O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 27.23 asígnalle á Comunidade Autónoma competencia exclusiva en materia de asistencia social.
A Lei 3/2011, do 30 de xuño, da familia, a infancia e a adolescencia establece no seu artigo 6 como principio reitor da actuación dos poderes públicos de Galicia o apoio e protección da familia como medio de transmisión da vida como ámbito privilexiado para o desenvolvemento persoal e articula, ao longo dos seus artigos, medidas que teñan por obxecto incidir favorablemente nas situacións de carencia familiar.
A Xunta de Galicia, co fin de paliar, na medida do posible, os gastos dos primeiros anos de crianza dun fillo/a establece deducións da cota íntegra autonómica do imposto sobre a renda das persoas físicas polo nacemento de fillos/as. Por outra banda, o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 prevé que aquelas persoas que, na data de entrada en vigor desta lei, tivesen ao seu cargo fillos/as menores de tres anos terán dereito a percibir unha prestación de 360 euros por cada un deles cando, durante o ano 2010, nin elas nin ningún dos membros da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a ese período, nin a tivesen presentado de xeito voluntario aínda sen estar obrigados a iso. A percepción desta prestación axustarase ao procedemento que estableza a Consellería de Traballo e Benestar, pero exixirá xustificación documental dos requisitos precisos para o seu gozo, sen que o mesmo fillo/a poida dar lugar a máis dunha prestación. Esta orde ten por obxecto regular os requisitos e procedemento para a percepción desta prestación.
A Orde da Consellería de Economía do 11 de febreiro de 1998, pola que se regula a tramitación anticipada dos expedientes de gasto, modificada pola Orde do 27 de novembro de 2000 e pola Orde do 25 de outubro de 2001, posibilita a tramitación anticipada dos expedientes de gasto imputables ao capítulo IV no exercicio inmediatamente anterior ao dos orzamentos con cargo aos cales se vaian imputar os correspondentes gastos, sempre que exista crédito adecuado e suficiente no proxecto de Lei de orzamentos aprobado polo Consello da Xunta de Galicia do día 18 de outubro de 2011.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
Esta orde adáptase ao disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e demais normativa de desenvolvemento; así mesmo, adáptase ao disposto na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como ao seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación e eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Con este fin, no proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, na aplicación 12.02.312B.480.0 existe partida orzamentaria consignada pola contía de 2.700.000 euros para as prestacións que se establecen no articulado da presente orde. Este crédito poderá ser obxecto de ampliación.
Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto.
Esta orde ten por obxecto establecer as bases polas cales se rexerá a concesión da prestación familiar por fillo/a menor de tres anos así como a convocatoria destas axudas para o presente ano 2012.
Artigo 2. Persoas beneficiarias.
1. Poderán ser beneficiarias desta prestación aquelas persoas que teñan fillos/as menores de tres anos en 1 de xaneiro de 2012 (nacidos entre o 2.1.2009 e o 1.1.2012, inclusive) e que, durante o ano 2010, nin elas nin ningún membro da unidade familiar estivesen obrigados a presentar a declaración polo imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente a este período, nin a tivesen presentado de xeito voluntario aínda sen estar obrigados a iso.
No caso de fillos/as adoptados/as ou acollidos/as entre o 31 de decembro de 2010 e o 31 de decembro de 2011, a prestación concederase durante os tres anos posteriores á data da resolución xudicial ou administrativa que a declare.
2. Nos supostos de nulidade, separación ou divorcio dos proxenitores, o beneficiario da prestación será o/a pai/nai que teña a custodia dos/as fillos/as, de acordo co establecido no convenio regulador ou na sentenza de separación ou divorcio.
3. En ningún caso poderán ser beneficiarios os proxenitores privados da patria potestade dos/as seus/súas fillos/as, ou se a tutela ou garda fora asumida por unha institución pública.
4. Os estranxeiros que residan en Galicia poderán beneficiarse desta prestación sempre que cumpran as condicións da Lei orgánica 4/2000, sobre dereitos e liberdades dos estranxeiros en España, e os requisitos establecidos nesta norma e teñan a condición de contribuíntes para os efectos do disposto na Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto da renda das persoas físicas.
5. As persoas beneficiarias teñen que cumprir os requisitos establecidos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 3. Requisitos.
Será requisito necesario para a concesión da prestación:
– Que os proxenitores teñan a súa residencia habitual en Galicia. No caso de que da documentación presentada se poida deducir que isto non é así poderáselles requirir para que presenten documentación complementaria que o demostre.
– Que na data da solicitude os/as nenos/as convivan coa persoa solicitante.
Artigo 4. Tipo de axuda e contía.
A prestación consistirá nun pagamento único por cada fillo/a menor de tres anos, sendo a contía da prestación de 360 euros por cada un dos/as fillos/as, sen que o/a mesmo/a fillo/a poida dar lugar a máis dunha prestación en virtude desta convocatoria.
Artigo 5. Solicitudes e documentación.
1. Novas solicitudes:
A solicitude formalizarase no modelo oficial que figura como anexo I desta orde, xunto coa seguinte documentación:
a) Fotocopia do libro de familia ou certificación literal de nacemento do rexistro civil de cada un dos/as fillos/as menores de tres anos.
b) Certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar.
c) Copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, de ser o caso.
d) Nos supostos de adopción ou acollemento, copia da resolución xudicial ou administrativa que a declare.
e) Fotocopia da folla cartilla de aforros en que figure o número de conta en que se desexe recibir o ingreso e na cal deberá figurar como titular a persoa que asina a solicitude. No caso de non dispoñer de cartilla de aforros, poderá presentarse unha certificación bancaria que indique expresamente que a persoa solicitante é titular da conta a que se refire.
f) Unha declaración do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas por este mesmo concepto por calquera administración pública ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades (anexo II).
g) Unha declaración de estar ao día coas obrigas da Seguridade Social (anexo III).
h) Autorización do cónxuxe ou parella para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria os datos relativos ao cumprimento das súas obrigas tributarias (anexo IV).
Respecto do solicitante, a presentación da solicitude comportará a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para obter do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas os datos do seu documento nacional de identidade. Para que o seu cónxuxe ou parella autorice a Consellería de Traballo e Benestar para obter do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas os datos do seu documento nacional de identidade, deberá asinar o espazo destinado a tal fin no anexo I. No caso de que o solicitante e/ou o seu cónxuxe ou parella non queiran dar esta autorización, terán que achegar a copia dos ditos documentos.
Por outra banda, e tamén respecto do solicitante, a presentación da solicitude da prestación comportará a autorización á Consellería de Traballo e Benestar para obter da Axencia Estatal de Administración Tributaria e da Consellería de Facenda os datos de carácter tributario necesarios para a determinación da renda e para o pagamento da prestación. Do mesmo xeito, tamén é necesaria a autorización expresa do seu cónxuxe ou parella, para o cal deberá asinar o modelo do anexo IV.
No caso de que o/a solicitante e/ou o seu cónxuxe ou parella non queiran autorizar a Consellería de Traballo e Benestar para obter os datos dos organismos sinalados no parágrafo anterior, deberán presentar a documentación correspondente xunto co resto da documentación.
2. Solicitudes para persoas anteriormente beneficiarias:
Se a persoa solicitante recibiu a prestación familiar por fillo menor de tres anos no ano 2011 e non ten solicitadas nin concedidas outras axudas por este mesmo concepto, só terá que presentar a solicitude formalizada no modelo oficial (anexo I), sempre e cando non se modificasen as circunstancias persoais, xurídicas e económicas determinantes do dereito de prestación.
Aquelas solicitudes que se presenten eliminando delas algún dos proxenitores que figuraba o ano anterior, deberán estar acompañadas da xustificación documental correspondente:
– En caso de separación: copia da sentenza de nulidade, separación ou divorcio e do convenio regulador, de ser o caso.
– No caso de parellas de feito: certificado de empadroamento conxunto de toda a unidade familiar, que poderá substituírse por un informe dos servizos sociais do concello.
– En caso de falecemento: certificado de defunción ou copia da folla do libro de familia onde figure esta circunstancia.
3. Solicitudes para persoas que non foron anteriormente beneficiarias e solicitaron a prestación.
Deberán achegar a documentación establecida no artigo 5.1 desta orde para as novas solicitudes.
4. No suposto das solicitudes presentadas por vía electrónica, a persoa solicitante deberá presentar copia dixitalizada dos documentos necesarios indicados nos puntos anteriores.
5. En calquera dos casos anteriores, se a solicitude non está debidamente cuberta ou non se presenta a documentación sinalada, requirirase o interesado para que no prazo de 10 días emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se entenderá que desiste da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
Artigo 6. Lugar e prazo para a presentación das solicitudes.
1. O prazo de presentación das solicitudes será de corenta (40) días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.
2. A presentación da solicitude poderá facerse, á escolla da persoa solicitante, por vía escrita ou por vía electrónica:
a) Vía escrita:
A solicitude máis a documentación requirida presentarase na oficina de Rexistro Xeral do edificio administrativo San Caetano en Santiago de Compostela ou nos rexistros das xefaturas territoriais da Consellería de Traballo e Benestar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.
b) Vía electrónica:
O formulario da solicitude, correspondente co modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde e as declaracións responsables necesarias que se publican como anexo II e III, estarán dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es, para a súa tramitación electrónica completa. Igualmente estará dispoñible o anexo IV correspondente ao modelo de autorización para verificación do DNI e consulta de datos do cónxuxe ou parella do solicitante.
Para a presentación na sede electrónica do devandito formulario e da declaración responsable admitirase o DNI electrónico ou calquera outro sistema de sinatura electrónica aceptado pola sede da persoa solicitante ou representante legal.
O formulario de solicitude e a declaración responsable deberán ser cubertos en todos os seus campos sen engadir novos datos, emendar, variar ou riscar o seu formato orixinal. En caso contrario, as solicitudes non serán admitidas a trámite.
No suposto de que a persoa solicitante non dispoña de sistema de sinatura aceptado pola sede electrónica, admítese igualmente a presentación da solicitude e da declaración responsable en formato papel unha vez cuberto o formulario en formato PDF dispoñible na sede, presentándoo asinado no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, dirixido á Secretaría Xeral de Política Social (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela); ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, para a presentación de instancias.
Artigo 7. Resolución.
1. Correspóndelle á conselleira de Traballo e Benestar a resolución destas axudas no prazo de 6 meses contados desde o día seguinte ao da data en que a solicitude teña entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.
Transcorrido o dito prazo sen recaer resolución expresa, as solicitudes teranse por desestimadas.
2. As resolucións recaídas neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. En caso de silencio administrativo, o prazo será de seis meses desde o día seguinte a aquel en que a solicitude se entenda desestimada.
Potestativamente, e con anterioridade á interposición do referido recurso contencioso-administrativo, poderá interpoñerse recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución expresa. Se a resolución é presunta o prazo será de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.
Transcorridos ditos prazos, unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo sen prexuízo, se é o caso, da procedencia do recurso extraordinario de revisión.
Artigo 8. Compatibilidade.
As prestacións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra establecida tanto polas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades, como por calquera entidade privada.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.
Artigo 9. Pagamento.
O pagamento das prestacións reguladas nesta orde farase unicamente na conta que os solicitantes fixesen constar no anexo I. Esta conta ten que permanecer activa mentres non se teña constancia da finalización do expediente. A Administración non se fará responsable da imposibilidade de efectuar o ingreso por causas alleas á propia tramitación do expediente.
O pagamento axustarase ao establecido no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, en todo o que non estea derrogado pola Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Artigo 10. Obrigas dos beneficiarios.
As persoas beneficiarias das axudas obríganse a observar o disposto no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, especificamente o seguinte:
a) Cumprir o obxectivo e executar as accións que fundamentan a concesión das subvencións.
b) Someterse ás actuacións de comprobación, que efectuará o órgano concedente así como a calquera outra actuación, sexa de comprobación e control financeiro, que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto autonómicos coma estatais ou comunitarios, para o cal se achegará canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.
c) Comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención.
Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
Artigo 11. Revogación da prestación.
Procederá o reintegro, total ou parcial, das axudas públicas, xunto cos xuros de demora devengados segundo o disposto no artigo 33 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia nos seguintes casos:
a) A obtención da subvención falseando as condicións requiridas para iso ou ocultando aquelas que o impedisen.
b) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, da actividade, do proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.
c) Resistencia, escusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro previstas nos artigos 11 e 12 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando diso derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
Artigo 12. Información.
A información relativa ao procedemento, que regula a prestación económica de pagamento único por fillas e fillos menores de tres anos para o ano 2012, poderase obter nos seguintes enderezos da internet: www.traballoebenestar.xunta.es, www.familiasgalegas.org e https://sede.xunta.es, así como no teléfono 981 54 72 46.
Disposición adicional primeira.
De acordo co disposto no artigo 3.1 da Orde da Consellería de Economía e Facenda do 11 de febreiro de 1998, a tramitación anticipada poderá chegar como máximo ata o momento anterior ao da disposición ou compromiso de gasto. Así mesmo, segundo o establecido no artigo 5 da devandita orde, todos os actos de trámite ditados en desenvolvemento desta orde enténdense condicionados a que, unha vez aprobada a Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, subsistan as mesmas circunstancias de feito e de dereito existentes no momento da súa produción.
Disposición adicional segunda.
As persoas beneficiarias encóntranse suxeitas ao réxime de infraccións e sancións que en materia de subvencións establece o título IV da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Disposición adicional terceira.
As prestacións económicas concedidas non se publicarán no Diario Oficial de Galicia, por ser un dos supostos de excepción contidos no artigo 15.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no artigo 9.3 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.
Disposición derradeira primeira.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Disposición derradeira segunda.
Facúltase á persoa titular do órgano superior da consellería competente en materia de familia e benestar para ditar cantas disposicións sexan precisas en relación coa presente norma.
Santiago de Compostela, 30 de decembro de 2011.
Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar