Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 17 Mércores, 25 de xaneiro de 2012 Páx. 3868

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 20 de xaneiro de 2012 pola que se anuncia a convocatoria de subvencións para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros de titularidade privada de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios, para o curso escolar 2011-2012 (ED101A).

A Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística, en desenvolvemento das previsións dos artigos 3.2 e 148.1.17 da Constitución española e mais do artigo 5 do Estatuto de autonomía de Galicia, establece a obriga dos poderes públicos de garantiren o uso normal do galego e do castelán (artigo 2), así como que o galego, como lingua propia de Galicia, é lingua oficial no ensino en todos os niveis educativos (artigo 12).

Así mesmo, no artigo 14 da citada lei establécese expresamente que a lingua galega é materia de estudo obrigado en todos os niveis educativos non universitarios e que se garantirá o uso efectivo deste dereito en todos os centros públicos e privados. No parágrafo 3 do mesmo artigo, encoméndaselles ás autoridades educativas da comunidade autónoma garantir que, ao remate dos ciclos educativos nos cales o ensino do galego é obrigatorio, o alumnado debe coñecer esta lingua, nos seus niveis oral e escrito, en igualdade co castelán.

Nesta mesma liña, tamén se pronuncian a Carta europea das linguas rexionais e minoritarias de 1992, ratificada polo Goberno español en 2001, o Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en setembro de 2004 e a Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Deste obxectivo nace a necesidade de adoptar un conxunto de medidas de dinamización dirixidas á promoción da lingua galega nos centros educativos.

O Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia, sinala a necesidade de afondar no desenvolvemento dos preceptos da Lei de normalización lingüística no tocante ao ensino. Pretende reforzar a dimensión comunicativa do galego en relación con contextos vivos e facilitarlle ao alumnado unha oferta educativa que o axude a percibir a utilidade da lingua e que o capacite para o seu uso correcto e eficaz, afastado de usos sexistas e respectuoso coa situación sociolingüística en que se enmarca cada centro. Con este obxectivo, a consellería competente en materia de educación establecerá un programa de actividades de fomento da lingua en cada centro educativo, no marco do seu proxecto lingüístico e coa participación de toda a comunidade educativa, con especial atención ás liñas de actuación que permitan un incremento do uso do galego nas actividades extraescolares e complementarias.

O devandito decreto regula, no artigo 15, a constitución dun equipo de dinamización da lingua galega para potenciar o uso da lingua galega nos centros educativos sostidos con fondos públicos, así como a súa coordinación a través das respectivas comisións territoriais que se constituirán en cada xefatura territorial de educación. Estes equipos terán un papel fundamental no deseño, posta en práctica e revisión dos programas de promoción da lingua galega nos centros educativos, contarán co apoio técnico necesario e os centros educativos terán a debida dotación de recursos didácticos, pedagóxicos e material en galego.

Daquela, e co fin de valorar e apoiar o labor dos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino, considérase necesario, ao igual que en exercicios anteriores, convocar axudas para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego. A achega económica que se asigne a cada proxecto determinarase segundo os criterios establecidos nos puntos 10 e 11 desta convocatoria.

Neste caso, segundo o establecido no artigo 2.1.b) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as achegas económicas que se lles asignen aos proxectos con motivo desta convocatoria terán carácter de subvención, destinadas á execución dos proxectos de fomento do uso do galego polos equipos de dinamización da lingua galega dos centros de ensino privado. É por isto que as bases que rexen esta convocatoria seguen o estipulado polo artigo 14 da devandita lei.

En consecuencia, en virtude das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Anunciar a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privado de Galicia para o curso escolar 2011-2012, segundo as seguintes bases:

1. Obxecto.

A presentación e a realización de proxectos de fomento do uso do galego nos centros privados de ensino de Galicia, promovidos polos equipos de dinamización da lingua galega e polo profesorado responsable do proxecto naqueles centros de ensino de menos de tres unidades, durante o curso escolar 2011-2012, e o establecemento de axudas que apoien o seu financiamento.

2. Destinatarios.

Os centros de titularidade privada de Galicia que imparten ensino regrado de nivel non universitario, calquera que for a forma xurídica que adopten, que cumpra os requisitos e condicións que se establecen nesta orde.

Os beneficiarios deberán cumprir os requisitos e obrigas sinalados nos artigos 10 e 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

3. Requisitos.

Poderanse presentar a esta convocatoria todos os centros privados de ensino de Galicia. Os proxectos e as actividades desenvolvidas ao abeiro desta convocatoria deberanse presentar e desenvolver de acordo coa vixente normativa ortográfica e morfolóxica do idioma galego fixada pola Real Academia Galega o 12 de xullo de 2003, tal e como se establece na disposición adicional da Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística (DOG n.º 84, do 14 de xullo). Así mesmo, coidarán o respecto da toponimia oficial nos termos previstos no artigo 10 da citada lei.

4. Dotación orzamentaria.

O crédito destinado ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego nos centros de ensino privados ascende á cantidade de 18.000 euros. Este crédito financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 15.30.151A.470.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia de 2012.

5. Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación.

6. Forma de presentación das solicitudes.

As solicitudes para participar nesta convocatoria realizaranse segundo o formulario que figura anexo a esta resolución. Na solicitude figurará o nome do centro e o nome da persoa física ou xurídica titular, co NIF/CIF correspondente.

As solicitudes, xunto coa documentación indicada no punto 7, dirixiranse aos gabinetes provinciais de normalización lingüística e presentaranse, preferentemente, nos rexistros destas delegacións ou tamén en calquera outro rexistro administrativo propio ou concertado da Comunidade Autónoma de Galicia, conforme o Decreto 164/2005, do 16 de xuño (DOG do 24 de xuño), sen prexuízo de que tamén se poderán presentar segundo o previsto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén se poderán presentar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.es). A data de entrada válida é a de entrada nalgún dos rexistros anteriores. Para os efectos deste cómputo non ten validez a data de saída do rexistro do centro de ensino. De enviar a documentación mediante o servizo de correos, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que o funcionario do servizo postal poida selala e facer constar a data de presentación antes de certificala.

7. Documentación que se xuntará á solicitude.

Á solicitude xuntarase a seguinte documentación:

7.1. Copia impresa do proxecto, asinado polo coordinador ou coordinadora do equipo de dinamización da lingua galega, co visto e prace do director ou directora do centro. O proxecto deberá analizar a realidade concreta do centro e, a partir dela, establecer os obxectivos e deseñar as actividades que permitan modificar a situación de partida. Desenvolverá os seguintes puntos:

a) Breve estudo sociolingüístico actualizado atendendo:

– Ao contorno sociolingüístico do centro.

– Á situación do profesorado.

– Á situación do alumnado.

– Á situación lingüística do centro.

b) Descrición de obxectivos adecuados a cada un dos catro puntos anteriores.

c) Descrición detallada das actividades de dinamización lingüística para cada un dos obxectivos propostos.

7.2. Cadro resumo de actividades asinado polo coordinador ou coordinadora, co visto e prace do director ou directora do centro, en que figure expresamente o compromiso de desenvolvemento das actividades programadas no caso de obter o financiamento. No cadro teñen que constar de forma resumida a temporalización, o nome da actividade, responsable/s, destinatarios/as e departamento/s a que pertence, así como o orzamento previsto. O modelo deste cadro resumo figura no anexo II desta resolución.

7.3. Certificación bancaria, selada e asinada pola entidade correspondente, en que consten os datos da conta do centro en que se solicita o ingreso da axuda, se é a primeira vez que recibe este financiamento da Xunta de Galicia.

7.4. Anexo III de declaración de axudas solicitadas e concedidas para o mesmo proxecto.

7.5. Acreditar con anterioridade a que se dite a proposta de resolución e con anterioridade a proceder ao pagamento que se está ao día no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma.

8. Procedemento.

Recibidas as solicitudes nos gabinetes provinciais de normalización lingüística desta secretaría xeral, revisarase a documentación e, se se apreciasen erros ou omisións, comunicaráselles aos solicitantes para a súa emenda, de acordo co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992.

9. Análise e cualificación dos proxectos.

Comisión de cualificación. Unha vez completos os expedientes administrativos, procederase á cualificación dos proxectos que resulten admitidos por seren presentados en tempo e forma. Con este fin, constituirase en cada gabinete provincial desta secretaría xeral unha comisión provincial integrada por:

Presidencia: o xefe ou a xefa do gabinete provincial de normalización lingüística.

Vogais:

– O coordinador ou coordinadora provincial dos equipos de dinamización da lingua galega.

– Un/unha representante da Inspección Educativa, que será designado/a polo xefe ou xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Un/unha especialista en planificación lingüística, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Cando o número de proxectos o aconselle, poderán designarse ata 3 especialistas máis por comisión.

– Un profesor ou profesora con experiencia nos equipos de dinamización da lingua galega, designado/a pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Secretaría: desenvolverá estas funcións un funcionario ou funcionaria do gabinete ou delegación territorial.

No seo das comisións provinciais poderanse constituír unha ou varias comisións técnicas para facilitar a análise polo miúdo dos proxectos.

10. Criterios para a cualificación dos proxectos.

Para a concesión de incentivos de apoio ao financiamento dos proxectos de fomento do uso do galego, as comisións terán en conta fundamentalmente a calidade do proxecto e ponderarase o número de estudantes do centro.

10.1. A calidade do proxecto terá un peso do 80%. Quedarán desestimadas aquelas solicitudes que non reúnan un mínimo de 6 puntos nesta epígrafe. A porcentaxe do 80%, correspondente á calidade, será puntuada de 0 a 24 puntos. As variables que se avaliarán coas respectivas puntuacións serán as seguintes:

a) Implicación activa dos membros da comunidade no proxecto (pais/nais, profesorado de distintos departamentos, alumnado de distintos ciclos, etapas e niveis, así como persoal de administración e servizos): de 0 a 3 puntos.

b) Orixinalidade nas propostas para incidir nos usos reais, orais e escritos, da comunidade educativa: de 0 a 3 puntos.

c) Potenciación das competencias activas sobre as pasivas, con especial atención a aquelas que fomenten a oralidade: de 0 a 3 puntos.

d) Utilización de novas tecnoloxías: de 0 a 3 puntos.

e) Colaboración con outras institucións, entidades ou asociacións externas ao centro, co obxectivo de potenciar o uso da lingua galega fóra do centro: de 0 a 3 puntos.

f) Colaboración con outros centros educativos no deseño da planificación lingüística e/ou realización de actividades: de 0 a 3 puntos.

g) Realización de actividades plurianuais: de 0 a 3 puntos.

h) Diversificación de actividades ao longo do curso, número e coherencia entre estas e os obxectivos correspondentes: de 0 a 3 puntos.

10.2. O número de estudantes terá un peso do 20%. A cada centro concederánselle 0,30 puntos por cada 50 estudantes ou fracción, ata un máximo de 6 puntos.

11. Contías máximas por proxecto.

a) O financiamento máximo que poderán recibir os centros cunha matrícula superior a 50 alumnos e alumnas é de 1.250 euros.

Aos proxectos destes centros que conten con 22 puntos ou máis na alínea 10.1 outorgaráselles automaticamente a cantidade máxima permitida de 1.250 euros.

b) O financiamento máximo que poderán recibir aqueles centros con matrícula comprendida entre 25 e 50 alumnos e alumnas é de 300 euros.

c) O financiamento máximo que poderán recibir aqueles centros con matrícula inferior a 25 alumnos e alumnas é de 150 euros.

12. Criterios para a repartición das axudas concedidas.

Unha vez que as comisións provinciais avalíen e establezan a puntuación que ten cada proxecto, e tras descontar as axudas máximas concedidas, se as houber, establecidas na alínea a) do número anterior, fixarase un valor económico por punto obtido nos proxectos. A multiplicación dese valor polo total de puntos acadados por cada proxecto dará como resultado a contía económica da axuda que recibirá cada un, que en ningún caso poderá exceder as contías máximas establecidas no punto 11 nin o custo total do proxecto.

13. Proposta de resolución.

Rematadas as sesións, as comisións provinciais elaborarán a listaxe coa puntuación outorgada a cada proxecto e a xefatura de gabinete de normalización lingüística correspondente formulará unha proposta de resolución de adxudicación do financiamento de cada proxecto.

Estas propostas, logo de fiscalización previa, faranse públicas na web:

www.xunta.es/linguagalega

Nelas expresarase a contía proposta para cada proxecto admitido, así como as causas que determinaron a exclusión das restantes solicitudes. Os centros interesados disporán de 10 días hábiles para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante a xefatura de gabinete de normalización lingüística. En todo caso, os centros que presenten alegacións enviarán un correo electrónico aos gabinetes de normalización lingüistica da súa provincia dando conta do día en que presentaron a alegación e do motivo dela.

14. Resolución.

Ao abeiro da disposición adicional da Orde do 10 de xaneiro de 2012 de delegación de competencias nos órganos superiores, delégase nos/as respectivos/as xefes/as territoriais da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a competencia para resolver a convocatoria, asignar o financiamento definitivo a cada proxecto e pagar os importes correspondentes a cada centro de ensino adxudicatario da súa provincia.

A resolución definitiva publicarase no DOG e na web www.xunta.es/linguagalega, logo da fiscalización conforme da fase de disposición do gasto por parte das intervencións provinciais.

Contra a resolución de concesión cabe interpoñer recurso de reposición no prazo dun mes perante o órgano que a ditou, é dicir, a xefatura territorial correspondente.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non recaer resolución expresa no prazo de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no DOG.

15. Xustificación de gastos.

A data límite para a xustificación dos gastos correspondentes aos centros que obtiveron financiamento mediante esta convocatoria para o curso 2011-2012 é o 30 de xuño de 2012. Deberá presentarse perante os gabinetes provinciais de normalización lingüística.

A forma de presentación é a mesma que a sinalada no punto 6, a propósito da presentación das solicitudes.

A xustificación de gastos incluirá a seguinte documentación:

a) Unha memoria descritiva e gráfica cuxa data límite de entrega é o 30 de xuño de 2012. Nela aparecerán todas as actividades realizadas; detallaranse aquelas para as cales se concedeu a asignación económica e relacionarase cada gasto en que se incorreu coa actividade do proxecto a que vai imputado.

Esta memoria deberá dar conta dos cambios realizados con respecto á programación inicial e nela avaliarase, ademais, a consecución ou non dos obxectivos previstos e proporanse actuacións de mellora para vindeiros proxectos.

b) Facturas orixinais correspondentes ao ano 2012, comprendidas entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño, e xustificación acreditativa do seu pagamento. Tamén se poderán presentar copias compulsadas establecidas polas oficinas de rexistro que establezan as disposición vixentes; en ningún caso se admitirán facturas compulsadas polo propio centro. Tanto nunhas coma noutras deberase expresar, de xeito explícito, o concepto e a súa relación coas actividades programadas.

c) Xunto coas facturas enviarase unha relación de todas elas nas cales se especifique: emisor, número de factura e importe dela.

d) Declaración complementaria do conxunto de axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto a outras administración ou entes públicos.

e) Poderase pedir toda a documentación complementaria que se considere necesaria para a xustificación.

e) Copia do CIF do centro.

16. Perda do dereito ao cobramento do financiamento.

O centro perderá o dereito ao cobramento do financiamento concedido polas seguintes causas:

– Xustificacións presentadas fóra do prazo (con posterioridade ao 30 de xuño de 2012).

– Non realización das actividades e/ou incumprimento dos fins, obxectivos ou variación substancial na realización do proxecto, sen o xustificar debidamente.

– Incumprimento do requisito previsto no punto 3 desta convocatoria sobre o uso correcto do galego e o respecto á toponimia oficial.

17. Pagamento.

O pagamento non poderá ser superior á contía concedida na resolución da convocatoria, nin aos gastos realmente realizados, de seren estes inferiores ao importe concedido.

Os pagamentos serán efectuados a través das respectivas xefaturas territoriais da Consellería Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

18. Perda ou modificación da subvención.

Estarase obrigado ao reintegro, total ou parcial, da subvención no suposto de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión e á modificación da subvención como consecuencia da alteración das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión.

19. Seguimento e avaliación da realización dos proxectos.

O seguimento e a avaliación da realización dos proxectos de fomento da lingua galega que presenten os equipos será realizado polos coordinadores e coordinadoras territoriais sobre a base das memorias de xustificación.

20. Desconcentración de créditos.

Para unha máis eficaz xestión, a Secretaría Xeral de Política Lingüística desconcentrará os créditos necesarios para sufragar os gastos desta convocatoria nas correspondentes xefaturas territoriais da Consellería Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, nas que teñen establecida a súa sede os gabinetes de normalización lingüística de cada provincia.

21. O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria poderá ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións e aclaracións precisas para o desenvolvemento desta resolución.

22. Normativa aplicable.

A esta orde seranlle de aplicación as normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de subvencións e o seu desenvolvemento; a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia (DOG n.º 121, do 25 de xuño); o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007.

23. Contra esta orde caberá interpoñer recurso de reposición, no prazo dun mes, perante a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou, directamente, recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, contados os prazos, en ambos os dous casos, desde o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

missing image file
missing image file
missing image file