Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 50 Luns, 12 de marzo de 2012 Páx. 8763

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 87/2012, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Plan de Emerxencia Exterior do depósito de lodos vermellos de Alcoa, en Xove.

O Real decreto 975/2009, do 12 de xuño, sobre xestión dos residuos das industrias extractivas e de protección e rehabilitación do espazo afectado por actividades mineiras establece no seu artigo 40 que, cando una instalación de residuos mineiros sexa clasificada como A, a autoridade competente elaborará un Plan de Emerxencia Exterior especificando as medidas que deban tomarse fóra da área da explotación e a súas instalacións e servizos anexos en caso de accidente.

O Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, sinala no artigo 23 que lle corresponde á Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a planificación da protección civil e a prevención, a previsión e a análise de riscos relacionados con ela, en colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias.

A Lei 5/2007, do 7 de maio, de emerxencias de Galicia, establece no artigo 31 que os plans especiais establecen as medidas necesarias para afrontar emerxencias que pola súa natureza requiran uns métodos científicos ou técnicos axeitados para a súa avaliación e tratamento, e no artigo 33, relativo ao procedemento de aprobación e publicación, indica que lle corresponde ao Consello da Xunta de Galicia, co informe previo da Comisión Galega de Protección Civil, a aprobación dos plans especiais. Todos os plans de emerxencias deben ser obxecto de publicación nos diarios oficiais pertinentes. Así mesmo, o artigo 13.b) sinala que a persoa titular da consellería competente en materia de protección civil e xestión de emerxencias será a encargada de propoñer ao Consello da Xunta de Galicia, para a súa aprobación, os plans especiais.

Con data do 19 de xaneiro de 2012, o Grupo de Traballo da Comisión Permanente da Comisión Galega de Protección Civil acordou a presentación do Plan de Emerxencia Exterior do depósito de lodos vermellos de Alcoa en Xove, á Comisión Galega de Protección Civil.

A Comisión Galega de Protección Civil, na súa reunión do 31 de xaneiro de 2012, informou favorablemente o plan.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión de vinte e tres de febreiro de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo único un.

Apróbase o Plan de Emerxencia Exterior do depósito de lodos vermellos de Alcoa en Xove.

Artigo único dous.

Este Plan de Emerxencia Exterior atoparase á disposición do público na sede da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza (rúa Roma, 25-27, Santiago de Compostela), na súa páxina web, así como nos correspondentes servizos provinciais de emerxencias.

Disposicións derradeira única. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2012.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza