Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 86 Luns, 7 de maio de 2012 Páx. 16813

I. Disposicións xerais

Consellería de Facenda

DECRETO 119/2012, do 3 de maio, polo que se regulan as retribucións e percepcións económicas aplicables aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico.

As medidas adoptadas pola Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia, para acadar unha maior eficiencia nos recursos públicos e obter unha maior produtividade dos recursos humanos, inclúe previsións en relación ao réxime económico aplicable aos órganos de goberno ou dirección e ao persoal directivo das entidades do sector público autonómico, e autoriza o Consello da Xunta para a súa adecuación conforme criterios obxectivos.

O presente decreto proporciona un marco de principios e criterios obxectivos para adecuar os conceptos retributivos e as percepcións económicas que resulten aplicables no sector público autonómico ao persoal incluído no ámbito de aplicación da norma.

A regulación responde aos principios de solidariedade, eficiencia e austeridade, ao que se engade na presente norma o principio de transparencia, e introduce criterios racionais e obxectivos para o axuste das remuneracións do persoal afectado.

En concreto, establécense os criterios para a clasificación en grupos das entidades instrumentais, así como os criterios para a clasificación en niveis dos postos de dirección, e fíxase unha limitación das contías máximas que poden corresponder aos postos no marco desta clasificación. Regúlase, asemade, o procedemento para a determinación dos grupos e niveis, proporcionando un tratamento uniforme para as distintas entidades do sector público autonómico.

Realízase, así, unha ordenación do sistema retributivo dos directivos de entes instrumentais que busca a reciprocidade entre traballo e retribución baixo o criterio de austeridade xeral, imperante en todo o sector público administrativo.

Por outra banda, o presente decreto vén transpoñer á normativa galega os principios e criterios recentemente adoptados para a súa aplicación ao sector público estatal en materia de indemnizacións por extinción das relacións xurídicas que dan lugar ao exercicio da función directiva.

O conxunto das medidas adoptadas pola presente disposición contribúen a acadar unha situación de equilibrio orzamentario sen menoscabar a prestación dos servizos públicos esenciais.

De conformidade co exposto, en uso das facultades atribuídas pola Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia, por proposta da conselleira de Facenda, oído o Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día tres de maio de dous mil doce,

DISPOÑO:

CAPÍTULO I
Disposicións xerais

Artigo 1. Obxecto.

O presente decreto ten por obxecto o desenvolvemento da Lei 1/2012, do 29 de febreiro, de medidas temporais en determinadas materias do emprego público da Comunidade Autónoma de Galicia no que atinxe á adecuación, conforme criterios obxectivos, das retribucións e percepcións económicas aplicables ao persoal incluído no seu ámbito de aplicación.

Artigo 2. Ámbito subxectivo de aplicación.

As disposicións establecidas no presente decreto serán de aplicación a:

a) Os órganos unipersoais de goberno e os membros dos consellos reitores das entidades reguladas no artigo 45 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

b) Os órganos unipersoais de goberno ou dirección e os membros dos consellos de administración ou os órganos equivalentes das entidades que integran o sector público autonómico de Galicia

c) O persoal directivo das entidades a que se fai referencia nas alíneas a) e b) anteriores.

Artigo 3. Ámbito obxectivo de aplicación.

1. O presente decreto será de aplicación ás entidades instrumentais que se indican a seguir:

a) Os organismos autónomos, agás o Servizo Galego de Saúde.

b) As axencias públicas autonómicas.

c) As entidades públicas empresariais a que fai referencia o artigo 89 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

d) Os consorcios autonómicos a que se refire o artigo 95 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

e) As sociedades mercantís públicas autonómicas a que se refire o artigo 102 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

f) As fundacións públicas sanitarias e as demais fundacións do sector público da Comunidade Autónoma a que se refire o artigo 113 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

2. Así mesmo, será de aplicación ao resto dos entes con personalidade xurídica propia en que a comunidade autónoma teña unha posición de control e achegue máis do 50% dos seus ingresos.

CAPÍTULO II
Clasificación das entidades instrumentais do sector público

Artigo 4. Criterios de clasificación.

Para os efectos do presente decreto as entidades instrumentais do sector público autonómico do artigo 3 clasificáranse en catro grupos atendendo aos seguintes criterios:

a. Natureza xurídica e características da entidade e do sector en que opera.

b. Número de efectivos de persoal.

c. Cifra de negocios.

d. Volume de investimentos.

e. Resultados da entidade.

f. Prelación dos obxectivos no plan estratéxico de Galicia.

Artigo 5. Clasificación inicial.

A consellería competente en materia de facenda aprobará mediante orde a clasificación inicial das entidades incluídas no ámbito de aplicación do presente decreto, de conformidade cos criterios establecidos no artigo anterior.

Artigo 6. Revisión da clasificación.

Correspóndelle á consellería competente en materia de facenda, conforme os criterios establecidos no artigo 4 deste decreto, a revisión da clasificación das entidades instrumentais con carácter periódico e, en todo caso, cando se altere a composición patrimonial da entidade en máis dun 20%.

CAPÍTULO III
Retribucións e percepcións económicas

Sección 1.ª Retribucións do persoal directivo

Artigo 7. Persoal directivo.

1. Para os efectos da ordenación de retribucións que se establece no presente decreto terá a consideración de directivo o persoal que desempeñe postos de traballo definidos como tales na relación de postos de traballo ou no cadro de persoal da entidade, en atención á especial responsabilidade, competencia técnica e relevancia das funcións xerenciais ou de dirección e coordinación asignadas a eles, calquera que sexa o vínculo xurídico administrativo ou laboral que se formalice para desenvolver as ditas funcións, e con independencia de que concorra previamente nel a condición de empregado público.

2. A ordenación de retribucións que se establece nesta sección non será de aplicación ao persoal que se indica a seguir:

a) O persoal das entidades instrumentais do sector público autonómico de Galicia que teña a condición de alto cargo cuxas retribucións veñan fixadas na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma.

b) O persoal que, de conformidade co previsto na disposición transitoria quinta da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, desempeñe, na súa condición de empregado público, postos nas axencias públicas autonómicas e os consorcios autonómicos que conforme as súas relacións de postos de traballo ou cadros de persoal, correspondan a persoal directivo, agás o que formalice un contrato de alta dirección.

Artigo 8. Clases de retribucións.

As retribucións que se fixarán nos contratos laborais do persoal directivo das entidades instrumentais do sector público autonómico clasifícanse en fixas e variables.

Artigo 9. Retribucións fixas.

1. As retribucións fixas serán as que en termos anuais percibe o persoal directivo en función das características da entidade e nivel de responsabilidade que implica o posto de traballo que desempeñe.

2. O importe máximo das retribucións fixas dependerá de dous factores:

a. O grupo en que se encadre cada entidade instrumental de conformidade coa clasificación a que fai referencia o artigo 5 deste decreto.

b. O nivel de responsabilidade do posto, atendendo á estrutura organizativa da propia entidade e mais ás características do posto dentro da organización.

Correspóndelle á consellería competente en materia de facenda o encadramento dos postos directivos polo seu nivel de responsabilidade.

3. O importe máximo das retribucións fixas cuantifícase no anexo do presente decreto, desagregado de acordo co encadramento das entidades en grupos a que fai referencia o artigo 4 e articulado en cinco niveis de responsabilidade dos postos directivos.

No devandito importe máximo non se computan as cantidades que se perciban como complemento de expatriación, carreira profesional nin as retribucións por antigüidade.

Artigo 10. Retribucións variables.

1. As retribucións variables, cuxo establecemento terá carácter potestativo, percibiranse en función do cumprimento dos obxectivos fixados para a entidade.

Para estes efectos, teranse en conta, singularmente, os obxectivos establecidos no Plan Estratéxico de Galicia, na normativa de disciplina orzamentaria e financeira que lles sexa aplicable e no programa de actuacións, investimentos e financiamento da entidade, así como os obxectivos de actividade, calidade e eficiencia que se establezan.

2. A contía a percibir como retribución variable non poderá superar o 14% das retribucións fixas correspondentes ao posto de conformidade co anexo deste decreto. Os pagamentos a conta que se acorden non poderán superar o 50% da contía máxima que se vaia percibir.

3. Os obxectivos cuxo cumprimento dea lugar á asignación de retribucións variables e o sistema de indicadores para a súa medición deberán ser aprobados polo máximo órgano de goberno de cada entidade, logo de informe favorable dos centros directivos competentes en materia de avaliación e reforma administrativa, de función pública e de orzamentos.

O informe que elabore o centro directivo competente en materia de orzamentos para a autorización dos obxectivos pronunciarase sobre a asignación e liquidación da retribución variable.

Artigo 11. Retribucións en especie.

As retribucións en especie que, se é o caso, se perciban computarán para os efectos de cumprir os límites da contía máxima da retribución total.

Artigo 12. Persoal directivo coa condición de empregado público.

Os importes máximos de retribucións establecidos nos artigos anteriores poderán ser superados, coa limitación establecida no artigo 60 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia, cando o directivo teña a condición de empregado público e a aplicación dos devanditos límites lle supuxesen a asignación de retribucións inferiores ás que tiña asignadas no posto de orixe.

Artigo 13. Transparencia nas retribucións.

A partir do 1 de xullo do ano 2012 na páxina web da consellería competente en materia de facenda poderán consultarse os importes das retribucións máximas autorizadas a cada posto dos recollidos no ámbito de aplicación deste decreto.

Sección 2.ª Retribucións dos órganos unipersoais de goberno e dirección

Artigo 14. Retribucións dos órganos unipersoais.

Os importes das retribucións correspondentes á condición de órgano unipersoal de goberno ou dirección das entidades instrumentais reguladas no presente decreto que non teña a condición de alto cargo cuxas retribucións veñan fixadas na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma axustarase ao previsto na sección primeira deste capítulo.

Sección 3.ª Percepcións económicas dos membros dos órganos de goberno e dirección e consellos de administración das entidades instrumentais do sector público autonómico

Artigo 15. Percepcións e límites.

1. A pertenza a un órgano de goberno e dirección ou a un consello de administración das entidades instrumentais reguladas no presente decreto unicamente dará dereito a percibir as indemnizacións por asistencia e preparación das sesións dos devanditos órganos.

2. Naqueles supostos en que a lei autorice expresamente a percepción concorrente de retribucións, calquera que sexa a súa natureza, e de indemnizacións por asistencia e preparación das sesións dos órganos colexiados de goberno, dirección e administración das entidades instrumentais, non poderá percibirse un importe anual conxunto por ambos os conceptos que supere a retribución anual que se estableza para un director xeral na Lei de orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 16. Indemnizacións por asistencia e preparación dos consellos de administración ou órganos colexiados de goberno e dirección.

1. Corresponde ao Consello da Xunta, por proposta da consellería competente en materia de facenda, a determinación do importe máximo que se percibirá pola preparación e asistencia como membro aos consellos de administración ou órganos colexiados de goberno e dirección, tendo en conta a clasificación das entidades á que se fixo referencia no artigo 5 do presente decreto.

2. A percepción de retribucións como persoal directivo ou como órgano unipersoal de goberno ou dirección das entidades instrumentais do sector público será incompatible co cobramento de indemnizacións por asistencia e preparación das reunións dos órganos de goberno ou dirección e consellos de administración da correspondente entidade instrumental.

Sección 4.ª Indemnizacións por extinción

Artigo 17. Indemnizacións por extinción.

1. A extinción por desistencia do empresario dos contratos laborais de persoal directivo e contratos mercantís do persoal que preste servizos nas entidades incluídas no ámbito de aplicación do presente decreto unicamente poderá dar lugar a unha indemnización non superior a sete días por ano de servizo da retribución anual en metálico, cun máximo de seis mensualidades.

2. O cálculo da indemnización farase tendo en conta a retribución anual en metálico que no momento da extinción se estiver a percibir como retribución fixa íntegra e total, excluídas as retribucións variables se as houber.

3. De conformidade co previsto na disposición adicional oitava do Real decreto lei 3/2012, do 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, nos contratos a que se fai referencia non se terá dereito a indemnización ningunha cando a persoa cuxo contrato mercantil ou de alta dirección se extinga por desistencia do empresario teña a condición de empregado público dalgunha entidade do sector público con reserva de posto de traballo.

4. De acordo co disposto na disposición adicional oitava do Real decreto lei 3/2012, do 10 de febreiro, de medidas urxentes para a reforma do mercado laboral, a desistencia deberá ser comunicado por escrito, cun prazo máximo de antelación de quince días naturais. No caso de incumprimento do aviso previo mencionado, a entidade deberá indemnizar cunha contía equivalente á retribución correspondente ao período de aviso previo incumprido.

Disposición adicional primeira.

Todos os instrumentos en que se teña formalizado unha vinculación profesional do persoal directivo coas entidades instrumentais ás cales se aplica este decreto deberán adaptarse aos termos establecidos no presente decreto no prazo de dous meses contados desde a súa entrada en vigor.

Esta adaptación non poderá producir incremento nas retribucións íntegras do persoal afectado con respecto ás vixentes en 31 de decembro de 2011.

Disposición adicional segunda.

A consellería competente en materia de facenda realizará as retencións de crédito nas correspondentes aplicacións orzamentarias polo importe dos posibles excesos de retribucións actuais sobre as que resulten da aplicación do disposto neste decreto e a posterior transferencia á partida de imprevistos.

Cando en aplicación do disposto neste decreto un equipo directivo non acredite a consecución dos obxectivos fixados unha vez pechado o exercicio correspondente, a contía destinada a retribucións variables será deducida das transferencias de financiamento que, se é o caso, correspondan para o exercicio en curso.

Disposición adicional terceira.

No prazo de sete días contados a partir da publicación da orde que aprobe a clasificación inicial das entidades instrumentais incluídas no ámbito de aplicación do presente decreto, a consellería competente en materia de facenda trasladará a cada entidade o nivel en que se encadra o seu persoal directivo e o axuste das retribucións máximas do referido persoal respecto ao autorizado no cadro de persoal.

No mesmo prazo, comunicará ás entidades incluídas no seu ámbito de aplicación as medidas que deberán adoptar para adaptarse ás previsións do presente decreto.

Disposición adicional cuarta.

As entidades adoptarán as medidas necesarias para adaptar os seus estatutos ou normas de funcionamento interno ao previsto neste decreto no prazo máximo de dous meses contados desde a comunicación da clasificación.

Disposición adicional quinta.

A superación dos límites de retribucións que se establecen no presente decreto que teña por causa a concorrencia de razóns vinculadas á especial cualificación profesional do directivo deberá ser autorizada polo Consello da Xunta de Galicia, unha vez cumpridas as formalidades a que fai referencia o artigo 60 da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

Disposición adicional sexta.

As referencias contidas no presente decreto aos contratos laborais de persoal directivo estímanse comprensivas tanto dos contratos do réxime laboral especial de alta dirección como daqueloutras cláusulas contractuais pactadas, se for o caso, para o desempeño de funcións directivas con carácter complementario ao contido dun contrato de traballo preexistente.

A presente disposición adicional ten o carácter de condición de emprego do persoal directivo da Comunidade Autónoma de Galicia para os efectos previstos no artigo 13 do Estatuto básico do empregado público.

Disposición adicional sétima.

O importe das contías que se percibirán por asistencias e preparación das sesións dos órganos de goberno ou dirección e consellos de administración das entidades incluídas no ámbito de aplicación do presente decreto reducirase nun 15% respecto das actualmente aprobadas.

A consellería competente en materia de facenda adoptará as medidas necesarias para facer efectiva esta redución.

Disposición adicional oitava.

No caso de que a entidade se financie con transferencias correntes da Xunta de Galicia, no período do último recoñecemento anual da obriga de financiamento, a intervención delegada da consellería a que estea adscrita a entidade deberá exixir unha relación certificada das contías devindicadas das que, de conformidade co disposto no presente decreto, non proceda o pagamento, que serán deducidas da correspondente transferencia para a súa baixa en contabilidade.

No suposto de que a entidade non perciba transferencias correntes da Xunta de Galicia, as contías devindicadas por calquera concepto que non deban ser percibidas ingresaranse directamente pola entidade na Tesouraría xeral da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición transitoria primeira.

No suposto de que a adaptación establecida na disposición adicional primeira comporte a asignación dunhas retribucións cuxo importe total sexa inferior en máis dun 10% ás que o directivo tiña asignadas con anterioridade, a adaptación limitarase neste ano 2012 ao devandito 10%, deducíndose a parte restante no ano 2013.

Disposición transitoria segunda.

En tanto non se complete o proceso de transición a que fai referencia a disposición transitoria primeira da Lei 9/2011, do 9 de novembro, dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia, o réxime de percepcións económicas dos membros do consello de administración da Compañía de Radio-Televisión de Galicia será aprobado polo Consello da Xunta de Galicia, por proposta da consellería competente en materia de facenda.

Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas as normas de igual e inferior rango que se opoñan ao establecido no presente decreto.

Disposición derradeira primeira.

Facúltase a consellería competente en materia de facenda para ditar, no ámbito das súas competencias, as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Disposición derradeira segunda.

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, tres de maio de dous mil doce.

Alberto Núñez Feijóo
Presidente

Elena Muñoz Fonteriz
Conselleira de Facenda

ANEXO
Retribucións fixas máximas por niveis

Nivel 1

Nivel 2

Nivel 3

Nivel 4

Nivel 5

Grupo 1

72.232,58

63.042,29

55.268,41

49.455,82

42.736,97

Grupo 2

63.042,29

55.268,41

49.455,82

42.736,97

Grupo 3

55.268,41

49.455,82

42.736,97

Grupo 4

49.455,82

42.736,97

Nivel 1 Director xeral ou análogo

Nivel 2 Director sectorial ou análogo (financeiro, persoal...)

Nivel 3, 4 e 5 Niveles directivos dependentes dos anteriores