Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 12 de marzo de 2012 Páx. 8765

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

RESOLUCIÓN conxunta do 16 de febreiro do 2012 da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do Instituto Galego de Consumo pola que se convoca a fase autonómica do concurso de premios sobre consumo responsable e calidade de vida Consumópolis-7 A publicidade: compras ou cómprante?

Segundo se dispón na Lei 8/1994, do 30 de decembro, de creación do Instituto Galego de Consumo, unha das funcións deste organismo é a de impulsar a formación da cidadanía como persoas consumidoras e usuarias, propoñéndolles aos organismos competentes a adopción de programas de educación para o consumo nas distintas etapas e niveis do ensino e realizar as actuacións necesarias para asegurar que a dita formación sexa permanente.

A Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación (LOE), fai referencia á concepción da educación como instrumento de mellora da condición humana e da vida colectiva é a necesidade de ofertar ao alumnado unha formación que permita dar resposta ás cambiantes necesidades e ás demandas que presentan as persoas e os grupos sociais.

A educación para o consumo é fundamentalmente unha educación social e cidadá, que incide na comunidade e representa un medio para avanzar cara a unha cidadanía máis crítica, autónoma, consciente dos seus dereitos e responsabilidades, que lles permita actuar nunha sociedade globalizada e cambiante.

Promover a educación para o consumo nos centros educativos da Comunidade Autónoma é, polo tanto, un interese do Instituto Galego de Consumo e da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, co obxecto de que o alumnado desenvolva as competencias que lle permitan exercer os seus dereitos como persoas consumidoras, actuando no mercado de forma autónoma, responsable e solidaria.

En consonancia con estes principios, o Instituto Galego de Consumo participa na organización do concurso Consumópolis, conxuntamente co Instituto Nacional del Consumo e dezaseis comunidades autónomas . Este concurso ten como obxectivo o desenvolvemento de actividades que promovan, entre os máis novos, hábitos de consumo responsable fomentando a participación dos centros educativos a través do profesorado e alumnado, en actividades relacionadas coa educación para o consumo.

A primeira fase do concurso, consistente nun xogo pedagóxico virtual, desenvolveuse entre o 24 de outubro de 2011 e o 14 de xaneiro de 2012.

Unha vez rematada a fase de xogo, corresponde ao Instituto Galego de Consumo, adscrito á Consellería de Economía e Industria e á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, convocar a fase autonómica do concurso, co obxecto de seleccionar os gañadores que representen a Comunidade Autónoma de Galicia na fase estatal.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto.

A presente resolución ten por obxecto convocar e regular a fase autonómica do concurso escolar 2011-2012 Consumópolis-7 sobre consumo responsable: A publicidade: compras ou cómprante?.

A fase autonómica do concurso consiste no deseño elaboración e presentación dun cartel publicitario sobre un produto ou servizo que se elixirá entre un dos temas detallados no artigo 6 da presente resolución, que reflictan a súa visión sobre distintos aspectos do consumo responsable.

Artigo 2. Dotación económica.

1. Concederanse tres premios de 1.000, 600 e 300 euros para os traballos clasificados respectivamente en primeiro, segundo e terceiro lugar por cada un dos niveis de participación seguintes:

a. Alumnado de 3.º ciclo de educación primaria.

b. Alumnado de 1.º e 2.º curso de educación secundaria obrigatoria (ESO).

c. Alumnado de 3.º e 4.º curso de educación secundaria obrigatoria (ESO).

Ademais, todos os membros do equipo recibirán un diploma acreditativo como gañadores.

2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada un dos niveis representarán á Comunidade Autónoma na fase estatal que se celebrará en Madrid.

3. Os premios faranse efectivos con cargo a aplicación orzamentaria 08.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2012, no cal existe crédito adecuado e suficiente.

Artigo 3. Beneficiarios.

1. Poderán participar nesta fase autonómica todos aqueles equipos constituídos por cinco alumnos ou alumnas de idades comprendidas entre 10 e 16 anos coordinados por un docente, que estivesen inscritos previamente e que rematasen a primeira parte do concurso realizada a través da páxina web que soporta o xogo e que ten achega desde a web do Instituto Galego de Consumo (www.igc.xunta.es).

2. Un mesmo docente poderá coordinar máis dun equipo dun mesmo ciclo.

3. Cada equipo deberá presentar un único cartel, non existindo límite para o número de grupos que se formen en cada centro educativo.

4. Os niveis de participación establecidos son:

– Alumnado de 3.º ciclo de educación primaria (de 10 a 12 anos).

– Alumnado de 1.º e 2.º curso de educación secundaria obrigatoria (de 12 a 14 anos).

– Alumnado de 3.º e 4.º curso de educación secundaria obrigatoria (de 14 a 16 anos).

Artigo 4. Prazo de presentación.

O prazo para a presentación dos traballos comezará o día seguinte á publicación da presente resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o día 26 de marzo de 2012.

Artigo 5. Presentación das solicitudes e documentación.

1. Os traballos que se presenten irán acompañados da seguinte documentación:

a) Solicitude asinada pola dirección do centro escolar conforme o modelo que figura como anexo I da presente resolución.

b) Unha copia en soporte dixital do cartel que se presenta ao concurso, segundo as características establecidas no artigo 6 da presente resolución.

c) Memoria descritiva realizada polo alumnado participante sobre como se organizaron para a participación no concurso en ambas as fases, segundo as características establecidas no artigo 6 da presente resolución.

Os traballos presentaranse en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Os concursantes presentarán a documentación indicada nos rexistros dos servizos provinciais do Instituto Galego de Consumo ou polas canles establecidas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción dada pola Lei 4/1999. No caso de proceder ao envío certificado por correo, a instancia que se debe xuntar ao traballo estará datada e cuñada pola oficina de correos previamente á súa certificación.

Así mesmo, tamén poderán presentar a documentación na sede electrónica da Xunta de Galicia: (https://sede.xunta.es), de acordo ao establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro.

Artigo 6. Características dos carteis.

(Accesible na web do concurso desde o 24.10.2011 ata o 28.2.2012).

Para poder participar na presente convocatoria é necesario que completen a primeira fase do xogo de todos os integrantes de cada equipo. Unha vez rematada a fase de xogo, cada equipo participante deberá realizar un cartel en equipo coas seguintes características:

6.1. Dependendo do curso a que pertenza cada equipo, os concursantes terán que elixir entre as seguintes propostas segundo o nivel en que concursen:

6.1.1. Carteis primaria.

Pódese elixir entre as seguintes propostas para a realización do cartel publicitario.

Proposta 1:

1. Que se ten que publicitar:

Fomento da lectura das etiquetas dos produtos.

2. Descrición da situación que aconsella realizar unha campaña publicitaria:

«Á vosa aula chegou un compañeiro novo que é celíaco, é dicir, non pode tomar alimentos con glute.

O compañeiro explícavos en que consiste e cóntavos que se ten que fixar moito nas etiquetas dos alimentos, xa que moitos deles, como as galletas e a pasta, levan glute.

O profesor ensínavos como saber que alimentos teñen glute e cales non. Mirando os produtos vemos que as etiquetas teñen moita máis información da que normalmente vemos. Dedicamos a clase a analizar a información das etiquetas e vemos o importante que é que todos nos acostumemos a lelas e telas en conta».

3. Público obxectivo a que se dirixe o cartel.

O alumnado de primaria do centro.

4. Obxectivo que se persegue co cartel publicitario.

Que se comprenda a importancia que ten, para a nosa saúde e seguranza, ler as etiquetas dos produtos antes de utilizalos.

Proposta 2:

1. Que se ten que publicitar:

Fomento do coñecemento dos pictogramas de produtos do fogar.

2. Descrición da situación que aconsella realizar unha campaña publicitaria:

«O irmán dunha amiga vosa, que só ten catro anos, intoxicouse a semana pasada ao beber un produto para lavar o chan que tiñan na súa casa.

Cando a nai da vosa amiga se deu de conta, chamou os servizos de emerxencia e preguntáronlle como era o produto, que compoñentes tiña, e os pictogramas que aparecían nel…. E aínda que, finalmente, todo quedou nun susto, a vosa amiga deuse de conta de que descoñecía que significaban eses «debuxos» que denominan pictogramas e que aparecían no produto, e decátase da importancia que ten coñecelos».

3. Público obxectivo a que se dirixe a campaña publicitaria:

Os nenos e nenas da vosa cidade de idades comprendidas entre os 4 e 10 anos.

4. Obxectivo que se persegue co cartel publicitario.

Que os nenos comprendan o importante que é, para a súa seguranza, coñecer os pictogramas dos produtos do fogar e os perigos que estes encerran.

Proposta 3:

1. Que se ten que publicitar:

Potenciar o uso adecuado das consolas.

2. Descrición da situación que aconsella realizar unha campaña publicitaria:

«Tedes un compañeiro que nunca sae a xogar convosco, xa que non fai outra cosa máis que xogar coa consola… mesmo con videoxogos que non son recomendables para a súa idade debido a contidos negativos. Este é un problema que teñen moitos dos vosos compañeiros e compañeiras: limitan o seu tempo de lecer a xogar coas consolas»

3. Público obxectivo a que se dirixe a campaña publicitaria.

Alumnado de primaria.

4. Obxectivo que se persegue co cartel publicitario:

Fomentar o uso de xogos ao aire libre en que participen varios amigos e amigas.

6.1.2. Carteis 1.º e 2.º ESO.

Pódese elixir entre as seguintes propostas para a realización do cartel publicitario.

Proposta 1:

1. Que se ten que publicitar:

O comercio xusto.

2. Descrición da situación que aconsella realizar unha campaña publicitaria:

«O voso profesor amosouvos un vídeo dunha cooperativa de mulleres de comercio xusto en Ecuador que fan doce de piña e que explica como funcionan as cooperativas de comercio xusto. Como o tema vos parece moi interesante, decidides ampliar a información sobre o comercio xusto: que significa, cales son as súas características, onde se pode comprar…».

3. Público obxectivo a que se dirixe o cartel:

Persoas entre 20 e 35 anos.

4. Obxectivo que se persegue co cartel publicitario:

Dar a coñecer este tipo de comercio e sensibilizar sobre as relacións comerciais entre os países do norte e os países do sur, animando a que compren produtos deste tipo de comercio.

Proposta 2:

1. Que se ten que publicitar:

O asociacionismo de consumo.

2. Descrición da situación que aconsella realizar unha campaña publicitaria:

«Cando a María se lle estragou o móbil que comprara recentemente, seu pai díxolle que debía ir a unha asociación de persoas consumidoras para que a asesorasen sobre o que podía facer. Así o fixo e, finalmente, na asociación axudárona a poñer unha reclamación. Ao contalo, quedastes asombrados co tema, xa que descoñeciades que existisen este tipo de organizacións que axudan e defenden as persoas consumidoras, e seguramente haberá moitas persoas que tamén o descoñezan».

3. Público obxectivo a que se dirixe o cartel:

As persoas adultas do voso contorno.

4. Obxectivo que se persegue co cartel publicitario:

Dar a coñecer as asociacións de consumo e fomentar que as persoas se asocien a elas.

Proposta 3:

1. Que se ten que publicitar:

A importancia que ten gardarmos, os tickets de compra e as facturas dos produtos adquiridos, para podermos exercer os nosos dereitos como persoas consumidoras ante calquera problema.

2. Descrición da situación que aconsella realizar unha campaña publicitaria

«O voso profesor contouvos que hai dous días foi comprar uns zapatos, pero ao chegar á casa e probalos, observou que a sola estaba un pouco desgastada.

Volveu á tenda e comentoulles o problema. Na tenda non lle puxeron ningún problema para cambialos, só tiña que presentar os zapatos coa caixa e o tícket de compra.

Como cando os comprou tiña un pouquiño de présa, non colleu o tícket, e a dependenta dille que sen el non podían facer nada, xa que o documento da garantía é o propio tícket e, ademais é a proba de que se comprou alí o produto».

3. Público obxectivo a que se dirixe o cartel:

Alumnado de primeiro e segundo cursos de secundaria e profesorado do centro.

4. Obxectivo que se persegue co cartel publicitario:

Concienciar o alumnado e profesorado sobre a necesidade de gardar o tícket e as facturas para poder facer uso das garantías dos produtos.

6.1.3. Carteis 3.º e 4.º ESO.

Pódese elixir entre as seguintes propostas para a realización do cartel publicitario.

Proposta 1:

1. Que se ten que publicitar:

Fomentar o comercio de proximidade/denominación de orixe.

2. Descrición da situación que aconsella realizar unha campaña publicitaria:

«O profesorado do voso centro lévavos a facer unha visita a unha empresa da zona que comercializa mel das súas propias colmeas.

Explícanvos como é o proceso de produción e os controis que pasan para garantir a calidade do produto; ademais, este mel, que se produce na vosa zona, vai directamente ao mercado, polo que chega máis fresco e reduce os gastos e os problemas de transporte».

3. Público obxectivo a que se dirixe o cartel:

Alumnado do instituto.

4. Obxectivo que se persegue co cartel publicitario:

Dar a coñecer o comercio de proximidade e os produtos con denominación de orixe, e as vantaxes que ofrecen ás persoas consumidoras.

Proposta 2:

1. Que se ten que publicitar:

A arbitraxe de consumo.

2. Descrición da situación que aconsella realizar unha campaña publicitaria:

«Un representante da Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) desprázase ao voso centro para realizar unha serie de talleres de consumo responsable. Un dos talleres denomínase «A arbitraxe de consumo para a resolución de conflitos. O tema parécevos moi atractivo, pois poden resolverse problemas de consumo de forma amigable e intervindo todos os implicados. Tamén vos decatades de que é un tema pouco coñecido na vosa cidade».

3. Público obxectivo a que se dirixe o cartel:

Persoas adultas da vosa cidade.

4. Obxectivo que se persegue co cartel publicitario:

Que coñezan o sistema arbitral de consumo e como utilizalo.

Proposta 3:

1. Que se ten que publicitar:

O uso responsable do ordenador.

2. Descrición da situación que aconsella realizar unha campaña publicitaria:

«Un compañeiro voso pasa todo o día no ordenador, a maior parte do tempo, navegando pola internet, xogando cos videoxogos, etc. Cando lle propoñedes ir ao cinema, para dar unha volta, nunca quere ir convosco, xa que prefire quedar na casa enganchado ao ordenador, e só sae da casa para ir a colexio».

3. Público obxectivo ao que se dirixe o cartel:

Alumnado de 3.º e 4.º de ESO.

4. Obxectivo que se persegue co cartel publicitario:

Que a mocidade comprenda as desvantaxes e problemas que pode ocasionar un uso irresponsable do ordenador.

6.2. Dimensións e características técnicas do cartel:

a) O cartel publicitario deberá realizarse sobre unha superficie lisa e moderadamente ríxida (madeira, cartón, papel groso, etc.) nun formato A3 (29,7 cm × 42 cm).

b) A orientación do cartel será sempre horizontal, simulando o efecto dun panel publicitario.

c) As técnicas que se poden utilizar para a creación do cartel son libres e flexibles en función das capacidades e gustos do grupo: a man con lapis de cores, acuarelas, témperas, rotuladores, etc. mediante programas informáticos como Word ou Power Point; tamén está permitido o tratamento ou edición de imaxes con programas como Photoshop, Frenad ou Illustrator sempre e cando a base da composición sexa un traballo orixinal creado polo equipo; outras técnicas como collaxes ou fotomontaxes son tamén aceptadas.

d) Unha vez finalizado o cartel, o docente coordinador deberá tirarlle unha fotografía, intentando axustarse ás súas marxes o máximo posible. É aconsellable que o peso da fotografía non sexa superior a 2 MB.

Esta fotografía é a que deberá subirse á plataforma que soporta o xogo Consumópolis-7, na liña «Subir o noso cartel».

e) Incumprir calquera dos dous seguintes requirimentos suporá a descualificación inmediata do equipo:

1. Ningún cartel poderá incluír marcas de produtos ou servizos existentes.

2. Ningún cartel conterá imaxes ou contidos sexistas, racistas ou calquera outro contrario aos valores da escola actual.

6.3. Ficha virtual:

a) Unha vez rematada a realización do cartel poderase imprimir a ficha virtual do cartel, documento que contén os datos do cartel: referencia/nome do equipo/compoñentes/título do cartel. O docente coordinador será o encargado de imprimir este documento e de envialo ao Instituto Galego de Consumo xunto coa solicitude de participación segundo se indica no artigo 5 da presente resolución. Con este documento o xurado poderá acceder ao cartel e proceder á súa avaliación.

b) Desde o momento en que a ficha virtual do cartel foi impresa polo coordinador, o cartel non poderá ser substituído.

c) Aqueles equipos aos cales se lles presenten problemas técnicos que lles dificulten ou impidan subir o cartel e imprimir a ficha virtual, deberán enviarlle un correo electrónico á administración do concurso, que lles indicará, pola mesma vía, o procedemento que deben seguir.

d) Advertencia moi importante: as faltas de ortografía descualifican automaticamente o traballo presentado e, polo tanto, o equipo queda automaticamente eliminado do concurso.

6.4. Memoria da participación no concurso:

O alumnado participante elaborará una memoria en soporte dixital, cunha extensión máxima de 5 páxinas, na cal se expoña como foi a participación do equipo no xogo Consumópolis-7: A publicidade: compras ou cómprante? na que se explique como mínimo:

– A organización do equipo para a resolución das probas do xogo Consumópolis-7 e a documentación consultada.

– A organización do equipo para a elaboración do cartel, as fontes documentais consultadas e os materiais utilizados.

– Xuntarase, se for o caso, anexo fotográfico das actividades realizadas polo alumnado durante a experiencia.

A memoria realizarase en calquera dos dous idiomas oficiais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 7. Xurado.

1. Os traballos que se presenten a esta convocatoria serán examinados e avaliados por un xurado constituído por:

• Presidente:

Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ou persoa en que delegue.

• Vicepresidenta:

– A presidenta do Instituto Galego de Consumo ou persoa en que delegue.

• Vogais:

– Un/a asesor/a docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

– Un funcionario ou funcionaria do Instituto Galego de Consumo.

• Secretaria:

– A directora técnica da Escola Galega de Consumo.

2. O funcionamento do xurado estará regulado polas normas básicas contidas no capítulo II do título II da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e pola sección III, do capítulo I do título I (artigos 14 e seguintes) da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia. O xurado terá facultades para resolver as dúbidas que aparezan na interpretación das bases da presente convocatoria.

3. O xurado, de ser necesario, poderá contar co asesoramento de especialistas.

4. Os premios anunciados poderán ser declarados desertos. Non obstante, o xurado poderá determinar a redistribución da contía dos declarados desertos se as características dos traballos así o permiten.

Artigo 8. Criterios de valoración.

Para a selección dos traballos con dereito a premio, o xurado terá en conta os seguintes criterios:

a) A puntuación obtida no xogo pedagóxico A publicidade: compras ou cómpante?, que representará o 40% da puntuación total que conseguirá cada equipo. A avaliación das probas incluídas no xogo interactivo a través da internet Consumópolis-7 quedará establecida de forma automática polo propio sistema.

b) O cartel suporá o 60% da puntuación total que conseguirá cada equipo, téndose en conta para a súa avaliación os criterios seguintes:

1. Coherencia do cartel e do slogan co tema elixido 20%

2. Claridade na mensaxe 15%

3. Creatividade e orixinalidade na composición do cartel 15%

4. Presentación e calidade técnica 5%

5. Memoria explicativa 5%

Artigo 9. Certificación.

Para os traballos presentados e que reúnan os requisitos establecidos nesta convocatoria, o Instituto Galego de Consumo solicitará da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o recoñecemento ao profesorado coordinador, se a calidade do traballo así o xustifica, e mediante a expedición dun certificado persoal, das horas de innovación realizadas ao abeiro da presente convocatoria.

Artigo 10. Pagamento dos premios.

1. O pagamento dos premios, por unha contía máxima de 5.700 euros, farase con cargo á aplicación orzamentaria 08.80.613B.640.0 dos orzamentos do Instituto Galego de Consumo para o ano 2012, onde existe crédito adecuado e suficiente.

2. Os traballos clasificados en primeiro lugar en cada un dos niveis representarán a Comunidade Autónoma na fase estatal que se celebrará en Madrid.

3. Os/as destinatarios/as dos premios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión dos premios poderá dar lugar a modificación da resolución de concesión.

5. Así mesmo, en caso de incumprimento de calquera das condicións establecidas para a súa concesión, existirá a obriga de reintegro total ou parcial do premio percibido.

Artigo 11. Difusión e publicación.

1. O Instituto Galego de Consumo poderá proceder á reprodución, publicación e divulgación dos traballos premiados, que quedarán na súa propiedade, agás os clasificados en primeiro lugar de cada categoría que concursarán na fase estatal.

2. Os gañadores quedan na obriga de asumir as responsabilidades que puideren resultar da utilización dos textos, imaxes e outros elementos creativos achegados na realización do traballo e cuxa propiedade sexa de terceiras persoas ou entidades alleas á presente convocatoria.

3. A participación de menores nas distintas reportaxes fotográficas que formen parte do traballo deberá contar coa autorización por escrito dos pais ou titores.

4. A participación na correspondente convocatoria supón a aceptación de todas as bases, así como a cesión ao Instituto Galego de Consumo, do dereito de propiedade intelectual dos traballos premiados, nos cales poderán introducirse as variacións que se consideren máis axeitadas para a súa finalidade.

Artigo 12. Retirada da documentación.

As persoas interesadas ou quen as represente poderán solicitar a retirada dos traballos non premiados da páxina web que soporta o concurso, no prazo dos trinta días naturais seguintes ao da publicación da resolución de concesión dos premios no Diario Oficial de Galicia. En caso contrario, quedarán expostos de forma permanente mentres se manteña o concurso.

Artigo 13. Resolución.

1. As solicitudes entenderanse desestimadas se non fosen resoltas no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación da correspondente convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

2. A proposta de concesión de premios emitida polo xurado elevarase á presidenta do Instituto Galego de Consumo para a súa resolución e publicación no Diario Oficial de Galicia.

3. Contra as resolucións que se diten ao abeiro desta convocatoria, que poñerán fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que a ditou ou debeu ditala no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, segundo o establecido na Lei 29/1998, da xurisdición contencioso-administrativa, ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou a resolución, se é expresa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se for o caso, calquera outro, que coiden procedente.

Artigo 14. Réxime de recursos.

Esta resolución poderá ser impugnada potestativamente ante a presidenta do Instituto Galego de Consumo, mediante recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso administrativo, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposición derradeira.

Facúltase á presidenta do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para o desenvolvemento do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2012.

Jesús Vázquez Abad
Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

María Nava Castro Domínguez
Presidenta do Instituto Galego de Cosumo

missing image file