Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 46 Martes, 6 de marzo de 2012 Páx. 8158

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

ANUNCIO do 15 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Centros e Recursos Humanos, polo que se comunica a apertura dun prazo para solicitar prazas de interinidades e substitucións no corpo de profesores de música e artes escénicas, nas especialidades de fundamentos de composición (594412) e tuba (594429).

Primeiro.

Comunícase que está aberto o prazo para posibles interinidades ou substitucións para o corpo de profesores de música e artes escénicas, para as seguintes especialidades:

Os titulados superiores (título de profesor superior ou título superior de música na especialidade de pedagoxía ou especialidade correspondente) terán preferencia sobre os titulados de profesor do plan do ano 1966 aínda que o baremo sexa inferior.

Fundamentos de composición (594412)

1.º

– Título de profesor superior nesta especialidade (Decreto 2618/1966).

– Título superior de música na especialidade de pedagoxía, opción pedagoxía da linguaxe e a educación musical (Real decreto 617/1995).

– Título superior de música na especialidade de composición (Real decreto 617/1995).

2.º

– Título de profesor do plan do ano 1966 nesta especialidade ou de acordo coas equivalencias establecidas no Real decreto 1542/1994, do 8 de xullo (BOE do 9 de agosto).

Tuba (594429)

1.º

– Título de profesor superior nesta especialidade (Decreto 2618/1966).

– Título superior de música na especialidade de pedagoxía, opción pedagoxía da tuba (Real decreto 617/1995).

– TÍtulo superior de música na especialidade de tuba (Real decreto 617/1995).

2.º

– Título de profesor do plan do ano 1966 nesta especialidade ou de acordo coas equivalencias establecidas no Real decreto 1542/1994, do 8 de xullo (BOE do 9 de agosto).

Segundo. Prazo de solicitude.

O prazo para presentar a instancia de solicitude, así como a documentación xustificativa dos requisitos mínimos exixidos e dos méritos alegados para a súa baremación, será de dez días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación deste anuncio no Diario Oficial de Galicia e poderanse presentar en calquera rexistro oficial ou en calquera das dependencias ás que alude o artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. No caso de que se optase por presentar a solicitude nunha oficina de Correos, farase en sobre aberto, para que a instancia sexa datada e selada polo funcionario de Correos antes de ser certificada.

Terceiro. Modelo de solicitude.

O modelo de solicitude está á disposición dos interesados na páxina web da consellería, no enderezo http://www.edu.xunta.es/profesorado (xestión de profesorado; interinos e substitutos).

Cuarto. Comisión baremadora.

A asignación da puntuación que corresponde aos concursantes será levada a cabo por unha comisión constituída por funcionarios destinados na Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Esta comisión estará cualificada na categoría primeira para os efectos do previsto no Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

Poderá asistir ás reunións da comisión, con voz e sen voto, un representante por cada unha das organizacións sindicais con presenza na mesa sectorial docente non universitaria.

Quinto. Requisitos dos candidatos e candidatas.

a) Estar en posesión da titulación que se sinala no punto primeiro deste anuncio.

b) Ter superado o curso Celga 4 de lingua galega ou validación equivalente.

Non obstante o anterior, poderán presentar solicitudes aquelas persoas que, posuíndo as titulacións sinaladas no punto primeiro, non posúan o curso de Celga 4 de lingua galega ou equivalente. Estes candidatos poderán ser seleccionados en defecto de candidatos que si o acrediten. Neste caso, de ser seleccionados, os candidatos deberán superar, no prazo máximo de dous anos desde que sexan nomeados, o curso de Celga 4 de lingua galega ou equivalente. A superación do devandito curso deberá ser comunicada á Subdirección Xeral de Recursos Humanos da Consellería de Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Sexto.

O baremo, de acordo coa addenda asinada cos sindicatos da mesa sectorial docente o 11 de xullo de 2006 (texto refundido publicado na Resolución de 10 de maio de 2010, DOG do 19 de maio), será o publicado na fase de concurso do último concurso-oposición convocado no DOG.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2012.

José Manuel Pinal Rodríguez
Director xeral de Centros e Recursos Humanos