Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 14 de marzo de 2012 Páx. 9173

IV. Oposicións e concursos

Consellería de Facenda

RESOLUCIÓN do 7 de marzo de 2012, do tribunal designado para xulgar o proceso selectivo para o ingreso no corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, convocado pola Orde do 21 de xullo de 2011 (DOG número 142, do 26 de xullo), pola que se fai pública a data, a hora e o lugar de realización do segundo exercicio da fase de oposición.

En sesión que tivo lugar o día 7 de marzo de 2012, o tribunal nomeado pola Orde do 15 de decembro de 2011 para cualificar o proceso selectivo para o ingreso, no corpo de xestión da Administración da Xunta de Galicia, subgrupo A2, acordou, de conformidade co disposto na base II.1.1.2 da convocatoria, que o segundo exercicio da fase de oposición terá lugar o día dez (10) de abril de 2012, no salón de actos e na aula número 8 da Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela, en chamamento único que se iniciará ás 16.00 horas.

Os aspirantes deberán ir provistos de DNI ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal, e de bolígrafo de tinta azul.

En relación cos textos legais de que poderán servirse para o desenvolvemento do exercicio, admitiranse as súas versións consolidadas, aquelas en que figuren notas de vixencia e/ou referencias cruzadas a outras normas e os subliñados simples sempre que non inclúan ningunha outra información, comentario doutrinal ou referencia xurisprudencial. Así mesmo, excluiranse os libros de consultas, temarios, informes ou ditames de calquera tipo.

Durante o desenvolvemento do exercicio, os membros do tribunal poderán examinar o material que está a utilizar cada aspirante e comprobar se se axusta ao establecido nos parágrafos anteriores. O manexo de textos normativos distintos dos permitidos determinará a expulsión do aspirante.

Non se permitirá o acceso ao recinto onde se realice o exercicio con teléfonos móbiles, axendas electrónicas ou calquera outro instrumento de que se poida valer o aspirante para auxiliarse na realización do exercicio. Non se habilitará no recinto ningún servizo de recolla de móbiles.

Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2012.

María del Mar Pousa Cobas
Presidenta do tribunal