Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 21 de febreiro de 2012 Páx. 6430

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 6 de febreiro de 2012 pola que se clasifica de interese educativo, cultural e sanitario a Fundación José Manuel López Souto.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación José Manuel López Souto con domicilio en Villaronte-Foz (Lugo).

Feitos.

1. Carmen Tarrón Couto, en representación do presidente do Padroado da Fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación José Manuel López Souto foi constituída en escritura pública outorgada en Foz, o 24 de agosto de 2011, ante o notario Francisco Manuel Mariño Pardo, co número de protocolo 869, José Bello Lagüela, José Ramón Pérez López e Jesús Otero Méndez en cumprimento do estipulado no testamento de José Manuel López Souto.

3. A fundación, segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, ten por obxecto fins educativos, culturais e sanitarios: axudar a mozos sen medios económicos e que se considere que posúen suficientes aptitudes; sufragar gastos médicos e de asistencia social a favor dos menos beneficiados en xeral e pertencentes ás parroquias de Vilaronte (Foz) e Bacoi (Alfoz).

4. O padroado inicial da Fundación está formado Fernando Monterroso Carril como presidente, Lorenzo Martínez González como secretario, Jesús Otero Méndez como administrador-tesoureiro, e por José Bello Lagüela e Ramón Pérez López como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese educativo, cultural e sanitario da Fundación José Manuel López Souto, de acordo coas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identificación do fundador, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo a proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese educativo, cultural e sanitario e a súa adscrición á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Consideracións legais.

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, corresponde á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 31 de xaneiro de 2012,

DISPOÑO:

Clasificar de interese educativo, cultural e sanitario a Fundación José Manuel López Souto, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa. Poderase interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 6 de febreiro de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza