Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 26 Martes, 7 de febreiro de 2012 Páx. 5293

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 16 de xaneiro de 2012, da Xefatura Territorial de Pontevedra, de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como aprobación do proxecto de execución das instalacións eléctricas no concello de Pontevedra (expediente IN407A 2011/267-4).

Visto o expediente para outorgamento de autorización administrativa, declaración, en concreto, de utilidade pública e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita, así como a aprobación do proxecto de execución das instalacións eléctricas que a continuación se describen:

Solicitante: Unión Fenosa Distribución, S.A.

Domicilio social: travesía de Vigo, 204, 36207 Vigo.

Denominación: modificado L.M.T., C.T., R.B.T. Estribela-Cunchidos.

Situación: Pontevedra.

Descricións técnicas: L.M.T. subterránea a 20 kV con condutor tipo R.H.Z.1 de 157 metros de lonxitude, con orixe no apoio CH 2500/20 BA-2 CAII da L.M.T. LOZ807B e final no C.T. proxectado. Centro de transformación de 250 kVA, R.T. 20 kV/400-230 V, situado nos Cunchidos, Pontevedra. Dúas redes de baixa tensión, unha de 493 e outra de 997 metros de lonxitude con condutor R.Z.

Realizouse o trámite de información pública inserindo anuncios no DOG do 7 de outubro de 2011, no BOP do 10 de outubro de 2011, no xornal La Voz de Galicia do 5 de outubro de 2011 e no taboleiro de anuncios do Concello de Pontevedra.

Durante o mencionado trámite Vicente Domínguez Iglesias presenta, o 13 de outubro de 2011, un escrito de alegacións, en que expón o seguinte:

– Que o proxecto presentado (IN407A 2011/267) como anexo do proxecto L.M.T.S., C.T.C. e R.B.T., Estribela-Cunchidos (AT 2009/756), prevé o cambio de situación do centro de transformación con respecto ao proxecto inicial, localizado na praza pública do lugar dos Cunchidos, e pasa a instalalo no predio da súa propiedade, a 60 m da posición orixinal.

– Que o predio onde se pretende instalar o centro de transformación é máis pequena que o reflectido nos datos que dá a distribuidora, polo que lle suporía un maior prexuízo.

– Que se opón á colocación da caseta na súa propiedade, xa que se podería instalar na praza pública. Ademais, a fronte da súa parcela ten 25 m lineais, o que obrigaría a expropiar o total da parcela ao perder a fronte mínima exixible para poder edificar.

– Que no soar da súa propiedade xa existen torres doutros servizos e o predio xa está bastante agravado.

A distribuidora Unión Fenosa Distribución, S.A. responde a estas alegacións:

– Que na referencia catastral o predio figura cunha superficie total de 1.850 m2.

– Que o centro de transformación se proxectou primeiro na praza dos Cunchidos, intentando non afectar os particulares, pero o Concello de Pontevedra emitiu informe desfavorable para a instalación e que, de acordo coas normas urbanísticas, a instalación cumpre cos requisitos establecidos.

Conclusións:

Á vista do exposto polo afectado, cómpre dicir que, de acordo coas limitacións recollidas no artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro:

Tampouco poderá impoñerse servidume de paso para as liñas de alta tensión sobre calquera xénero de propiedades particulares sempre que se cumpran conxuntamente as condicións seguintes:

a) Que a liña poida instalarse sobre terreos de dominio, uso ou servizo público ou patrimoniais do Estado, da comunidade autónoma, das provincias ou dos municipios, ou seguindo lindeiros de predios de propiedade privada.

b) Que a variación do trazado non sexa superior en lonxitude ou en altura ao 10 por 100 da parte de liña afectada pola variación que segundo o proxecto transcorra sobre a propiedade do solicitante.

c) Que tecnicamente a variación sexa posible.

En todo caso, considerarase non admisible a variante cando o seu custo sexa superior nun 10 por 100 ao orzamento da parte da liña afectada pola variante.

E de acordo co alegado por Vicente Domínguez Iglesias, sería unha das limitacións que se debería ter en conta de acordo co punto a) do artigo 161.2 do Real decreto 1955/2000, de 1 de decembro, polo que é necesario ter en conta os antecedentes de feito acontecidos na autorización desta instalación:

– Con data de rexistro de entrada do 4.8.2009, Unión Fenosa Distribución solicita autorización administrativa e a aprobación do proxecto da instalación L.M.T.S., C.T. e R.B.T. Estribela-Cunchidos, con n.º de expediente IN407A 2009/756-4, onde se proxectaba un centro de transformación nunha praza de dominio público.

– Con data do 10.12.2009 o Departamento Territorial de Pontevedra da Consellería de Economía e Industria acorda resolución de autorización administrativa e aprobación de proxecto de execución do expediente IN407A 2009/756-4.

– Con data do 26.3.2010, o Concello de Pontevedra emite informe condicionado fóra de prazo, o cal fora requirido por última vez, segundo consta no xustificante de recibimento, o 20.11.2009.

– Con data de entrada do 17.3.2011, en relación co expediente de reclamación IN635A 2010/837-4, Unión Fenosa Distribución comunica que a obra autorizada o 10.12.2009 non se pode executar ao denegar a licenza o Concello de Pontevedra.

– Con data de entrada do 28.4.2011 a distribuidora presenta anexo da instalación L.M.T.S., C.T. e R.B.T. Estribela-Cunchidos ao que se lle asigna o número de expediente IN407A 2011/267-4, onde se proxecta o cambio de situación do centro de transformación.

– O 8 de setembro de 2011 a Xefatura Territorial de Pontevedra somete a información pública a petición de autorización administrativa, aprobación do proxecto de execución e a declaración de utilidade pública, en concreto, da instalación eléctrica sinalada.

– Con data do 13 de outubro de 2011, teñen entrada nesta xefatura territorial as alegacións presentadas por Vicente Domínguez Iglesias.

Vistas as alegacións, a contestación dada por Unión Fenosa Distribución S.A., e os feitos acaecidos resulta o seguinte:

– A necesidade da instalación queda xustificada xa que existe reclamación por incumprimento da calidade da subministración de electricidade, e de acordo co artigo 105.1 e 105.5 é responsabilidade do distribuidor restablecer a calidade coas medidas oportunas. De acordo co artigo 2.2 da Lei do sector eléctrico, os servizos de subministración eléctrica (tanto en transporte como en distribución) considéranse como servizo esencial.

En consecuencia, á vista do exposto, e a documentación achegada, non é posible instalar o centro de transformación no espazo público e non existe outra das limitacións recollidas no Real decreto 1955/2000, que imposibilite a instalación no terreo do afectado.

En consecuencia, cumpridos os trámites ordenados na Lei 54/1997, do 27 de novembro, do sector eléctrico e nos capítulos II e V do título VII do Real decreto 1955/2000, do 1 de decembro, polo que se regulan as actividades de transporte, distribución, comercialización, subministración e procedementos de autorización de instalacións de enerxía eléctrica, esta xefatura territorial resolve:

Autorizar, declarar, en concreto, a utilidade pública da instalación e a necesidade da urxente ocupación que leva implícita dos bens afectados, así como aprobar o proxecto de execución das devanditas instalacións, cuxas características se axustarán en todas as súas partes ás que figuran nel e as condicións técnicas e de seguridade establecidas nos regulamentos de aplicación, e nos condicionados establecidos polos ministerios, organismos ou corporacións que constan no expediente.

Esta autorización outórgase sen prexuízo de terceiros e independentemente das autorizacións, licenzas ou permisos de competencia municipal, provincial ou outros necesarios para a realización das obras das instalacións autorizadas.

O prazo de posta en marcha da instalación, de acordo co artigo 131 do Real decreto 1955/2000 será de 14 meses a partir da recepción da presente resolución. Para os efectos da posible solicitude de prórroga, o peticionario deberá ter en conta o disposto no capítulo IV do Decreto 1775/1967, do 22 de xullo.

Contra a presente resolución poderá interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Economía e Industria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución; tamén poderá interpoñer calquera outro recurso que estime pertinente ao seu dereito.

Pontevedra, 16 de xaneiro de 2012.

Ignacio Rial Santomé
Xefe territorial de Pontevedra