Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 84 Xoves, 3 de maio de 2012 Páx. 16205

IV. Oposicións e concursos

Servizo Galego de Saúde

RESOLUCIÓN do 20 de abril de 2012, da Dirección de Recursos Humanos, pola que se fai público o lugar e a data de realización do segundo exercicio da fase de oposición do proceso selectivo para o ingreso en diversas clases de persoal sanitario funcionario ao servizo da Comunidade Autónoma incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro.

A Resolución da Dirección de Recursos Humanos, do 27 de xullo de 2010, pola que se convoca concurso-oposición libre para o ingreso en diversas clases de persoal sanitario funcionario ao servizo da Comunidade Autónoma incluído no ámbito de aplicación da Lei 17/1989, do 23 de outubro, prevé no número 3 da base sexta que os exercicios da fase de oposición se realizarán no lugar e hora que se fixe nunha resolución da autoridade convocante, que terá que publicarse no Diario Oficial de Galicia, polo que este centro directivo

RESOLVE:

Primeiro. Convocar os/as aspirantes que superaron o primeiro exercicio de oposición para o ingreso nas clases de inspector farmacéutico, inspector médico e subinspector sanitario, para a realización do segundo exercicio da fase de oposición, o 11 de maio de 2012, ás 10.00 horas, na Escola Galega de Administración Pública, sita na rúa de Madrid n.º 2-4, Santiago de Compostela.

Segundo. Os/as aspirantes terán que ir provistos necesariamente do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade e de bolígrafo azul ou negro.

Durante o tempo fixado para a realización do exercicio non se poderán utilizar nin manipular de ningunha maneira aparellos de telefonía móbil ou soportes con memoria, polo tanto, queda prohibido acceder con eles aos lugares de realización dos exames, e será causa de inadmisión ao chamamento a súa tenza. Advírtese que non haberá servizo de recollida de teléfonos móbiles.

Terceiro. Os/as aspirantes serán convocados/as para cada exercicio nun único chamamento, e serán excluídos/as do concurso-oposición os/as que non comparezan.

No marco das previsións da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, e da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo, para a igualdade efectiva de mulleres e homes, permitiráselles ás mulleres embarazadas que se encontren ingresadas no mesmo día do exame facer o segundo exercicio da fase de oposición.

Por iso, coa única limitación de respectar, en todo caso, a unidade de acto e de tempo de execución fixados nesta resolución, como garantía de igualdade e de imparcialidade para todos/as os/as aspirantes, desprazará ao centro sanitario unha delegación do tribunal que permita a execución material da proba a aquelas opositoras xestantes que previamente o xustificasen e solicitasen no fax da Dirección de Recursos Humanos 881 54 28 18, ata as 48 horas anteriores á hora fixada para a realización do exercicio.

Cuarto. Logo da realización do exercicio, os/as aspirantes serán convocados para proceder á lectura pública do exercicio ante o tribunal, mediante anuncio publicado na páxina web do Servizo Galego de Saúde, no que se determinará o día, hora e lugar onde se desenvolverá a lectura. O acto de lectura iniciarase por aqueles/as cuxo primeiro apelido comece pola letra M.

Quinto. Esta resolución poderá ser impugnada polos/as interesados/as nos termos previstos no número 3 da base oitava da citada convocatoria.

Santiago de Compostela, 20 de abril de 2012.

Esperanza Fernández Lago
Directora de Recursos Humanos