Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 77 Luns, 23 de abril de 2012 Páx. 14739

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 112/2012, do 20 de abril, polo que se aproban determinadas modificacións en materia tributaria e de prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

A Lei de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 contén unha serie de medidas tributarias que afectan os tributos sobre o xogo e as taxas que exixen a modificación ou o desenvolvemento das normas regulamentarias destes tributos.

Deste xeito, o artigo un modifica o Decreto polo que se aproban as normas de xestión do imposto galego sobre o xogo do bingo, co fin de adaptalas ao funcionamento da nova modalidade do bingo prevista no Decreto 181/2002, do 10 de maio, polo que se aproba o Regulamento do xogo do bingo segundo a redacción dada polo Decreto 113/2010, do 1 de xullo, e desenvolvida pola Orde do 12 de agosto de 2011 pola que se regula a modalidade do xogo do bingo electrónico na Comunidade Autónoma de Galicia. A Lei de medidas fiscais e administrativas da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2012 modifica o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de tributos cedidos polo Estado, aprobado polo Decreto lexislativo 1/2011, do 28 de xullo, así como a Lei 7/1991, do 19 de xuño, de tributación sobre o xogo, establecendo o sistema de tributación do bingo electrónico.

Polo que se refire ás taxas da Comunidade Autónoma de Galicia, a Lei de medidas aplica, entre outras, a taxa por servizos profesionais a supostos concretos de prestacións de servizos ou realización de actividades que precisaban ser adaptadas na súa formulación, modificando a Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

Xorde deste xeito, novamente, a necesidade de modificar o artigo 12 do Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia. Valorando a magnitude do artigo modificado, a súa extensión desproporcionada respecto ao resto de artigos do decreto e a complexidade que se introduciría á hora de facer referencias ás disposicións contidas nel, decídese desagregar o contido do capítulo II do título II do Decreto 61/2005 en tres seccións, regulando na primeira delas o sistema xeneralizado de autoliquidación; na segunda, as excepcións ao sistema xeral e, finalmente, na terceira, as disposicións aplicables para o procedemento de recoñecemento de beneficios fiscais rogados.

Esta disposición foi sometida ao procedemento de elaboración de disposicións administrativas de carácter xeral establecido no capítulo II do título II da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, e foi sometida ao trámite de audiencia aos cidadáns e mais, polo seu contido e repercusión, ao trámite de información pública.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Facenda, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte de abril de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo primeiro.

Modificacións do Decreto 247/1991, do 4 de xullo, polo que se aproban normas de xestión dos tributos creados pola Lei 7/1991, do 19 de xuño, de tributación sobre o xogo.

Un. Modifícase o artigo 1, que queda redactado como segue:

«Artigo 1. Autoliquidación.

1. Os suxeitos pasivos substitutos do contribuínte están obrigados a autoliquidar o imposto, determinando a débeda tributaria correspondente, e a ingresar o seu importe, ante a xefatura territorial da Administración tributaria que corresponda ao lugar onde se encontre instalada a sala de xogo, nos prazos, forma e mediante os modelos que determine a consellería competente en materia de Facenda. Igualmente, os suxeitos pasivos estarán obrigados a presentar as declaracións que determine por orde a consellería competente en materia de Facenda.

2. A Consellería de Facenda poderá dispoñer mediante orde que os suxeitos pasivos substitutos do contribuínte efectúen as declaracións e autoliquidacións do imposto que sexan exixibles, mediante os programas informáticos de axuda que, de ser o caso, se aproben. Así mesmo, poderá dispoñer a obrigatoriedade da súa presentación e dos pagamentos correspondentes mediante medios telemáticos.»

Dous. Modifícase o artigo 2, que queda redactado como segue:

«Artigo 2.

1. A Administración tributaria procederá á subministración ou validación dos cartóns para o xogo de bingo do xeito que determine a consellería competente en materia de Facenda mediante orde. Nesta orde especificaranse as características, formato e soporte dos cartóns e as formalidades e as debidas exixencias de control e seguridade, así como a forma e o momento da súa subministración ou validación en referencia ao pagamento do imposto.

2. A Administración tributaria expedirá unha guía como xustificante da tenza e destino dos cartóns que se axustará ao modelo que aprobe a orde da consellería competente en materia de Facenda.»

Artigo segundo.

Modificacións do Decreto 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Modifícase o capítulo II do título II, que se substitúe polo capítulo transcrito a seguir:

«Capítulo II

Taxas

Sección primeira. Autoliquidación

Artigo 12. Autoliquidación.

1. Agás as excepcións previstas na sección segunda deste capítulo, as taxas serán obxecto de autoliquidación polo suxeito pasivo, que aplicará, de ser o caso, os beneficios fiscais que lle correspondan, achegando os xustificantes pertinentes. No caso de beneficios fiscais de carácter rogado, deberá presentar, así mesmo, a resolución pola que se lle recoñeza o dito beneficio fiscal ou a solicitude a que se refire o artigo 13.1, e queda condicionada a aplicación do beneficio fiscal ao seu recoñecemento. A autoliquidación deberá ser presentada ante o órgano xestor correspondente mediante o modelo e na forma e prazos determinados mediante orde da consellería competente en materia de Facenda.

2. Os órganos xestores deberán verificar e comprobar as autoliquidacións presentadas, así como a documentación achegada polo interesado para facer valer a aplicación de calquera beneficio fiscal, e practicar, se fose procedente, a correspondente liquidación.

3. Cando o suxeito pasivo considere que unha autoliquidación prexudica de calquera maneira os seus intereses lexítimos, poderá instar a súa rectificación consonte co procedemento establecido no Regulamento xeral das actuacións e os procedementos de xestión e inspección tributaria e de desenvolvemento das normas comúns dos procedementos de aplicación dos tributos.

Sección segunda. Liquidación

Subsección primeira. Normas de liquidación de aplicación xeral

Artigo 12 bis. Liquidación.

1. Serán obxecto de liquidación por parte do órgano xestor as tarifas contidas nos anexos da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, que se relacionan a seguir:

a) As tarifas da taxa por servizos profesionais, modalidade de actuacións administrativo-facultativas, contidas no punto 13 do número 05 do anexo 2 da lei, exixibles pola prestación do servizo de sinalamento e inspección de toda clase de aproveitamentos en montes catalogados e non catalogados.

b) As tarifas portuarias aplicables nos portos e instalacións competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, relacionadas no número 99 do anexo 3 da lei.

c) As tarifas da taxa exixible pola utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público portuario, contidas no número 02 do anexo 5 da lei.

2. A exacción das tarifas contidas nos anexos da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, que se relacionan a seguir, realizarase mediante retención directa no momento do pagamento de cada unha das certificacións, segundo as formalidades que se establezan mediante orde da consellería competente en materia de Facenda:

a) A tarifa 03 da taxa por servizos profesionais, modalidade de actuacións profesionais, contida no anexo 3 da lei, denominada “dirección e inspección de obras realizadas mediante contrato”.

b) A tarifa 60 da taxa por servizos profesionais, modalidade de actuacións profesionais, contida no anexo 3 da lei, denominada “dirección e inspección da explotación de infraestruturas hidráulicas”.

c) A tarifa 63 da taxa por servizos profesionais, modalidade de actuacións profesionais, contida no anexo 3 da lei, denominada “dirección dos contratos de servizo en materia de augas e infraestruturas”.

3. Os órganos xestores poderán ditar liquidación provisional, iniciando de oficio o procedemento que corresponda, cando os elementos de proba que consten no seu poder poñan de manifesto a realización dun suposto de feito ou a existencia de elementos deste que non foran declarados, ou a existencia de elementos determinantes da contía da débeda tributaria distintos aos declarados.

4. A liquidación das taxas deberá ser notificada ao suxeito pasivo nos termos previstos na Lei xeral tributaria, e incluirá, ademais da expresión dos elementos a que se refire a normativa tributaria, os seguintes:

a) Os impostos correspondentes debidamente desagregados ou a expresión IVE incluído, de ser o caso.

b) Carta de pagamento, de ser o caso.

5. Cando a notificación se debese facer mediante comparecencia, consonte co disposto na Lei xeral tributaria, citarase o suxeito pasivo ou o seu representante por medio de anuncios que se publicarán no Diario Oficial de Galicia os días 5 e 20 de cada mes, ou no primeiro diario oficial seguinte cando estes días cadren con sábado ou día inhábil. Así mesmo, poderán expoñerse estes anuncios nas oficinas do órgano xestor que ditou o acto, nas oficinas da Administración tributaria que consonte o artigo 16 deste decreto sexa competente para a recadación da débeda ou na páxina web da citada consellería no seu taboleiro de anuncios.

Subsección segunda. Normas de liquidación das tarifas portuarias pola realización de actividades comerciais, industriais e de servizos no dominio público portuario

Artigo 12 ter. Tarifas ACIS por unidade ou por servizo.

1. As normas contidas neste artigo serán de aplicación para a liquidación das tarifas contidas no punto 03 do número 99 do anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, cando as súas cotas estean establecidas pola unidade que corresponda ou por servizo prestado.

2. A liquidación realizarase por período vencido, consonte coas disposicións establecidas neste decreto e na normativa tributaria. A taxa liquidarase tendo en conta as regras contidas nos números seguintes.

3. O período de liquidación, que non poderá ser superior a un ano, determinarase, en cada caso, mediante cláusula contida no prego de condicións da autorización correspondente. En defecto de disposición ao respecto, o período de liquidación será mensual.

4. O suxeito pasivo deberá presentar declaración pola que manifeste a actividade desenvolvida no período de liquidación xunto coa documentación xustificativa correspondente dentro do prazo que se estableza en cada caso, mediante cláusula contida no prego de condicións da autorización correspondente. En defecto de disposición ao respecto, o suxeito pasivo deberá presentar a declaración e documentación correspondente nos dez primeiros días naturais seguintes á finalización do período de liquidación.

5. A documentación xustificativa que deberá presentar o suxeito pasivo será a que se determine no prego de condicións da autorización dependendo do tipo de actividade de que se trate. En defecto de condición expresa ao respecto, presentarase canta documentación sexa requirida polo órgano xestor.

Artigo 12 quáter. Tarifas ACIS pola cifra neta de negocios.

1. As normas contidas neste artigo serán de aplicación para a liquidación das tarifas contidas no punto 03 do número 99 do anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, cando as súas cotas estean establecidas en función do importe anual da cifra neta de negocios da actividade desenvolvida.

2. A taxa poderá ser exixible por adiantado ou a posteriori, segundo o que se estableza no condicionado da autorización. A liquidación realizarase consonte coas disposicións establecidas neste decreto e na normativa tributaria, e tendo en conta as regras contidas nos números seguintes.

3. Cando a taxa sexa exixible por adiantado, a liquidación efectuarase tomando como base os datos económicos da actividade do ano anterior ao ano obxecto de liquidación. O prazo máximo en que deberá notificarse a liquidación será de seis meses, contados desde a data en que conste no órgano xestor a documentación económica da actividade do ano anterior ao ano obxecto da liquidación. No ano de outorgamento da autorización tomarase como base a estimación efectuada en relación co volume de tráfico ou negocio no estudo económico-financeiro presentado pola persoa solicitante da autorización. A liquidación correspondente a ese primeiro exercicio notificarase xunto co outorgamento da autorización.

4. Cando a taxa sexa exixible a posteriori, a liquidación correspondente a cada ano efectuarase finalizado o ano, no prazo de seis meses contado desde a data en que conste no órgano xestor a documentación económica da actividade do ano obxecto da liquidación.

5. Sen prexuízo do disposto no número 4 anterior, a Administración poderá exixir mediante a notificación dunha liquidación o ingreso dun pagamento á conta da liquidación de cada ano consonte coas seguintes regras:

a) Regra primeira. No mes de xaneiro de cada ano a Administración efectuará a liquidación do pagamento á conta da liquidación correspondente ao dito ano. No ano de outorgamento da autorización esta liquidación notificarase xunto co outorgamento dela.

b) Regra segunda. O importe do pagamento á conta calcularase con base nos datos económicos reais da actividade desenvolvida no segundo ano precedente a aquel en que se realiza a liquidación. Durante os dous primeiros anos de vixencia da autorización, tomaranse como base os datos económicos recollidos no estudo económico-financeiro presentado pola persoa solicitante daquela.

c) Regra terceira. O prazo de ingreso do pagamento á conta será o que corresponda consonte co artigo 20 deste decreto.

d) Regra cuarta. O pagamento á conta poderase efectuar tamén en dous, tres ou catro pagamentos fraccionados, segundo se estableza nas condicións da autorización. No caso de que as condicións prevexan pagamentos fraccionados semestrais, o ingreso do primeiro deles será o que correspondera consonte co artigo 20 deste decreto e o segundo deberá efectuarse nos 20 primeiros días naturais de xullo, salvo que as condicións establezan outros prazos de ingreso dentro do ano. No caso de que as condicións prevexan tres pagamentos fraccionados, o ingreso do primeiro deles será o que correspondera consonte co artigo 20 deste decreto, o segundo deberá efectuarse nos 20 primeiros días naturais de xullo e o terceiro nos 20 primeiros días naturais de outubro, salvo que as condicións establezan outros prazos de ingreso dentro do ano. No caso de que as condicións prevexan catro pagamentos trimestrais, o ingreso do primeiro deles será o que correspondera consonte co artigo 20 deste decreto, e os seguintes nos 20 primeiros días naturais de abril, xullo e outubro, respectivamente, salvo que as condicións establezan outros prazos de ingreso dentro do ano. Non será posible aprazar ou fraccionar os pagamentos fraccionados. A presentación da solicitude non impedirá o inicio do período executivo nin a devindicación das recargas correspondentes e dos xuros de mora, e considerarase incumprimento das obrigas tributarias para todos os efectos. O incumprimento do pagamento de calquera pagamento fraccionado terá os efectos sinalados na normativa xeral tributaria.

6. No caso de que a Administración proceda consonte co disposto no número 5 anterior, unha vez finalizado cada ano, o órgano xestor efectuará a liquidación do importe anual da taxa, de acordo co previsto no número 4 deste artigo, descontando, de ser o caso, o importe do pagamento á conta liquidado correspondente ao ano de liquidación.

7. Se o importe da liquidación a que se refire o número 6 anterior fose positivo, o suxeito pasivo deberá ingresar a liquidación nos prazos establecidos no artigo 20 deste decreto. Se o importe da liquidación fose negativo, procederá a devolución do dito importe, sempre que o suxeito pasivo tivese ingresado o pagamento á conta liquidado. Transcorrido o prazo de seis meses contado desde a data de notificación da liquidación ou a data en que se tivese que realizar o último pagamento fraccionado se fose posterior, sen que se ordenase o pagamento da devolución por causa imputable á Administración, esta aboará o xuro de mora regulado no artigo 26 da Lei xeral tributaria, sen necesidade de que o obrigado así o solicite.

8. Para os efectos do disposto nos puntos 3 e posteriores deste artigo, o suxeito pasivo deberá presentar declaración pola que manifeste a realización do feito impoñible xunto coa documentación económica da actividade a que se refire o artigo seguinte, dentro do mes seguinte a aquel en que finalice o prazo de presentación da autoliquidación do imposto sobre a renda das persoas físicas ou do imposto sobre sociedades, segundo corresponda.

Artigo 12 quinquies. Documentación.

1. A documentación económica que presentará o suxeito pasivo será a que se determine no prego de condicións da autorización dependendo do tipo de actividade de que se trate. En defecto de condición expresa ao respecto, presentarase canta documentación sexa requirida polo órgano xestor.

2. No caso de que a documentación exixida para a determinación do importe da cifra neta de negocios da actividade desenvolvida no porto ao abeiro da autorización sexa a correspondente á liquidación do imposto sobre a renda das persoas físicas mediante o método de estimación obxectiva, considerarase que a cifra neta de negocios será o importe do rendemento neto previo anual da actividade obtido por aplicación ao caso concreto de que se trate do disposto para o efecto na normativa do ministerio competente en materia de facenda reguladora desta materia.

3. No caso de que por calquera causa non figurase no expediente de outorgamento da autorización da actividade o estudo económico-financeiro mencionado nos artigos anteriores, considerarase para o cálculo da liquidación da taxa, de ser o caso, como importe anual da cifra neta de negocios da actividade desenvolvida no porto ao abeiro da autorización, o importe anual medio dos ingresos correspondentes aos exercicios existentes nos catro anos anteriores e, no seu defecto, tomarase como cota a cota máxima anual establecida na lei segundo o tipo de actividade e o tipo de gravame.

Artigo 12 sexies. Transmisión da autorización.

No caso de transmisión da autorización, no ano en que se produza a transmisión as actuacións sinaladas nos números anteriores teranse con quen fose o suxeito pasivo na data da devindicación, sen prexuízo das disposicións xerais tributarias na materia.

Sección terceira. Procedemento para o recoñecemento de beneficios fiscais de carácter rogado.

Artigo 13. Recoñecemento de beneficios fiscais de carácter rogado.

1. Para o recoñecemento de beneficios fiscais de carácter rogado, o suxeito pasivo deberá presentar solicitude dirixida ao órgano competente para a súa concesión, segundo proceda, xunto coas solicitude da realización do suposto de feito gravado pola taxa, ou ben, antes da súa devindicación. Á solicitude xuntaranse os documentos e xustificantes que sexan exixibles pola normativa que estableza o beneficio fiscal e mais aqueles que o suxeito pasivo considere convenientes.

2. O órgano competente para a concesión do beneficio fiscal deberá notificar ao obrigado tributario a proposta de resolución cando vaia ser denegatoria, debidamente motivada, para que, nun prazo de 10 días contados a partir do seguinte ao da notificación da proposta denegatoria, alegue o que conveña ao seu dereito.

3. O procedemento terminará por resolución en que se recoñeza ou denegue a aplicación do beneficio fiscal. O prazo máximo para notificarlle ao obrigado tributario a resolución do procedemento será de 3 meses, contados desde a data en que o documento tivese entrada no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido este prazo sen que se notificase a resolución expresa, a solicitude poderase entender denegada. Cando o órgano competente para conceder o beneficio fiscal non coincida co órgano xestor da taxa, aquel comunicaralle a este a resolución para que, no caso de ser denegatoria, proceda, de ser o caso, á exixencia da taxa e dos xuros de mora correspondentes polo procedemento que corresponda.

4. O recoñecemento de beneficios fiscais producirá efectos desde o momento da devindicación da taxa para a cal se pretenda a concesión do beneficio, sempre que se presentase a solicitude consonte co establecido no punto 1 deste artigo. En caso contrario, o recoñecemento terá efectos desde a data da notificación da resolución. Nos casos en que se establecese a obriga de autoliquidación da taxa devindicada polos feitos impoñibles realizados por períodos determinados, para a aplicación do beneficio rogado en todo o período impositivo deberase ter presentado a solicitude con anterioridade ao inicio deste. No caso contrario e sempre que se recoñecese o beneficio fiscal, este será de aplicación no período impositivo que se abrise tras a presentación da solicitude».

Disposición transitoria única. Aplicación das disposicións do decreto.

1. As disposicións deste decreto serán de aplicación para os feitos impoñibles realizados desde o 1 de xaneiro de 2012.

2. As actuacións correspondentes aos feitos impoñibles que se iniciasen con anterioridade á entrada en vigor deste decreto concluiranse axustándose ao disposto nel, salvo que se concluísen segundo o disposto nas condicións da autorización.

3. Naqueles supostos para os cales o período de liquidación sexa mensual por defecto de cláusula no condicionado da autorización, as declaracións e a documentación correspondentes aos meses para os cales o seu prazo estivese vencido no momento da entrada en vigor do decreto, presentaranse nos dez primeiros días naturais seguintes á finalización do mes en que entre en vigor o decreto.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor.

O presente decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de abril de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda