Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 21 de febreiro de 2012 Páx. 6419

I. Disposicións xerais

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ORDE do 10 de febreiro de 2012 pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Estratexia 2020 da Unión Europea resume o marco estratéxico para a cooperación europea no ámbito da educación e da formación nesta década e establece como un dos seus obxectivos estratéxicos facer realidade a aprendizaxe permanente dentro dos países da Unión. As políticas de educación e formación deben permitir que todos os cidadáns, independentemente das súas circunstancias persoais, sociais e económicas, adquiran, actualicen e desenvolvan durante toda a súa vida tanto unhas aptitudes profesionais específicas como as competencias clave necesarias para a súa empregabilidade, así como apoiar a aprendizaxe continua, a cidadanía activa e o diálogo intercultural.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece que corresponde á Comunidade Autónoma regular a administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, sen prexuízo do disposto no artigo 27 da Constitución e leis orgánicas que o desenvolvan.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece a educación permanente como principio básico do sistema educativo. Nese sentido, a flexibilidade do sistema é sinalada xa no preámbulo da lei como un dos principios reitores que lle dan sentido, para permitir ás persoas adultas continuar a súa aprendizaxe ao longo de toda a vida. Iso significa establecer conexións entre os distintos tipos de ensinanza, facilitar o paso dunhas a outras e configurar vías formativas e de acreditación adaptadas ás diferentes circunstancias, necesidades e intereses persoais.

A Lei establece no seu artigo 5 que corresponde ás administracións públicas promover ofertas de aprendizaxe flexibles que permitan a adquisición de competencias básicas e, se é o caso, as correspondentes titulacións, a aquelas persoas novas e adultas que abandonaron o sistema educativo sen ningunha titulación.

No artigo 69.4, establece que corresponde ás administracións educativas, no ámbito das súas competencias, organizar periodicamente probas para que as persoas maiores de vinte anos poidan obter directamente o título de bacharel, sempre que demostren ter alcanzado os obxectivos do bacharelato establecidos no seu artigo 33, así como os obxectivos fixados nos aspectos básicos do currículo correspondente.

O Real decreto 1467/2007, do 2 de novembro, que establece a estrutura do bacharelato e fixa as súas ensinanzas mínimas, na súa disposición adicional segunda establece a organización periódica de probas para que as persoas maiores de vinte anos poidan obter directamente o título de bacharel diferenciado segundo as súas modalidades.

O Decreto 126/2008, do 19 de xuño, establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

A Orde do 24 de xuño de 2008, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, desenvolve a organización e o currículo das ensinanzas de bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

En coherencia con todo o anterior, e para favorecer a aprendizaxe permanente e vías flexibles de acceso á titulación de bacharel, que permitan ás persoas adultas acceder ao mundo laboral ou continuar a súa formación, incorporándose aos estudos universitarios ou á formación profesional de grao superior, procede determinar as bases para regular as probas establecidas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para a obtención directa do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos, na Comunidade Autónoma de Galicia.

De conformidade co exposto e no uso das competencias que me son atribuídas na lexislación vixente,

dispoño:

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto regular as probas para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Finalidade da proba.

As probas teñen como finalidade verificar se se alcanzaron os obxectivos do bacharelato, establecidos no artigo 33 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, así como os fixados nos aspectos básicos do currículo recollidos no Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3. Requisitos que deben reunir os participantes.

Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano natural en que se vai realizar a proba.

b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.

c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar en que se realicen as probas.

O incumprimento dalgúns destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.

Artigo 4. Convocatorias.

1. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa realizará unha ou máis convocatorias anuais destas probas, cando as circunstancias así o aconsellen. A convocatoria ou as convocatorias, os centros onde se realizarán as probas, os prazos de matrícula e as datas de exame serán determinados anualmente mediante resolución desta dirección xeral.

2. A mesma dirección xeral poderá realizar convocatorias extraordinarias para a obtención do título de bacharel en datas e lugares diferentes, cando existan colectivos específicos cuxas circunstancias o xustifiquen.

Artigo 5. Inscrición nas probas.

1. Os aspirantes presentarán as súas solicitudes de inscrición nos centros, prazos e termos establecidos na resolución anual de convocatoria e irán dirixidas á persoa titular da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

2. A identidade dos aspirantes quedará acreditada mediante un destes procedementos:

a) Mediante a consulta por medio telemático ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade realizada polo órgano autorizado da Administración. Para iso, o interesado prestará o seu consentimento expreso, de acordo co establecido no artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009 que o desenvolve, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

b) No caso de que o/a interesado/a non prestase o dito consentimento, poderáselle exixir que presente a fotocopia do documento de identidade correspondente.

c) Para persoas con nacionalidade diferente á española, fotocopia compulsada do pasaporte ou calquera outro documento legalmente recoñecido que acredite suficientemente a identidade e a idade do aspirante.

3. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Declaración xurada de non posuír o título de bacharelato ou equivalente para os efectos académicos nin estar matriculado en ensinanzas oficiais de bacharelato ou ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar en que se realicen as probas.

b) No caso de que se solicite a validación dalgún dos exercicios, deberase facer constar na solicitude e achegaranse as correspondentes certificacións académicas ou fotocopias compulsadas do libro de escolaridade e/ou historial académico que o acredite.

4. O aspirante indicará na solicitude o exercicio ou os exercicios en que se inscribe, a lingua estranxeira de que se examinará, podendo elixir entre francés e inglés, e a modalidade e opcións elixidas.

Artigo 6. Tribunais.

1. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa nomeará os tribunais necesarios para a realización das probas.

2. As funcións dos tribunais serán as seguintes:

a) Organizar as probas de acordo coa normativa vixente.

b) Avaliar e cualificar as probas.

c) Cubrir as actas da avaliación e as certificacións correspondentes.

d) Atender e resolver as reclamacións presentadas.

e) As que lles sexan encomendadas pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa no ámbito das súas competencias.

3. Os tribunais estarán constituídos por un presidente e catro vogais. O presidente será funcionario de carreira do corpo de inspectores de Educación e os vogais serán funcionarios de carreira do corpo de catedráticos ou de profesores de ensino secundario que, preferentemente, estean impartindo bacharelato e pertenzan aos claustros dos centros onde se realicen as probas no ano académico en curso (dous correspondentes a materias comúns e dous a materias de modalidade). Actuará como secretario o de menor antigüidade no corpo.

4. Os tribunais poderán contar con asesores especialistas das distintas materias das que consta a proba, co fin de que colaboren na corrección dos exercicios.

5. As direccións dos centros onde se realice a inscrición das probas colaborarán en todo o necesario na súa xestión e organización e poñerán á disposición da presidencia do tribunal a documentación relativa aos aspirantes que fagan a súa inscrición e os locais necesarios para a súa realización.

Artigo 7. Persoas con necesidades educativas especiais.

1. As persoas con necesidades educativas especiais asociadas a condicións persoais de discapacidade que teñan a declaración legal de discapacidade poderán solicitar a adaptación dos procedementos e do tempo de realización da proba, así como recursos adicionais para a desenvolver.

3. A presidencia do tribunal correspondente determinará se procede adoptar medidas ou facilitar recursos adicionais para cada caso e informará a persoa interesada da súa decisión. Cando o considere necesario, solicitará informe do Equipo de Orientación Específico provincial.

4. A presidencia do tribunal adoptará as medidas e facilitará os recursos adicionais que se determinen para permitir que estas persoas poidan realizar as probas. Cando sexa necesario, poñerá esa circunstancia en coñecemento da xefatura territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para que facilite os recursos necesarios.

Artigo 8. Exención de lingua galega.

1. As persoas aspirantes que cumpran as condicións previstas no artigo 18.1 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo na ensinanza non universitaria de Galicia, e na normativa que o desenvolva poderán solicitar, no momento da súa inscrición ás probas, a exención da materia de Lingua galega e literatura (I e II).

2. O director ou a directora do centro onde realice a inscrición das probas, de conformidade co artigo 19.2 do mencionado decreto de pluringüismo, resolverá sobre a concesión ou denegación da exención e comunicará esta circunstancia á presidencia do tribunal correspondente.

Artigo 9. Listaxe de admitidos e prazos de reclamación.

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal publicará no taboleiro de anuncios do centro respectivo as listas provisionais de admitidos e excluídos, con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión.

2. Xunto coa relación de admitidos indicaranse os exercicios validados coa nota correspondente e as exencións, de conformidade coa documentación presentada e co establecido nos artigos 8 e 13 desta orde.

3. O tribunal resolverá posibles reclamacións que se presenten, concedendo un prazo de emenda e mellora das solicitudes de tres días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da relación.

4. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal publicará no centro correspondente a lista definitiva dos aspirantes inscritos.

5. Xunto coas listas de admitidos, informaranse os aspirantes do material necesario para a realización da proba.

Artigo 10. Estrutura da proba.

1. A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as distintas modalidades de bacharelato.

2. A proba constará de dous exercicios, o primeiro deles dedicado ás materias comúns e o segundo, ás materias de modalidade.

3. Os contidos dos exercicios terán como referente os aspectos básicos do currículo recollido no Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. O primeiro exercicio, que versará sobre as materias comúns establecidas no artigo 6 do mencionado decreto, terá como obxectivo valorar a madureza intelectual e a formación xeral do aspirante naquelas competencias que favorecen a aprendizaxe ao longo da vida. Será común para as diferentes modalidades e estruturarase en catro partes:

a) Primeira parte. Lingua galega e literatura.

b) Segunda parte. Lingua castelá e literatura.

c) Terceira parte. Lingua estranxeira.

d) Cuarta parte. Resposta por escrito a unha serie de cuestións relativas aos contidos das materias de Ciencias para o mundo contemporáneo, Filosofía e cidadanía, Historia da filosofía e Historia de España.

5. O segundo exercicio, diferente para cada unha das modalidades, versará sobre as materias de modalidade establecidas no artigo 7 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. Avaliará o logro dos obxectivos propios do bacharelato e a adquisición das destrezas básicas das materias de modalidade, como a comprensión de conceptos, o manexo da linguaxe científica, a resolución de problemas e a capacidade de analizar, relacionar e sintetizar.

O aspirante realizará os exames correspondentes ás materias obrigatorias da modalidade e vía que seleccione, e doutras catro da mesma modalidade ou vía elixidas, de acordo coas especificacións que se determinen.

6. Os protocolos das probas e os criterios de cualificación serán elaborados pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o regulado nesta orde.

7. Os protocolos serán remitidos pola Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa á xefatura ou xefaturas territoriais correspondentes para a súa entrega ao presidente ou presidentes dos tribunais.

Artigo 11. Corrección e cualificación da proba.

1. A cualificación de cada unha das partes que conforman os exercicios será numérica, entre un e dez, sen decimais.

2. A nota do exercicio será a media aritmética das cualificacións obtidas en cada unha das partes, expresada con números enteiros, redondeada á unidade máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

3. Para aprobar o primeiro exercicio deberanse obter 5 puntos na súa cualificación global e acadar unha puntuación mínima de 4 puntos en cada unha das súas partes.

4. Para aprobar o segundo exercicio deberanse obter 5 puntos na súa cualificación global e acadar unha puntuación mínima de 4 puntos en cada unha das súas partes.

5. Cando o alumnado non se presente a un exercicio, reflectirase na acta como non presentado (NP).

6. A acta de avaliación recollerá os resultados de cada un dos exercicios e a cualificación dos exercicios validados.

Artigo 12. Superación da proba.

1. A proba considerarase superada cando se superen os dous exercicios que a compoñen.

2. A nota media de bacharelato daquelas persoas que superen a proba será a media aritmética das puntuacións dos dous exercicios, expresada con dous decimais, redondeada á centésima máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

Artigo 13. Superación parcial da proba.

1. Os aspirantes que teñan superadas as materias comúns de bacharelato terán validado o primeiro exercicio. Neste caso, a nota do exercicio será a media de todas as materias comúns expresada con números enteiros, redondeada á unidade máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

2. Os aspirantes que teñan superadas seis materias de modalidade, incluídas as materias obrigatorias, das que cinco deberán ser da modalidade ou vía elixida (tres de segundo curso e dúas de primeiro), terán validado o segundo exercicio. Neste caso, a nota deste será a media das materias superadas, expresada con números enteiros, redondeada á unidade máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

3. Os aspirantes que estean en posesión do título profesional de música ou danza terán validado o segundo exercicio. A nota deste será a media aritmética das materias dos cursos 5.º e 6.º das ditas ensinanzas na correspondente especialidade, redondeada a números enteiros co mesmo criterio expresado nos puntos anteriores. No caso do alumnado que acceda directamente a 6.º curso das ensinanzas profesionais de música e danza, para o cálculo da nota media serán consideradas as cualificacións das materias do dito curso.

4. Os aspirantes que teñan superadas seis materias de modalidade cursadas de acordo co establecido no Decreto 231/2002, do 6 de xuño, polo que se modifica o Decreto 275/1994, ou cursadas de acordo co establecido no Decreto 275/1994, do 29 de xullo, terán validado o segundo exercicio, sempre e cando entre esas materias se atopen as obrigatorias de modalidade. Cando exista cambio de denominación das materias cursadas, aplicarase o cadro de correspondencia de materias incluído no anexo da Orde EDU/2395/2009, do 9 de setembro, BOE do 12 de setembro. Neste caso, a nota do exercicio será a media desas materias de modalidade expresada con números enteiros, redondeada á unidade máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

5. O alumnado que accedese directamente ao segundo de bacharelato por ter superados estudos equivalentes para efectos académicos ao primeiro de bacharelato e tivese superadas as materias comúns de segundo curso terá validado o primeiro exercicio. Neste caso, a nota do exercicio será a media desas materias comúns expresada con números enteiros, redondeada á unidade máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

6. Cando o alumnado referido no punto anterior tivese superadas tres materias da mesma modalidade de segundo curso, incluída a materia obrigatoria, terá validado o segundo exercicio. Neste caso, a nota do exercicio será a media desas materias de modalidade expresada con números enteiros, redondeada á unidade máis próxima e, en caso de equidistancia, á superior.

Artigo 14. Certificación e expedición do título.

1. Os aspirantes que superen a proba serán propostos para a obtención do título de bacharel na modalidade correspondente ás materias das que realice a proba ou na correspondente ás materias de modalidade validadas.

2. O alumnado que validase o exercicio de materias de modalidade por posuír o título profesional de música ou danza será proposto para a obtención do título de bacharel na modalidade de artes, vía de artes escénicas, música e danza.

3. Todas as persoas que participen na proba e superen algún exercicio recibirán unha certificación dos resultados deste. A devandita certificación expediraa o secretario ou a secretaria do tribunal correspondente e nela farase constar o visto e prace do presidente ou presidenta.

4. Concluído o proceso de avaliación e de acordo coa acta dos tribunais, o director ou os directores dos centros onde se realizaron as probas elaborarán unha proposta de proba libre de expedición de títulos de bacharel. Igualmente, os presidentes dos tribunais remitirán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa unha ficha estatística cos resultados da proba.

5. Os centros en que se constitúan os tribunais conservarán toda a documentación relativa ás probas, as actas de avaliación, as cualificacións e demais documentos relacionados, que quedará ao dispor da Administración educativa.

Artigo 15. Exercicios superados.

No caso de non ter superaren a proba, os candidatos manterán, para as sucesivas convocatorias, a cualificación do exercicio aprobado.

Artigo 16. Publicación dos resultados e reclamacións.

1. Logo de avaliada a proba, a presidencia do tribunal fará pública a listaxe provisional de persoas avaliadas coas cualificacións positivas, por exercicios, no taboleiro de anuncios do centro en que se realizou a matrícula.

2. En caso de discrepancia coa cualificación obtida en calquera dos exercicios, de acordo coa lexislación vixente, os aspirantes poderán presentar reclamación por escrito dirixida ao presidente ou presidenta do tribunal, na secretaría do centro onde se celebraron as probas, no prazo dos tres días hábiles posteriores á publicación das cualificacións, explicando o motivo da reclamación.

3. Nos cinco días hábiles seguintes á finalización do prazo de reclamacións, o tribunal realizará unha sesión extraordinaria para resolver as reclamacións que se presentasen. En caso de que algunha cualificación fose modificada, inserirase na acta coa oportuna dilixencia.

4. Contra as resolucións dos tribunais poderá interpoñerse recurso de alzada ante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Disposición derradeira primeira.

Autorízase a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa para ditar as instrucións necesarias para a execución do establecido nesta orde.

Disposición derradeira segunda.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de febreiro de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria