Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 47 Mércores, 7 de marzo de 2012 Páx. 8346

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 86/2012, do 23 de febreiro, polo que se aproba o cambio de titularidade dun treito antigo da estrada actualmente denominada AC-861 e dun treito antigo da estrada actualmente denominada AC-862 a prol do Concello de San Sadurniño.

A teor do previsto no artigo 5 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, os cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes dependentes da Comunidade Autónoma deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas e logo do acordo entre as administracións afectadas.

Por outra parte, a citada lei de estradas dispón, no artigo 54, que as estradas autonómicas ou provinciais ou os treitos determinados delas nos cales a circulación adquira características urbanas se lles entregarán aos respectivos concellos. O expediente promoverase por proposta do concello ou da administración titular da estrada e será resolto polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de estradas, logo de informe de ambos os organismos.

O Concello de San Sadurniño solicitá á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas o cambio de titularidade de varios treitos de estradas de titularidade autonómica.

A Dirección Xeral de Infraestruturas, con data do 22 de agosto de 2011 e de acordo co informe emitido polos servizos técnicos competentes, formula proposta favorable á transferencia da titularidade.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas considera axeitado o cambio de titularidade, tendo en conta que as devanditas vías son restos de estradas resultantes da corrección de trazado das estradas AC-861 e AC-862, que na planificación autonómica non son necesarias para conformar ningún eixo de articulación territorial.

Polo exposto, consonte o previsto na Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, tras o acordo entre as administracións afectadas, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e tres de febreiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Apróbase o cambio de titularidade a prol do Concello de San Sadurniño dos seguintes treitos:

• Treito antigo na marxe dereita da estrada actualmente denominada AC-861, que está xunto ao núcleo de Pena da Meda, na parroquia de Igrexafeita. Punto quilométrico de inicio 41+610 e punto quilométrico de saída 41+780.

• Treito antigo na marxe esquerda da estrada actualmente denominada AC-862, que está no lugar de Cancelo. Punto quilométrico de inicio 21+740 e punto quilométrico de saída 21+670.

Artigo 2.

En aplicación do artigo 4 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, as entidades locais, no marco das súas competencias e de acordo cos correspondentes plans de estradas, aprobarán a relación de estradas da súa titularidade. De acordo co exposto, o Concello de San Sadurniño deberá incorporar ao seu Plan de Estradas ás vías a que se refire este decreto.

Artigo 3.

A entrega das vías formalizarase, no prazo de dous meses seguintes á publicación deste decreto no Diario Oficial de Galicia, mediante a sinatura da correspondente acta de entrega.

Artigo 4.

Correspóndenlle ao Concello de San Sadurniño, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación das vías, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que se puidese corresponder como nova Administración titular da estrada.

Disposición derradeira.

Este decreto producirá efectos desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e tres de febreiro de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas