educación básica, seguridade alimentaria, traballos elementais de subministración de auga e saneamento, e habitabilidade).

b) Infraestrutura e promoción do tecido económico (comercio xusto, proxectos de economía social e cooperativas, dinamización do sector privado e programas de desenvolvemento, investimento no sector pesqueiro, investimento no sector agroindustrial, desenvolvemento forestal, comunicacións, enerxías, iniciativas que contribúan ao pleno exercicio dos dereitos económicos das mulleres como promoción do acceso da muller á actividade empresarial, ao emprendemento, á formación e capacitación…).

c) Participación social, desenvolvemento institucional, bo goberno e construción da paz (defensa dos dereitos humanos, especialmente no referente ás accións positivas tendentes á mellorar a posición das mulleres na sociedade, promoción da participación social e empoderamento, desenvolvemento das institucións e estruturas democráticas, fortalecemento do Estado de dereito e procesos descentralizados).

d) Investimento no ser humano (apoio á educación superior e á consolidación da cooperación interuniversitaria, apoio ao desenvolvemento intercultural e á preservación do patrimonio cultural, investigación, transferencia e intercambio de coñecemento e tecnoloxía).

e) Xestión ambiental sustentable e hábitat.

13.3. Prioridades transversais.

De acordo co establecido no II Plan director, as seguintes prioridades débense considerar en toda intervención de desenvolvemento, calquera que sexa o sector de actuación:

– A loita contra a pobreza.

– A equidade de xénero.

– A defensa da sustentabilidade ambiental.

– O respecto polos dereitos humanos.

– A defensa da interculturalidade.

13.4. Outras prioridades.

– Que complementen programas institucionais de desenvolvemento ou que complementen outras actuacións financiadas pola Xunta de Galicia.

– Que teñan un maior grao de implicación das persoas beneficiarias e da contraparte local no proxecto, tanto na súa formulación como na súa execución. Serán prioritarios aqueles proxectos con maior número de persoas beneficiarias e que incorporen as perspectivas de xénero na atención á infancia, ás mulleres e as comunidades indíxenas, así como os proxectos que atendan especificamente a defensa dos dereitos das mulleres e a igualdade entre homes e mulleres.

– Que a súa sustentabilidade estea garantida unha vez finalizada a acción exterior.

– Que se inclúa no proxecto unha estratexia da súa difusión en Galicia.

Artigo 14. Valoración dos microproxectos.

Os microproxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

14.1. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 12 puntos.

1. Experiencia en accións de cooperación para o desenvolvemento (no sector de actuación do proxecto e no país, zona, comunidade onde se vai executar) suficientemente descrita nas carpetas 1 e 3, para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 3 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola entidade (xestión, recursos humanos, con perspectiva de xénero e baixo o resto de prioridades transversais recollidas no Plan director da cooperación galega técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto). Máximo: 4 puntos.

3. Experiencia de traballo da entidade solicitante coa contraparte ou socio local. Máximo 3 puntos.

4. Estratexia de cooperación da entidade que inclúa a incorporación da perspectiva de xénero e/ou política de xénero da entidade, así como o resto de prioridades transversais do Plan director da cooperación galega para os vindeiros anos. Máximo: 2 puntos.

14.2. Aspectos relacionados co socio local: ata 15 puntos.

1. Experiencia de traballo en proxectos de cooperación ao desenvolvemento, na zona ou comunidade onde se vai executar o proxecto e no sector de actuación do proxecto descrita suficientemente na carpeta 2 e 3 para os obxectivos e características do proxecto. Máximo: 5 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola contraparte. Garantía de implicación da entidade na comunidade e da propia comunidade no proxecto mediante a intervención da contraparte. Adecuación e coherencia no sector de traballo da entidade e o obxectivo do proxecto. Máximo: 6 puntos.

3. Participación en redes, foros, espazos locais ou internacionais no ámbito do sector de actuación do proxecto. Máximo: 2 puntos.

4. Participación no proxecto xunto a outras organizacións ou institucións locais. Máximo: 2 puntos.

14.3. Aspectos relacionados co contido do microproxecto: ata 50 puntos.

1. Pertinencia do proxecto con especial concreción sobre o contexto social, económico, político e cultural das persoas beneficiarias, zona e país onde se vai desenvolver; antecedentes e xustificación deste. Máximo: 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos, resultados e accións coa problemática presentada. Máximo: 5 puntos.

3. Accións que se van a desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal. Máximo: 3 puntos.

4. Financiamento: coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

5. Recursos humanos e técnicos suficientes e adecuados para acadar os obxectivos do proxecto. Máximo: 4 puntos.

6. Poboación beneficiaria: descrición precisa das persoas destinatarias, criterios de determinación, grao de participación nas distintas fases do proxecto. Máximo: 5 puntos.

7. Viabilidade técnica e sustentabilidade do proxecto no ámbito social, económico e ambiental. Máximo: 5 puntos.

8. Impacto e transversabilidade de xénero. Máximo: 4 puntos.

9. Impacto ambiental. Máximo: 4 puntos.

10. Proxectos que fortalezan e/ou complementen outras intervencións rematadas ou en marcha. Máximo: 5 puntos.

11. Seguimento previsto (interno e externo). Máximo: 3 puntos.

12. Difusión do proxecto en Galicia. Máximo: 1 punto.

13. Emprego da lingua galega na realización das actividades para as que se solicita axuda. Máximo: 1 punto.

14.4. Coincidencia do microproxecto coa estratexia da cooperación galega. Máximo: 23 puntos.

1. País prioritario para a cooperación galega. Máximo: 6 puntos.

2. País onde se desenvolva o proxecto que estea considerado como país menos adiantado (PMA). Máximo: 6 puntos.

Priorizaranse dentro de cada país aquelas zonas ou rexións en que a Xunta de Galicia financia ou ten financiado máis intervencións, nun intento de lograr un maior grao de concentración da nosa axuda.

3. Sector prioritario da cooperación galega. Máximo: 11 puntos.

– Cobertura de necesidades sociais básicas. Máximo 6 puntos.

– Infraestrutura e promoción do tecido económico, concretamente proxectos de economía social e cooperativa, ou dedicados ao sector pesqueiro, acuícola e agrícola. Máximo: 5 puntos.

CAPÍTULO III
Disposicións comúns

Artigo 15. Lugar e prazo de presentación das solicitudes.

As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea (rúa Feáns, 5, baixo, 15705 Santiago de Compostela), cubertas nos modelos que figuran como anexos destas bases reguladoras, por calquera medio previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

As solicitudes poderán presentarse no prazo dun mes contado desde o seguinte día ao de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 16. Instrución.

A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requirirase as entidades interesadas para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, se considerará que desisten da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 17. Valoración das solicitudes.

17.1. Para a valoración dos proxectos constituirase una comisión avaliadora, que adaptará o seu funcionamento ao previsto nesta convocatoria e, supletoriamente, aos preceptos contidos no capítulo II, título II, artigos 22 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. A comisión estará composta polas seguintes persoas:

Presidente: o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Secretario/a: un funcionario/a da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

Vogais: dous funcionarios/as da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea.

A comisión, para unha mellor valoración dos proxectos e con anterioridade a ditarse a proposta de resolución, poderá recadar os informes técnicos que se consideren oportunos. Estes informes, que en ningún caso serán vinculantes, de encargarse, terán que ser realizados por persoas expertas independentes non vinculadas a ningún dos axentes de cooperación.

17.2. Para superar a fase de valoración dos proxectos de cooperación no exterior será necesario acadar unha puntuación do 50% nos epígrafes I, II e III.

Unha vez superada a fase de avaliación, establecerase unha listaxe coas puntuacións obtidas en orde descendente para cada un dos proxectos presentados. Serán financiados por orde de puntuación todos aqueles proxectos que sexa posible. Financiarase un único proxecto individual a cada entidade e un único proxecto en agrupación, en ambos os casos o de maior puntuación. Se as dispoñibilidades financeiras o permitisen poderase subvencionar o segundo proxecto, sempre que obteña a puntuación necesaria.

No tocante aos proxectos de cooperación no exterior, estableceranse dúas listaxes independentes, unha para as ONGD e outra para os outros axentes.

17.3. No suposto de que non se esgotasen os recursos financeiros asignados a esta convocatoria, a Xunta de Galicia empregará estes recursos para financiar outras actuacións de cooperación para o desenvolvemento a través dos outros medios previstos no II Plan director da Cooperación Galega 2010-2013 e de conformidade co establecido na Lei de réxime orzamentario de Galicia e nas leis anuais de orzamentos.

Artigo 18. Prazo de resolución.

O prazo de resolución e notificación será de tres meses como máximo, contados desde o día seguinte ao de finalización do prazo de presentación de solicitudes. De non notificarse resolución expresa neste prazo, as solicitudes consideraranse desestimadas.

Artigo 19. Resolución.

Á vista da proposta de resolución do instrutor, debidamente motivada, o órgano competente por delegación do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá o procedente.

Artigo 20. Compatibilidade de subvencións.

As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da concesión. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 21. Publicidade da concesión das subvencións.

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase a relación das concedidas con indicación das entidades beneficiarias, contía, país de execución do proxecto e finalidade, no Diario Oficial de Galicia e na web oficial da cooperación galega, de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Así mesmo, de conformidade co artigo 3.2 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, estes datos serán publicados no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios.

Artigo 22. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento.

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará nun prazo máximo de dez días declaración por escrito da aceptación da axuda, en que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan. De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente sexa posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado, presentar unha readaptación á subvención concedida, que non afecte a orde de prelación dos proxectos subvencionados, que será sometida a unha nova análise. No caso de readaptación do proxecto, o órgano competente por delegación do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 23. Anticipos.

23.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100% da anualidade de que se trate e sen necesidade de exixir garantía, sendo obrigatorio presentar un informe de seguimento cando remate a primeira anualidade, ademais do informe final.

23.2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do pagamento do anticipo da subvención concedida, asinada polo representante legal da entidade.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Compromiso específico de cesión dos bens mobles ou inmobles, que resulten da execución do proxecto subvencionado, as persoas beneficiarias ou socio local, de ser o caso.

d) Certificación bancaria das contas da entidade beneficiaria e do socio local afectas á xestión do proxecto. Nestas contas asignadas ao proxecto terán o seu destino todos os pagamentos que se realicen con cargo ao cofinanciamento da consellería competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os comprobantes destes ingresos e gastos estarán á disposición do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

23.3. No caso de proxectos plurianuais, para o pagamento da subvención concedida na segunda anualidade e unha vez xustificada a primeira anualidade de acordo coas previsións do artigo 24.3 destas bases reguladoras, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do pagamento anticipado da contía concedida para esta anualidade, asinada polo representante legal da entidade.

b) Informe de avance sobre o estado de execución do proxecto, asinado pola persoa responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

c) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

23.4. Non obstante, as entidades beneficiarias deberán acreditar, con cada solicitude de pagamento, de acordo co establecido no artigo 60.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que se atopan ao día das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa facenda autonómica, agás as universidades e as comunidades galegas no exterior, de acordo co establecido nas letras b) e i) do artigo 31.7 da Lei 9/ 2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Conforme o establecido no artigo 20.3 desta mesma lei, as entidades beneficiarias autorizan ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir as mencionadas institucións.

Artigo 24. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas.

24.1. As subvencións concedidas para proxectos que teñan un período de execución comprendido no exercicio corrente deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto cuarto deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na medida do posible tamén en formato electrónico e sempre dentro do exercicio orzamentario correspondente, de acordo co que establece o artigo 45.5 de Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Os proxectos con subvención plurianual xustificarán cada anualidade independentemente. Conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a primeira anualidade dentro do primeiro trimestre do ano seguinte, coa documentación que se sinala no punto terceiro deste artigo e a segunda anualidade, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización da totalidade das actividades, coa documentación que se sinala no apartado cuarto deste artigo, na medida do posible tamén en formato electrónico e sempre dentro do exercicio orzamentario correspondente, de acordo co que establece o artigo 45.5 de Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

24.2. Para a presentación do informe de seguimento e do final, deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relación Exteriores e coa Unión Europea da Xunta de Galicia, que se poderá descargar da páxina web, www.cooperaciongalega.org

24.3. A xustificación da primeira anualidade realizarase mediante a presentación dun informe de seguimento integrado polos seguintes documentos:

a) Certificación da persoa que desempeñe a representación legal en Galicia da entidade solicitante acreditativa da execución do proxecto de conformidade ao previsto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

b) Informe sobre o estado de execución do proxecto e que deberá estar asinado pola persoa responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

c) Certificación dos gastos do proxecto na primeira anualidade, por partidas orzamentarias e no cal se indique as distintas fontes de financiamento, asinado pola persoa que desempeñe a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

d) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data, número da factura o do documento xustificativo, identificación do emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto, e co seu importe en moeda local e o seu contravalor en euros.

e) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

24.4. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades así como a finalidade para a cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar un informe final que constará de dúas partes:

a) Xustificación técnica. Indicará co máximo detalle os obxectivos conseguidos, os resultados obtidos, as actividades realizadas, o proceso de transferencia e xestión das intervencións tras a súa finalización, así como o análises da súa sustentabilidade futura.

b) Xustificación económica. Comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida e se realizarase mediante a forma de conta xustificativa, que incluirá a declaración das actividades realizadas e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos realizados.

24.4.1. Xustificación técnica, que incluirá:

– Certificación da persoa que desempeñe a representación legal da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

– Memoria de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto. Deberá estar asinada pola persoa responsable da xestión técnico-económica do proxecto en Galicia.

– Avaliación externa obrigatoria ao final da intervención e requirida polas bases desta convocatoria no caso dos proxectos de cooperación para o desenvolvemento no exterior que recibiran unha subvención superior a 120.000 euros, así como outras non obrigatorias que se recollan no documento de formulación que se xunta á solicitude de subvención.

24.4.2. Xustificación económica (exceptuados os proxectos executados polas universidades galegas e as axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas), que comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida. A conta xustificativa poderá ser:

– Conta xustificativa simplificada para os microproxectos.

– Conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos, no caso de subvencións por importe igual ou inferior a 50.000 €. Exceptúanse desta modalidade de xustificación os proxectos executados por entidades que posúan ánimo de lucro.

– Conta xustificativa con entrega de informe de auditor, obrigatoria para subvencións por importe superior a 50.000 € e para os proxectos executados por entidades que posúan ánimo de lucro, e opcional no caso de subvencións por importe igual o inferior a 50.000 €.

– Conta xustificativa simplificada, que incluirá:

a) Certificación dos gastos co importe total do proxecto, distribuído por partidas orzamentarias e no cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinado pola persoa que desempeñe a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do emisor, a data e a forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Mediante técnica de mostraxe aleatoria simple, o órgano competente requirirá aos beneficiarios a achega dos orixinais dos xustificantes que estime oportunos, que suporán ao menos o 25% da cantidade subvencionada.

– Conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos, que incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto, distribuída por partidas orzamentarias e en que se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do emisor, a data e a forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Facturas ou documentos xustificativos dos gastos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

– Conta xustificativa con entrega de informe de auditor, para subvencións por importe superior a 50.000 € e para os proxectos executados por entidades que posúan ánimo de lucro e opcional no caso de subvencións por importe igual ou inferior a 50.000 €, que incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto distribuída por partidas orzamentarias e en que se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinado pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Informe do auditor/a de contas inscrito como exercinte no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC).

A revisión da conta xustificativa polo auditor/a de contas realizarase de conformidade coas normas de actuación e supervisión que, se é o caso, propoña o órgano que teña atribuídas as competencias de control financeiro de subvencións en Galicia.

Para o estudo e revisión da documentación xustificativa, os auditores poderán utilizar técnicas de mostraxe de acordo coas prácticas habituais xeralmente aceptadas na auditoría de contas.

No caso de que a actividade subvencionada fose executada en todo ou en parte por un socio local ou contraparte estranxeira, non será exixible que os documentos xustificativos do gasto da subvención fosen reflectidos nos rexistros contables do beneficiario; nese caso, o alcance da revisión do auditor estenderase ás contas do socio local ou contraparte.

A presentación da auditoría como forma xustificativa do gasto non exime a entidade beneficiaria da subvención do mantemento do soporte documental de acordo cos prazos estipulados pola lei. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea ou os organismos competentes da Administración da comunidade autónoma poderán solicitar a documentación soporte da auditoría, de acordo co establecido nesta orde.

No caso de que o informe sobre a conta xustificativa por parte dun auditor de contas se produza no estranxeiro, poderá ser realizada por auditores exercentes no país onde levarase a cabo, sempre que no dito país exista un réxime de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas. De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas no citado país, o informe previsto neste artigo poderá ser realizado por un auditor establecido nel, sempre que a súa designación a leve a cabo o órgano concedente, ou sexa ratificada por este a proposta do beneficiario, consonte uns criterios técnicos que garantan a adecuada calidade.

Finalizada a revisión da conta xustificativa, o auditor deberá emitir un informe en que detallará os procedementos de revisión levados a cabo e o seu alcance, o sistema de mostraxe empregada, o número de elementos e importe da mostra analizados respecto do total e porcentaxe de deficiencias advertido respecto da mostra analizada e contía dos gastos afectados.

O informe mencionará se o beneficiario facilitou canta información solicitoulle o auditor para realizar o traballo de revisión. No caso de que o beneficiario non facilitase a totalidade da información solicitada, mencionarase tal circunstancia con indicación da información omitida.

O informe referirase ao resultado das comprobacións realizadas, mencionando os feitos observados que puidesen supor un incumprimento por parte do beneficiario da normativa aplicable ou das condicións impostas para a percepción da subvención, e deberá proporcionar a información co suficiente detalle e precisión para que o órgano xestor poida concluír respecto diso.

24.4.3. No caso dos proxectos presentados polas universidades e conforme o establecido no artigo 28.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a xustificación económica consistirá nunha certificación de gastos da intervención ou do órgano que teña atribuídas as facultades de control da toma de razón en contabilidade e do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. A persoa que figure na solicitude de subvención como responsable técnica do proxecto será a encargada de facilitar a remisión de tal documentación á Dirección Xeral de Relacións Exteriores e cos Unión Europea

24.4.4. Ás axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas exixiránselles como xustificación os documentos acreditativos das transferencias realizadas, así como o control contable que lles é específico e sempre conforme o funcionamento establecido polos Estados parte para as distintas Nacións Unidas.

24.4.5. Cando no proxecto concorran diversas subvencións e axudas procedentes doutras administracións, a entidade beneficiaria terá que xustificar ante a Xunta de Galicia o importe do gasto subvencionado, ademais das achegas propias e de terceiros financiadores que non sexan Administración pública.

Con respecto ao resto de achegas doutras administracións públicas, unicamente ten que acreditarse a aplicación dos fondos ás actividades previstas, para o cal é suficiente a acreditación mediante certificados que emitan o resto de administracións públicas que financiaron o proxecto ou actividade. As previsións que contén este punto non alteran as funcións que a lexislación vixente outorga á Intervención Xeral da Administración autonómica.

24.4.6. No suposto de adquisición de bens inmobles, debe achegarse certificado de taxador/a independente debidamente acreditado e inscrito no correspondente rexistro oficial.

24.4.7. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 50.000 euros no suposto de custo por execución de obra, ou de 18.000 euros no suposto de subministración de bens de equipamento ou prestación de servizos por empresas de consultaría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme criterios de eficiencia e economía, debendo xustificarse expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

24.4.8. No caso de proxectos con subvencións de capital superiores a 60.000,00 €, destinadas a investimentos en activos tanxibles, e conforme o artigo 30 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, a comprobación material substituirase por unha xustificación documental que constate de forma razoable e suficiente a realización da actividade subvencionada.

24.5. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto durante un período de 4 anos. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Con carácter previo á realización da copia, é obrigatoria a impresión dun selo-dilixencia en todos os documentos orixinais (facturas, recibos ou outros) de gastos. Nela debe figurar a convocatoria anual da subvención xustificada, título abreviado do proxecto de cooperación para o desenvolvemento, así como a referencia ao financiamento da Xunta «Financiada pola Xunta de Galicia». Naqueles documentos xustificativos de gasto imputable a máis dun financiador, deberá constar a dilixencia antes mencionada, indicando ademais o tanto por cento de financiamento que lle imputa a cada un. No suposto de documentos de gasto en que resulte imposible a impresión de tal selo-dilixencia, como consecuencia do seu tamaño, xuntarase unha relación deles mesmos en que se faga constar a mencionada dilixencia.

Tamén se poderán utilizar, como xustificantes de gasto, os recibos de caixa en que conste o nome da entidade beneficiaria, importe, nome e apelido da persoa que presta o servizo, concepto do gasto, nome do proxecto subvencionado. Este recibo deberá ser asinado pola persoa que presta o servizo (vendedor/a, transportista etc.).

A utilización de recibos deberá ser, como criterio xeral, autorizada con carácter previo polo órgano concedente da subvención. Poderá tamén ser validada con posterioridade sempre que este estime que a autorización se tería producido de terse solicitado con carácter previo.

Poderán, así mesmo, utilizarse recibos de caixa en lugar de facturas, sexa cal sexa o seu importe ou a contía que representen sobre a subvención concedida e sen necesidade de autorización previa, sempre que na documentación xustificativa se inclúa acreditación de que as persoas perceptoras de tales pagamentos non están suxeitas á obriga de emitir factura no país en que se efectuou o gasto. A devandita acreditación deberá ser realizada por un organismo público competente.

Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados poderase aceptar a xustificación do pagamento en efectivo para importes inferiores a 1.000 euros, xuntando xustificante do provedor, conforme establece o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Para gastos superiores a 1.000 € non poderán aceptarse pagamantos en efectivo.

Cando existan xustificantes redactados nun idioma estranxeiro distinto do inglés, francés, italiano ou portugués, deberá ser debidamente traducido, indicando data, importe, concepto de gasto, persoa perceptora e provedora.

24.6. Os impostos susceptibles de recuperación serán atendidos como un anticipo con cargo á subvención concedida mentres non sexan efectivamente recuperados. No momento da presentación da xustificación da subvención concedida, achegarase, de ser o caso, declaración responsable de non recuperar os devanditos impostos.

Se a recuperación dos devanditos impostos se producise durante o prazo de execución do proxecto ou actividade, os importes recuperados serán aplicados a sufragar gastos vinculados á actividade, dentro do seu prazo de execución, sen que sexa necesaria autorización previa do órgano concedente, salvo que a súa aplicación implique cambios ou modificacións que afecten a obxectivos, resultados, localización territorial, socio local ou contraparte ou poboación beneficiaria.

No caso de que a recuperación se produza no catro anos seguintes á finalización do prazo de execución da actividade, o beneficiario poderá propor a súa aplicación a actividades asociadas ou complementarias á actuación subvencionada. O órgano concedente emitirá resolución de autorización da aplicación dos fondos, indicando o prazo de execución e xustificación, salvo que o devandito órgano entenda que as actividades ás cales se pretende aplicar as cantidades recuperadas non poden ser consideradas como asociadas ou complementarias á actuación subvencionada; nese caso emitirá resolución de denegación da aplicación dos fondos. Se a resolución fose denegatoria procederase á devolución do anticipo para o pagamento dos impostos.

A obriga de devolver á Administración concedente os impostos recuperados subsistirá durante catro anos desde a presentación da xustificación, ao cabo dos cales, de non recuperarse aínda os impostos, deberá emitirse declaración responsable acreditando a dita circunstancia.

Artigo 25. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos.

1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a cal se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, de ser o caso, da reformulación de terse efectuado.

2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información lles sexa requirida respecto dos proxectos subvencionados. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

4. Así mesmo, as entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado (placas, letreiros, carteis, publicacións, material de difusión, publicidade, etc.) os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e a Cooperación Galega, todo isto en formato duradeiro e material resistente, para a debida difusión da orixe da subvención, Decreto 409/2009, do 5 de novembro, polo que se aproba o uso dos elementos básicos da identidade corporativa da Xunta de Galicia.

Cando a organización financiada exhiba o seu propio logotipo, o da Xunta de Galicia e o da Cooperación Galega deberá figurar co mesmo tamaño e en iguais condicións de seguridade. Ambos os dous logotipos poderán descargarse da páxina web da cooperación galega www.cooperaciongalega.org

5. No proceso continuo de homoxeneizar os procedementos, metodoloxía e formularios de xestión do ciclo dos proxectos cos da Cooperación Oficial Española e da Unión Europea, o seguimento e avaliación dos proxectos rexerase polos criterios básicos de pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade, seguindo a metodoloxía do marco lóxico e a xestión do ciclo do proxecto establecidos polo CAD e a propia Unión Europea.

6. A xestión dos proxectos poderá ser examinada, durante a súa execución ou unha vez finalizada, por representantes da Xunta de Galicia con competencias en materia de cooperación exterior ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o cal a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e aos documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

A avaliación final do proxecto analizará, de xeito sistemático e obxectivo, a pertinencia, eficacia, eficiencia, impacto e sustentabilidade do proxecto financiado, adaptándose á especificidade deste nos termos de referencia (TdR).

A estrutura dos informes de avaliación seguirá tamén a metodoloxía e o formato utilizado pola Cooperación Española e a Unión Europea, e recollerá como mínimo:

– Resumo: debe ser formulado de xeito compacto e breve (non máis de 5 páxinas) para ser empregado como un documento separado, centrarse nos puntos analíticos máis importantes e indicar as maiores conclusións, leccións adquiridas e recomendacións específicas.

– Texto principal: comezando por unha descrición do proxecto avaliado e os obxectivos da avaliación, deberá seguir os cinco criterios de avaliación describindo os feitos e analizándoos segundo cada un.

– Conclusións e recomendacións: en función da análise dos criterios de avaliación, as recomendacións deberían ser realistas, operativas, pragmáticas e orientadas a audiencias de todos os niveis.

– Anexos: termos de referencia da avaliación, nomes dos avaliadores e das súas empresas, metodoloxía para o estudo (fases, métodos de recollida de datos, etc.), marcos lóxicos (orixinal e actualizado), lista de persoas ou organizacións consultadas, literatura e documentación, outros anexos técnicos, etc.

O control financeiro interno correspóndelle á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma.

7. As entidades beneficiarias, en relación co seu persoal expatriado cooperante, obríganse a cumprir co establecido no Real decreto 519/2006, do 28 de abril, polo que se establece o estatuto do cooperante.

Artigo 26. Modificación das condicións.

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, persoas beneficiarias, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto ou das partidas orzamentarias de máis dun 20% do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 27. Reintegro por incumprimento.

As entidades beneficiarias que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da totalidade delas en caso de incumprimento pleno ou a parte proporcional en caso dunha falta parcial de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais que procedan.

Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.

Artigo 28. Información aos órganos fiscalizadores.

As entidades beneficiarias estarán obrigadas a facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Xunta de Galicia, o Tribunal de Contas español e o Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Artigo 29. Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 30. Remisión normativa.

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file