Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 62 Xoves, 29 de marzo de 2012 Páx. 11101

III. Outras disposicións

Consellería do Medio Rural e do Mar

ORDE do 22 de marzo de 2012 pola que se establecen medidas sobre a sanidade vexetal nunha área demarcada polo organismo de corentena Bursaphelenchus xylophilus.

Mediante o Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro (DOG núm. 24, do 4 de febreiro), polo que se declara de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Buhrer) Nickle et al., e se ordenan as medidas para evitar a súa propagación, adoptáronse na nosa comunidade autónoma as medidas para loitar contra o nematodo do piñeiro e tamén se articularon as medidas establecidas na Decisión da Comisión 2006/133/CE, do 13 de febreiro de 2006, pola que se exixe aos Estados membros que adopten con carácter temporal, medidas contra a propagación de Bursaphelenchus xylophilus (Steiner et Burher) Nickle et al. (en diante, B. xylophilus), así como as que establece o plan de acción para previr a expansión en Galicia desa praga.

Desde a aparición do foco desenvolvéronse moitas actuacións en cumprimento do Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, e cómpre establecer os medios para alcanzar os fins previstos no decreto.

Unha vez rematados os traballos na zona de erradicación comprendida entre 0 e 1,5 km do foco, cómpre continuar fixando medidas para a segunda e a terceira área delimitadas no Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro (entre 1,5 e 20 km).

Para a continuación das tarefas de loita coa eficacia e control precisos convén que a autoridade competente en materia de sanidade vexetal e montes determine aspectos relativos á sanidade vexetal e á xestión forestal, entre outros, cómo se deben efectuar as cortas e o destino autorizado de restos, así como outros aspectos relacionados co movemento da madeira e os seus subprodutos ou a autorización das empresas que traballan na zona demarcada ou con produtos procedentes desta.

Segundo o establecido no número 2 do artigo 5 do Decreto 10/2011, as cortas na zona demarcada entre 1,5 e 20 km están suxeitas a unha autorización de corta para zona demarcada de corentena fitosanitaria. Polo que respecta ás autorizacións de corta outorgadas para a zona demarcada, é preciso establecer restricións no que respecta aos períodos de tempo en que as cortas son posibles, así como á obriga de comunicación de cando van ser realizadas as cortas nos períodos permitidos.

Outro aspecto que hai que ter en conta é a determinación dos destinos da madeira que van ser autorizados. Segundo o establecido no artigo 9 do Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, permítense uns destinos para cada un dos produtos da madeira, porén, o propio decreto establece unha discrecionalidade que convén aclarar para que, deste xeito, os operadores poidan adoptar as decisións empresariais e técnicas máis axeitadas. En concreto, o decreto impoñía que todos os residuos producidos no momento da corta debían ser queimados en lugar axeitado ou estelados in situ. Non obstante, o plan de acción aprobado pola propia Comisión Europea autoriza estes movementos e o Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, habilita para poder modificar os requisitos cando así o fixese a autoridade comunitaria. Estes movementos entre o 1 de novembro e o 1 de abril do ano seguinte considéranse seguros cos coñecementos actuais do comportamento en Galicia do insecto vector Monochamus galloprovincialis, co cal se autoriza o movemento destes produtos. Mantense a obriga de que estes movementos sexan só en forma de estelas fóra dese período como establece o artigo 17 do Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro.

Para poder implementar as medidas de control oficial establecidas, así como as inspeccións visuais ou as tomas de mostras precisas sobre as masas forestais previstas na letras a) e b) do número 2 do artigo 5 do Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, cómpre que os servizos de inspección de sanidade vexetal coñezan aquelas empresas dedicadas á xestión forestal (cortas, procesamento de restos, podas, rareos, estelamento e outros labores) que desenvolvan a súa actividade na zona demarcada, polo que é conveniente adoptar medidas para coñecer a súa actividade.

É preciso que os operadores do sector da madeira movan as súas mercadorías dotados dun documento de acompañamento que permita a rastrexabilidade da mercadoría desde o monte ás industrias e tamén entre elas, documentación que non é obrigatoria na normativa sectorial. Para poder implementar as medidas de control oficial establecidas, así como as inspeccións visuais ou as tomas de mostras precisas sobre as masas forestais previstas nas letras a) e b) do número 2 do artigo 5 do Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, cómpre que os servizos de inspección de sanidade vexetal coñezan previamente os movementos de madeira de plantas sensibles na zona demarcada, polo que os movementos de madeira en rolla ou outros residuos da explotación forestal desde o punto de corta ata a industria e os movementos de madeira desde unha industria a outra para a súa posterior transformación deberán ser comunicados ao servizo de explotacións correspondente ou ben autorizados pola autoridade competente cando o movemento sexa fóra da zona demarcada.

Por outra parte, en desenvolvemento do artigo 10 do Decreto 10/2011, é preciso dotar a mercadoría en transito dun mecanismo para poder cruzar a zona demarcada sen problemas nos controis de estrada que se establezan.

Tamén é necesario establecer os requisitos para que as industrias receptoras da madeira de zonas demarcadas sexan autorizadas.

A inspección oficial feita polas autoridades comunitarias a través da oficina de alimentación e veterinaria (FVO) puxo de manifesto que ademais das medidas tomadas nas zona de erradicación non se adoptaron nas proximidades da área demarcada medidas adicionais de prospección e control, tendo en conta a proximidade con Portugal, polo que é conveniente desenvolver novas actuacións de control da posible extensión do foco.

En virtude do exposto, e de acordo coa disposición derradeira primeira do Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, polo que se declara de utilidade pública a erradicación do organismo de corentena do nematodo do piñeiro Bursaphelenchus xylophilus (Steiner e Buhrer) Nickle et al., e se ordenan as medidas para evitar a súa propagación, e de conformidade co artigo 30.1.º.3 do Estatuto de autonomía de Galicia,

DISPOÑO:

Capítulo I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto e ámbito de aplicación.

Esta orde ten por obxecto establecer no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia medidas que se deben adoptar nas cortas e movementos de vexetais ou material procedentes de plantas sensibles ao nematodo do piñeiro para evitar a expansión da praga do B. xylophilus nas zonas demarcadas ou fóra delas.

Artigo 2. Definicións.

Para os efectos do establecido nesta orde, entenderase por:

a) Árbores sintomáticas, decaídas ou mortas: as plantas sensibles segundo o anexo I do Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro, que por causa de axentes bióticos ou abióticos se atopen debilitadas, coa copa seca ou a secar total ou parcialmente. Inclúense tamén as árbores que se viron afectadas por incendios forestais.

b) Residuos da explotación forestal: todas as pólas de árbores asintomáticas procedentes das cortas ou podas, os puntais que non teñan aproveitamento para serra ou todos os aproveitamentos cuxo destino sexa a produción de enerxía ou a industria de taboleiro.

c) Subprodutos da industria da madeira: os casqueiros, estelas, partículas, serraduras, residuos e calquera tipo de madeira de plantas sensibles, agás a casca.

CAPÍTULO II
Medidas de erradicación e control do nematodo do piñeiro no monte

Artigo 3. Autorizacións de aproveitamento madeireiro.

1. As autorizacións de corta están suxeitas a unha autorización de corta para zona demarcada de corentena fitosanitaria.

2. Os períodos en que estas cortas sexan posibles serán autorizados polo secretario xeral de Medio Rural e Montes logo de consultados os informes técnicos e científicos pertinentes do seguimento sobre os voos do insecto vector, o lonxicorne dos piñeiros (Monochamus galloprovincialis (Oliv.). Estes períodos en que sexan autorizadas as cortas serán publicados no Diario Oficial de Galicia.

3. As solicitudes de autorización deberán axustarse ademais ao establecido na Orde do 28 de setembro de 2004 pola que se regulan os aproveitamentos madeireiros e leñosos, en aplicación da Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes.

4. En caso de que o secretario xeral de Medio Rural e de Montes pechase o período de cortas sen terse executado o aproveitamento da madeira, darase por suspendida temporalmente a autorización de corta e deberase comunicar a nova data prevista de corta unha vez que se volva abrir o período de cortas mediante o modelo de comunicación de inicio de cortas que se xunta como anexo I.

5. En caso de que as cortas se fagan en datas diferentes ás indicadas na solicitude de autorización debido a inclemencias meteorolóxicas ou problemas técnicos durante as cortas do aproveitamento madeireiro, deberá realizarse tamén unha nova comunicación conforme o mesmo modelo do anexo I.

As comunicacións presentaranse preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, así como nos demais lugares e formas previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, e tamén poderán ser presentadas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no seguinte enderezo: https://sede.xunta.es

Artigo 4. Obrigas dos titulares das parcelas.

1. Os propietarios de árbores de plantas sensibles da zona demarcada entre 1,5 e 20 km teñen a obriga de manter as masas forestais en bo estado fitosanitario para a defensa das producións propias e alleas e deberán retirar as árbores de plantas sensibles sintomáticas, decaídas ou mortas das súas parcelas e darlles os tratamentos previstos nesta orde.

2. Esta obriga da retirada poderá serlle notificada ao interesado, que terá, se é o caso, quince días para realizar as tarefas de corta e procesamento unha vez obtidas as correspondentes autorizacións de aproveitamento madeireiro.

3. Prohíbese o aproveitamento selectivo de árbores asintomáticas, deixando as árbores sintomáticas nas parcelas.

4. As parcelas sobre as que se realizaron cortas deberán quedar perfectamente libres de restos de madeira sen procesar. Este proceso deberá realizarse con posterioridade ao remate das cortas ata o remate da limpeza da parcela e non máis alá de 15 días despois da fin do aproveitamento, respectando en todo caso a última data dos períodos establecidos no artigo 6 do Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro.

Artigo 5. Actuacións da Administración.

1. A Administración facilitará aos operadores privados a realización dos labores de limpeza e retirada de árbores sintomáticas, decaídas ou mortas.

2. Os axentes forestais ou persoal das empresas adxudicatarias dos traballos para tal fin, en cumprimento do previsto no plan de acción en canto a prospección de árbores sintomáticas, decaídas ou mortas, procederá a identificar e/ou marcar estas árbores con pintura ou martelo marcador.

3. No caso de que o propietario non realice ou desista da retirada das árbores sintomáticas, decaídas ou mortas nas parcelas da súa propiedade, a Administración mediante os seus medios propios podería proceder á corta e destrución das árbores, de conformidade co establecido no artigo 18.2 do Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro.

4. A Administración poderalles exixir aos propietarios das parcelas os custos de destrución das árbores afectadas realizada pola Administración cos medios propios en execución das medidas fitosanitarias acordadas.

Capítulo III
Medidas para evitar a propagación do nematodo do piñeiro

Artigo 6. Destinos da madeira.

Permitiranse os seguintes destinos:

1. Madeira en rolla: desde o momento da apertura dos aproveitamentos madeireiros como norma xeral non se permitirá a saída de madeira en rolla para o seu procesamento fóra da zona demarcada, agás que fose tratada termicamente como mínimo a 56 ºC durante 30 minutos ou temperatura e tempo superior ata alcanzar a corrección térmica determinada nos estudos a que foron sometidos cada un dos fornos autorizados para o tratamento de madeira da zona demarcada. Excepcionalmente, por causas técnicas debidamente xustificadas (como non dispoñer de capacidade de tratamento no conxunto das industrias dentro da zona demarcada), poderá darse unha autorización excepcional para este movemento entre o 1 de novembro e o 31 marzo do ano seguinte e sempre baixo supervisión oficial e para o seu procesamento inmediato en industrias autorizadas e notificadas á Comisión Europea.

2. Residuos da explotación forestal: sempre que se xustifique ante o persoal de inspección en materia de sanidade vexetal que non é posible unha alternativa para o seu procesamento in situ debido ao risco de incendios, a imposibilidade de acceso de maquinaria para estelamento ou trituración e outras, poderá permitirse a saída de residuos da explotación forestal de madeira asintomática da zona demarcada entre o 1 de novembro e o 31 de marzo do ano seguinte con destino a industrias de fóra da zona demarcada autorizadas e notificadas á Comisión Europea para o seu inmediato procesamento.

3. Subprodutos das industrias da madeira: poderá autorizarse o movemento de subprodutos da madeira para o seu inmediato procesamento a industrias autorizadas e notificadas á Comisión Europea baixo control oficial, cando os servizos oficiais comproben que non é posible o seu procesamento na propia industria por non ter os medios dispoñibles ou por que se superou a súa capacidade, tendo en conta os períodos establecidos no artigo 17 do Decreto 10/2011, do 28 de xaneiro.

4. Árbores sintomáticas, decaídas ou mortas: o destino preferente das árbores da zona comprendida entre os 1,5 e 20 km será a eliminación in situ mediante a corta, extracción, conversión en estelas e procesamento en lugares axeitados, sempre que as condicións do terreo e climatolóxicas o permitan, e se non fose posible farase no punto máis próximo posible á área de corta. Destas árbores tomaranse mostras para comprobar a existencia ou non do B. xylophilus. Realizaranse todos os labores baixo control oficial. Cando o procesamento consista na queima inmediata das árbores sintomáticas non será preciso o estelamento previo.

5. Aproveitamentos para leña: prohíbese o aproveitamento para leña de exemplares sintomáticos, decaídos ou mortos, agás que se trate de menos de 10 metros cúbicos para uso propio entre o 1 de novembro e o 1 de abril do ano seguinte e na contorna da parcela forestal.

O almacenamento de madeira para leña con carácter xeral na zona demarcada deberá facerse en lugares pechados ou, no caso de que a leña estea ao aire libre, totalmente recubertos cun plástico que impida a saída de exemplares adultos de Monochamus galloprovincialis ou a posta de ovos nesa madeira.

Artigo 7. Actividade das empresas de xestión forestal na zona demarcada.

1. As empresas de xestión forestal (cortas, procesamento de restos, podas, rareos, estelamento e outros labores) que desenvolvan a súa actividade na zona demarcada deberán comunicar o inicio da dita actividade mediante a presentación dunha comunicación previa, dirixida á dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade vexetal, de acordo co anexo VI.

2. A comunicación previa presentarase preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, así como nos demais lugares e formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, e tamén poderán ser presentadas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no seguinte enderezo: https://sede.xunta.es

Unha vez que a empresa de xestión forestal presente a comunicación poderá iniciar a súa actividade, sen prexuízo das inspeccións sobre a súa actividade.

3. As empresas de xestión forestal deben gardar as autorizacións de corta e mantelas durante dous anos á disposición do persoal inspector, así como tamén os documentos de acompañamento empregados no movemento da madeira.

4. Están exentos da comunicación de actividade de xestión forestal aqueles propietarios ou titulares de dereitos sobre unha propiedade que realicen sobre as súas árbores e con medios propios as tarefas de corta e transporte, pero non están exentos de posuír os correspondentes documentos de acompañamento para desprazar os seus produtos ata o lugar de procesamento.

Artigo 8. Movementos de vexetais ou material de plantas sensibles procedentes da zona demarcada.

1. Os movementos de madeira en rolla ou outros residuos da explotación forestal desde o punto de corta ata a industria e os movementos de madeira desde unha industria a outra para a súa posterior transformación deberán ser comunicados ao servizo de explotacións correspondente. Para iso deberá remitirse sete días antes da data prevista para o seu traslado o documento de acompañamento que se xunta como anexo II, para os movementos de madeira en rolla ou outros residuos da explotación forestal desde o punto de corta ata a industria, e o documento de acompañamento que se xunta como anexo III, para os movementos desde unha industria a outra para a súa posterior transformación.

En función do estado sanitario da madeira e por razóns claras de posibilidade de contaminación, poderase paralizar a corta ou o traslado ata a recepción do resultado do laboratorio.

En cumprimento do establecido no artigo 9.2 e no derradeiro parágrafo do artigo 5, os movementos de madeira de plantas sensibles deberán estar autorizados pola xefatura territorial e non se poderán efectuar antes de recibir o propietario a dita autorización.

A madeira deberase desprazar en todo momento cos documentos de acompañamento.

2. Co fin de permitir os tránsitos pola zona demarcada de vexetais ou material procedente de plantas sensibles ao nematodo do piñeiro de fóra da zona demarcada, estes movementos estarán restrinxidos do seguinte xeito:

a) A madeira en rolla, produtos e subprodutos da madeira e residuos da explotación forestal deberán ir acompañados de documentación que xustifique claramente a procedencia desa madeira (autorización de corta indicando o lugar e, obrigatoriamente, os datos Sixpac da parcela) e o seu destino, así como dun documento de acompañamento para tránsitos (anexo IV), que terá sido remitido ao distrito forestal correspondente. Polo tanto, para realizar un tránsito de madeira en rolla e/ou restos vexetais da explotación forestal pola zona demarcada, deberá presentar este anexo ao distrito forestal con 72 horas de antelación. Esta solicitude poderá realizarse vía fax e será remitida polo servizo correspondente o xustificante de recepción deste. Este documento deberá acompañar a mercadoría no seu tránsito.

b) A madeira serrada ou subprodutos derivados do proceso industrial de aproveitamento da madeira deberá ir acompañada da documentación que xustifique claramente a empresa de procedencia da madeira e a de destino. En caso contrario, deberase remitir para efectos informativos o documento de acompañamento, de acordo co anexo IV, por fax ao servizo de explotacións da provincia de orixe da madeira cando a súa orixe sexa dentro de Galicia, e ao servizo de explotacións da provincia afectada polo tránsito cando a orixe da madeira sexa de fóra de Galicia. Este documento deberá acompañar a mercadoría.

c) No caso de mercadorías que circulen sobre palés, en caixas ou en calquera outro tipo de embalaxes de madeira, cando non estea acreditado abondo mediante un documento de portes que a orixe da mercadoría é de fóra da zona demarcada e que o seu paso pola zona demarcada é un tránsito e non se vai descargar ou facer cargas nesta, estes deberán ter sido tratados e portar as marcas identificativas do dito tratamento segundo a norma internacional de medidas fitosanitarias número 15 (en diante, NIMF-15) segundo os modelos de marcas do anexo V. Recoméndase, non obstante, o uso de palés e outras embalaxes coas devanditas marcas en todos os tránsitos pola zona demarcada para evitar discrepancias nos controis de estrada que se establezan ou na comunidade autónoma ou país de destino da mercadoría pola súa orixe ou tránsito pola zona demarcada.

d) As plantas sensibles deberán ir en camións pechados e deberase comunicar o movemento en tránsito ao servizo de explotacións correspondente ao lugar de orixe das plantas. Este documento, coa indicación de recibido, deberá acompañar a mercadoría.

e) A permanencia en tránsito na zona demarcada establécese en 24 horas no período do 1 de novembro ata o 1 de abril, e de 5 horas entre o 2 de abril e o 31 de outubro, agás no caso de embalaxes de madeira que poderá ser de ata sete días cando se manteña a rastrexabilidade da orixe destas.

Artigo 9. Autorización das industrias como axentes receptores de material procedente da zona demarcada.

1. En cumprimento do artigo 8 do Decreto 10/2011, establécense os seguintes requisitos de autorización:

a) Aquelas industrias da madeira de dentro e de fóra da zona demarcada que estean interesadas en procesar madeira da zona demarcada polo nematodo do piñeiro e que, dadas as características dos seus procesos produtivos, non supoñan un risco para a propagación da praga deben ser autorizadas como empresa receptora de madeira procedente de zonas demarcadas polo B. xylophilus para un procesamento final, mediante unha resolución ditada pola dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade vexetal.

b) Aquelas industrias que desenvolvan a súa actividade dentro da zona demarcada e non dispoñan de medios para o procesamento ou tratamento térmico de madeira pero que o realicen nas instalacións doutra industria dentro da zona demarcada deben tamén solicitar a dita autorización.

c) As empresas para poderen desenvolver a dita actividade deberán manter actualizados os datos comunicados e informar de calquera alteración ou modificación que se produza no prazo de dez días a partir do momento en que teña lugar a modificación ou alteración, xuntando, en todo caso, os documentos necesarios.

d) O tratamento dos datos de carácter persoal que poida realizarse como consecuencia da aplicación desta orde rexerase polo disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, e as súas normas de desenvolvemento.

e) Aquelas industrias que posúan un forno con capacidade para dar o tratamento térmico previsto na norma NIMF-15 pero cuxos produtos de madeira non sexan adecuados para levar a dita marca deberán solicitar, así mesmo, a súa inscrición no Rexistro de Produtores, Comerciantes e Importadores de Vexetais co fin de mover a dita mercadoría co correspondente pasaporte fitosanitario.

2. Requisitos de autorización:

a) As empresas que pretendan obter a autorización de empresa receptora de madeira procedente de zonas demarcadas polo B. xylophilus deberán dirixir a súa solicitude, segundo o anexo VII, á dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade vexetal.

A dita solicitude presentarase preferentemente nos rexistros dos órganos dependentes da Consellería do Medio Rural e do Mar. Así mesmo, poderán presentarse no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia, Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, así como nos demais lugares e formas previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e no Decreto 191/2011, do 22 de setembro, e tamén poderán ser presentadas a través da sede electrónica da Xunta de Galicia no seguinte enderezo: https://sede.xunta.es

b) De conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a declaración non reúne algún dos requisitos exixidos nesta orde, requirirase a persoa interesada para que, nun prazo de dez días hábiles, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos. Neste requirimento farase indicación expresa de que, se así non o fixese, se considerará que desistiu da súa petición, logo da correspondente resolución.

3. Unha vez recibida a solicitude de autorización, os servizos técnicos da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal que corresponda realizarán as comprobacións e verificacións que se consideren necesarias, incluíndo visitas e inspeccións das instalacións afectadas, se é o caso.

Os servizos técnicos competentes elaborarán un informe en que se avalíe a viabilidade da empresa solicitante para cumprir coas obrigas descritas no artigo correspondente e un protocolo de funcionamento, que deberá ser subscrito pola empresa, no cal se describa o proceso que se debe seguir para o cumprimento do disposto no dito artigo.

3. Resolución:

a) A dirección xeral da Consellería do Medio Rural e do Mar competente en materia de sanidade vexetal, logo do correspondente trámite de audiencia, resolverá a concesión ou denegación da autorización no prazo máximo de tres meses contados a partir do día da entrada da solicitude.

b) Se o devandito órgano non emite resolución expresa no prazo máximo de tres meses, entenderase estimada por silencio administrativo de conformidade co disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sen prexuízo da obriga de resolver establecida na antedita lei.

c) O incumprimento das condicións e requisitos establecidos nesta orde dará lugar á retirada da autorización mediante resolución da dirección xeral correspondente da consellería competente en materia de sanidade vexetal, logo da tramitación do correspondente expediente administrativo con audiencia das persoas interesadas.

Artigo 10. Obrigas das empresas receptoras de material procedente da zona demarcada.

As empresas receptoras, ademais de contar coa autorización de transporte que resulte exixida pola normativa sectorial específica, así como de cumprir coas restantes prescricións que, se é o caso, se determinen nesta, estarán obrigadas a:

a) Gardar copia de todas as guías de transporte que cheguen á empresa provenientes de zonas demarcadas.

b) Dispoñer dunha zona específica de descarga nos parques de madeira para a madeira das zonas demarcadas (no caso de empresas de fóra da zona demarcada).

c) Levar un libro de rexistro do traspaso da madeira da zona de descarga á de entrada na serra (no caso de empresas de fóra da zona demarcada).

d) Prestar toda a súa colaboración ao persoal designado pola dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal para permitir a realización das inspeccións oficiais e controis de seguimento no procesamento dos produtos.

e) Procesar o máis axiña posible, de acordo coas capacidades de produción da empresa, os produtos provenientes da zona demarcada, dándolles prioridade sobre outros produtos forestais que procese a empresa en cuestión. Entre o 1 de abril e o 31 de outubro, este tempo non pode superar as 72 horas.

f) Posuír documentos xustificativos que permitan comprobar que dispoñen de instalacións adecuadas para someter a madeira a un tratamento térmico de 56 ºC durante 30 minutos ou taxa equivalente de tratamento para garantir a destrución do organismo nocivo. No caso de fábricas de elaboración de taboleiro ou outros produtos da madeira que someten a madeira a procesos de presión e temperatura distintos do secado ou tratamento no forno bastará con achegar memoria técnica do proceso produtivo que garanta que se superan estes niveis.

g) Levar un rexistro de entrada de tempos de residencia da madeira nos secadoiros e de temperatura destes, cando o proceso de inactivación do risco se basee no tratamento en fornos.

h) Identificar cada lote de madeira secada que saia das zonas demarcadas e, se é o caso, os produtos finais. Cando o produto da madeira obtido se trate de pasta de papel ou taboleiro e a madeira de zonas demarcadas coa de zonas non demarcadas se mesture no proceso produtivo non será precisa esta identificación.

i) Incinerar a casca orixinada no procesamento dos produtos forestais provenientes das zonas demarcadas, que non se poderá dedicar a outros usos. Este labor realizarase preferentemente nas instalacións da empresa. No caso de non ser posible, deberá transportarse en camión pechado con toldo ou outros mecanismos a outra instalación igualmente autorizada. Este transporte deberá cumprir os requisitos establecidos nesta orde.

j) Dispoñer dunha zona de limpeza para a xestión dos posibles refugallos despois de realizada a descarga se esta non é posible logo do baleiramento na mesma zona.

k) Acompañar a saída da madeira fóra da empresa, unha vez procesada, dun pasaporte fitosanitario expedido polos órganos competentes en materia de sanidade vexetal, cando o produto elaborado así o requira.

l) Gardar os rexistros relacionados coa xestión de material procedente de zona demarcada un mínimo de dous anos.

Capítulo IV
Réxime sancionador

Artigo 11. Responsabilidades.

Nas tarefas de xestión forestal, segundo as obrigas establecidas no artigo 13 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal:

1. Será responsable a persoa física ou xurídica que solicitou un aproveitamento forestal da retirada das árbores secas que estean no ámbito do permiso de corta concedido.

2. Será responsable o propietario que non solicitou a autorización de corta do mantemento da boa saúde das masas nos termos establecidos nesta orde.

3. Será responsable o propietario da parcela de que a parcela quede limpa tras o aproveitamento forestal.

Artigo 12. Xestión de partidas interceptadas.

1. Cando, como consecuencia de denuncias ou da actuación dos dispositivos de control, se intercepten partidas de madeira de plantas sensibles que incumpran algún dos requisitos desta orde procederase preferentemente á súa devolución á orixe ou adoptaranse as medidas cautelares máis axeitadas en función do risco sanitario.

2. No caso de que a orixe sexa na zona demarcada tomaranse, unha vez devoltas, as medidas fitosanitarias precisas para o seu movemento ou procesamento conforme a normativa vixente.

3. No caso de que no lugar de orixe non se poida actuar por procederen directamente da explotación forestal, procederase, de acordo co propietario, a dirixilas a unha instalación autorizada para o procesamento segundo as restricións establecidas nesta orde.

4. No caso de que o propietario non indique unha alternativa viable, os inspectores adoptarán a medida cautelar da inmediata destrución da partida no lugar mas próximo sen que o produto obtido sexa obxecto de indemnización, de acordo co artigo 50 da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, e será notificado con carácter inmediato ao órgano competente para a iniciación do procedemento sancionador.

Artigo 13. Medidas complementarias.

Ademais das medidas de actuación establecidas no plan de acción como a prospección intensiva na zona demarcada e a eliminación de todas as árbores sintomáticas nun raio de 20 km ao redor do foco, establécense as seguintes medidas complementarias:

1. Obriga por parte dos propietarios da eliminación de todas as árbores sintomáticas na franxa tampón de 20 km coa fronteira con Portugal, entendida como o lugar xeométrico dos puntos que distan menos desa distancia da liña de puntos que delimita a separación entre os dous países.

2. Obriga por parte dos propietarios ou administracións implicadas da eliminación de todas as árbores sintomáticas a unha distancia inferior a 100 metros das vías ferroviarias, estradas, autoestradas e outras vías de alta capacidade de ámbito estatal ou autonómico que constitúan vías directas de comunicación con Portugal ou estean a menos de 100 km da fronteira con este país.

3. As árbores sintomáticas serán sometidas a un exame para a detección da presenza do nematodo e no caso de estaren libres da praga poderán destinarse ao seu procesamento nunha industria autorizada.

Artigo 14. Réxime sancionador.

O incumprimento destas normas será sancionado con base no establecido na Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal (BOE núm. 279, do 21 de novembro), e na Lei 43/2003, do 21 de novembro, de montes (BOE núm. 280, do 22 de novembro).

Disposición adicional única.

A vixencia das medidas adoptadas nesta orde será de tres anos desde a publicación desta orde agás que se detecten novos focos, caso en que se podería prorrogar por períodos anuais mediante resolución do secretario xeral do Medio Rural e Montes.

Disposición derradeira.

Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2012.

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file