O xefe da Dependencia de Recadación da Delegación da AEAT de Vigo fai saber que, de conformidade co disposto no artigo 101 do Regulamento xeral de recadación, aprobado polo Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, se ditaron acordos coa data do 7.3.2012 nos cales se decreta o alleamento mediante poxa dos bens que se detallan na relación de bens para poxar que se inclúe neste anuncio como anexo I. A poxa terá lugar o día 20.6.2012, ás 10.30 horas, na sala de poxas da Delegación da Axencia Estatal de Administración Triburaria de Vigo, na rúa Lalín, 2.
En cumprimento do citado artigo, publícase este anuncio e son informadas as persoas que desexen participar na poxa do seguinte:
Primeiro. Os bens que se poxan están afectos polas cargas e gravames que figuran na súa descrición e que constan no expediente, e quedan subsistentes sen que se poida aplicar á súa extinción o prezo do remate.
Segundo. A poxa suspenderase en calquera momento anterior á adxudicación dos bens, se se realiza o pagamento do importe da débeda non ingresada, os xuros devindicados ou que se devindiquen ata a data do ingreso no Tesouro, as recargas do período executivo e as custas do procedemento de prema.
Terceiro. Os licitadores poderán enviar ou presentar as súas ofertas en sobre pechado desde o anuncio da poxa ata unha hora antes do comezo desta, sen prexuízo de que poidan participar persoalmente na licitación con ofertas superiores ás do sobre. As ditas ofertas, que terán o carácter de máximas, serán presentadas no rexistro xeral da oficina onde teña lugar a poxa, facendo constar no exterior do sobre os datos identificativos desta. No sobre incluiranse, ademais da oferta e do depósito constituído conforme o punto cuarto, os datos correspondentes ao nome e apelidos ou razón social ou denominación completa, número de identificación fiscal e domicilio do licitador.
Os licitadores poderán participar na poxa pola vía telemática mediante a presentación de ofertas e/ou poxas automáticas, a través da páxina web da Axencia Tributaria www.agenciatributaria.es, de acordo co establecido na Resolución 5/2002, do 17 de maio (BOE do 24 de maio), da Dirección Xeral da Axencia Estatal de Administración Tributaria, pola que se regula a participación pola vía telemática nos procedementos de alleamento de bens desenvolvidos polos órganos de recadación.
Cuarto. Todo licitador terá que constituír ante a mesa da poxa con anterioridade á súa celebración un depósito do 20 por cento do tipo de poxa en primeira licitación, agás no caso daqueles lotes en que se tivese acordado unha porcentaxe menor, que en ningún caso será inferior ao 10 por cento. O importe do depósito para cada un dos lotes está determinado na relación de bens que se van poxar incluída neste anuncio.
O depósito deberá constituírse mediante cheque que cumpra os requisitos establecidos no artigo 35.1 do Regulamento xeral de recadación ou pola vía telemática a través dunha entidade colaboradora adherida a este sistema que asignará un número de referencia completo (NRC) que permita a súa identificación, de acordo co establecido na Resolución 5/2002, do 17 de maio (BOE do 24 de maio), do director xeral da Axencia Estatal de Administración Tributaria.
Se os adxudicatarios non satisfán o prezo do remate, este depósito aplicarase á cancelación da débeda, sen prexuízo das responsabilidades en que poidan incorrer polos prexuízos que orixine esta falta de pagamento.
Quinto. No caso de que non resulten adxudicados os bens nunha primeira licitación, a mesa de poxa poderá realizar unha segunda licitación, se o considera procedente, fixando o novo tipo de poxa no 75% do importe da primeira licitación, ou ben anunciará a iniciación do trámite de adxudicación directa que se levará a cabo de acordo co artigo 107 do Regulamento xeral de recadación.
Sexto. O adxudicatario deberá ingresar na data da adxudicación, ou dentro dos 15 días seguintes, a diferenza entre o depósito constituído e o prezo da adxudicación.
O ingreso poderá realizarse en bancos, caixas de aforros e cooperativas de crédito nas cales non é preciso ter conta aberta. Tamén pode realizar o pagamento mediante cargo na súa conta corrente, a través da internet no enderezo www.agenciatributaria.es, na opción: Oficina virtual. Pagamento de impostos.
Así mesmo, se o solicita á mesa de poxa no acto de adxudicación, o adxudicatario poderá realizar o ingreso do importe total do prezo da adxudicación. Neste caso, unha vez comprobado o ingreso, a Axencia Tributaria levantará a retención realizada sobre o depósito constituído polo adxudicatario.
Sétimo. Cando na licitación non se cubrise a débeda e quedasen bens sen adxudicar, a mesa anunciará a iniciación do trámite de adxudicación directa.
As ofertas poderanse presentar no prazo que para tales efectos comunique a mesa de poxa. Deberanse presentar en sobre pechado no rexistro xeral da oficina onde se tivese realizado a poxa e deberán ir acompañadas, se é o caso, do depósito.
Así mesmo, poderanse presentar ofertas a través da páxina web da Axencia Tributaria www.agenciatributaria.es, de acordo co establecido na Resolución 5/2002, do 17 de maio (BOE do 24 de maio), da Dirección Xeral da Axencia Estatal de Administración Tributaria, pola que se regula a participación pola vía telemática nos procedementos de alleamento de bens desenvolvidos polos órganos de recadación.
Transcorrido o prazo sinalado pola mesa de poxa, esta abrirá as ofertas presentadas e poderá proceder á adxudicación dos bens se algunha delas se considera suficiente nese momento. No caso contrario, anunciarase a extensión do prazo para a presentación de novas ofertas ou mellora das xa existentes, sen prexuízo da validez das ofertas presentadas ata ese intre e así sucesivamente, co límite total de seis meses.
O prezo mínimo de adxudicación directa será o tipo de poxa en primeira licitación cando non se considerase procedente realizar una segunda licitación; se existise segunda licitación, non haberá prezo mínimo.
Oitavo. No caso de inmobles, o adxudicatario poderá solicitar expresamente no acto da adxudicación o outorgamento da escritura pública de venda de inmoble.
Noveno. Cando se trate de bens inscritibles nos rexistros públicos, os licitadores non terán dereito a exixir outros títulos de propiedade distintos aos que se achegan no expediente; os ditos títulos estarán á disposición dos interesados nas oficinas desta Dependencia de Recadación, onde poderán ser examinados todos os días hábiles a partir da publicación do presente anuncio, ata o día anterior ao da poxa. No caso de non estaren inscritos os bens no rexistro, o documento público de venda é un título mediante o cal se pode efectuar a inmatriculación nos termos previstos na lexislación hipotecaria; nos demais casos en que sexa preciso, poderá procederse como dispón o título VI da Lei hipotecaria para levar a cabo a concordancia entre o rexistro e a realidade xurídica.
Décimo. O tipo de poxa non inclúe os impostos indirectos que gravan a transmisión dos ditos bens. Todos os gastos e impostos derivados da transmisión, incluídos os derivados da inscrición no rexistro correspondente do mandado de cancelación de cargas posteriores, serán por conta do adxudicatario.
O adxudicatario exonera expresamente a AEAT, ao abeiro do artigo 9 da Lei 49/1960, do 21 de xuño, de propiedade horizontal, modificado pola Lei 8/1999, do 6 de abril, da obriga de achegar certificación sobre o estado das débedas da comunidade. Estarán a cargo deste os gastos que queden pendentes do pagamento.
Décimo primeiro. O procedemento de prema só se suspenderá nos termos e condicións sinalados no artigo 165 da Lei xeral tributaria (Lei 58/2003, do 17 de decembro).
Décimo segundo. Tamén serán de aplicación as condicións que figuran no anexo II. Para todo o non previsto neste anuncio haberá que aterse ao preceptuado nas disposicións legais que regulen o acto.
Vigo, 7 de marzo de 2012.
Carlos Sieres Atienza
Xefe da Dependencia de Recadación
Anexo I
Relación de bens que se poxan
N.º de poxa: S2012R54760010006.
Lote único:
N.º de dilixencia: 541123308406B.
Data da dilixencia: 24.10.2011.
Tipo de poxa en primeira licitación: 566.060,86 euros.
Tramos: 2.000,00 euros.
Depósito: 113.212,17 euros.
– Ben n.º 1:
Tipo de ben: vivenda.
Tipo de dereito: pleno dominio.
Localización: avda. García Barbón 9, 1.º B. 36201 Vigo.
Inscrición: Rexistro da Propiedade n.º 1 de Vigo.
Tomo: 656.
Libro: 656.
Folio: 6.
Predio: 55.481.
Inscrición: 3.
Descrición: urbana. Trinta e cinco: vivenda letra b) na planta do ático primeiro do edificio en Vigo, con frente a avenida García Barbón número 9 e 11. Ocupa unha superfice de douscentos cincuenta e oito metros oitenta e dous decímetros cadrados costruídos, aproximadamente. Consta de vestíbulo, cinco dormitorios, cociña, tendedeiro, tres cuartos de baño, un aseo, estar e salón-comedor con terraza. Linda: fronte: con relanzo de escaleira e oco de ascensor e vivenda C e A desta planta; dereita: avda. García Barbón; esquerda: vivenda A e patios e fondo: predios colindantes, patio e vivenda A. Ten como anexo inseparable o cuarto trasteiro sinalado co número 24 na planta ático terceiro.
Valoración: 867.736,80 euros.
Cargas: 342.286,26 euros.
Carga n.º 1: hipoteca a favor de Caixa d’Estalvis i Pensions de Barcelona, en virtud de escritura otorgada o 14.7.2005.
Carga n.º 2: embargo trabado no expediente administrativo de prema seguido na Unidade de Recadación Executiva 01 da TXSS, Dirección Provincial de Pontevedra.
– Ben n.º 2:
Tipo de ben: garaxe.
Tipo de dereito: pleno dominio.
Localización: avda. García Barbón 9, 2, 31. 36201 Vigo.
Inscrición: Rexistro da Propiedade n.º 1 de Vigo.
Tomo: 568.
Libro: 568.
Folio: 249.
Predio: 55447/24.
Inscrición: 1.
Descrición: garaxe. Soto segundo do edificio sinalado cos números nove e once á avenida de García Barbón, Vigo. Mide a superficie construída aproximada de mil seiscentos cincuenta e sete metros con once decímetros cadrados. O acceso a este local garaxe ten lugar, para vehículos, pola rampa que arrinca desde a avenida de García Barbón e para persoas, a través de escaleira e ascensor do edificio. Cota na comunidade: dezaseis enteiros sesenta e nove centésimas por cento. Unha participación indivisa do dous por cento do predios descrito, e cuxa participación se concreta na praza de garaxe sinalada co número trinta e un.
Valoración: 40.610,32 euros.
Cargas: non constan cargas.
Anexo II
Outras condicións
Poxa n.º : S2012R54760010006.
Non existen outras circunstancias, cláusulas ou condicións que se deban aplicar nesta poxa.

