Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 44 Venres, 2 de marzo de 2012 Páx. 7632

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

DECRETO 84/2012, do 16 de febreiro, polo que se establecen os prezos públicos polas prestacións das residencias de tempo libre.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 44.4 establece que a facenda da Comunidade Autónoma de Galicia está constituída, entre outros rendementos, polos procedentes de prestación de servizos directos pola Comunidade Autónoma, sexan de propia creación ou como consecuencia de traspasos de servizos estatais. A Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas, pronúnciase no seu artigo 4 no mesmo senso.

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, regula tanto o concepto como a forma de fixación dos prezos e dispón, no seu artigo 47, que serán fixados por decreto, por proposta da consellería de que dependa o órgano ou entidade oferente, á cal se xuntará unha memoria económica.

O Decreto 169/2003, do 13 de febreiro, regulaba os prezos públicos das residencias de tempo libre de Panxón (Pontevedra) e do Carballiño (Ourense), dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, que agora é preciso actualizar para acomodalos á alza de prezos que desde entón se produciu.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Traballo e Benestar, logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaseis de febreiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

1. Os prezos públicos exixibles polas prestacións das residencias de tempo libre de Panxón (Pontevedra) e do Carballiño (Ourense), dependentes da Consellería de Traballo e Benestar, serán os que se fixan no anexo deste decreto.

2. Estes prezos actualizaranse o 1 de xaneiro de cada ano, na mesma proporción que a variación interanual experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para o conxunto nacional total, no mes de outubro, calculado polo Instituto Nacional de Estatística. Os prezos así actualizados deberanse facer públicos mediante resolución da persoa titular da Consellería de Traballo e Benestar, que será publicada no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 2. Pagamento do prezo da estadía.

As persoas beneficiarias realizarán, no prazo de dez días desde a recepción da confirmación da reserva por parte da residencia, un depósito do 10% da estadía por cuarto en concepto da dita reserva, e outro depósito 30 días antes do inicio da quenda adxudicada, pola cantidade restante ata completar a totalidade do prezo da estadía.

Artigo 3. Anulación da estadía e reintegro de pagamentos.

No caso de que a persoa adxudicataria anule a estadía, perderase a cantidade depositada en concepto de reserva, salvo causas de forza maior debidamente acreditadas. As cantidades depositadas con posterioridade seranlle devoltas, logo da reclamación da persoa interesada, unha vez instruído e resolto o expediente correspondente, de acordo coas porcentaxes que se detallan a seguir:

– Anulación ata 20 días antes da data do comezo do gozo da estadía: 100%.

– Anulación entre 19 e 10 días antes da data de comezo do gozo da estadía: 75%.

– Anulación entre 9 e 3 días antes da data de comezo do gozo da estadía: 50%.

– Anulación con menos de 3 días ou unha vez comezado o gozo da estadía: 25%.

A anulación de reservas efectuarase por carta certificada e para calcular a porcentaxe da devolución de cantidades tomarase como data de referencia a de rexistro de entrada na residencia, non facéndose en ningún caso responsable a residencia dos eventuais atrasos que poidan producirse no envío da devandita documentación.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e, en particular, o Decreto 169/2003, do 13 de febreiro.

Disposición derradeira.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de febreiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Beatriz Mato Otero
Conselleira de Traballo e Benestar

ANEXO

1. Estadía e mantenza das persoas residentes.

a) Tempada baixa (abril, maio, outubro, novembro e decembro).

– 23 euros por persoa/día en cuartos de dúas ou máis camas.

– 27 euros por persoa/día en cuarto individual.

b) Tempada media (xuño e segunda quincena de setembro).

– 27 euros por persoa/día en cuartos de dúas ou máis camas.

– 31 euros por persoa/día en cuarto individual.

c) Tempada alta (xullo, agosto e primeira quincena de setembro).

– 36 euros por persoa/día.

1.1. Prezo do aloxamento na véspera da incorporación.

– 21 euros/cuarto.

1.2. Descontos.

– Nenos/as menores de 2 anos que non utilicen os servizos de comedor ou durman nos cuartos dos seus responsables: exentos/as.

– Nenos/as comprendidos/as entre 2 e 12 anos: 50% sobre o importe da estadía.

– Familias numerosas: 30% sobre o prezo final que resulte da súa estadía.

– Persoas con discapacidade: 10%.

– Persoas maiores de 60 anos: 10%.

– Grupos integrados por persoas adultas e nenos/as maiores de 12 anos, que excedan 25 prazas, para a mesma residencia e data en tempada baixa e media: 10%.

– Mulleres vítimas de violencia de xénero: 50%, sempre que a acreditación da dita circunstancia tiver sido emitida nos doce meses anteriores á data da presentación da solicitude por calquera dos motivos recoñecidos no artigo 5 da Lei 11/2007, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.

Os descontos que se especifican anteriormente considéranse incompatibles entre si.

2. Servizo de comedor para os visitantes.

– Xantar: 11 euros.

– Cea: 9 euros.

– Almorzo: 3 euros.

O prezo destes servizos soltos terá un incremento do 10% os domingos e festivos.

3. Recarga.

25% por persoa e día en estadías inferiores a 7 días.