Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 70 Xoves, 12 de abril de 2012 Páx. 13031

III. Outras disposicións

Consellería de Traballo e Benestar

RESOLUCIÓN do 26 de marzo de 2012 pola que se declara de interese galego a Fundación Formavigo e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Examinado o expediente de declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Formavigo, dítase esta resolución baseada nos feitos e fundamentos de dereito que se expoñen a seguir:

Feitos.

Primeiro. Con data do 10 de febreiro de 2011 ten entrada no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia solicitude presentada por Fernando Couñago Pérez, presidente do padroado da Fundación Formavigo, de inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da citada fundación. Como consecuencia, a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza iniciou a tramitación do expediente para a súa clasificación como fundación de interese laboral.

Segundo. A Fundación Formavigo foi constituída en escritura pública outorgada en Vigo o 2 de febreiro de 2011, ante o notario Antonio A. Salgueiro Armada, co número de protocolo 134. Esta escritura foi emendada por outra outorgada tamén en Vigo o 25 de maio de 2011, ante o notario José Luis Prieto Fenech, co número de protocolo 732.

Terceiro. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto a formación, cualificación e emprego de persoas físicas, xurídicas e entidades públicas ou privadas de calquera sector.

Cuarto. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

Quinto. Nos estatutos da fundación consta a denominación e natureza, o domicilio e ámbito de actuación, obxecto e finalidade, as regras para a aplicación das rendas aos fins fundacionais e para a determinación dos beneficiarios e a designación do padroado inicial.

Sexto. O padroado inicial da fundación está formado por Fernando Couñago Pérez como presidente; María de la Concepción Otero Adán como vicepresidenta; María del Carmen Pérez Alonso como secretaria e Beatriz Couñago Otero como vogal.

Sétimo. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías elevou ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese laboral da Fundación Formavigo con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional, polo que, cumpríndose os requisitos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, e de conformidade co establecido no artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, o protectorado será exercido pola Consellería de Traballo e Benestar.

Oitavo. De conformidade coa dita proposta, por Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza do 27 de xaneiro de 2012 (DOG n.º 34, do 17 de febreiro), clasificouse como de interese laboral a Fundación Formavigo, e adscribiuse á Consellería de Traballo e Benestar para os efectos do exercicio das funcións de protectorado.

Fundamentos de dereito.

Primeiro. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, e o artigo 27.26.º do Estatuto de autonomía para Galicia establece que é competencia exclusiva da Comunidade Autónoma galega o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo. De acordo co disposto no artigo 7.2.º do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, en relación co Decreto 13/2012, do 4 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica das consellerías da Xunta de Galicia, corresponde a esta Consellería de Traballo e Benestar a declaración de interese galego mediante resolución publicada no Diario Oficial de Galicia e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación Formavigo, así como o exercicio das funcións de protectorado e as demais que correspondan á Xunta de Galicia, de conformidade co indicado no dito regulamento.

Terceiro. Á vista do disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións e interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, da mesma data, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, resultan cumpridos os requisitos establecidos pola normativa vixente para a declaración de interese galego e inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar, da Fundación Formavigo, polo que

RESOLVO:

Primeiro. Declarar de interese galego a Fundación Formavigo, ao cumpriren os seus estatutos as prescricións que para tal efecto sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo. Ordenar a inscrición da Fundación Formavigo, no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Traballo e Benestar.

Terceiro. Esta fundación queda sometida ao disposto na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego, no Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e no Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do Rexistro de Fundacións de Interese Galego, así como na demais normativa que resulte de aplicación, onde se establecen especialmente as obrigas de dar publicidade suficiente do seu obxecto e actividades, ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos e presentar anualmente a documentación contable e plan de actuación ante o protectorado, que será exercido por esta Consellería de Traballo e Benestar.

Contra esta resolución pode interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Traballo e Benestar, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2012.

Cristina Ortiz Dorda
Secretaria xeral técnica da Consellería de Traballo e Benestar