Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 82 Luns, 30 de abril de 2012 Páx. 15788

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 3 de abril de 2012, da Xefatura Territorial da Coruña, pola que se anuncia o levantamento das actas previas á ocupación de bens e dereitos afectados pola instalación eléctrica do Parque Eólico Cordal de Montouto, nos concellos Aranga e Guitiriz (expediente 01/2005 DXIEM-EOL).

Outorgada a declaración de utilidade pública, que leva implícita a urxente ocupación, dos bens e dereitos afectados polas instalacións do Parque Eólico Cordal de Montouto, nos termos municipais de Aranga e Guitiriz (expte. n.º 01/2005 DXIEM-EOL), por Resolución da Consellería de Economía e Industria do 12 de marzo de 2012, a favor da entidade beneficiaria Gas Natural Fenosa Renovables, S.L.U., con enderezo na avda. de Arteixo, n.º 171, 15007 A Coruña.

Esta xefatura territorial acorda sinalar o día 14 de maio de 2012 para o levantamento das actas previas á ocupación, de conformidade cos artigos 52 da Lei de expropiación forzosa do 16 de decembro de 1954, e 56 do seu regulamento, do 26 de abril de 1957, nas cales se describirán os bens ou dereitos expropiables e de imposición de servidume de paso de enerxía eléctrica, contidos na relación de predios que se expón xunto con esta resolución no taboleiro de edictos do Concello de Aranga, deducida da que se someteu a información pública no DOG do 10 de febreiro de 2006, no BOP da Coruña do 14 de febreiro, no BOP de Lugo do 11 de febreiro e nos xornais La Voz de Galicia e El Progreso do 8 de febreiro, respectivamente; acto a que deberán concorrer os propietarios propostos dos predios afectados, aos cales se lles practicará notificación individual en que se lles sinalarán os horarios de toma de datos sobre o terreo e do levantamento efectivo das actas nas oficinas da referida Casa Consistorial.

Esta publicación realizarase igualmente para os efectos do artigo 59.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, cando os titulares dos predios propostos sexan descoñecidos ou se ignore o lugar de notificación; e, así, dirixir ao Ministerio Fiscal as dilixencias que se produzan destes, de conformidade co artigo 5 da devandita Lei de expropiación forzosa.

A Coruña, 3 de abril de 2012.

Susana Vázquez Romero
Xefa territorial da Coruña