Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 63 Venres, 30 de marzo de 2012 Páx. 11394

I. Disposicións xerais

Consellería do Medio Rural e do Mar

DECRETO 100/2012, do 16 de marzo, polo que se regula o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, o Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios e o réxime sancionador en materia de produtos fitosanitarios.

A regulamentación técnico-sanitaria para a fabricación, comercialización e utilización de praguicidas, aprobada polo Real decreto 3349/1983, do 30 de novembro, e que foi obxecto de sucesivas modificacións, establece no seu artigo 4.5 que, para efectos de control oficial, as fábricas de praguicidas, os locais en que se almacenen ou comercialicen praguicidas e as instalacións destinadas a realizar tratamentos con aqueles, así como os aplicadores e as empresas de tratamentos con praguicidas, deberán estar inscritos no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas (en diante, ROESP), do cal existirá unha oficina en cada provincia, que comprenderá o anteriormente denominado Rexistro Oficial de Produtores e Distribuidores de Produtos e Material Fitosanitario.

O dito real decreto tamén dispón que os praguicidas clasificados na categoría de tóxicos e moi tóxicos se comercializarán baixo un sistema de control baseado no rexistro de cada operación, coa correspondente referencia ao lote de fabricación, nun libro oficial de movemento de praguicidas perigosos.

Este real decreto foi declarado vixente pola Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal.

Na Comunidade Autónoma de Galicia creouse e regulamentouse o ROESP coa publicación da Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das antigas consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Asuntos Sociais. Desde a súa aprobación producíronse numerosas modificacións na normativa estatal aplicable ao funcionamento do Rexistro e á clasificación das substancias activas, que xunto á experiencia dos últimos anos aconsellan a súa actualización.

Entre a normativa que afectou a regulamentación dos praguicidas está a Directiva 98/8 do Parlamento Europeo e do Consello, do 16 de febreiro, relativa á comercialización de biocidas, que establece unha división en dous grupos dos anteriormente denominados praguicidas: os de uso fitosanitario e os biocidas.

A Orde do 26 de maio de 2008, da Consellería de Sanidade, pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Biocidas, na cal se establecen as bases para a inscrición neste e o seu funcionamento na Comunidade Autónoma de Galicia, desliga do ROESP os establecementos de biocidas, polo que cómpre actualizar o dito Rexistro limitando o seu alcance aos produtos fitosanitarios.

Por outra banda, a Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal, que dedica boa parte do seu contido aos medios de loita fitosanitaria e, en especial, aos produtos fitosanitarios, establece nos seus artigos 40 e 41 as obrigas relativas á produción, utilización e comercialización de produtos fitosanitarios, entre elas o cumprimento dos requisitos establecidos en canto a rexistro e control dos seus establecementos e actividades. Esta lei deixa vixente, na súa disposición transitoria terceira, o Real decreto 3349/1983, do 30 de novembro.

Con posterioridade, o Real decreto 255/2003, do 28 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de clasificación, envasado e etiquetaxe de preparados perigosos, establece a súa aplicabilidade aos produtos fitosanitarios e atribúe aos órganos competentes das comunidades autónomas as funcións de vixilancia, inspección e control do correcto cumprimento de canto se establece nese real decreto nos seus respectivos territorios, así como o exercicio da potestade sancionadora.

Coa entrada en vigor deste real decreto apareceron novos criterios aplicables aos produtos fitosanitarios que determinaron que moitas preparacións de produtos fitosanitarios deban ser clasificadas en categorías de perigosidade superiore ás que lles correspondía coa normativa anteriormente vixente e exixe que se especifiquen os efectos potenciais a curto, medio e longo prazo.

Na elaboración deste decreto tívose en conta o establecido no Real decreto 1416/2001, do 14 de decembro, sobre envases de produtos fitosanitarios, no marco da Lei 11/1997, do 24 de abril, de envases e residuos de envases, no que se refire á obriga de determinado tipo de establecememtos de estar acollido a un sistema integrado de xestión.

Por todo isto, faise necesario adecuar á nova situación a inscrición e o funcionamento do ROESP na Comunidade Autónoma de Galicia, co obxecto de facilitar o control oficial destas actividades sen obstaculizar a libre circulación de empresas e servizos en todo o territorio nacional, e todo isto ao abeiro do Real decreto 3318/1982, do 24 de xullo, de transferencias de competencias da Administración do Estado á Xunta de Galicia en materia, entre outras, de sanidade vexetal, e do artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A finalidade deste decreto é regular o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante a inscrición dos establecementos e servizos de produtos fitosanitarios da Comunidade Autónoma de Galicia, organizados por provincias, así como concretar as normas de funcionamento do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios. Os datos contidos no dito Rexistro contribúen ao exercicio das competencias atribuídas á Consellería do Medio Rural e do Mar.

En consecuencia, por proposta da conselleira do Medio Rural e do Mar, de acordo con ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do día quince de marzo de dous mil doce,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto regular:

a) O Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios.

b) O Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios.

c) O réxime sancionador aplicable na materia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación.

1. O ámbito de aplicación deste decreto esténdese aos establecementos e servizos prestados no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia que comercialicen ou utilicen produtos fitosanitarios dos definidos no artigo 3.

2. Nos casos en que un establecemento de produtos fitosanitarios estea integrado parcialmente por locais ou almacéns situados noutra comunidade autónoma, terá, así mesmo, a obriga de inscribirse no Rexistro da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Quedan excluídos do ámbito de aplicación deste decreto os almacéns determinados na alínea b) do artigo 3 de produtos fitosanitarios para uso propio que non sexan ou xeren gases tóxicos o moi tóxicos.

Artigo 3. Definicións.

Para os efectos do disposto neste decreto enténdese por:

a) Almacenamento de produtos fitosanitarios: a actividade exclusiva de provisión de produtos fitosanitarios nun local de titularidade propia, alugado ou cedido. Inclúe os supostos en que se realice algún tipo de comercializacion, ou cando se superen as cantidades establecidas no anexo II.

b) Almacenamento reducido no ámbito da actividade agroalimentaria ou de empresa de servizo de produtos fitosanitarios para uso propio: o almacenamento dunha cantidade de produto que non supere as condicións establecidas no anexo II.

c) Almacenamento en tránsito de produtos fitosanitarios: o almacenamento esporádico de produtos fitosanitarios en espera de seren reexpedidos e cuxo período de almacenamento previsto non supere as 72 horas continuas. Non obstante, se no almacén existise produto durante máis de 8 días ao mes ou 36 días ao ano, non será considerada almacenamento en tránsito.

d) Comercialización: a definida no artigo 2, alínea d), do Real decreto 255/2003.

e) Establecementos de produtos fitosanitarios: os locais ou instalacións onde se fabriquen e/ou formulen e/ou envasen produtos fitosanitarios, así como nos que se almacenen e/ou comercialicen os produtos fitosanitarios.

f) Fabricación de produtos fitosanitarios: a obtención de produtos fitosanitarios por porcedementos ou operacións químicas, físicas ou biolóxicas.

g) Substancias: as definidas no artigo 2.1.a) do Real decreto 255/2003.

h) Formulados ou preparados: o definido no artigo 2, alínea b), do Real decreto 255/2003.

i) Produtos fitosanitarios: os definidos no artigo 2, alínea o), da Lei de sanidade vexetal.

j) Responsable técnico dos tratamentos fitosanitarios: a persoa responsable da planificación, realización e avaliación dos tratamentos, así como de supervisar os posibles riscos destes e definir as medidas necesarias que se deben adoptar de protección persoal e do ambiente. Así mesmo, será responsable de definir as condicións en que se deba realizar a aplicación.

k) Servizos de produtos fitosanitarios: as entidades que efectúen tratamentos con produtos fitosanitarios.

l) Tratamentos de carácter corporativo: aqueles tratamentos con produtos fitosanitarios realizados con persoal propio pertencente a entidades cuxos espazos, locais, instalacións, infraestruturas ou transportes sexan de uso público. Non se inclúen os tratamentos realizados nun único establecemento por persoal propio nas súas funcións de mantemento.

CAPÍTULO II
Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios

Artigo 4. Natureza e xestión do Rexistro.

1. Créase o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios, adscrito á dirección xeral que corresponda da consellería competente en materia de sanidade vexetal, á que lle corresponde a súa xestión e coordinación e o impulso da aplicación de sistemas informáticos admitidos pola normativa específica para a introdución máis áxil dos datos que o integran.

2. A dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal resolverá sobre as inscricións, modificacións, denegacións ou cancelacións neste Rexistro, sen prexuízo de que a xestión da tramitación dos expedientes e inspección das instalacións das entidades solicitantes da inscrición nel se poida desconcentrar nas unidades administrativas provinciais da consellería competente nesa mesma materia.

3. A dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal poderá facilitar cantos datos figuren no Rexistro por razóns ambientais ou de saúde pública aos organismos oficiais con competencias nestas funcións, sen prexuízo do disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal no que resulte de aplicación.

Os datos do nome da entidade e o seu enderezo publicaranse na páxina web da consellería para información xeral.

4. Os datos do Rexistro relativos ao tipo de actividade e características dos produtos que se vaian manipular ou utilizar poderán ser publicados na páxina web da consellería competente en materia de sanidade vexetal.

Artigo 5. Estrutura do Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios.

O Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios, no cal se inscribirán as persoas físicas e xurídicas que se dediquen ás actividades que se sinalan nos artigos 6 e 7 estrutúrase nas seguintes seccións e grupos:

1. Sección de establecementos.

2. Sección de servizos.

Artigo 6. Sección de establecementos.

Na sección de establecementos inscribiranse as empresas que se dediquen á fabricación, envasado, almacenamento ou comercialización de produtos fitosanitarios que desenvolvan algunha das actividades encadradas nos seguintes grupos:

– Grupo 1. Plantas de produción, nas cales se inclúen as instalacións industriais de síntese e obtención de ingredientes activos de produtos fitosanitarios e os locais, almacéns e instalacións anexas.

– Grupo 2. Plantas formuladoras: as instalacións dedicadas á manufacturación de produtos fitosanitarios mediante a elaboración ou envasado de preparados, sempre que estean situadas fóra da área dunha planta de produción, así como os almacéns e instalacións anexas.

– Grupo 3. Plantas de tratamento, nas cales se inclúen os establecementos con cámaras de fumigación, balsas de inmersión e outras instalacións fixas destinadas á execución de tratamentos de produtos fitosanitarios, incluídos os almacéns e instalacións anexas.

– Grupo 4. Almacén distribuidor, entendendo por tales os locais destinados á distribución e/ou venda por xunto e almacenaxe de produtos fitosanitarios.

– Grupo 5. Establecemento de venda, entendendo por tales os locais destinados á distribución e/ou venda ao público e almacenaxe de produtos fitosanitarios.

– Grupo 6. Almacén para uso propio no ámbito da actividade agroalimentaria ou dos servizos determinados no artigo 7 que exceda a cualificación de reducido.

– Grupo 7. Outros almacéns destinados ao depósito e almacenamento de produtos fitosanitarios non incluídos nos grupos 4, 5 ou 6:

7.1. Empresas de importación con ou sen almacén.

7.2. Empresas de experimentación.

7.3. Empresas con autorización do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente para realizaren importacións paralelas entre distintos países, con almacén que se utilice para o tránsito entre eles.

Artigo 7. Sección de servizos.

1. Na sección de servizos inscribiranse as entidades que efectúen os tratamentos con produtos fitosanitarios en instalacións fixas ou móviles, para tratamentos de carácter corporativo e de servizos a terceiros.

2. A obrigatoriedade da inscrición na sección de servizos non exclúe a inscrición de cada instalación fixa ou almacén no grupo 6 da sección de establecementos cando o almacenamento de produtos fitosanitarios supere as cantidades establecidas no anexo II.

Artigo 8. Inscrición no Rexistro.

1. A inscrición no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios poderá realizarse:

a) A petición da persoa titular ou representante dos establecementos e servizos de produtos fitosanitarios incluídos no ámbito de aplicación deste decreto. A solicitude presentarase conforme os modelos normalizados de solicitude, que constan como anexos deste decreto, aos cales se xuntarán os documentos que deberán acompañala conforme os artigos seguintes. Esta solicitude e demais documentación poderanse presentar nas respectivas oficinas agrarias comarcais, nas xefaturas territoriais da consellería competente en materia de sanidade vexetal, en calquera outra oficina administrativa, ou nos lugares admitidos, segundo o establecido no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderán presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo: https://sede.xunta.es

b) De oficio: pola propia consellería competente en materia de sanidade vexetal, a partir da información existente nas bases de datos desa consellería. As propostas de inscrición de oficio comunicaranse ás persoas interesadas para a súa ratificación ou, de ser o caso, para a introdución ou corrección de datos. A proposta de inscrición entenderase ratificada se, despois da notificación desta, as persoas interesadas non presentan alegacións contra ela no prazo de quince días.

2. A inscrición no Rexistro manterá a súa vixencia mentres non se proceda á súa cancelación ou baixa, sen prexuízo das modificacións que procedan.

Artigo 9. Código de rexistro.

O código de rexistro será outorgado pola Comunidade Autónoma de Galicia a cada entidade afectada por este decreto e a súa estrutura será, como mínimo, do tipo XX-YYY-Z, sendo:

a) XX: o código identificativo da provincia de Galicia que corresponda: A Coruña (C), Lugo (LU), Ourense (OU) e Pontevedra (PO).

b) YYY: número consecutivo que se outorgue a cada entidade rexistrada.

c) Z: a sigla que identifica cada sección, sendo E para establecementos e S para servizos.

Artigo 10. Documentación xeral.

1. Para a inscrición no Rexistro, os interesados, xunto co modelo normalizado de solicitude que consta no anexo I para establecementos e servizos que traballen con produtos fitosanitarios, deberán incluír, ademais da documentación específica que se sinala nos artigos seguintes, a seguinte documentación:

a) Os datos de identificación do titular da actividade e da empresa.

b) Os datos sobre as actividades a rexistrar.

c) A clasificación de perigosidade dos produtos fitosanitarios segundo a lexislación vixente.

d) Os grupos e tipos de produtos fitosanitarios segundo se establece no Real decreto 255/2003, do 28 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre clasificación, envasado e etiquetaxe de preparados perigosos.

Artigo 11. Documentación para a inscrición na sección de establecementos.

1. Ademais do formulario e a documentación a que se fai referencia no artigo anterior, para a inscrición na sección de establecementos, achegarase o anexo I-bis coa seguinte documentación:

a) A memoria técnico-descritiva da actividade que se vai realizar.

b) O proxecto da nave-almacén dos produtos fitosanitarios ou ben a súa memoria descritiva asinada polo técnico competente, xunto cos planos de situación e de planta do almacén.

c) A licenza municipal onde se indique expresamente a actividade para que foi solicitada naqueles casos en que, de conformidade co disposto no artigo 84.bis da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases de réxime local, a requiran.

d) A fotocopia do NIF do/s titular/es e da empresa, salvo que os interesados consintan expresamente á Consellería do Medio Rural e do Mar a consulta dos seus datos persoais a través de acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do ministerio con competencias en administraciones públicas, de conformidade co disposto no artigo 2.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

e) Os datos do responsable técnico da actividade e dos seus auxiliares, ademais da acreditación de que estes posúen a capacitación necesaria de acordo coa normativa vixente ao respecto.

f) A copia, de ser o caso, do certificado ou resolución de inscrición doutros locais da mesma titularidade, inscritos en calquera outro rexistro da mesma natureza noutras comunidades autónomas.

g) A relación dos produtos fitosanitarios que se van comercializar onde se indique claramente o seu nome comercial, a materia activa, o número de rexistro do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e a súa clasificación de perigosidade segundo o Real decreto 255/2003.

h) No caso de comercializar produtos tóxicos ou moi tóxicos deberase solicitar a dilixencia de apertura do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios informatizado conforme o modelo que figura no anexo IV deste decreto; excepcionalmente admitirase o Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios en soporte papel.

i) O xustificante de colaborar con algún sistema de xestión para a eliminación de envases baleiros de produtos fitosanitarios.

j) O xustificante do ingreso da taxa correspondente.

Artigo 12. Documentación para a inscrición na sección de servizos.

1. Ademais do formulario e a documentación a que se fai referencia no artigo 10, para a inscrición na sección de servizos, achegarase o anexo I-bis coa seguinte documentación:

a) A memoria descritiva dos traballos realizados pola empresa, onde se desenvolvan os seguintes puntos: os antecedentes, a organización do persoal e funcións dentro da empresa, o ámbito de actuación, as medidas de seguridade e a descrición dos traballos que se desenvolverán (a metodoloxía, os medios, os produtos, a maquinaria, etc.).

b) Segundo corresponda, a memoria simplificada do almacén cando tan só sexa necesaria a súa declaración ou, no caso de inscrición, o proxecto da nave-almacén dos produtos fitosanitarios ou ben a súa memoria descritiva asinada polo técnico competente, xunto cos planos de situación e de planta do almacén.

c) A copia, de ser o caso, do certificado ou resolución de inscrición doutros servizos da mesma titularidade, inscritos en calquera outro rexistro da mesma natureza noutras comunidades autónomas.

d) A fotocopia do NIF do/s titular/es e da empresa, salvo que os interesados consintan expresamente á consellería competente en materia de sanidade vexetal a consulta dos seus datos persoais a través de acceso telemático ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade do ministerio con competencias en administracións públicas, de conformidade co disposto no artigo 2.2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos.

e) Os datos do responsable técnico da actividade e dos seus auxiliares, ademais da acreditación de que estes posúen a capacitación necesaria de acordo coa normativa vixente ao respecto.

f) A relación dos produtos fitosanitarios que van a usar onde se indique claramente o seu nome comercial, a materia activa, o número de rexistro do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e a súa clasificación de perigosidade segundo o Real decreto 255/2003.

g) No caso de aplicar produtos tóxicos ou moi tóxicos deberase solicitar a dilixencia de apertura do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios informatizado conforme o modelo que figura no anexo IV deste decreto; excepcionalmente, admitirase o Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios en soporte papel.

h) A relación da maquinaria dispoñible para a aplicación de tratamentos e o certificado de inspección daquelas emitido por un centro oficial ou recoñecido de conformidade coas disposicións vixentes na materia.

i) O xustificante do ingreso da taxa correspondente.

Artigo 13. Procedemento de inscrición e renovación.

1. A solicitude, xunto coa documentación debidamente compulsada, dirixirase á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal. A dita instancia deberá presentarse preferentemente no Rexistro da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade vexetal da provincia en cuxo ámbito territorial estea situado o establecemento ou onde teña o domicilio social o servizo. Igualmente poderán presentarse en calquera dos lugares establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Tamén poderá presentarse electronicamente a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, segundo o establecido no Decreto 198/2010, do 2 de decembro, no enderezo: https://sede.xunta.es

2. Se a solicitude de inscrición non reúne os requisitos a que se refiren os artigos anteriores, requirirase o interesado para que emende os defectos de acordo co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

3. Se a solicitude de inscrición é conforme os requisitos exixidos, realizarase unha visita de inspección por parte dos técnicos competentes na materia.

4. As solicitudes de inscrición requirirán para a súa tramitación o informe favorable dos servizos técnicos competentes en materia de sanidade vexetal da xefatura territorial da consellería competente en materia de sanidade vexetal correspondente, para cuxa emisión poderán solicitar os informes aclaratorios a outros organismos das administracións públicas sobre a documentación presentada polo/a solicitante.

5. Recibido o informe técnico favorable, o/a titular da xefatura territorial da conselleria competente en materia de sanidade vexetal que corresponda elevará á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal a proposta motivada para a súa inscrición ou non no Rexistro.

Artigo 14. Resolución.

1. Unha vez recibida a proposta, a dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal resolverá sobre a inscrición ou non no prazo de seis meses, contados desde que a solicitude teña entrada no Rexistro do órgano competente para a súa tramitación. A falta de notificación de resolución expresa no devandito prazo lexitima a persoa interesada para entendela estimada por silencio administrativo, de conformidade co disposto no artigo 43.1 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, e sen prexuízo do disposto no número 4 dese mesmo artigo.

2. Contra esta resolución, que non esgota a vía administrativa, poderá interporse recurso de alzada ante o titular da consellería competente en materia de sanidade vexetal no prazo e forma previstos na Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 15. Certificado de inscrición.

1. Ás persoas físicas ou xurídicas inscritas no Rexistro, de oficio ou a petición de persoa interesada, seralle expedido pola persoa titular da xefatura do servizo competente en materia de sanidade vexetal un certificado acreditativo de acordo co modelo oficial que figura no anexo III e notificaráselle de conformidade co previsto nos artigos 58 e seguintes da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

2. A/s persoa/s titular/es do establecemento ou servizo de produtos fitosanitarios está/n obrigado/s a manter o certificado de inscrición á vista do público.

Artigo 16. Modificación da inscrición.

1. Calquera modificación dos datos con que foi inscrita a entidade no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos fitosanitarios comunicarase á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal no prazo dun mes contado desde que se produciu ou, se for o caso, desde que se teña coñecemento do cambio; a falla de comunicación poderá dar lugar, logo de audiencia do titular ou representante da entidade inscrita, á suspensión ou, de ser o caso, á cancelación da inscrición, sen prexuízo das responsabilidades que deriven da dita falta de cumprimento ou falsidade.

2. A modificación dos datos sinalados no número anterior pode dar lugar a unha modificación da inscrición ou á súa cancelación.

3. Naqueles casos en que se trate dun cambio de localización das instalacións dentro da mesma provincia, ou ben dun cambio que non altere de maneira significativa a inscrición inicial, poderase manter o número de rexistro orixinario sempre e cando se achegue toda a documentación suxeita a cambio respecto da inscrición inicial, e que a inspección previa resultase favorable ao mantemento da actividade. Fóra dos supostos descritos, outorgarase un novo número de rexistro.

4. De non ser axeitado o novo emprazamento proposto ou o/s cambio/s sinalado/s no número anterior, procederase a darlle á persoa interesada un prazo de tres meses para comunicar un novo emprazamento ou xustificar os cambios da situación inicial. Transcorrido o dito prazo sen que se subministren os datos solicitados procederase á cancelación da inscrición inicial, coa obriga, de ser o caso, por parte da persoa interesada, de comezar de novo o trámite de inscrición de querer manter a súa actividade de establecemento ou servizo de produtos fitosanitarios.

5. No caso de aceptarse as modificacións propostas, a persoa titular da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal ditará unha resolución en que se actualizarán os datos da inscrición.

Artigo 17. Cancelación.

A dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal procederá á cancelación da inscrición na sección de establecementos ou de servizos nos seguintes supostos:

a) Cando así o solicite o/s titular/es do establecemento ou servizo de produtos fitosanitarios, por calquera medio que permita a súa constancia.

b) Mediante a resolución motivada da dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, por proposta do Servizo de Sanidade e Producción Vexetal, cando a entidade inscrita non cumpra as obrigas establecidas neste decreto ou non concorran as causas que motivaron a súa inscrición.

c) Cando, como resultado do informe dunha inspección oficial ou por motivos doutra índole, a autoridade municipal competente revogue a licenza municipal para a actividade que se vaia desenvolver.

d) Cando a autoridade competente comprobe o cesamento da actividade.

Artigo 18. Cesamento da actividade.

No caso de cesamento da actividade, a/s persoa/s titular/es da inscrición deberá/n comunicalo mediante escrito dirixido á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal, dentro do mes seguinte ao cesamento, para os efectos da cancelación da súa inscrición no Rexistro.

Artigo 19. Inspeccións.

1. Os órganos competentes da consellería competente en materia de sanidade vexetal poderán realizar en calquera momento as inspecciones necesarias para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos pola normativa vixente.

2. Á vista do resultado das inspecciones, emitirase o informe pertinente, que será enviado á/s persoa/s interesada/s indicando, se for o caso, as deficiencias e anomalías observadas durante a inspección, para os efectos de que proceda/n á súa emenda no prazo establecido na comunicación que se dirixa ao interesado e que, en todo caso, non poderá ser inferior a dez días hábiles.

3. A consellería competente en materia de sanidade vexetal realizará periodicamente aos establecementos e servizos enquisas da venda e utilización de produtos fitosanitarios co fin de que estes datos sirvan de referencia nos programas que a consellería desenvolve de residuos nos vexetais e vixilancia da comercialización e utilización de produtos fitosanitarios.

Artigo 20. Obrigas de colaboración.

1. O/s titular/es do establecemento ou servizo de produtos fitosanitarios deberá/n manter a resolución de inscrición ao dispor dos servizos oficiais de inspección correspondentes, así como o resto da documentación achegada para a inscrición do establecemento ou servizo.

2. A/s persoa/s titular/es do establecemento e/ou servizo deberá/n facilitar o acceso dos órganos inspectores ás súas instalacións e exhibir a documentación requirida por estes; para isto, tanto o Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios como os albarás de compra ou entrada do establecemento ou servizo, así como as facturas e os documentos comerciais correspondentes, deberán manterse ao dispor dos servizos oficiais competentes durante un período de cinco años desde a súa emisión.

Artigo 21. Recoñecemento doutros rexistros.

As entidades que presten servizos de aplicación de produtos fitosanitarios, que estean inscritas no rexistro doutra comunidade autónoma e que non posúan a súa sede social na Comunidade Autónoma de Galicia, así como ningún ningún tipo de local ou instalación en Galicia, poderán desenvolver a súa actividade nesta comunidade, sempre que comuniquen previamente á dirección xeral competente en materia de sanidade vexetal da consellería competente en materia de sanidade vexetal a súa intención de desenvolveren a súa actividade na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo coa Lei 17/2009, do 23 de novembro, sobre o libre acceso ás actividades de servizos e o seu exercicio, sen necesidade da súa inscrición no rexistro regulado neste decreto.

CAPÍTULO III
O Libro oficial de movimiento de produtos fitosanitarios

Artigo 22. O Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios.

1. O Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios é o soporte onde se rexistrarán as operacións de cesión, a título oneroso ou gratuíto, dos produtos fitosanitarios clasificados como tóxicos o moi tóxicos, segundo a clasificación do artigo 2.2 do Real decreto 255/2003, do 28 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento sobre clasificación, envasado e etiquetaxe de preparados perigosos, e en cumprimento do establecido no artigo 10.2.4 do Real decreto 3349/1983, do 30 de novembro, polo que aproba a regulamentación técnico-sanitaria para a fabricación, comercialización e utilización de praguicidas.

2. Están obrigados a ter o Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios, regulamentariamente dilixenciado, as plantas formuladoras e os demais establecementos en que, mediante calquera tipo de cesión, adquiran ou expendan os preparados clasificados como tóxicos e moi tóxicos na Comunidade Autónoma de Galicia. Esta obriga afecta igualmente os aplicadores e as empresas de tratamento que adquiran eses produtos para aplicalos por conta de terceiros ou en tratamentos corporativos e que se atopen inscritos no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios de Galicia ou en calquera outro rexistro doutra comunidade autónoma de conformidade co disposto no artigo 21.

Artigo 23. Contido do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios.

1. Os datos que deben rexistrarse no libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios por cada operación son os seguintes:

a) A data en que se realiza a adquisición ou a cesión do produto.

b) A identificación do produto fitosanitario, incluíndo o seu nome comercial, o seu número de inscrición no correspondente Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, o número do lote de fabricación e a cantidade de produto adquirido ou cedido na operación.

c) A identificación da persoa subministradora ou receptora, incluíndo o seu nome, o seu enderezo e o seu documento nacional de identidade, no caso de tratarse dunha persoa física, ou a denominación, o domicilio social e o código de identificación fiscal, no caso de persoas xurídicas.

d) A sinatura da persoa compradora ou receptora responsable da custodia e adecuada manipulación do produto, ou ben o número do documento comercial que se recollerá conforme as especificacións contidas no número 2 deste artigo. Para os efectos da presente disposición, a adecuada manipulación inclúe o transporte nos casos en que o produto sexa retirado do establecemento polo/a propio/a comprador/a ou receptor/a.

2. A sinatura da persoa compradora ou receptora dos produtos a que se refire a alínea d) do número anterior pode ser recollida no albará de entrega do produto ou ben na correspondente factura se se trata dunha venda ao contado. Para tal efecto, os documentos comerciais deberán conter os datos especificados nas alíneas a), b) e c) do número 1 deste artigo, debendo figurar sobre o espazo destinado para a sinatura o texto seguinte: «Acepto a custodia e adecuada manipulación dos preparados perigosos sinalados neste documento».

No caso de que se trate de produtos clasificados como moi tóxicos, achegarase tamén a ficha técnica de seguridade do produto.

3. Cando se trate de aplicadores e empresas de tratamentos, farase constar a identificación do cliente e o número de contrato ou factura-contrato subscrito para consignar os datos expresados nas alíneas c) e d) do número 1 deste artigo.

4. As anotacións no Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios de cada operación efectuaranse inmediatamente despois de que se produzan. Para o caso de que o Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios se leve en soporte informático, as inscricións correspondentes a esas operacións serán listadas mensualmente dentro do mes seguinte a aquel en que se teñan producido.

Artigo 24. Formato do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios.

1. O formato do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios axustarase aos modelos que figuran no anexo IV e V deste decreto. O Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios levarase en soporte informático e, excepcionalmente, en soporte papel.

2. No caso do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios informatizado, enviarase mensualmente dentro dos dez primeiros días do mes seguinte ao que se refira aos servizos provinciais encargados da sanidade vexetal un correo electrónico e un ficheiro electrónico coa declaración dos movementos realizados nese período. No caso do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios en papel, esta documentación remitirase por fax.

Ademais, enviarase por correo electrónico e en papel un resumo anual dos movementos antes do fin do 31 de xaneiro do ano seguinte.

Os datos da empresa aparecerán no encabezamento de cada folla do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios, coas páxinas numeradas correlativamente, e as anotacións serán correlativas nas datas e efectuaranse inmediatamente sobre o Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios.

3. O modelo do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios informatizado deberá ser presentado no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios, polo menos vinte días antes da súa posta en uso. Os ficheiros electrónicos que xeren os programas necesarios para a súa xestión, deberán ser compatibles coas ferramentas informáticas dispoñibles no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios.

4. O Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios en soporte papel presentarase a revisión anual antes do 1 de febreiro do ano seguinte. O Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios terá todas as súas páxinas numeradas e seladas. Non se admiten riscaduras nin a utilización de correctores; en caso de erro anularase a fila correspondente encontraranse os datos na seguinte fila. As anotacións serán correlativas nas datas e efectuaranse inmediatamente sobre o Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios.

5. Os movementos e resumos en papel enviaranse ao órgano xestor do Rexistro Oficial de Produtos Fitosanitarios e poden presentarse en calquera dos centros de atención administrativa da Xunta de Galicia ou nos lugares previstos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben na forma sinalada no Decreto 164/2005, do 16 de xuño, polo que se regulan e determinan as oficinas de rexistro propias ou concertadas da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, se crea o Rexistro Telemático da Xunta de Galicia e se regula a atención á cidadanía.

Artigo 25. A dilixencia de apertura e cancelación do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios.

1. Na dilixencia de apertura do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios farase constar o nome da entidade, a denominación e o enderezo postal do establecemento ou servizo de produtos fitosanitarios, o código de identificación do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios e o código de identificación da inscrición no Rexistro. Esta dilixencia anotarase na primeira folla do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios, se se tratar de follas numeradas, ou sobre un exemplar do modelo informatizado presentado polo solicitante.

2. Na dilixencia de cancelación do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios, que se anotará a seguir do último asento, farase constar o nome da entidade solicitante, o motivo da cancelación e a indicación do prazo de cinco anos durante os cales debe conservarse o Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios, conxuntamente cos correspondentes documentos xustificativos, ao dispor dos servizos oficiais competentes.

3. Se a cancelación se producir por cambio ou cesamento da actividade da persoa titular do establecemento ou servizo de produtos fitosanitarios, esta poderá solicitar a custodia do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios pola oficina do Rexistro, pola que se expedirá o oportuno xustificante.

4. As solicitudes de dilixencias referentes a un Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios quedarán arquivadas no expediente existente no Rexistro do respectivo establecemento ou servizo de produtos fitosanitarios.

CAPÍTULO IV
Réxime sancionador

Artigo 26. Réxime sancionador.

1. A fabricación, venda, distribución ou aplicación de produtos fitosanitarios sen obter a preceptiva inscrición no Rexistro, así como a ausencia do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios e o incumprimento das obrigas establecidas neste decreto sancionarase de conformidade co previsto nos seguintes artigos da Lei 43/2002, do 20 de novembro, de sanidade vexetal: no artigo 54, alíneas a), b), d), f), h), i), para as infraccións leves; no artigo 55, alíneas a), b), c), d), e), g), i), j), l), para as infraccións graves e no artigo 56, alíneas a), b), d), e), para as infraccións moi graves.

2. Na tramitación dos expedientes sancionadores será de aplicación o procedemento previsto no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

3. Se a persoa instrutora do procedemento sancionador apreciar que a falta presuntamente cometida podería ser constitutiva dun delito ou falta penal, porao en coñecemento da autoridade xudicial competente para depurar as responsabilidades desta orde que puideren xurdir e acordará a suspensión do procedemento administrativo sancionador ata que sexa adoptada a decisión xudicial definitiva.

Artigo 27. Órganos competentes.

1. Para a determinación dos órganos competentes para a incoación e tramitación dos correspondentes expedientes sancionadores, observarase o disposto nos distintos decretos de estruturas orgánicas das consellerías respectivas da Xunta de Galicia que o sexan por razón da materia.

2. De acordo co disposto no número anterior, serán competentes para a imposición de sancións:

a) O/a director/a xeral competente en materia de sanidade vexetal para a imposición de sancións ata 15.025,30 euros.

b) O/a conselleiro/a competente en materia de sanidade vexetal para a imposición de sancións comprendidas entre 15.025,31 euros e 30.050,61 euros.

c) O Consello da Xunta para a imposición de sancións superiores a 30.050,61 euros, así como para decretar o peche do establecemento.

Artigo 28. Compatibilidade de sancións.

Serán compatibles coas sancións a que se refire o artigo 27.1 a exixencia á persoa infractora da reposición da situación alterada por ela mesma ao seu estado orixinario, así como a indemnización polos danos e prexuízos causados.

Disposición adicional primeira. Integración de establecementos e servizos de produtos fitosanitarios xa autorizados.

Para produtos fitosanitarios, os establecementos fitosanitarios en que se almacenen ou comercialicen e as instalacións destinadas a realizar tratamentos con estes produtos, así como os/as aplicadores/as e as empresas de tratamentos con produtos fitosanitarios inscritos de acordo coa Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servizos Sociais, pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas e se ditan as normas para a inscrición neste na Comunidade Autónoma de Galicia, quedarán integrados no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios, na sección e grupo correspondente segundo a estrutura establecida no presente decreto.

Disposición adicional segunda. Inscrición de establecementos e servizos de entidades que traballen con produtos fitosanitarios con domicilio social noutra comunidade autónoma.

Os establecementos e servizos de produtos fitosanitarios que non teñan o seu domicilio social en Galicia e que queiran realizar a súa actividade na Comunidade Autónoma deberán presentar un documento acreditativo de estaren rexistradas na comunidade correspondente ao seu domicilio social xunto coa documentación que aparece no anexo I-bis.

Disposición adicional terceira. Empresas de servizos de produtos fitosanitarios con sede social fóra do territorio nacional e dentro do territorio da Unión Europea.

Aquelas empresas de servizos de produtos fitosanitarios cuxa sede social estea fóra do territorio nacional e dentro do territorio da Unión Europea deberán aterse ao procedemento descrito neste decreto e seralles de aplicación o resto das disposicións normativas relativas a establecementos e servizos de produtos fitosanitarios cando desenvolvan a súa actividade en Galicia.

Disposición adicional cuarta. Remisión de informes anuais.

De acordo co artigo 3.6 da Orde do Ministerio de Relacións coas Cortes do 24 de febreiro de 1993, anualmente no primeiro trimestre de cada ano, a autoridade encargada do Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios remitirá ao Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural e Mariño e ao Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade, un informe incluíndo o resumo do movemento anual do Rexistro e o seu estado en 31 de decembro.

Disposición adicional quinta. Modificación de anexos.

Os anexos do presente decreto poderán modificarse e/ou actualizarse mediante a correspondente orde da consellería competente en materia de sanidade vexetal.

Disposición adicional sexta. Cumprimento das condicións xerais de almacenamento para os almacenamentos de produtos fitosanitarios para uso propio.

Sen prexuízo do dito no punto cuarto do artigo 2, os almacenamentos de produtos fitosanitarios para uso propio con capacidade comprendida entre os valores indicados na letra B) do anexo II deste decreto deberán cumprir as condicións de almacenamento que lles sexan de aplicación segundo a normativa vixente.

Disposición adicional sétima. Autorizacións provisionais para locais situados en contornos habitados que empreguen produtos tóxicos ou moi tóxicos.

Cando un solicitante de inscrición na sección de establecementos empregue produtos tóxicos ou moi tóxicos pero que non sexan gases ou non xeren gases e almacenen cantidades inferiores aos cincuenta (50) quilos, poderá obter unha autorización provisional para un local situado nun contorno habitado, sempre que así o considere oportuno a autoridade competente en función da perigosidade do almacenado e das medidas de seguridade adoptadas.

Disposición adicional oitava. Características técnicas dos establecementos de produtos fitosanitarios.

Para efectos informativos, a consellería competente en materia de sanidade vexetal publicará na súa páxina web as características técnicas dos establecementos de produtos fitosanitarios que resulten da normativa básica de aplicación.

Disposición transitoria primeira. Solicitude do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios para os establecementos e aplicadores inscritos con anterioridade á entrada en vigor deste decreto.

Os establecementos fitosanitarios en que se almacenen ou comercialicen e as instalacións destinadas a realizar tratamentos con estes produtos, así como os/as aplicadores/as e as empresas de tratamentos con produtos fitosanitarios inscritos de acordo coa Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servizos Sociais, pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas e se ditan as normas para a inscrición neste na Comunidade Autónoma de Galicia deberán solicitar o Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios, se non o tiveren e for obrigatorio pola toxicidade dos produtos que comercialicen ou manipulen, para o cal disporán dun prazo dun ano contado desde a data de entrada en vigor deste decreto.

Disposición transitoria segunda. Incorporación do Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios informatizado.

As empresas inscritas no Rexistro que deban incorporarse ao Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios informatizado disporán dun prazo de seis meses contados desde a entrada en vigor deste decreto para iso.

Disposición transitoria terceira. Procedementos en tramitación.

Os procedementos de inscrición, modificación e cancelación no Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos de Produtos Fitosanitarios, así como os procedementos relativos ao Libro oficial de movemento de produtos fitosanitarios xa iniciados antes da entrada en vigor deste decreto non lles será de aplicación este e rexeranse pola normativa anterior.

Disposición derrogatoria única. Derrogación normativa.

1. Quedan derrogadas a Orde do 8 de abril de 1996, conxunta das antigas consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Asuntos Sociais, pola que se crea o Rexistro Oficial de Establecementos e Servizos Praguicidas e se ditan as normas para a inscrición neste Rexistro na Comunidade Autónoma de Galicia, e a Orde do 9 abril de 1996, conxunta das antigas consellerías de Agricultura, Gandería e Montes e de Sanidade e Servizos Sociais, pola que se regula o Libro oficial de movemento de praguicidas perigosos, en todo o que se opoña ao establecido neste decreto.

2. Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao establecido neste decreto.

Disposición derradeira primeira. Facultade de desenvolvemento.

Facúltase a persoa titular da Consellería do Medio Rural e do Mar, no ámbito das súas competencias, para ditar cantas disposicións sexan necesarias en desenvolvemento e execución do presente decreto.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de marzo de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Rosa María Quintana Carballo
Conselleira do Medio Rural e do Mar

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file