Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 55 Martes, 20 de marzo de 2012 Páx. 9797

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Axencia Galega de Infraestruturas

ANUNCIO do 13 de febreiro de 2012 para facer pública a resolución pola que se aproba o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado da autovía AG-59, treito A Ramallosa-A Estrada, clave GA/08/022.01.

Con data do 17 de xaneiro de 2012, a entón directora xeral de Infraestruturas, por delegación do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (Orde do 9 de xullo de 2009, Diario Oficial de Galicia do 16 de xullo), visto o informe da análise das alegacións, resolveu o seguinte:

Primeiro. Aprobar o expediente de información pública e definitivamente o proxecto de trazado da autovía AG-59, treito A Ramallosa-A Estrada, clave: GA/08/022.01, coas seguintes consideracións:

– Modificarase o deseño do enlace da PO-841 co fin de encontrar un punto de equilibrio entre as afeccións a vivendas e instalacións comerciais e as necesidades de deseñar un trazado seguro e cómodo para as reposicións da PO-841. Para iso estudarase a posibilidade de desprazar a situación da rotonda superior ata un máximo duns 60 metros cara ao sur, manténdoa sobre o tronco da autovía, e readaptando o trazado das reposicións que acceden a ela.

– Rectificarase o trazado das variantes 107+890 e 109+607, minimizando a afección aos terreos do contorno. No primeiro caso depurarase o deseño da intersección entre a reposición da PO-214 (variante 107+890) e a PO-841, de tal xeito que se aproveite o espazo actualmente ocupado pola intersección entre esta última e o seu trazado antigo (a actual PO-182), desprazando o punto de entroncamento lixeiramente cara ao norte e orientando o trazado da reposición sobre un dos camiños existentes. No segundo caso, a reposición executarase mantendo a aliñación aproximada do camiño actual, de xeito que se diminúa a afección aos terreos do contorno.

– Deseñaranse con detalle todos os camiños de servizo, de xeito que ningunha parcela quede sen accesos como consecuencia da construción da nova vía. Minimizarase o impacto deles nas leiras veciñas, evitando a súa execución onde non sexan estritamente necesarios ou melloren de xeito significativo a conectividade da rede de camiños existente.

– Completarase a identificación dos servizos afectados coa información subministrada, tentando de xeito preferente evitar a afección ao servizo existente e, de non ser isto posible, procedendo á súa reposición. Se tampouco for posible a reposición do servizo, considerarase este como un dereito real afectado pola execución das obras e procederase a avaliar a indemnización correspondente.

– Preverase a expropiación total das leiras en que só sexa necesaria a ocupación dunha parte de tal xeito que resulte antieconómica a conservación da parte de leira non expropiada e así o solicite o seu propietario.

– Corrixiranse os erros detectados nos datos relativos a titularidade, límites e bens das leiras afectadas pola construción da obra, tanto nos planos parcelarios como nas listas de titulares e de bens e dereitos afectados.

– Teranse en conta as prescricións indicadas no informe da Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe.

– Seguiranse as indicacións recollidas no informe da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural: definirase correctamente a afección das obras aos elementos dos muíños de Mendolla (E-2, E-3 e E-4), substituirase o muro 5, no p.q. 105+700, no contorno do muíño de Toxeira (E-5), por un muro verde, valorarase a afección ao Castro de Santa Marta (GA15082010), realizarase un desbroce controlado de vexetación e un proxecto de sondaxes arqueolóxicas na área de respecto do elemento Castro de Abaixo (GA36017205) e adoptaranse o resto de medidas xenéricas prescritas no informe.

– Consideraranse as precisións que se establecen no informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza: estudarase a posibilidade de ampliar o vao central do viaduto sobre o río Ulla, realizarase unha prospección respecto á presenza de Milvus milvus entre os meses de abril e outubro, adaptaranse as obras de drenaxe transversal dos p.q. 1+140, ao paso de grandes mamíferos, e 3+920, ao paso de pequenos vertebrados, deseñaranse no paso inferior do p.q. 2+470, as medidas necesarias para facilitar o acceso da fauna, especialmente os grandes mamíferos, en puntos próximos ás súas embocaduras, someterase o proxecto de construción ao informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e aplicaranse o resto das condicións reflectidas no informe do 29 de marzo de 2010 da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

– Remitiranse á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental os informes emitidos pola Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza, pola Dirección Xeral de Sostibilidade e Paisaxe e por Augas de Galicia.

Segundo. Consonte establece o artigo 15.3 da Lei 4/1994, do 14 de setembro, de estradas de Galicia, a aprobación definitiva do proxecto de trazado comportará a modificación ou revisión do planeamento urbanístico existente nos concellos da Estrada e de Teo, que deberán acomodarse, no prazo dun ano, ás determinacións do documento que incorpore ao proxecto de trazado as modificacións indicadas no punto anterior.

Terceiro. Así mesmo, na páxina web da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas (http://www.cmati.xunta.es/portal/cidadan/lang/gl/pid/2917), porase ao dispor dos interesados un documento coa planta do proxecto de trazado aprobado.

Cuarto. Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de acordo co establecido nos artigos 10 e 14 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, ou ben recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que a ditou. O prazo para interpoñer os ditos recursos é respectivamente, de dous (2) e un (1) mes, contando desde o día seguinte ao da publicación deste acto.

O que se fai público para xeral coñecemento.

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2012.

Ethel Vázquez Mourelle
Directora da Axencia Galega de Infraestruturas