Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Luns, 9 de abril de 2012 Páx. 12230

I. Disposicións xerais

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

DECRETO 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.

O Decreto 103/2005, do 6 de maio, polo que se establece a regulamentación técnico-sanitaria de piscinas de uso colectivo, regula as condicións hixiénico-sanitarias das piscinas de uso colectivo da Comunidade Autónoma de Galicia e establece no seu artigo 29 en que casos estas piscinas deberán contar cun servizo de socorristas coa titulación e os niveis mínimos de formación.

A xestión dunha piscina cualificada de uso colectivo ou a organización de actividades nela, sempre leva consigo o cumprimento dunha normativa de carácter sanitario que impón condicións de deseño, construción e funcionamento. Debe destacarse, entre elas, a obriga de contar con persoal de socorrismo de forma permanente mentres a piscina permaneza aberta ao público ou se desenvolvan nela actividades.

O artigo 25.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e o artigo 80 da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, nas súas alíneas a) e h), atribúen aos municipios competencias para garantir a seguranza nos lugares públicos –entre os cales se encontran as praias– e a protección da salubridade pública, nos termos que determine a lexislación estatal e autonómica. Estas atribucións competenciais deben ser consideradas á luz do disposto no artigo 2, alíneas a) e b) da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, artigo depositario dos fins que debe perseguir a Administración pública na súa actuación sobre o dominio marítimo-terrestre. Estes fins son, entre outros, determinar o dominio marítimo-terrestre e asegurar a súa integridade e axeitada conservación, adoptando, se é o caso, as medidas de protección e restauración necesarias, así como garantir o uso público do mar, da súa ribeira e do resto do dominio público marítimo-terrestre, sen máis excepcións que as derivadas de razóns de interese público debidamente xustificadas. Así mesmo, a alínea d) do artigo 115 da Lei 22/1988, do 28 de xullo, de costas, establece que as competencias municipais, nos termos previstos pola lexislación que diten as comunidades autónomas, poderán abranguer vixiar a observancia das normas e instrucións ditadas pola Administración do Estado sobre salvamento e seguranza das vidas humanas.

O Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, establece que lle corresponde o apoio e asistencia á Presidencia da Xunta de Galicia, ao que corresponde, entre outras e sen prexuízo das demais competencias que legal e regulamentariamente teña atribuídas, a elaboración, proposta e execución da política do Goberno galego en materia de Administración local e interior, que exercerá no nivel de desenvolvemento que se indica neste decreto para cada un dos órganos que integran este departamento.

A Academia Galega de Seguridade Pública é un organismo autónomo de carácter administrativo adscrito á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza que se axustará nos seus fins, estrutura e funcionamento ao disposto na Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública. De conformidade co establecido na devandita lei, a Academia Galega de Seguridade Pública orientará a súa actuación ao enriquecemento do capital humano dos servizos de seguranza pública mediante a súa capacitación a través da formación, a innovación e a excelencia, compromiso de xerar e transferir as bases de coñecemento para a mellora das políticas en materia de seguranza pública e impulso da calidade nos servizos de seguranza pública para unha mellor atención á cidadanía e maior satisfacción dos/das seus/súas xestores/as.

Neste sentido, calquera regulación da formación dos/das socorristas en instalacións acuáticas e espazos naturais na Comunidade Autónoma de Galicia debe ter en conta as cualificacións profesionais e os certificados de profesionalidade publicados no Boletín Oficial del Estado.

O Real decreto 295/2004, do 20 de febreiro, modificado polo Real decreto 1087/2005, de 16 de setembro, e o Real decreto 1521/2007, do 16 de novembro, incorpora ao Catálogo nacional de cualificacións profesionais as cualificacións de socorrismo en instalacións acuáticas e de socorrismo en espazos acuáticos naturais, e establece os seus correspondentes módulos formativos, que se incorporan ao catálogo modular de formación profesional. Posteriormente, por medio do Real decreto 711/2011, do 20 de maio, establécense os certificados de profesionalidade asociados a estas cualificacións.

Como consecuencia do anterior, é obxecto do presente decreto a regulación dos niveis mínimos de formación con que debe contar o persoal de socorrismo en instalacións acuáticas e espazos acuáticos naturais na Comunidade Autónoma de Galicia e a inscrición dos/das socorristas no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos da Comunidade Autónoma de Galicia, dependente da Academia Galega de Seguridade Pública, xa que esta regulación é demandada pola cidadanía usuaria como garantía dunha axeitada prestación de servizos de calidade.

O presente decreto pretende garantir unha axeitada prestación do servizo ao mesmo tempo que resulta respectuoso coa Directiva 2006/123/CE, do 12 de decembro de 2006, relativa aos servizos no mercado interior. Deste xeito, a regulación contida no presente decreto exixe solicitar a inscrición no Rexistro de Socorristas Acuáticos pero non condiciona o comezo da actividade á obtención da inscrición, senón que a permite a partir do momento en que se solicita a referida inscrición e se presenta declaración responsable do cumprimento dos requisitos para o exercicio da actividade de socorrismo.

En virtude do exposto, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, facendo uso das atribucións conferidas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e do seu Presidente, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do dezaseis de marzo de dous mil doce,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto regular a formación mínima que deberán reunir os/as socorristas acuáticos/as para o seu exercicio profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e a súa inscrición no Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 2. Ámbito de aplicación e definicións.

1. Este decreto será de aplicación aos/ás socorristas que exerzan a súa actividade en instalacións acuáticas e/ou espazos acuáticos naturais de Galicia que, segundo a normativa vixente, teñan a obriga de ter un/unha ou máis socorristas con titulación suficiente en materia de salvamento e socorrismo acuático.

2. Para os efectos deste decreto enténdese por:

a) Instalacións acuáticas: as piscinas convencionais de uso público ou privado, as piscinas naturais, os parques acuáticos, os balnearios e instalacións análogas dedicadas á actividade acuática, independentemente de que sexan xestionadas por concellos, empresas de servizos deportivos, empresas de turismo, comunidades de veciños ou afíns.

b) Espazos acuáticos naturais: as praias marítimas e fluviais, os ríos, os lagos e os encoros, independentemente de que sexan xestionados por concellos, empresas de servizos deportivos, empresas de turismo, portos deportivos, clubs e federacións con actividade no medio acuático ou afíns.

Artigo 3. Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos.

1. Créase o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos da Comunidade Autónoma de Galicia, dependente da Academia Galega de Seguridade Pública.

2. O rexistro terá dúas seccións: socorristas en instalacións acuáticas e socorristas en espazos acuáticos naturais.

CAPÍTULO II
Habilitación profesional

Artigo 4. Requisitos profesionais.

Para o exercicio profesional do socorrismo acuático na Comunidade Autónoma de Galicia será necesario que o/a profesional solicite a inscrición no correspondente Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia presentando a preceptiva declaración responsable e que dispoña da correspondente habilitación profesional.

Artigo 5. Inscrición.

No Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia figurarán aquelas persoas que o soliciten e acrediten estar en posesión da cualificación profesional de socorrismo en instalacións acuáticas, aprobada polo Real decreto 295/2004, do 20 de febreiro (BOE do 9 de marzo) ou/e da cualificación profesional de socorrismo en espazos acuáticos naturais, aprobada polo Real decreto 1521/2007, do 16 de outubro (BOE do 1 de decembro), dependendo do ámbito en que vaian desenvolver a súa actividade.

Artigo 6. Formación mínima.

1. A acreditación da formación mínima para o exercicio da actividade de socorrismo en instalacións acuáticas, que suporá a inscrición na sección socorristas en instalacións acuáticas, poderá obterse por calquera das seguintes vías:

A. Certificado de profesionalidade de socorrismo en instalacións acuáticas (AFDP0109), establecido polo Real decreto 711/2011, do 20 de maio.

B. Título de técnico deportivo en salvamento e socorrismo establecido polo Real decreto 878/2011, do 24 de xuño, título de técnico deportivo superior en salvamento e socorrismo, establecido polo Real decreto 879/2011, do 24 de xuño, ou calquera outro título de grao medio ou superior de formación profesional que inclúa no seu currículo os módulos formativos asociados a todas as unidades de competencia da cualificación de socorrismo en instalacións acuáticas do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

C. Acreditación de ter superado as catro unidades de competencia da cualificación profesional de socorrismo en instalacións acuáticas, obtidas a través do procedemento, que desenvolva o Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral.

2. A acreditación da formación mínima para o exercicio da actividade de socorrismo en espazos acuáticos naturais, que suporá a inscrición na sección socorristas en espazos acuáticos naturais, poderá obterse por calquera das seguintes vías:

A. Certificado de profesionalidade de socorrismo en espazos acuáticos naturais (AFDP0209), establecido polo Real decreto 711/2011, do 20 de maio.

B. Título de técnico deportivo en salvamento e socorrismo establecido polo Real decreto 878/2011, do 24 de xuño, título de técnico deportivo superior en salvamento e socorrismo, establecido polo Real decreto 879/2011, do 24 de xuño, ou calquera outro título de grao medio ou superior de formación profesional que inclúa no seu currículo os módulos formativos asociados a todas as unidades de competencia da cualificación de socorrismo en espazos acuáticos naturais do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.

C. Acreditación de ter superado as catro unidades de competencia da cualificación profesional de socorrismo en espazos acuáticos naturais, obtidas a través do procedemento que desenvolva o Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas por experiencia laboral.

CAPÍTULO III
Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos

Artigo 7. Funcionamento do rexistro.

No funcionamento deste rexistro e acceso aos seus datos observaranse as normas establecidas pola Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, así como no Real decreto 994/1999, do 11 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de medidas de seguranza que deben cumprir os ficheiros que conteñan os datos de carácter persoal, e no artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Os dereitos de acceso, rectificación e cancelación exerceranse ante este rexistro conforme establece a normativa sobre protección de datos de carácter persoal.

Artigo 8. Contido da inscrición.

No asento de inscrición deben constar, como mínimo, os seguintes datos:

a) Nome, apelidos, número do documento nacional de identidade ou pasaporte da persoa solicitante.

b) Número rexistral.

c) Data de inscrición na sección de socorristas en instalacións acuáticas do Rexistro Profesional de Socorristas da Comunidade Autónoma de Galicia e/ou na sección de socorristas en espazos acuáticos naturais do Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos da Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Descrición da acreditación sobre a base da cal se procede á inscrición.

e) Data de renovación da inscrición.

A rectificación e cancelación, se for o caso, dos asentos de inscrición practicaranse de oficio.

Artigo 9. Solicitude de inscrición no Rexistro.

1. As persoas interesadas deberán presentar a solicitude de inscrición segundo o modelo normalizado que figura como anexo III ao presente decreto, dirixida á Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública e acompañada da seguinte documentación:

• Declaración responsable segundo o modelo normalizado que figura como anexo IV. Enténdese por declaración responsable o documento subscrito polo interesado en que manifesta, baixo a súa responsabilidade, que cumpre cos requisitos para o exercicio da actividade de socorrismo. A inexactitude, falsidade ou omisión, de carácter esencial, en calquera dato, manifestación ou documento que acompañe ou se incorpore a unha declaración responsable determinará a imposibilidade de continuar co exercicio da actividade, sen prexuízo das responsabilidades penais, civís ou administrativas en que se puidese incorrer.

• Fotocopia do DNI ou documento que acredite a identidade da persoa solicitante ou autorización á Agasp para a consulta dos datos de identidade no sistema de verificación de datos de identidade, de conformidade co artigo 2 do Decreto 255/2008, do 23 de outubro, e a Orde da Consellaría de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 7 de xullo de 2009, que o desenvolve.

• Dúas fotos tamaño carné.

• Documentación xustificativa do cumprimento dos requisitos.

• Documentación xustificativa do pagamento das taxas correspondentes.

2. As solicitudes presentaranse no rexistro da Academia Galega de Seguridade Pública ou a través das formas previstas no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou a través da sede electrónica da Xunta de Galicia, no enderezo https://sede.xunta.es/.

Artigo 10. Resolución de inscrición e renovación da inscrición como socorrista.

1. Unha vez presentada a solicitude de inscrición no Rexistro de Socorristas Acuáticos, a Academia Galega de Seguridade Pública ditará resolución en que decidirá sobre a procedencia ou non da inscrición no prazo de tres meses desde a súa presentación.

2. A inscrición en cada unha das seccións do rexistro debe renovarse cunha periodicidade de catro anos.

3. Para a renovación da inscrición, tanto o persoal socorrista en instalacións acuáticas (piscinas e instalacións acuáticas) coma o persoal socorrista en espazos acuáticos naturais (praias e augas interiores) da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá actualizar cada catro anos a formación adquirida, mediante a acreditación da realización de cursos de formación continua dunha duración mínima de catro horas sobre cada un dos módulos teórico-prácticos asociados ás unidades de competencia, recollidos nos anexos I e/ou II do presente decreto.

4. As solicitudes de renovación da inscrición faranse no modelo normalizado que figura como anexo III ao presente decreto, e cos mesmos requisitos de documentación e forma de presentación que se mencionan para as solicitudes de inscrición no artigo 7 do presente decreto.

Artigo 11. Réxime de recursos.

Contra a resolución da Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública que decida sobre a procedencia ou non da inscrición ou da súa renovación, cabe a interposición dun recurso de alzada ante o conselleiro ou conselleira de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza conforme as previsións da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e, así mesmo, contra a resolución deste/desta último/a, poderá interporse recurso contencioso-administrativo de conformidade coas previsións contidas na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 12. Oferta formativa.

1. A Agasp, logo de acreditación pola consellería competente en materia laboral, poderá impartir os módulos formativos asociados ás unidades de competencia dos anexos I e II dos certificados de profesionalidade de socorrismo en instalacións acuáticas (AFDP0109) e de socorrismo en espazos acuáticos naturais (AFDP0209) establecidos polo Real decreto 711/2011, do 20 de maio.

2. Os requisitos de acceso aos cursos, así como as prescricións sobre formación e experiencia das persoas formadoras e a estrutura e contido de cada módulo, axustaranse ao establecido no Real decreto 711/2011, do 20 de maio. Ademais, e coa finalidade de garantir o cumprimento dos requisitos establecidos no Decreto 99/2005, do 21 de abril, sobre o uso de desfibriladores semiautomáticos polo persoal sen titulación médica en Galicia, o módulo de primeiros auxilios deberá incluír a formación mínima necesaria para o manexo de desfibriladores semiautomáticos.

3. A Agasp establecerá acordos con entidades públicas ou privadas para que o alumnado que superase todos os módulos teóricos asociados ao certificado de profesionalidade de socorrismo en instalacións acuáticas ou ao certificado de profesionalidade de socorrismo en espazos acuáticos naturais poida realizar as prácticas profesionais non laborais de socorrismo en instalacións acuáticas ou en espazos acuáticos naturais.

Disposición transitoria única.

A partir da entrada en vigor do presente decreto, e durante o período transitorio de 5 anos, que permita garantir a obtención por parte das persoas interesadas da acreditación das unidades de competencia da cualificación profesional correspondente, poderán inscribirse de forma provisional no Rexistro Profesional de Socorristas de Galicia as persoas que, no momento da entrada en vigor desta normativa, cumpran algún dos seguintes requisitos:

1.º Estar en posesión dun diploma que acredite a realización dun curso de 80 horas de formación de salvamento e socorrismo acuático impartido pola Academia Galega de Seguridade Pública con anterioridade á data de entrada en vigor do presente decreto.

2.º Estar en posesión dun diploma que acredite a realización dun curso de formación en materia de socorrismo impartido por universidades, federacións deportivas de salvamento e socorrismo, Cruz Vermella ou outras entidades con experiencia na formación de socorristas, con anterioridade á data de entrada en vigor do presente decreto, sempre que o devandito curso obteña a homologación da Academia Galega de Seguridade Pública.

Aqueles cursos que estean en fase de desenvolvemento na data de publicación do presente decreto serán considerados para os efectos do establecido neste punto, sempre que a entidade que organiza o curso o notifique á Agasp no prazo dun mes contado desde o día seguinte á publicación deste decreto.

A Academia Galega de Seguridade Pública utilizará como criterio de homologación que o curso teña un mínimo de 80 horas e un contido similar ao curso de salvamento e socorrismo acuático ofertado pola Agasp nos últimos anos.

3.º Estar en posesión dun diploma que acredite a superación con avaliación positiva do Curso de formación profesional para o emprego de socorrista acuático (AFDB10, de 240 horas), expedido por unha Administración pública competente en materia de formación profesional para o emprego.

4.º Acreditar unha experiencia laboral superior a 12 meses. A devandita experiencia acreditarase mediante certificado de vida laboral acompañado de fotocopia compulsada de contrato de traballo ou certificación de empresa onde figuren a duración dos períodos de prestación do contrato, as actividades desenvolvidas e o intervalo de tempo en que se realizaron as devanditas actividades.

A inscrición provisional dun/dunha socorrista practicarase nunha ou nas dúas seccións do rexistro, en función da formación e experiencia acreditadas.

Transcorridos cinco anos desde a entrada en vigor do presente decreto aqueles/aquelas socorristas que fosen inscritos/as provisionalmente e que non acreditasen o cumprimento dos requisitos descritos no artigo 4 do decreto serán dados de baixa automaticamente.

Disposición derrogatoria única.

Quedan derrogadas cantas disposicións, de ámbito autonómico, de igual ou inferior rango, se opoñan ao presente decreto.

Disposición derradeira primeira. Desenvolvemento normativo.

Facúltase o conselleiro ou conselleira de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para que dite cantas disposicións sexan precisas no ámbito das súas competencias para o desenvolvemento e execución do presente decreto, así como para a adecuación e modificación dos seus anexos.

Disposición derradeira segunda. Entrada en vigor.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dezaseis de marzo de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO I
Módulos formativos do certificado de profesionalidade socorrismo
en instalacións acuáticas (piscinas e instalacións acuáticas)

Código do módulo formativo

Denominación do módulo formativo

Asociado á unidade de competencia

MF0269_2

Natación

UC0269_2 Executar técnicas específicas de natación con eficacia e seguridade

MF0270_2

Prevención de accidentes en instalacións acuáticas

UC0270_2 Previr accidentes ou situacións de emerxencia en instalacións acuáticas, velando pola seguridade dos usuarios

MF0271_2

Rescate de accidentados/as no medio acuático

UC0271_2 Rescatar persoas en caso de accidente ou situación de emerxencia en instalacións acuáticas

MF0272_2

Primeiros auxilios

UC0271_2 Asistir como primeiro interveniente en caso de accidente ou situación de emerxencia

MP0186

Módulo de prácticas profesionais non laborais de socorrismo en instalacións acuáticas

Sen unidade de competencia asociada

Módulo formativo

Duración total en horas

N.º de horas máximas susceptibles de formación a distancia

MF0269_2: Natación

120

0

MF0270_2: Prevención de accidentes en instalacións acuáticas

40

20

MF0271_2: Rescate de accidentados/as no medio acuático

90

30

MF0272_2: Primeiros auxilios

40

10

MP0186: Prácticas profesionais non laborais de socorrismo en instalacións acuáticas

80

0

ANEXO II
Módulos formativos do certificado de profesionalidade socorrismo
en espazos acuáticos naturais (praias e augas interiores)

Código do módulo formativo

Denominación do módulo formativo

Asociado á unidade de competencia

MF0269_2

Natación

UC0269_2 Executar técnicas específicas de natación con eficacia e seguridade

MF1082_2

Prevención de accidentes en espazos acuáticos naturais

UC0270_2 Previr accidentes ou situacións de emerxencia en espazos acuáticos naturais

MF1083_2

Rescate de accidentados/as en espazos acuáticos naturais

UC0271_2 Rescatar persoas en caso de accidente ou situación de emerxencia en espazos acuáticos naturais

MF0272_2

Primeiros auxilios

UC0271_2 Asistir como primeiro interveniente en caso de accidente ou situación de emerxencia

MP0186

Módulo de prácticas profesionais non laborais de socorrismo en instalacións acuáticas

Sen unidade de competencia asociada

Módulo formativo

Duración total en horas

N.º de horas máximas susceptibles de formación a distancia

MF0269_2: Natación

120

0

MF0270_2: Prevención de accidentes en espazos acuáticos naturais

60

20

MF0271_2: Rescate de accidentados/as en espazos acuáticos naturais

120

30

MF0272_2: Primeiros auxilios

40

10

MP0186: Prácticas profesionais non laborais de socorrismo en espazos acuáticos naturais

80

0

missing image file
missing image file