Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 48 Xoves, 8 de marzo de 2012 Páx. 8451

III. Outras disposicións

Consellería de Facenda

ORDE do 7 de marzo de 2012 pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 30.150.000 euros.

Con base no artigo 35 da Lei 11/2011, do 26 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012, autorízase a realización das operacións financeiras recollidas na indicada lei, mediante a emisión de débeda pública ou a concertación de créditos.

Así mesmo, no artigo 33 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia establécese que as emisións de débeda pública ou operacións de crédito que realice a comunidade terán que ser autorizadas, en todo caso, polo conselleiro de Economía e Facenda dentro dos límites sinalados pola lei, ao cal corresponderá, tamén, autorizar as súas características técnicas e o seu tipo de xuro, se estes non fosen determinados pola súa lei de creación. Esta facultade corresponde na actualidade á conselleira de Facenda en virtude da nova estruturación dos departamentos da Xunta, regulada polos decretos 1/2012, do 3 de xaneiro, e 13/2012, do 4 de xaneiro.

Mediante acordo do Consello de Ministros do 27 de xaneiro de 2012 e do 17 de febreiro de 2012 obtívose a autorización establecida no artigo 14.3 da Lei orgánica 8/1980, do 22 de setembro, de financiamento das comunidades autónomas.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo único.

A presente orde ten por obxecto realizar un novo tramo (tramo 2), por un importe nominal de 30.150.000 euros, da emisión de débeda pública da Comunidad Autónoma de Galicia que, baixo a forma de obrigacións senior, non garantidas e non subordinadas da Xunta de Galicia, foi emitida o 20 de xuño de 2011, ao tipo de xuro do 6,22% e amortización á par o 20 de novembro de 2014 (código ISIN ES0001352378).

A data de amortización e vencemento de cupóns, así como o tipo de xuro nominal semestral e demais condicións deste novo tramo da emisión de débeda pública que autoriza a presente orde, serán as mesmas que se estableceron na Orde do 16 de xuño de 2011, pola que se establecen as condicións da emisión de obrigacións da Comunidade Autónoma de Galicia polo importe de 110 millóns de euros (Diario Oficial de Galicia n.º 116, do 17 de xuño), coas seguintes excepcións:

Importe nominal da emisión: trinta millóns cento cincuenta mil euros (30.150.000 euros).

Data de emisión e desembolso do novo tramo: 9 de marzo de 2012. Os valores que se emitan agregaranse á emisión anteriormente sinalada, tendo a consideración de ampliación daquela, coa cal se xestionarán como una única emisión a partir da súa posta en circulación.

Cupón corrido: 1,35956% sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión excluíndo o cupón corrido: 104,186% sobre o importe nominal da emisión.

Prezo de emisión incluíndo o cupón corrido: 105,54556% sobre o importe nominal da emisión, libre de gastos para o subscritor.

Entidade colocadora: Banco Santander.

Subscrición: a emisión das obrigacións está destinada a investidores cualificados e o seu desembolso será realizado a través da entidade colocadora da emisión na data de emisión e desembolso, coa intervención do Banco de España consonte os procedementos que este ten establecidos para os membros do Mercado de Débeda Pública en Anotacións.

Disposición derradeira.

Esta orde terá efectos desde o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2012.

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda