Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 32 Mércores, 15 de febreiro de 2012 Páx. 5946

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 75/2012, do 2 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade da estrada provincial OU-0108 denominada Allariz-Maceda desde o p.q.18+087 ata o p.q. 18+747, a prol do Concello de Maceda.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón no artigo 54 que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas en que a circulación adquira características urbanas se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do Concello ou da Administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

O Concello de Maceda solicitou á Deputación Provincial de Ourense o cambio de titularidade da estrada provincial OU-0108 denominada Allariz-Maceda desde o p.q. 18+087 ata o p.q. 18+747.

Ao abeiro das previsións legais, o Pleno da Corporación Provincial de Ourense acordou o cambio de titularidade a prol do Concello de Maceda da seguinte estrada:

OU-0108 denominada Allariz-Maceda inicio no p.q. 18+087 e remate no p.q. 18+747.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día dous de febreiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de Maceda da seguinte estrada:

OU-0108 denominada Allariz-Maceda inicio no p.q. 18+087 e remate no p.q. 18+747.

Artigo 2.

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais, no marco das súas competencias, e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de Maceda deberá incorporar ao seu Plan de Estradas a vía a que se refire este decreto.

Artigo 3.

A entrega da vía formalizarase, no prazo de dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4.

Correspóndenlle ao Concello de Maceda, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que lle puidese corresponder como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira.

O presente decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dous de febreiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente,Territorio e Infraestruturas