Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Luns, 7 de maio de 2012 Páx. 16825

III. Outras disposicións

Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

DECRETO 120/2012, do 26 de abril, polo que se declara monumento natural o pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós (Quiroga).

O espazo natural do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós é un elemento da natureza constituído por unha formación xeolóxica de notoria singularidade, beleza e interese científico; inventariado como punto de interese xeolóxico (P.I.X.) e vinculado á estrutura tectónica coñecida como sinclinal do Courel (IGME 1983).

Consiste nunha estrutura xeolóxica que representa unha gran prega deitada cara ao norte, con flancos duns 10-12 km, cuxa porción central se mostra practicamente intacta e se conserva subhorizontal desde a primeira fase de deformación varisca (D1), adscrito xeoloxicamente ao bordo setentrional da Zona Centroibérica (dominio do antiforme do ollo de sapo).

O espazo forma parte dun sistema xeolóxico que sobresae pola calidade ambiental e a riqueza natural da zona. Consérvase practicamente intacto desde o Carbonífero Inferior, o cal lle confire un interese científico especial ademais do educativo, cultural ou paisaxístico, polo que merece ser obxecto dunha protección especial.

Estas grandes pregas isoclinais deitadas forman parte do LIC ES 1120001 Ancares-Courel, declarado como zona de especial protección dos valores naturais (ZEPVN) polo Decreto 72/2004. A paisaxe da contorna próxima é froito dos usos agrogandeiros tradicionais da zona, con matogueiras e piñeiros en produción, e intercaladas parcialmente con masas forestais de castiñeiros que constitúen un ecosistema de grande biodiversidade.

A protección e conservación do noso patrimonio natural é un mandado recollido no artigo 45 da vixente Constitución española e unha necesidade para asegurar a supervivencia dos nosos ecosistemas.

Estes recursos naturais necesitan dunha protección que asegure a súa conservación compatible co uso público e co goce da natureza neste espazo, tal como se sinala na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza. E, conforme o artigo 33 da Lei 42/2007, do patrimonio natural e da biodiversidade, nos monumentos naturais con carácter xeral estará prohibida a explotación de recursos, salvo naqueles casos que por razóns de investigación ou conservación se permita, procedendo a pertinente autorización administrativa.

A citada Lei 9/2001, do 21 de agosto, define no seu artigo 13 a figura de monumento natural como aqueles espazos ou elementos da natureza constituídos basicamente por formacións de notoria singularidade, rareza ou beleza que merecen ser obxecto dunha protección especial, así como as formacións xeolóxicas, os xacementos paleontolóxicos e demais elementos da xea que reúnan un interese especial pola singularidade ou importancia dos seus valores científicos, culturais ou paisaxísticos.

As competencias en materia de protección do ambiente e da paisaxe foron conferidas á Comunidade Autónoma de Galicia polo artigo 27.30.º do Estatuto de autonomía e asumidas pola Xunta de Galicia a través do Real decreto 1535/1984, do 20 de xuño.

Por todo o anteriormente exposto, e despois da petición dos informes preceptivos pertinentes, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza resolve, con data do 22 de novembro de 2011, someter a información pública e audiencia aos interesados o proxecto de decreto polo que se declara monumento natural o pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós (Diario Oficial de Galicia número 238, do 15 de decembro de 2011).

Transcorrido o prazo fixado na resolución para a información pública e audiencia aos interesados, non figura no expediente alegación ningunha ao proxecto de decreto polo que se declara monumento natural o pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós.

Por todo o anteriormente exposto, por proposta do conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte e seis de abril de dous mil doce,

DISPOÑO:

Artigo 1. Declaración.

De acordo co establecido na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, declárase monumento natural o espazo denominado pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós, situado no concello de Quiroga, na provincia de Lugo.

Artigo 2. Réxime xurídico.

Mediante esta declaración aplícaselle ao monumento natural do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós o réxime xurídico dos espazos naturais protexidos co fin de garantir a protección e conservación dos valores xeolóxicos representados no monumento natural, así como a dos propios ecosistemas e hábitats naturais que coexisten e a beleza da súa paisaxe.

Artigo 3. Ámbito e localización.

O ámbito de protección do monumento natural declarado abrangue una superficie total de 90 ha delimitadas pola liña poligonal cuxa relación de coordenadas e descrición literal aparecen nos anexos I e II, sitúase no municipio de Quiroga á altura da aldea de Campodola, nas seguintes coordenadas en proxección UTM: fuso 29 T X: 646.506; Y: 4.709.968.

Artigo 4. Medidas de protección.

No ámbito do monumento natural do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós e co fin de garantir a conservación dos valores que motivaron a súa declaración, establécense as seguintes medidas de protección:

1.º Prohíbese en todo o ámbito do monumento natural:

  1. Os campamentos e acampadas.
  2. Os desmontes e terrapléns.
  3. As entulleiras e verteduras de calquera tipo.
  4. As queimas.
  5. A colocación de anuncios publicitarios.
  6. Os aproveitamentos mineiros.
  7. A instalación de infraestruturas que menoscaben a calidade paisaxística da contorna.
  8. A construción de edificacións de calquera tipo.
  9. Actividades de escalada ou alpinismo.

2.º Fóra dos camiños e vías existentes só se permitirá o estacionamento e circulación de vehículos e maquinaria propios da actividade agrícola e forestal da contorna.

3.º No caso dos soutos, hábitat de interese comunitario (cod. 9260) recollido no anexo I (Tipos de hábitats naturais de interese comunitario para cuxa conservación é necesario designar zonas especiais de conservación) da Directiva 92/43/CEE, dado o seu carácter seminatural, considérase que os labores culturais tradicionais que se veñen realizando no espazo son necesarios para a súa conservación.

4.º  Quedarán prohibidas, ademais, todas aquelas accións que poidan supor a destrución ou alteración significativa dos hábitats naturais identificados na área como de especial interese ou prioritarios de acordo co disposto na Directiva 92/43/CEE.

Artigo 5.

A consellería competente en materia de conservación da natureza instará á suspensión de toda actividade que non dispoña da preceptiva autorización.

Artigo 6.

A infracción do réxime de protección establecido para o monumento natural no artigo 3 do presente decreto e nas normas que deriven do plano de conservación que o desenvolve serán sancionadas de acordo co disposto na Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza, ou demais disposicións que segundo a natureza da infracción resulten aplicables.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento do presente decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e seis de abril de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Agustín Hernández Fernández de Rojas
Conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas

ANEXO I
Límites do monumento natural do pregamento xeolóxico de Campodola-Leixazós

Superficie: 90 ha.

Provincia: Lugo.

Concello: Quiroga.

Os límites están referidos á ortofoto PNOA 2008 e ao Catastro Nacional. As coordenadas (fuso 29), Datum ED50.

Polo norte o perímetro comeza no punto de coordenadas (X: 646.820; Y: 4.710.843) (no mapa corresponde co vértice 1) sito na confluencia do río Ferreiriño co rego da Coroa, e segue cara ao leste para virar ao sur ata unha devasa, apoiándose nos puntos de coordenadas seguintes:

Vértices

Coordenada X

Coordenada Y

2

646.921

4.710.881

3

647.033

4.710.873

4

647.136

4.710.602

5

647.025

4.710.326

O límite segue pola devasa en dirección sur pasando por los puntos de coordenadas:

Vértices

Coordenada X

Coordenada Y

5

647.025

4.710.326

6

646.968

4.710.288

7

646.929

4.710.235

8

646.764

4.710.083

9

646.744

4.710.026

10

646.626

4.709.819

11

646.570

4.709.768

12

646.532

4.709.677

13

646.528

4.709.625

14

646.529

4.709.507

Desde o punto de coordenadas denominado vértice 14 sito ao final da devasa, o límite continúa en liña recta ata o vértice 15 (X: 646.545; Y: 4.709.352) sito noutra devasa que percorre pasando polo vértice 16 (X: 646.477; Y: 4.709.241) ata chegar ao vértice 17, de coordenadas X: 646.427; Y: 4.709.115. Desde este vértice o límite vira ao oeste ata o vértice 18 (X: 645.962; Y: 4.709.095) situado no río Ferreiriño. Desde aquí e seguindo polo río cara ao norte chega ata o punto de partida (vértice 1).

ANEXO II

missing image file
missing image file