Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 7 de marzo de 2012 Páx. 8338

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 20 de febreiro de 2012, da Dirección Xeral de Tributos, pola que se aproban os criterios xerais do Plan Xeral de Control Tributario de 2012.

O artigo 116 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, establece a obriga de elaborar anualmente un plan de control tributario, con carácter reservado, sen prexuízo da publicidade, a través do Diario Oficial de Galicia, dos criterios xerais que o informan.

Pola súa vez, o artigo 170 do Real decreto 1065/2007, do 27 de xullo, polo que se aproba o Regulamento xeral das actuacións e dos procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos, sinala que no plan de control tributario se integrarán o plan ou os plans parciais de inspección, os cales terán carácter reservado e non serán obxecto de publicidade ou comunicación.

O obxectivo do plan de control tributario céntrase na loita contra a fraude fiscal, con fundamento nos principios de xustiza, xeneralidade, igualdade e capacidade económica, establecidos polo artigo 31 da Constitución española como criterios de contribución ao sostemento dos gastos públicos. Como sinalou a xurisprudencia reiteradamente, non abonda con configurar as normas dos distintos tributos de acordo cos principios constitucionais citados, senón que os ditos principios teñen que cumprirse na práctica cunha correcta aplicación das distintas figuras tributarias. Esta necesidade faise máis patente nun contexto económico como o actual, en que a diminución da actividade económica trae como consecuencia inevitable unha diminución dos ingresos tributarios. Desta forma, o plan de control tributario convértese nun instrumento fundamental para conseguir unha efectiva aplicación dos principios expostos.

Por Resolución do 4 de febreiro de 2011 (DOG do 7 de marzo) establecéronse os criterios xerais do plan de control para 2011, criterios que se mostraron eficaces na loita contra a fraude fiscal, polo que convén manter a liña establecida e afondar nas áreas de comprobación e investigación xa iniciadas, sobre todo tendo en conta que no anterior exercicio se abriron novas canles de información que desenvolverán o seu potencial nos exercicios seguintes.

O Decreto 307/2009, do 28 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Facenda, outórgalle á Dirección Xeral de Tributos, entre outras funcións, a dirección, impulso, planificación, coordinación, control e execución da xestión, inspección e revisión dos tributos cedidos, así como da xestión, inspección e revisión dos tributos propios e prezos que corresponden á Comunidade Autónoma, aos seus organismos autónomos e demais entidades de dereito público dependentes dela, así como o impulso e coordinación das relacións de colaboración que en materia tributaria se poidan establecer con outras administracións públicas. Correspóndelle tamén a dirección da xestión recadatoria nos seus dous períodos.

Para o exercicio destas funcións a Dirección Xeral de Tributos actúa tanto desde os seus órganos centrais como desde as xefaturas territoriais a través dos seus servizos de xestión, inspección, valoracións e recadación, así como por medio das oficinas liquidadoras de distrito hipotecario no ámbito xestor dos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, e por medio das zonas de recadación no ámbito da recadación executiva. Todos estes órganos participarán nas actuacións de control cuxas liñas fundamentais se conteñen neste documento.

En cumprimento das obrigas establecidas nestas disposicións, procédese á publicación dos criterios e das liñas de actuación que informan cada unha das áreas de control tributario.

En consecuencia,

RESOLVO:

Primeiro. Aprobación das directrices xerais do Plan Xeral de Control Tributario de 2012.

Apróbanse os criterios xerais que informan o Plan Xeral de Control Tributario para 2012 que figuran no anexo a esta resolución.

Segundo. Difusión das directrices xerais do Plan Xeral de Control Tributario de 2012.

Ordénase a publicación das citadas directrices xerais no Diario Oficial de Galicia, así como a súa difusión por calquera medio que resulte adecuado para o seu xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2012.

Carlos Rodríguez Sánchez
Director xeral de Tributos

ANEXO

Directrices do Plan Xeral de Control Tributario de 2012

A. Consideracións xerais.

O Plan Xeral de Control Tributario desenvolverase a través de actuacións de control preventivo e actuacións de control posterior.

Nas primeiras incluiranse, en primeiro lugar, todas aquelas actuacións de información e asistencia aos obrigados tributarios a que se refire a sección segunda do capítulo I do título III da Lei xeral tributaria, como obriga da Administración tributaria tendente a fomentar un cumprimento adecuado das obrigas fiscais e a evitar a fraude fiscal. Neste sentido, a Administración tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia manterá e mellorará tanto a información existente na súa páxina web como os programas de axuda para a confección de autoliquidacións e xestión de trámites existentes na súa oficina virtual, dotándoa con novas funcionalidades. En especial, e como consecuencia da introdución como medio de valoración dos prezos medios de mercado a través das ordes do 28 de xullo e do 28 de decembro de 2011, adécuase a aplicación existente na oficina virtual para que ofreza a información dos valores dos bens inmobles que resultan das ditas ordes. En segundo lugar, seguirá aumentado a colaboración social con administracións públicas, con entidades privadas ou con institucións ou organizacións representativas de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, sobre todo con aqueles sectores que asesoren ou intermedien nas operacións de que poidan derivar obrigas tributarias; e asinarán, de ser o caso, os correspondentes convenios de colaboración. Neste último aspecto, afondarase na colaboración e intercambio de información, en especial, cos seguintes organismos:

– AEAT: establecendo unha planificación coordinada de actuacións e intercambio de información, dentro das liñas establecidas nas directrices xerais dos distintos plans xerais de control tributario da AEAT, no seu punto III, «Control da fraude en relación cos tributos cedidos», actuacións conxuntas de que poidan derivar, como nos anos anteriores, dilixencias de colaboración mutua en relación con todas as operacións e os negocios xurídicos con transcendencia tributaria.

– Colexio de Rexistradores da Propiedade e Mercantís e Colexio Notarial, para o intercambio de información sobre operacións susceptibles de tributar no ámbito dos tributos xestionados pola Comunidade Autónoma de Galicia. Neste ámbito, o convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia, o Consello Xeral do Notariado e o Ilustre Colexio Notarial de Galicia para a aplicación das novas tecnoloxías na xestión tributaria, asinado o 22 de decembro de 2010, necesitou o desenvolvemento dunha aplicación informática conxunta tanto para a remisión de información como para facilitar a presentación dos impostos cedidos, proceso que culminou durante o ano 2011 e que despregará todo o seu potencial neste exercicio.

– Dirección Xeral do Catastro, mediante a cesión de información ás comunidades autónomas de acordo coa súa normativa específica.

– Outras administracións públicas, en especial Estado, comunidades autónomas e corporacións locais, en relación cos datos que posúan ou operacións en que interveñan e que teñan efectos tributarios: relación de falecidos, vendas de bens, outorgamento de concesións, operacións reguladas ou autorizadas por eses organismos con transcendencia tributaria, etc.

Nas actuacións de control tributario posterior comprobaranse as declaracións tributarias presentadas e investigaranse os feitos impoñibles non declarados ou as obrigas de información non subministradas. O control esténdese á comprobación dos diferentes elementos da obriga tributaria e á súa cuantificación.

Estas actuacións de control realizaranse a través das actuacións e procedementos de aplicación dos tributos desenvolvidos na Lei xeral tributaria, utilizando aquel que corresponda en función da normativa aplicable e das circunstancias do caso concreto. Nestes procedementos cobra especial importancia, pola súa implicación nos impostos sobre sucesións e doazóns e sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, o procedemento de comprobación de valores. Este seguirá desenvolvéndose naqueles casos en que o obrigado tributario non declarase o valor real do ben ou dereito, non utilizase os valores publicados por esta Administración nas ordes do 28 de xullo e do 28 de decembro de 2011 polas que se aproban os prezos medios no mercado de determinados inmobles rústicos e urbanos situados na Comunidade Autónoma de Galicia para os exercicios 2010, 2011 e 2012 ou, no suposto de que o ben obxecto de transmisión non se encontre no ámbito obxectivo destas ordes, a valoración previa e vinculante a que se refire o artigo 90 da LXT. Para iso utilizará os medios a que se refire o artigo 57 da LXT que máis se adapten ás características tanto do negocio realizado como do ben que se vai valorar.

B. Actuacións no imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados.

Con respecto ao imposto sobre transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, realizaranse preferentemente as seguintes actuacións:

– Comprobación xeral das autoliquidacións presentadas e a súa adecuación aos datos en poder da Administración tributaria, en especial os subministrados polos índices notariais nos casos en que o acto ou contrato se formalizase, ou ben os subministrados por outras administracións.

– Comprobación do valor real dos bens e dereitos transmitidos.

– Comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais, en especial, o artigo 108 da Lei do mercado de valores, os tipos reducidos para fomentar a adquisición de vivendas, o tipo reducido na adquisición de inmobles incluídos na totalidade do patrimonio empresarial ou profesional, a transmisión de vehículos de transporte usados a favor de empresarios que teñen como actividade habitual a compravenda de vehículos ou os beneficios fiscais do imposto sobre operacións societarias condicionados ao réxime fiscal especial do capítulo VIII do título VII do texto refundido da Lei do imposto sobre sociedades ou ao mantemento da sociedade.

– Investigación de feitos impoñibles non declarados e que resulten da información de que dispón a Administración tributaria ou lle sexa subministrada no exercicio do deber de información ou colaboración, en especial os cambios de titularidade nos rexistros derivadas de vendas de bens inmobles, mobles de importante valor, constitución de concesións ou autorizacións administrativas que impliquen outorgamento de facultades de xestión de servizos públicos ou atribución de uso privativo ou aproveitamento especial de dominio ou uso público, constitución de arrendamentos de predios urbanos e dereitos reais de garantía.

– Verificación das operacións realizadas por empresario para os efectos da delimitación da súa tributación por este imposto ou polo IVE, en especial a verificación do cumprimento dos requisitos para a renuncia á exención neste último imposto.

– Verificación da presentación dos documentos mercantís que realizan función de xiro no imposto sobre actos documentados.

C. Actuacións no imposto sobre sucesións e doazóns.

Con respecto ao impuesto sobre sucesións e doazóns, realizaranse preferentemente as seguintes actuacións:

– Comprobación xeral das autoliquidacións presentadas e a súa adecuación aos datos en poder da Administración tributaria, en especial os subministrados polos índices notariais.

– Comprobación da masa hereditaria, en especial a súa adecuación cos rexistros administrativos e fiscais, a comprobación de actos anteriores do causante, a adición de bens nos supostos establecidos na norma e a comprobación de cargas, débedas e gastos, en especial de débedas con persoas ou entidades con que exista algún tipo de vinculación.

– Comprobación do valor real dos bens e dereitos transmitidos.

– Comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais, sobre todo das reducións na base impoñible referidas a empresas e vivenda, tanto das condicións que se deben cumprir no momento do devengo como dos comportamentos posteriores a que obriga a norma, en especial os requisitos previstos no artigo 4.8 da Lei 19/1991, do 6 de xuño, do imposto sobre o patrimonio.

– Comprobación dos puntos de conexión establecidos na Lei 22/2009, do 18 de decembro, pola que se regula o sistema de financiamento das comunidades autónomas de réxime común e cidades con Estatuto de autonomía e se modifican determinadas normas tributarias.

– Investigación de feitos impoñibles non declarados e que resulten da información de que dispón a Administración tributaria ou lle sexa subministrada no exercicio do deber de información ou colaboración, en especial o rexistro de falecidos logo de comprobación da situación patrimonial do causante e os cambios de titularidade dos cales se poida presumir unha transmisión gratuíta.

D. Actuacións no imposto sobre o patrimonio.

En canto ao imposto sobre o patrimonio, a Lei 35/2006, do 28 de novembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e de modificación parcial das leis dos impostos sobre sociedades, sobre a renda de non residentes e sobre o patrimonio, estableceu unha bonificación xeral da cota do 100%, aínda que o Real decreto lei 13/2011, do 16 de setembro, suprime esta bonificación restablecendo o imposto sobre o patrimonio con carácter temporal. Como consecuencia, durante o primeiro semestre de 2012 revisaranse as autoliquidacións xa presentadas, sobre todo no referente aos bens non declarados e ás exencións aplicadas, así como os supostos de incumprimento da obriga de declarar dos períodos non prescritos, e no segundo semestre comezarase co control sobre as mesmas materias correspondentes ao exercicio 2011.

Neste imposto é esencial a colaboración que se vén desenvolvendo entre a Dirección Xeral de Tributos e a AEAT na selección de contribuíntes.

E. Actuacións no imposto sobre a renda das persoas físicas.

No IRPF a Comunidade Autónoma de Galicia non ten facultades aplicativas do tributo, non obstante trátase dun tributo cedido en que a Comunidade Autónoma ten capacidade normativa, que exerceu establecendo deducións na cota. En virtude da colaboración inter-administrativa coa AEAT, será obxecto de especial atención a verificación do cumprimento dos requisitos para gozar das deducións da cota autonómica, sobre todo aqueles que necesitan un recoñecemento administrativo previo.

F. Actuacións nos tributos sobre o xogo.

Con respecto aos tributos sobre o xogo, realizaranse preferentemente as seguintes actuacións:

– Comprobación xeral das autoliquidacións presentadas e a súa adecuación aos datos en poder da Administración tributaria, en especial os subministrados polos órganos admi-nistrativos competentes en materia de xogo.

– Investigación de feitos impoñibles non declarados e que resulten da información de que dispón a Administración tributaria ou lle sexa subministrada polos órganos administrativos competentes en materia de xogo ou no exercicio do deber de información ou colaboración.

G. Actuacións no ámbito dos tributos ambientais.

Con respecto aos tributos ambientais, realizaranse preferentemente as seguintes actuacións:

– Comprobación xeral das autoliquidacións presentadas e a súa adecuación aos datos en poder da Administración tributaria, en especial os subministrados polos órganos admi-nistrativos competentes en materia de ambiente, industria e augas.

– Investigación de feitos impoñibles non declarados e que resulten da información de que dispón a Administración tributaria ou lle sexa subministrada polos órganos administrativos competentes en materia de ambiente, industria e augas ou no exercicio do deber de información ou colaboración.

H. Actuacións no ámbito das taxas e dos prezos.

No ámbito das taxas e prezos, realizaranse preferentemente as seguintes actuacións:

– Comprobación xeral das autoliquidacións presentadas e a súa adecuación aos datos que constan en poder da Administración.

– Investigación de feitos impoñibles non declarados e que resulten da información de que dispón a Administración ou lle sexa subministrada á Administración tributaria no exercicio do deber de información ou colaboración.

– Comprobación do cumprimento dos requisitos para gozar de beneficios fiscais, xa sexan exencións, bonificacións ou deducións, en especial en colaboración coa AEAT, cando os ditos beneficios fiscais estean relacionados ou determinados polas capaci-dades económicas dos usuarios dos servizos gravados.

I. Actuacións de control en materia recadatoria.

O Plan de Control de Recadación recolle as actuacións en xestión recadadora que deben desenvolver os órganos de recadación da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia durante o exercicio de 2012.

As actuacións que a continuación se sinalan referiranse a accións de xestión recadadora para as débedas de tributos cedidos e propios e os demais ingresos de dereito público e para todos os obrigados ao pagamento.

As principais liñas de actuación que se desenvolverán son as seguintes:

– Seguimento do procedemento de ingreso mediante as entidades colaboradoras auto-rizadas, controlando o correcto desenvolvemento.

– Control e seguimento dos expedientes de compensación de débedas a entidades de carácter público.

– Control do sistema de compensación de débedas e créditos.

– Coordinación coa AEAT no marco do convenio de recadación subscrito, co fin de me-llorar a tramitación dos expedientes xestionados.

– Control e seguimento de expedientes de derivación de responsabilidade, dentro do ámbito de todo tipo de débedas de dereito público.

– Control e seguimento dos expedientes de aprazamentos e fraccionamentos de pagamento, das suspensións das garantías das débedas que se encontren en período executivo e dos recursos de reposición contra as providencias de constrinximento e embargo.

– Control das actuacións das zonas de recadación con especial incidencia en propostas de insolvencia.