Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 36 Martes, 21 de febreiro de 2012 Páx. 6432

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN do 13 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se procede á convocatoria de varios seminarios para o ano 2012 en colaboración coas entidades galegas do exterior.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no título preliminar, no seu artigo 7, o dereito das comunidades galegas de fóra de Galicia a colaborar e compartir a vida social e cultural do pobo galego.

A Secretaría Xeral da Emigración, centro directivo que segundo o Decreto 82/2009, do 19 de abril, depende funcionalmente da Presidencia da Xunta de Galicia e organicamente da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, é o órgano ao cal lle corresponden as competencias en materia de desenvolvemento da Lei 4/1983, do 15 de xuño, de recoñecemento da galeguidade, e as relacións coas comunidades galegas no exterior, en virtude do disposto no Decreto 325/2009, do 18 de xuño, polo que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia.

A Secretaría Xeral da Emigración co obxectivo de potenciar os costumes e tradicións galegos, e posibilitar que os galegos que residen no exterior manteñan os vínculos coa cultura de Galicia, convoca distintos seminarios formativos de baile, música tradicional, obradoiros artesanais e cociña galega, que se realizarán nas entidades galegas do exterior, de forma que se manteña viva a nosa identidade e se promocione a nosa cultura na Galicia exterior.

As comunidades galegas, centros, casas de Galicia no exterior son asociacións en que tradicionalmente se reúnen os emigrantes e as súas familias para manter vivos os costumes que nos son propias e reforzar os lazos sociais e culturais. Arredor destas asociacións reúnense un gran número de galegos residentes no exterior e son os axentes principais polos que Galicia fomenta a súa cultura, e contan, na súa maioría, con instalacións propias para a organización de actividades para o seu fomento.

En virtude da desconcentración de competencias que me atribúe a disposición adicional segunda do Decreto 325/2009, do 18 de xuño, pola que se establece a estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, e con cargo aos créditos asignados a esta finalidade no exercicio 2012, consonte o establecido na Lei 4/1983, do 15 de xuño de recoñecemento da galeguidade,

Resolvo:

Artigo 1. Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto convocar os seminarios de baile, música, actividades artesanais e cociña galega para o ano 2012, en colaboración coas entidades galegas do exterior.

Artigo 2. Modalidades convocadas.

Convócanse seminarios das seguintes modalidades:

– Seminarios de baile.

– Seminarios de gaita.

– Seminarios de percusión.

– Seminarios de pandeireta e canto.

– Seminarios de carácter artesanal.

– Seminarios de cociña galega.

Artigo 3. Orzamento.

No proxecto de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2012, aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, na aplicación orzamentaria 04.50.312C.226.07, actuacións derivadas da Lei de galeguidade, existe partida orzamentaria para a convocatoria que se establece nesta resolución. Para tal efecto resérvase un crédito de 90.000 €, que poderá incrementarse segundo as dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 4. Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

As entidades galegas presentarán as solicitudes xunto co resto da documentación na Secretaría Xeral da Emigración (rúa Os Basquiños, 2, 15704 Santiago de Compostela, A Coruña), na Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires (República Arxentina), na Delegación da Xunta de Galicia en Montevideo (Uruguai), ou ben en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se o último día do prazo fose sábado ou inhábil, o prazo prorrogarase ata o seguinte día hábil.

Artigo 5. Bases.

As bases comúns, e as específicas para os distintos seminarios, están publicadas na Resolución do 20 de decembro de 2010, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan e aproban as bases para o desenvolvemento de seminarios de baile-música, obradoiros artesanais e cociña galega, en colaboración coas entidades galegas do exterior, para o ano 2011 (DOG n.º 249, do 29 de decembro de 2010).

Artigo 6. Custos e indemnizacións.

Os custos e indemnizacións por actividade dos cales se fará cargo a Secretaría Xeral da Emigración nesta convocatoria serán:

1. Retribucións dos profesores:

– España e Portugal: 900 €.

– Europa, América e Oceanía: 1.100 €.

2. Custo de 900 € para a adquisición de alimentos nos seminarios de cociña.

3. Custo de indemnización de 100 € aos profesores por anulación dun seminario por causas non imputables a eles e unha vez adxudicado.

4. Custo do billete de desprazamento do profesor ata o lugar de realización do seminario nun medio de transporte público en clase turista. No caso excepcional de utilizar un vehículo particular, a contía para indemnizar será de 0,19 euros por quilómetro ata o máximo previsto.

5. Custo de materiais artesáns específicos para o desenvolvemento de seminarios e que non se atopen fóra de Galicia.

Artigo 7. Recursos.

Contra esta resolución cabe interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano que a ditou, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Así mesmo, poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da publicación, de acordo co establecido na Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2012.

J. Santiago Camba Bouzas
Secretario xeral da Emigración

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file