Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Martes, 27 de marzo de 2012 Páx. 10679

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 14 de marzo de 2012 pola que se aproban as bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

As políticas de acción humanitaria oriéntanse á protección da vida e da dignidade humana, ademais de aliviar, diminuír e previr o sufrimento humano en situacións de crise, nas cales existe unha especial e estendida ameaza á vida, á saúde ou á supervivencia básica, que supera a capacidade de resposta dos individuos e das comunidades.

Á acción humanitaria propia dos distintos gobernos nacionais únese tamén a vontade de actuación que xorde de forma descentralizada nas comunidades autónomas e noutras administracións territoriais, así como en institucións ou axentes sociais que senten como un deber ético común o compromiso de traballar neste ámbito asumindo os principios de humanidade, imparcialidade, independencia e neutralidade.

Coa aprobación polo Parlamento de Galicia da Lei 3/2003, do 19 de xuño, de cooperación para o desenvolvemento, a Comunidade Autónoma reafirma este compromiso e asume como propia a responsabilidade de prestar axuda humanitaria en países terceiros. A axuda humanitaria e de emerxencia en caso de catástrofe natural foi recollida como obxectivo prioritario da cooperación exterior nesta lei, e o II Plan director da cooperación galega para o desenvolvemento 2010-2013 identifica a acción humanitaria como unha prioridade sectorial dentro da cooperación, para executar de forma directa ou a través dos diferentes actores da cooperación.

No Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicado no DOG n.º 23, do 3 de febreiro, establécese no seu artigo 32, punto 1, as competencias da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior nesta materia.

En atención a estes principios e obxectivos e en uso das atribucións que me confire o artigo 34.6 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e da súa Presidencia,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Aprobar as bases reguladoras que figuran como anexo desta orde para a concesión de subvencións para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior.

2. Convocar as subvencións con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para 2012 de acordo coas bases reguladoras aprobadas nesta orde, que se financiarán con cargo á aplicación orzamentaria 05.06.331A.490.0 pola contía total de 300.000 euros.

3. Contra estas bases reguladoras e a convocatoria cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) Potestativamente, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa correspondente publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Disposición adicional primeira.

Apróbase a delegación de atribucións do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza no director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, de acordo co establecido no artigo 3.4 da Orde do 22 de setembro de 2011, sobre delegación de competencias na Secretaría Xeral Técnica e noutros órganos desta consellería.

Autorízase o director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea para ditar, no ámbito das súas competencias, as instrucións precisas para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Disposición adicional segunda.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Bases reguladoras da concesión de subvencións para a execución
de proxectos de acción humanitaria no exterior

Artigo 1. Obxecto e crédito.

1.1. O obxecto destas bases é a regulación de concesión de subvencións ás organizacións non gobernamentais, para a execución de proxectos de acción humanitaria no exterior.

1.2. Enténdese por proxectos de acción humanitaria, consonte a iniciativa da Boa Doazón Humanitaria (GHD, nas súas siglas en inglés) aqueles destinados a salvar vidas, aliviar o sufrimento e manter a dignidade humana durante e despois das crises –provocadas por seres humanos ou por desastres naturais–, así como previr e reforzar a capacidade de resposta para cando se produzan estas situacións.

A acción humanitaria debe guiarse polos principios de humanidade, imparcialidade, neutralidade e independencia.

1.3. O crédito de que se dispón para a dotación desta convocatoria é de 300.000 euros con cargo á aplicación orzamentaria 05.06.331A.490.0, sen prexuízo de que posteriormente se poida ver incrementada esta dotación con achegas posteriores. A ampliación de crédito publicarase nos mesmos medios que a presente convocatoria.

Artigo 2. Entidades beneficiarias.

2.1. Poderán optar a esta subvención as organizacións non gobernamentais que teñan entre os seus fins o desempeño de actuacións de acción humanitaria.

2.2. Poderán ter acceso á subvención as agrupacións de entidades.

Artigo 3. Requisitos das entidades solicitantes.

3.1. Requisitos das entidades solicitantes:

a) Estar inscritas no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, con polo menos un ano de antelación ao de publicación da convocatoria.

b) Que xustificasen, se é o caso, e antes da data de presentación da solicitude para esta convocatoria, as axudas recibidas para a anualidade 2009, por parte da Xunta de Galicia, a outros proxectos de axuda humanitaria, emerxencia ou cooperación ao desenvolvemento. Así mesmo, é necesario que se efectuase o correspondente ingreso, nos casos en que sobre os beneficiarios de axudas económicas se ditase resolución administrativa ou xudicial firme de reintegro.

c) Non estar incursas en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Ter sede, domicilio social ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase por delegación permanente aquela que conte con persoal permanente da organización e local fixo onde realicen as súas actividades. Neste caso, esta asumirá a responsabilidade directa na presentación da solicitude e comprometerase ao mantemento da documentación, á contabilidade e coxestión do proxecto na súa oficina de Galicia, entendendo por esta a participación en, polo menos, a identificación, formulación, seguimento e avaliación do proxecto. Así mesmo, as entidades beneficiarias deben manter aberta como mínimo a súa sede ou delegación permanente en Galicia, ata a prescrición do proxecto, é dicir, por un período de 4 anos desde a finalización da súa execución. En caso contrario, o incumprimento levará consigo a obriga de devolución do importe da subvención concedida.

e) No caso de agrupación de entidades, todas elas deberán cumprir os requisitos anteriores. As entidades agrupadas asumen a responsabilidade conxunta do proxecto e designarán un domicilio único e unha cabeza de agrupación, tanto para efectos de notificacións administrativas coma de interlocución coa Administración. A porcentaxe de participación de cada entidade no proxecto, así como os dereitos e obrigas de cada unha delas, determinarase nun convenio que deberán xuntar cando se presente a documentación de solicitude. Neste convenio deberá sinalarse que cada unha das entidades asume a responsabilidade directa pola súa porcentaxe de participación e subsidiaria pola totalidade do proxecto.

Non se considera agrupación de entidades aquelas que estean formadas por unha asociación e a federación a que pertenza dita asociación ou aquelas en que os órganos de goberno sexan coincidentes, total ou parcialmente, en todas as entidades agrupadas.

f) A entidade solicitante poderá presentar un máximo de dous proxectos individuais ou en agrupación.

3.2. Requisitos dos proxectos:

a) Ter unha duración máxima de 11 meses. A súa execución deberá rematar antes do 30 de novembro de 2012 e poderá estar iniciado desde o 1 de xaneiro de 2012.

b) Que se identifiquen contrapartes ou socios locais que participen responsablemente na execución material do proxecto e na xestión dos recursos, constando expresamente o seu compromiso co proxecto. Poderá considerarse como socio local a propia ONGD en terreo.

c) Que os proxectos redunden na mellora das condicións de vida das poboacións beneficiarias: que conten coa participación dos/as beneficiarios/as; que non sexan discriminatorios por razón de raza, sexo, relixión, cultura ou orixe.

d) Expor unha relación coherente entre os recursos utilizados, as accións que se pretende realizar e os resultados que se pretende acadar con elas.

e) Incluír un orzamento detallado do proxecto.

Artigo 4. Solicitude.

4.1. A solicitude da subvención presentarase de acordo co modelo que figura como anexo I destas bases reguladoras. De conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega, a presentación da solicitude leva implícita a autorización para o tratamento necesario dos datos das entidades beneficiarias e da súa publicación na páxina web www.cooperaciongalega.org

4.2. A citada solicitude irá acompañada do proxecto, que se presentará no modelo oficial de documento de formulación de presentación de proxectos cos anexos que especifica, en formato orixinal e electrónico. Estes formatos poderán descargarse da páxina web www.cooperaciongalega.org

4.3. Os anexos que é necesario presentar xunto co documento de formulación son:

a) Certificación asinada polo secretario da entidade, relativa:

– Á representación da persoa responsable legal da entidade (para aquelas entidades con domicilio social en Galicia). Na falta da certificación do secretario, presentarase poder bastante sobre a representación para o seu responsable ou delegado en Galicia que actúe en nome da entidade.

– Ao depósito dos seus estatutos na oficina pública correspondente cando proceda.

– A que dispón de sede central ou delegación permanente na Comunidade Autónoma de Galicia, co compromiso de mantela aberta ata a prescrición do proxecto.

– Á composición do órgano de goberno da dirección da entidade (as renovacións ou modificacións da súa composición deben ser notificadas, especialmente no que atinxe aos postos de representante legal e secretario/a).

– NIF da entidade.

– No caso das ONGD deberá figurar expresamente o número de socios/as en Galicia.

No caso de que calquera documento dos recollidos neste punto carecese de vixencia no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, farase indicación expresa sobre el e achegarase debidamente compulsado ese documento, co obxecto de ser incorporado de oficio ao rexistro.

Cando a persoa que formule a solicitude non sexa ningunha daquelas de que se dispón de datos no Rexistro Galego de Axentes de Cooperación para o Desenvolvemento, deberase achegar xunto coa certificación anterior copia compulsada do seu documento de identidade e certificación do secretario da entidade, acreditativa da vinculación que a une coa entidade solicitante.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade en que se faga constar que a entidade solicitante non está incursa en ningún dos supostos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, segundo o modelo que figura como anexo II.

c) Certificación da Axencia Estatal da Administración Tributaria e da Tesouraría da Seguridade Social acreditativas de estar ao día das obrigas tributarias e sociais, e certificación da Consellería de Facenda de non ter ningunha débeda por ningún concepto coa Facenda autonómica. A presentación da solicitude comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Facenda da Xunta de Galicia.

d) Declaración responsable do representante legal da entidade en que se precisen outras axudas solicitadas de entidades públicas ou privadas para a mesma finalidade.

e) Memoria da organización en que se inclúan as accións da entidade nos últimos dous anos.

f) Plan/estratexia da entidade para os seguintes anos en que se enmarca o proxecto presentado.

g) Cando varias entidades se agrupen para a realización dun proxecto, deberán xuntar o contrato ou acordo de colaboración asinado entre os seus representantes legais, así como o documento da designación do representante común.

h) No suposto de que a entidade presentase esta documentación ou parte a outra convocatoria de axudas das convocadas pola Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE no ano en curso ou no ano anterior, será suficiente con achegar unha declaración en que se especifique a documentación xa presentada, así como o número de expediente en que se atopa incorporada, anexando a documentación que falte ou estea sen actualizar.

4.4. Consonte o establecido no artigo 20.5 da Lei 9/2007, se a solicitude non reunise os requisitos establecidos nesta convocatoria, requirirase o interesado para a súa emenda nos termos establecidos no artigo 9.1 desta convocatoria.

Artigo 5. Condicións de financiamento.

5.1. Poderase financiar ata un 95% do orzamento total do proxecto. A subvención concedida non superará en ningún caso os 70.000 euros.

5.2. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100% da subvención concedida, sen que se exixa garantía.

5.3. As axudas aquí reguladas serán compatibles con calquera outra procedente doutras administracións públicas, organizacións internacionais, entidades privadas non lucrativas ou doazóns de particulares, sempre e cando a suma de todas as obtidas non supere o custo do proxecto subvencionado.

5.4. A entidade beneficiaria obrígase a comunicarlle ao órgano concedente a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas, así como a modificación das circunstancias que fundamentasen a concesión da subvención. Esta comunicación deberá efectuarse no momento en que se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

Artigo 6. Gastos do proxecto.

6.1. Gastos subvencionables.

1. Serán gastos subvencionables os custos directos e indirectos.

2. Entenderanse coma custos directos aqueles imprescindibles para a posta e marcha do proxecto, vinculados á execución da intervención e que financian a consecución dos obxectivos. Para efectos da concesión da axuda teranse en conta:

a) Materiais consumibles, considéranse os gastos consumibles en prazos inferiores a un ano: material de primeira necesidade para a saúde, a hixiene, a vivenda, utensilios de cociña, materiais sanitarios, material de escritorio, material informático, material de formación, reprografías e imprenta, reparacións e mantemento de maquinaria. Tamén se inclúe o aluguer de vehículos, maquinaria, instalacións e ferramentas necesarias para a execución da intervención.

b) Persoal. Para os efectos desta norma entenderase:

– Persoal expatriado, aquel persoal da entidade española sometido á lexislación española que presta os seus servizos no país onde se executa a intervención obxecto da subvención e cuxas funcións e tarefas están directamente relacionadas con aquela.

– Persoal local, aquel persoal sometido á lexislación laboral do país onde se executa a intervención obxecto de subvención e no cal presta os seus servizos, de acordo co réxime laboral correspondente as súas funcións e desempeño, estando as súas funcións e tarefas directamente relacionadas coa intervención.

– Persoal en sede, aquel da entidade en Galicia sometido á lexislación española, que presta os seus servizos en Galicia, con independencia de que por razón das súas funcións teña que desprazarse aos países de execución ocasional ou regularmente, e cuxas funcións e tarefas están imputadas á posta en execución e seguimento da intervención obxecto da subvención. En todos os casos a imputación poderá ser total ou parcial en función da dedicación.

A entidade solicitante deberá recorrer na medida do posible aos recursos humanos locais.

Os gastos de persoal subvencionables poderán incluír salarios, seguros sociais a cargo da entidade do persoal afecto á intervención, así como calquera outro seguro que se subscriba a nome do persoal ou da súa familia en primeiro grao. O importe máximo aplicable por este concepto non poderá superar o 70% do orzamento total do proxecto.

c) Servizos técnicos e profesionais requiridos para a realización de análise de necesidades, diagnósticos, capacitacións, seminarios, informes… previstos na formulación da intervención.

d) Viaxes e estadías. Inclúense os gastos vinculados á mobilidade do persoal e beneficiarios/as necesaria para a execución da intervención (incluíndo combustible).

e) Funcionamento en terreo. Gastos correntes de funcionamento acaecidos no país de execución e ligados á execución do proxecto. Inclúese o aluguer de oficinas, electricidade, auga, comunicacións, papelaría ou outros gastos de oficina, limpeza, mantemento e seguridade, até un máximo do 2% do orzamento do proxecto.

f) Auditoría contable. O importe máximo imputado a este concepto non excederá os 2.000 euros. A auditoría contable poderá realizarse fora do prazo de execución do proxecto, aínda que sempre antes do 15 de decembro do ano en que remate a súa execución.

3. Custos indirectos. Son os gastos propios do funcionamento regular da entidade solicitante e da contraparte ou socio local, que resultan da formulación e execución do proxecto, así como da difusión e seguimento en Galicia. Non poderán superar o 5% do orzamento total do proxecto.

Estes gastos imputaranse á actividade subvencionada na parte que razoablemente corresponda de acordo cos principios e normas de contabilidade xeralmente aceptadas e, en todo caso, na medida en que tales gastos correspondan ao período en que efectivamente se realiza a actividade.

Estes gastos serán acreditados ante a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea mediante unha declaración responsable da persoa representante legal da entidade.

4. Como achegas locais pódense aceptar, en concepto de gastos susceptibles de axuda, valorizacións, sempre que estean suficientemente acreditadas e intrinsecamente vinculadas, de maneira exclusiva ou proporcional, á intervención que ten que desenvolverse.

As valorizacións acreditaranse cun certificado da contraparte ou socio local, da poboación beneficiaria final do proxecto ou da entidade que achegue os bens e servizos. Neste certificado, ou nun documento anexo, describirase e cuantificarase a achega, con indicación do número de unidades, horas de traballo, prezos unitarios (se corresponde) e a valoración total. As valorizacións axustaranse aos prezos de mercado local e, no caso de equipamentos e bens, deben ter en conta a antigüidade.

5. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, e deberá xustificarse expresamente nunha memoria cando a elección non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

6.2. En ningún caso serán gastos subvencionables:

• Os bens e equipamentos inventariables.

• Os gastos de aluguer ou adquisición da vivenda do persoal expatriado.

• Os xuros debedores das contas bancarias.

• Xuros, recargas e sancións administrativas e penais.

• Gastos de procedementos xudiciais.

• As amortizacións de bens inventariables.

• Gastos en atencións protocolarias (xantares, festas, recepcións, regalos, flores, entradas a espectáculos, etc.).

Artigo 7. Criterios de valoración.

7.1. Os proxectos que cumpran os requisitos sinalados nestas bases reguladoras serán avaliados tendo en conta os seguintes criterios:

I. Aspectos relacionados coa entidade solicitante: ata 20 puntos.

1. Experiencia relevante en accións humanitarias (no sector de actuación do proxecto e no país, zona, comunidade onde se vai executar). Máximo: 7 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto pola entidade (xestión de recursos humanos, técnicos e económicos para o desenvolvemento do proxecto) e asunción dos estándares humanitarios recoñecidos internacionalmente. Máximo: 6 puntos.

3. Estratexia de acción humanitaria da entidade para os vindeiros anos. Máximo: 5 puntos.

4. Achega financeira da entidade ao proxecto. Máximo: 2 puntos.

II. Aspectos relacionados co socio local: ata 20 puntos.

1. Experiencia de traballo en proxectos de acción humanitaria, na zona ou comunidade onde se vai executar o proxecto e no sector de actuación do proxecto. Máximo: 7 puntos.

2. Capacidade de execución do proxecto. Garantía de implicación da entidade na comunidade e da propia comunidade no proxecto mediante a intervención da contraparte. Adecuación e coherencia no sector de traballo da entidade e o obxectivo do proxecto. Máximo: 7 puntos.

3. Achega financeira do socio local ao proxecto. Máximo: 1 punto.

4. Participación no proxecto xunto a outras organizacións ou institucións. Máximo: 5 puntos.

III. Aspectos relacionados co contido do proxecto: ata 50 puntos.

1. Pertinencia do proxecto con especial concreción sobre o contexto social, económico, político e cultural dos beneficiarios/as, zona e país onde se vai desenvolver; antecedentes e xustificación deste. Máximo: 5 puntos.

2. Coherencia dos obxectivos e resultados coa problemática presentada. Máximo: 5 puntos.

3. Accións que se van desenvolver e prazo de execución. Coherencia na programación temporal. Máximo: 3 puntos.

4. Financiamento. Coherencia das partidas orzamentarias cos obxectivos do proxecto. Máximo: 5 puntos.

5. Recursos humanos suficientes para acadar os obxectivos do proxecto. Máximo: 3 puntos.

6. Poboación beneficiaria: descrición precisa dos destinatarios/as, criterios de determinación e análise da súa vulnerabilidade, grao de participación nas distintas fases do proxecto. Máximo: 5 puntos.

7. Aliñamento do proxecto coas políticas e programas do país e, de ser o caso, coas políticas e programas dos organismos de Nacións Unidas. Máximo: 5 puntos.

8. Fortalecemento das capacidades locais. Máximo: 5 puntos.

9. Coordinación e complementariedade. Máximo: 5 puntos.

10. Seguimento e conectividade. Máximo: 5 puntos.

11. Incorporación da perspectiva de xénero en todas as fases do ciclo do proxecto. Máximo: 2 puntos.

12. Impacto ambiental. Máximo: 2 puntos.

IV. Proxecto presentado por unha agrupación de entidades. Máximo: 3 puntos.

V. Proxectos de reconstrución en Haití, de atención a crises esquecidas, ou de xestión de riscos, prevención, mitigación e preparación ante desastres. Máximo: 7 puntos.

7.2. Para superar a fase de valoración dos proxectos será necesario acadar unha puntuación do 50% nos puntos I, II e III.

Artigo 8. Prazo e lugar de presentación das solicitudes.

8.1. Ao ser unha convocatoria de carácter permanente, a solicitude poderá presentarse ao longo do ano, a partir do día seguinte ao da publicación destas bases.

8.2. As solicitudes dirixiranse ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE (rúa Feáns, 5, baixo, 15705 Santiago de Compostela) cubertas nos modelos que figuran como anexos destas bases, por calquera dos medios previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en diante Lei 30/1992), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. Tamén se poderá presentar a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es

Artigo 9. Instrución e resolución.

9.1. A instrución do procedemento corresponderá á Subdirección Xeral de Cooperación Exterior. Unha vez recibidas e examinadas as solicitudes, se estas non reúnen os requisitos sinalados ou carecen de documentación, requiriranse os interesados para que, nun prazo de dez días, corrixan a falta ou xunten os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixesen, desistirán da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro. Á vista da proposta de resolución do instrutor, debidamente motivada, o órgano competente por delegación do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza resolverá o procedente.

A resolución farase nun prazo máximo de 60 días desde a recepción da proposta.

9.2. Resérvase a posibilidade de facer unha reformulación das solicitudes de acordo co previsto no artigo 25 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Artigo 10. Publicidade da concesión das subvencións.

Unha vez ultimada a concesión de axudas, publicarase trimestralmente a relación das concedidas con indicación de beneficiario/a, contía, país de execución do proxecto e finalidade, no Diario Oficial de Galicia e na web oficial da cooperación galega, de conformidade co artigo 13.4 da Lei 4/2006, do 30 de xuño, de transparencia e de boas prácticas na Administración pública galega e no artigo 15 da Lei 9/2007. Ademais, de conformidade co artigo 3.2 do Decreto 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, estes datos serán publicados no Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios.

Artigo 11. Aceptación da subvención e compromiso de financiamento.

Unha vez notificada a concesión da axuda, a entidade beneficiaria presentará nun prazo máximo de dez días declaración por escrito da aceptación da axuda, en que conste o seu compromiso de achegar directamente ou cubrir con outras achegas a diferenza entre o custo total do proxecto e a contía da subvención finalmente concedida. Transcorrido o dito prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, de acordo co establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Igualmente deberán confirmar, se é o caso, que as subvencións solicitadas a outras institucións xa foron concedidas, ou ben que se compromete a financiar as cantidades adicionais que correspondan. De non ser así, a entidade beneficiaria poderá, dentro do mesmo prazo, renunciar á axuda ou, sempre que tecnicamente sexa posible e sen que se altere a finalidade nin o orzamento total do proxecto aprobado, presentar unha readaptación á subvención concedida, que non afecte a orde de prelación dos proxectos subvencionados, que será sometida a unha nova análise. No caso de readaptación do proxecto, o órgano competente, por delegación do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, ditará nova resolución, que lle será notificada á entidade no prazo dun mes.

De producírense renuncias ás subvencións ou revogacións das axudas, os seus importes poderán destinarse a incrementar a axuda inicialmente concedida a outros proxectos ou ben a subvencionar os que, reunindo os requisitos destas bases reguladoras, e inicialmente non subvencionados, fosen mellor valorados.

Artigo 12. Anticipos.

12.1. Con base na disposición adicional segunda da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia e en atención á coherencia co obxecto e finalidade das subvencións, realizaranse pagamentos anticipados do 100% sen necesidade de exixir garantía, sendo obrigatorio presentar un informe final.

12.2. Para o pagamento do anticipo da subvención, as entidades beneficiarias deberán presentar a seguinte documentación:

a) Solicitude de libramento do pagamento do anticipo da subvención concedida, asinada polo representante legal da entidade.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Certificación bancaria das contas da entidade beneficiaria e do socio local afectas á xestión do proxecto. Nestas contas asignadas ao proxecto terán o seu destino todos os pagamentos que se realicen con cargo ao cofinanciamento da consellería competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Os comprobantes destes ingresos e gastos estarán á disposición do centro directivo competente en materia de cooperación para o desenvolvemento.

12.3. Non obstante, as entidades beneficiarias deberán acreditar, con cada solicitude de pagamento, de acordo co establecido no artigo 60.4 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, que se atopan ao día das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Facenda autonómica, de acordo co establecido nas letras b) e i) do artigo 31.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Conforme o establecido no artigo 20.3 desta mesma lei, as entidades beneficiarias autorizan o órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir as mencionadas institucións.

Artigo 13. Prazo e forma de xustificación das subvencións outorgadas.

13.1. As subvencións concedidas deberán ser xustificadas, coa documentación que se sinala no punto terceiro deste artigo, no prazo máximo de tres meses desde a finalización do prazo para a realización das actividades do proxecto subvencionado, conforme o establecido no artigo 28.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, na medida do posible tamén en formato electrónico e sempre dentro do exercicio orzamentario correspondente, de acordo co que establece o artigo 45.5 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

13.2. Para a presentación do informe final, deberá utilizarse o modelo facilitado pola Dirección Xeral de Relación Exteriores e coa UE da Xunta de Galicia, que se poderá descargar da páxina web www.cooperaciongalega.org

13.3. Para a xustificación final do proxecto e co fin de acreditar a realización total das actividades así como a finalidade para a cal se concedeu a subvención, a entidade beneficiaria deberá presentar un informe final que constará de dúas partes:

a) Xustificación técnica. Indicará co máximo detalle os obxectivos conseguidos, os resultados obtidos, as actividades realizadas, o proceso de vinculación, transferencia e xestión das intervencións tras a súa finalización, así como a análise da súa sustentabilidade futura.

b) Xustificación económica. Comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida e realizarase mediante a forma de conta xustificativa, que incluirá a declaración das actividades realizadas e o seu custo, coa desagregación de cada un dos gastos realizados.

13.3.1. Xustificación técnica, que incluirá:

– Certificación da persoa que desempeñe a representación legal da entidade beneficiaria acreditativa da total realización do proxecto e da aplicación dos fondos ao fin destinado.

– Memoria de execución sobre os obxectivos, actividades e resultados acadados polo proxecto. Deberá estar asinada pola persoa responsable da xestión técnica-económica do proxecto en Galicia.

13.3.2. Xustificación económica (exceptuados os proxectos executados polas axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas): comprenderá toda a documentación que acredite os gastos efectuados con cargo á subvención concedida. A conta xustificativa poderá ser:

– Conta xustificativa simplificada no caso de subvencións por importe igual ou inferior a 25.000 euros.

– Conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos, no caso de subvencións por importe igual ou inferior a 50.000 euros.

– Conta xustificativa con entrega de informe de auditor, obrigatoria para subvencións por importe superior a 50.000 euros e opcional no caso de subvencións por importe igual ou inferior a 50.000 euros.

– A conta xustificativa simplificada incluirá:

a) Certificación dos gastos co importe total do proxecto, distribuída por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que desempeñe a representación legal en Galicia da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

e) Mediante técnica de mostraxe aleatoria simple, o órgano competente requirirá os beneficiarios a achega dos orixinais dos xustificantes que coide oportunos, que suporán ao menos o 25% da cantidade subvencionada.

– A conta xustificativa con achega de xustificantes de gastos incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto distribuída por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinada pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Facturas ou documentos xustificativos dos gastos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa incorporados na relación a que se fai referencia no parágrafo anterior e a documentación acreditativa do pagamento.

– Conta xustificativa con entrega de informe de auditor, para subvencións por importe superior a 50.000 euros e opcional no caso de subvencións por importe igual ou inferior a 50.000 euros, que incluirá:

a) Certificación dos gastos polo importe total do proxecto distribuída por partidas orzamentarias e na cal se indiquen as distintas fontes de financiamento, asinado pola persoa que desempeñe a representación legal da entidade beneficiaria.

b) Declaración responsable do representante legal da entidade, complementaria e actualizada, doutras axudas solicitadas, pendentes de resolución, outorgadas ou recibidas para o proxecto subvencionado.

c) Relación de todos os gastos efectuados, con indicación da data e do número da factura ou do documento xustificativo do gasto, identificación do seu emisor, data e forma de pagamento e descrición do gasto, co seu importe en moeda local e o seu equivalente en euros.

d) Informe do auditor/a de contas inscrito como exercente no Rexistro Oficial de Auditores de Contas (ROAC).

A revisión da conta xustificativa polo auditor/a de contas realizarase de conformidade coas normas de actuación e supervisión que, se é o caso, propoña o órgano que teña atribuídas as competencias de control financeiro de subvencións en Galicia.

Para o estudo e revisión da documentación xustificativa, os auditores poderán utilizar técnicas de mostraxe de acordo coas prácticas habituais xeralmente aceptadas na auditoría de contas.

No caso de que a actividade subvencionada fose executada en todo ou en parte por un socio local ou contraparte estranxeira, non será exixible que os documentos xustificativos do gasto da subvención fosen reflectidos nos rexistros contables do beneficiario; nese caso, o alcance da revisión do auditor estenderase ás contas do socio local ou contraparte.

A presentación da auditoría coma forma xustificativa do gasto non exime a entidade beneficiaria da subvención do mantemento do soporte documental de acordo cos prazos estipulados pola lei. A Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE ou os organismos competentes da Administración da Comunidade Autónoma poderán solicitar a documentación soporte da auditoría, de acordo co establecido nesta orde.

No caso de que o informe sobre a conta xustificativa por parte dun auditor de contas se produza no estranxeiro, poderá ser realizada por auditores exercentes no país onde se levase a cabo, sempre que en tal país exista un réxime de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas. De non existir un sistema de habilitación para o exercicio da actividade de auditoría de contas no citado país, o informe previsto neste artigo poderá ser realizado por un auditor establecido nel, sempre que a súa designación a leve a cabo o órgano concedente, ou sexa ratificada por este por proposta do beneficiario, conforme uns criterios técnicos que garanten a adecuada calidade.

Finalizada a revisión da conta xustificativa, o auditor deberá emitir un informe en que detallará os procedementos de revisión levados a cabo e o seu alcance, o sistema de mostraxe empregado, o número de elementos e importe da mostra analizados respecto do total, a porcentaxe de deficiencias advertida respecto da mostra analizada e a contía dos gastos afectados.

O informe mencionará se o beneficiario facilitou canta información lle solicitou o auditor para realizar o traballo de revisión. No caso de que o beneficiario non facilitase a totalidade da información solicitada, mencionarase tal circunstancia con indicación da información omitida.

O informe referirase ao resultado das comprobacións realizadas, mencionando os feitos observados que puidesen supor un incumprimento por parte do beneficiario da normativa aplicable ou das condicións impostas para a percepción da subvención. Deberá proporcionar a información co suficiente detalle e precisión para que o órgano xestor poida concluír respecto diso.

13.3.3. Ás axencias ou organismos internacionais das Nacións Unidas exixiránlles como xustificación os documentos acreditativos das transferencias realizadas, así como o control contable que lles é específico e sempre conforme o funcionamento establecido polos Estados parte para as distintas Nacións Unidas.

13.3.4. Cando no proxecto concorran diversas subvencións e axudas procedentes doutras administracións, a entidade beneficiaria deberá xustificar ante a Xunta de Galicia o importe do gasto subvencionado, ademais das achegas propias e de terceiros financiadores que non sexan Administración pública.

Con respecto ao resto de achegas doutras administracións públicas, unicamente ten que acreditarse a aplicación dos fondos ás actividades previstas, para o cal é suficiente a acreditación mediante certificados que emitan o resto de administracións públicas que financiaron o proxecto ou actividade. As previsións que contén este punto non alteran as funcións que a lexislación vixente outorga á Intervención Xeral da Administración autonómica.

13.3.5. Cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 18.000 euros no suposto de prestación de servizos por empresas de consultoría ou asistencia técnica, a entidade beneficiaria deberá solicitar como mínimo tres ofertas de diferentes provedores, con carácter previo á contratación do compromiso para a prestación do servizo ou a entrega do ben, salvo que polas especiais características dos gastos subvencionables non exista no mercado suficiente número de entidades que o subministren ou presten, ou salvo que o gasto se realizase con anterioridade á solicitude da subvención. A elección entre as ofertas presentadas, que se deberán achegar na xustificación ou, de ser o caso, na solicitude da subvención, realizarase conforme a criterios de eficiencia e economía, e deberase xustificar expresamente nunha memoria a elección cando non recaia na proposta económica máis vantaxosa.

13.4. A entidade beneficiaria terá que conservar todos os comprobantes de gasto durante un período de 4 anos, desde a entrega da xustificación final. Nestes supostos, os xustificantes quedarán á disposición das actuacións e comprobación da Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE e dos órganos de control establecidos pola normativa vixente.

Os gastos acreditaranse mediante facturas e demais documentos de valor probatorio equivalente no tráfico xurídico mercantil ou con eficacia administrativa. Con carácter previo á realización da copia, é obrigatoria a impresión dun selo-dilixencia en todos os documentos orixinais (facturas, recibos ou outros) de gastos. Nela debe figurar a convocatoria anual da subvención xustificada, título abreviado do proxecto de cooperación para o desenvolvemento, así como a referencia ao financiamento da Xunta «Financiada pola XUNTA DE GALICIA». Naqueles documentos xustificativos de gasto imputables a máis dun financiador, deberá constar a dilixencia antes mencionada, indicando ademais o tanto por cento de financiamento que se imputa a cada un. No suposto de documentos de gasto en que resulte imposible a impresión de tal selo-dilixencia, como consecuencia do seu tamaño, achegaranse cunha relación deles en que se faga constar a mencionada dilixencia.

Tamén se poderán utilizar, como xustificantes de gasto, os recibos de caixa en que conste o nome da entidade beneficiaria, importe, nome e apelido da persoa que presta o servizo, concepto do gasto. Este recibo deberá ser asinado pola persoa que presta o servizo (vendedor/a, transportista, etc.).

A utilización de recibos deberá ser, como criterio xeral, autorizada con carácter previo polo órgano concedente da subvención, podendo tamén ser validada con posterioridade por este mesmo sempre que considere que a autorización se tería producido de terse solicitado con carácter previo.

Poderán, así mesmo, utilizarse recibos de caixa en lugar de facturas, sexa cal sexa o seu importe ou a contía que representen sobre a subvención concedida e sen necesidade de autorización previa, sempre que na documentación xustificativa se inclúa acreditación de que as persoas perceptoras de tales pagamentos non están suxeitas a obriga de emitir factura no país en que se efectuou o gasto. A devandita acreditación deberá ser realizada por un organismo público competente.

Con carácter excepcional, nos supostos debidamente xustificados e motivados poderase aceptar a xustificación do pagamento en efectivo para importes inferiores a 1.000 euros, xuntando xustificante do provedor, conforme establece o artigo 42.3 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia. Para gastos superiores a 1.000 euros non poderán aceptarse pagamentos en efectivo.

Cando existan xustificantes redactados nun idioma estranxeiro distinto do inglés, francés, italiano ou portugués, deberán ser debidamente traducidos, indicando data, importe, concepto de gasto, persoa perceptora e provedora.

Artigo 14. Obrigas da entidade beneficiaria, seguimento, avaliación e control dos proxectos.

14.1. As entidades beneficiarias deberán realizar a intervención para a cal se lles concedeu a axuda no período de tempo determinado no documento de formulación, e sempre dentro da anualidade pertinente. Para estes efectos considérase vinculante o orzamento e a documentación presentada no documento de formulación do proxecto e na solicitude ou, se é o caso, da reformulación se se efectuase.

14.2. As entidades beneficiarias de axudas deberán informar de xeito inmediato a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE sobre calquera acontecemento que altere ou dificulte notoriamente o adecuado desenvolvemento do proxecto subvencionado. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

14.3. As entidades beneficiarias obríganse a facilitar ao órgano xestor toda canta información se lles requira respecto dos proxectos subvencionados.

14.4. As entidades beneficiarias obríganse a incorporar de forma visible, en todas as accións derivadas do proxecto subvencionado, os logotipos oficiais da Xunta de Galicia e da cooperación galega, salvo causas xustificadas por motivos de seguridade que deberán ser comunicadas ao centro directivo da Xunta de Galicia competente en materia de cooperación para o desenvolvemento. Estes logotipos poderán descargarse da páxina web da cooperación galega.

14.5. A xestión dos proxectos poderá ser examinada durante a súa execución, ou unha vez finalizada, por persoal da Subdirección Xeral de Cooperación Exterior, ou por empresas avaliadoras contratadas para o efecto, para o cal a entidade beneficiaria e a contraparte local facilitarán o acceso ás contas e documentos xustificativos requiridos, así como a calquera outra documentación relevante na execución do proxecto.

Artigo 15. Modificación das condicións.

Precisarase autorización previa e expresa para calquera modificación substancial do proxecto, entendendo por tal aquela que afecte os seus obxectivos, beneficiarios/as, lugar, prazo de execución ou variación do custo total do proxecto, ou das partidas orzamentarias de máis dun 20% do inicialmente aprobado. As solicitudes de modificacións substanciais do proxecto deberán estar suficientemente motivadas e ser formuladas por escrito dirixido ao director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, que resolverá e notificará no prazo dun mes sobre a súa autorización ou denegación.

Artigo 16. Reintegro por incumprimento.

As entidades beneficiarias que incorresen en falsidade ou ocultación de datos ou non acreditasen, total ou parcialmente, o bo fin das cantidades percibidas, deberán proceder ao reintegro da totalidade destas, no caso de incumprimento total, ou á parte proporcional no caso dunha falta parcial de xustificación, sen prexuízo da exixencia das responsabilidades administrativas e penais que procedan. Así mesmo, as entidades beneficiarias deberán reintegrar as subvencións nos demais supostos de reintegro previstos nestas bases reguladoras e demais normativa de aplicación.

Artigo 17. Recursos.

As resolucións expresas ou presuntas recaídas en aplicación do disposto nestas bases reguladoras esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer os seguintes recursos:

a) De forma potestativa, recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou a resolución, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou de tres meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se produzan os efectos do silencio, segundo os casos, de conformidade co establecido nos artigos 107, 116 e 117 da Lei 30/1992, segundo a redacción dada pola Lei 4/1999.

b) Directamente, recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da correspondente notificación, ou no prazo de seis meses, contados a partir do día seguinte a aquel en que se producise o acto presunto.

Artigo 18. Remisión normativa.

Para o non previsto nestas bases será de aplicación a Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como os do Real decreto 887/2006, do 21 de xullo, polo que se aproba o regulamento da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

missing image file
missing image file
missing image file