Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 69 Mércores, 11 de abril de 2012 Páx. 12824

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 30 de marzo de 2012 pola que se aproba a modificación dos estatutos do Colexio Oficial de Médicos da Coruña.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado, o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia. Correspóndelle á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza a competencia nesta materia, de conformidade co Decreto 7/2011, do 20 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da dita consellería.

A Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, establece no seu artigo 18 que os estatutos elaborados polos colexios profesionais, así como a súas modificacións, serán comunicados á consellería competente en materia de colexios profesionais para a súa aprobación definitiva.

Por Orde do 1 de xuño de 2011 foron aprobados os estatutos do Colexio Oficial de Médicos da Coruña.

De conformidade co artigo 17 dos estatutos do colexio, a modificación dos estatutos foi aprobada pola Asemblea Xeral do colexio con data do 7 de febreiro de 2012.

A reforma afecta o contido do título VII: da ética, deontoloxía e calidade asistencial, no que se regula a Comisión de deontoloxía, modificando o contido dos artigos 39 a 43.

Tendo en conta o exposto, verificada a adecuación á legalidade dos devanditos estatutos, en uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1.

Aprobar a modificación dos estatutos do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, co contido que figura no anexo.

Artigo 2.

Ordenar a súa publicación no Diario Oficial de Galicia e a inscrición correspondente no Rexistro de Colexios Profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derrogatoria.

Esta orde derroga o contido dos artigos 39, 40, 41, 42 e 43, dos estatutos do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, aprobados por Orde do 1 de xuño de 2011.

Disposición derradeira.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ANEXO
Reforma de estatutos en materia de comisión deontolóxica e de ética

TÍTULO VII
Da Comisión Deontolóxica e de Ética

Artigo 39.

Como órgano asesor, consultivo e de estudo en materia de deontoloxía médica existirá unha Comisión Deontolóxica e de Ética, cuxos membros serán designados polo Pleno da Xunta Directiva.

Polo carácter das funcións que comporta ser membro desta comisión, os membros que a integren deberán posuír a suficiente formación e habilidades nos ámbitos da clínica, a ética, a deontoloxía ou o dereito sanitario.

O tempo de mandato de cada Comisión Deontolóxica e de Ética será de catro anos, a partir da toma de posesión. De producirse vacante, farase nova designación para cubrila ata esgotar o mandato.

Son requisitos para ser membro desta Comisión:

– Ser colexiado.

– Non estar sancionado nin sometido a expediente disciplinario.

– Non ser membro da Xunta Directiva.

A Xunta Directiva tamén poderá designar como membro da Comisión calquera persoa que, non sendo médico colexiado, teña formación, coñecementos e experiencia nas materias incluídas no ámbito de traballo e estudo da Comisión. En todo caso, o número de membros médicos colexiados sempre será maior que o de membros non médicos.

Para cuestións ou materias específicas, a Comisión poderá pedir o asesoramento e mesmo a asistencia ás súas sesións de especialistas ou profesionais non membros.

Artigo 40.

A Comisión elixirá de entre os seus membros médicos colexiados un presidente e un secretario. E, de ser o caso, un vicepresidente e un vicesecretario.

Os acordos tomaranse por maioría de asistentes, con voto de calidade do presidente en caso de empate. Salvo en informes ou ditames sobre cuestións disciplinarias, en que será necesario o voto favorable da maioría de membros da Comisión.

De cada sesión, cuxa convocatoria lle corresponde ao presidente, elaborarase a acta que será asinada por aquel e o secretario, e unha copia da cal será remitida á Xunta Directiva do Colexio.

Artigo 41.

1. Son funcións da Comisión Deontolóxica e de Ética:

– Asesorar a Xunta Directiva en todos aqueles asuntos en que esta considere oportuno o seu ditame.

– Elaborar informes, realizar propostas ou recomendacións e redactar documentos destinados á colexiación sobre temas vinculados á deontoloxía e á ética que se consideren importantes ou de actualidade, ou que pola súa especial peculiaridade, así se considere oportuno.

2. Será preceptivo o seu informe nos seguintes supostos:

– En todas aquelas cuestións en que, por afectaren a deontoloxía médica, se deban aplicar os principios contidos no código deontolóxico.

– Previamente á imposición de calquera tipo de sanción a un colexiado.

3. A Comisión Deontolóxica e de Ética entregará á Xunta Directiva os seus ditames e informes sobre todas as denuncias e cuestións que lle sexan presentadas, cos límites do respecto á intimidade das persoas e á lexislación sobre protección de datos de carácter persoal.

Artigo 42.

A Comisión Deontolóxica e de Ética disporá dun servizo destinado a médicos e a cidadáns, para consulta sobre actuacións médicas valorables deontoloxicamente.

Artigo 43.

No ámbito do desenvolvemento e exercicio das súas funcións, os membros da Comisión Deontolóxica e de Ética observarán os límites do código de deontoloxía vixente e do ordenamento xurídico en xeral.