Descargar PDF Galego | Castellano

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 42 Mércores, 29 de febreiro de 2012 Páx. 7486

VI. Anuncios

b) Administración local

Deputación Provincial de Ourense

ANUNCIO polo que se publican as bases para a convocatoria do premio de periodismo Xosé Aurelio Carracedo.

Faise público que esta Presidencia, con data do 16 de febreiro de 2012, ditou a resolución do teor seguinte:

«Decreto. Ourense, 16 de febreiro de 2012.

De conformidade coa proposta que formula o director do Centro Cultural da Deputación Provincial e segundo as bases redactadas para o efecto, esta Presidencia, por razón xustificadas de urxencia e sen prexuízo da posterior ratificación do acordo por parte da Xunta de Goberno,

DISPÓN:

1.º Aprobar a convocatoria do premio de periodismo Xosé Aurelio Carracedo, aprobándose as bases redactadas para o efecto, e que se transcriben a continuación:

Primeira. Poderán optar a este premio todos os profesionais ou colaboradores habituais que exerzan o seu labor en medios de comunicación escritos ou audiovisuais, en calquera das súas modalidades.

Segunda. A dotación do premio será de oito mil euros (8.000 euros), que se distribuirán do seguinte xeito:

– Un primeiro premio dotado con cinco mil euros (5.000 euros).

– Un segundo premio dotado con tres mil euros (3.000 euros).

Terceira. As propostas para optar ao premio poderán ser, indistintamente, presentadas polos propios interesados, pola dirección do medio no que foron publicadas, por institucións, asociacións, colectivos, persoas individuais ou polo propio xurado.

Cuarta. Os traballos ou conxuntos de traballos –gráficos, escritos ou adiovisuais–, que participen no concurso, terán que estar publicados en medios de comunicación galegos ou referidos a Galicia, entre o día 1 de xaneiro de 2011 e o día 31 de decembro do mesmo ano.

Quinta. O xurado do premio de periodismo Xosé Aurelio Carracedo estará presidido por un membro da Corporación Provincial. Como vogais, estará integrado por catro membros designados pola Comisión de Educación, Cultura e Deportes.

Sexta. O prazo de recepción de propostas e presentación de traballos pecharase o día 15 de marzo de 2012. Os actos de entrega coincidirán co día 3 de maio (Día Internacional da Liberdade de Prensa).

Sétima. As propostas deberán ir acompañadas de seis fotocopias, tamaño folio, da páxina ou páxinas en que foron difundidas, nos casos de publicacións. Se se trata de traballos audiovisuais, presentaranse seis copias en casete compacto ou en formato doméstico, segundo os casos. Se os traballos se publicaron sen se asinar ou con pseudónimo, deberá achegarse un certificado do director do medio, no que conste a data de emisión e nome ou nomes dos autores.

Os traballos remitiránselle á Deputación de Ourense, rúa Progreso, 32, baixo o epígrafe de Premio de periodismo Xosé Aurelio Carracedo.

Oitava. A participación neste premio periodístico implica a aceptación das bases. A resolución do xurado será inapelable. Quedan excluídos de participar neste certame os funcionarios e o persoal laboral da Deputación Provincial de Ourense. Valorarase de xeito positivo a realización e presentación de traballos en lingua galega.

2.º Publicar a presente resolución no taboleiro de edictos desta deputación, no BOP de Ourense e no DOG.

3.º Este decreto, ditado por razóns de urxencia, será ratificado pola Xunta de Goberno, na primeira reunión que teña lugar».

Ourense, 16 de febreiro de 2012.

José Manuel Baltar Blanco
Presidente da Deputación Provincial de Ourense