Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 87 Martes, 8 de maio de 2012 Páx. 17237

VI. Anuncios

a) Administración autonómica

Consellería de Economía e Industria

RESOLUCIÓN do 28 de marzo de 2012, da Xefatura Territorial de Lugo, pola que se fai pública a Resolución do 24 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, na cal se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión derivada Blanca, n.º 5479, nos concellos de Quiroga (Lugo) e Larouco (Ourense), promovido por Carlos López Navaza.

Visto o artigo 5, número 7, do Decreto 442/1990, do 13 de setembro (DOG núm. 188, do 25 de setembro), de avaliación de impacto ambiental para Galicia, o xefe territorial da Consellería de Economía e Industria en Lugo resolve darlle publicidade á Resolución do 24 de febreiro de 2012, da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión derivada Blanca, n.º 5479, nos concellos de Quiroga (Lugo) e Larouco (Ourense), promovido por Carlos López Navaza, que se transcribe como anexo a esta resolución.

Lugo, 28 de marzo de 2012.

José Manuel Vázquez Leirado
Xefe territorial de Lugo

ANEXO
Declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión derivada Blanca, n.º 5479, nos concellos de Quiroga (Lugo) e Larouco (Ourense), promovido por Carlos López Navaza

O 12 de febreiro de 2009 ten entrada na entón Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible o estudo ambiental do proxecto de referencia con obxecto de proceder ao trámite ambiental correspondente.

Dado que a Lei 6/2001, de modificación do Real decreto lexislativo 1302/1986, establecía a obrigatoriedade de someter a avaliación de impacto ambiental os proxectos consistentes na realización de obras, instalacións ou actividades comprendidas no seu anexo I (neste caso, grupo 2, punto a.5.º), procedeuse a cualificalo como sometido a avaliación de impacto ambiental.

En cumprimento do establecido no artigo 5, punto 2, do Decreto 442/1990, do 13 de setembro, de avaliación de impacto ambiental para Galicia, a Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, DOG núm. 17, o 27 de xaneiro de 2010, somete a información pública o estudo de impacto ambiental, e non ten constancia da presentación de alegacións.

Durante o período de consultas solicítanse informes ás direccións xerais de Industria, Enerxía e Minas; do Patrimonio Cultural; de Conservación da Natureza; de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria; de Urbanismo, e de Montes e Industrias Forestais, ao órgano de bacía, aos concellos de Quiroga e Larouco, á Sociedade Galega de Historia Natural e á Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).

O 4 de xaneiro de 2012 entra nesta consellería, remitido pola Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, o expediente que inclúe os resultados de exposición pública e os informes solicitados, a excepción dos informes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza e da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega).

Finalizada a tramitación administrativa do expediente, analizada a documentación e tidos en conta os informes recibidos, a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, no exercicio das competencias que lle concede o Decreto 44/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, formula a declaración de impacto ambiental do proxecto de explotación da concesión derivada Blanca, n.º 5479.

O órgano substantivo para este proxecto é a Consellería de Economía e Industria e o órgano ambiental é a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, ambas da Xunta de Galicia.

Declaración de impacto ambiental.

A Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental considera que o proxecto é ambientalmente viable sempre que se cumpran as condicións que se establecen na presente declaración, ademais das incluídas na documentación avaliada, prevalecendo sempre os documentos máis recentes, e tendo en conta que, no caso de que exista contradición, prevalecerá o disposto nesta DIA.

A. Ámbito da declaración.

Esta declaración refírese en exclusiva aos labores mineiros que, segundo o proxecto, se levarán a cabo no concello de Quiroga para a extracción de lousa, sobre unha superficie de 13,76 hectáreas e dentro da demarcación que se indica.

Queda excluída expresamente a zona de extracción de granito prevista no concello de Larouco (Ourense) pola súa afección ao dominio público hidráulico, mentres non se conte coa conformidade do órgano de bacía, neste caso a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

Tanto para a devandita zona como para outras áreas que se exploten dentro da concesión outorgada para o efecto será preciso revisar esta declaración ou emitir unha nova.

En calquera caso, non se poderá efectuar ningunha actividade que non veña recollida nesta declaración.

missing image file

Coordenadas perímetro de afección

X

Y

1

647.859,16

4.694.046,85

2

648.529,19

4.694.068,68

3

648.599,23

4.693.566,55

4

648.045,70

4.693.406,88

5

647.666,55

4.693.491.37

6

647.664,06

4.693.711,62

7

647.856.82

4.693.682,48

B. Condicións xerais.

Serán de aplicación, segundo proceda, as seguintes:

1. Atmosfera.

1.1. Os niveis de po e gases medidos nas vivendas máis próximas á zona de explotación non superarán os límites para partículas sedimentables establecidos polo Real decreto 102/2011, do 28 de xaneiro, sobre a mellora da calidade do aire, en relación co dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno, partículas, chumbo, benceno e monóxido de carbono.

1.2. Os niveis de presión sonora nas vivendas máis próximas á zona de explotación non poderán superar os valores límite de recepción para ruído ambiente exterior establecidos na lexislación vixente de protección contra a contaminación acústica, así como, se é o caso, o establecido nas ordenanzas municipais ao respecto.

2. Augas.

2.1. As augas pluviais que incidan directamente sobre a explotación serán conducidas ao sistema de decantación, e prohíbese a súa vertedura directa.

2.2. Procederase á limpeza periódica da balsa de decantación con obxecto de manter a súa funcionalidade e sempre que a altura entre a capa de sedimentos e a lámina libre de auga sexa inferior a 1 metro. Os lodos empregaranse na restauración, e constituirán a primeira capa do perfil artificial que se prevexa. O seu almacenamento realizarase en zonas habilitadas para o efecto.

2.3. O promotor deberá contar coa preceptiva autorización de vertedura e/ou captación outorgada polo órgano de bacía.

3. Solo.

3.1. Esta terra vexetal mentres permaneza amoreada non poderá ser mesturada cos lodos procedentes das balsas de decantación nin con ningún tipo de residuos ou entullos. Todos os residuos xerados se xestionarán conforme a lexislación vixente de aplicación, en función da súa natureza.

3.2. Os labores de mantemento da maquinaria que non se leven a cabo en taller autorizado efectuaranse nunha zona delimitada e acondicionada para o efecto. Os residuos producidos recolleranse e entregaranse a xestor autorizado.

4. Vexetación e fauna.

4.1. Respectarase sistematicamente a vexetación existente no contorno, compatible cos labores de explotación.

4.2. No caso de empregar pantallas vexetais de ocultación e para evitar a linearidade, realizarase a plantación en triángulo. Ademais, debe cumprir coa súa función desde o primeiro momento, polo que a altura das especies que se empreguen será como mínimo de 1,5 metros. Se algunha das árbores que a conforman non prende ou deixa de cumprir a súa función deberá ser substituída inmediatamente por outra.

4.3. Na coroación dos noiros e durante a fase de explotación instalarase un cerramento de protección de malla metálica de tipo cinexético que impida a caída de animais, cunha altura non inferior a 1,50 metros e a luz de malla na parte xunto ao solo será suficientemente pequena para impedir o paso de fauna de pequeno tamaño, prohíbese en calquera caso o emprego de arame de espiño. O cerramento manterase en perfecto estado ata que non rematen os labores de restauración, momento en que será retirado.

4.4. Os traballos de maior impacto deberanse executar nas épocas que non coincidan coa de cría de especies máis sensibles.

5. Patrimonio arqueolóxico.

5.1. Os xacementos arqueolóxicos e o seu ámbito de protección quedarán excluídos das zonas previstas para o desenvolvemento dos labores.

5.2. Para evitar calquera tipo de afección sobre o patrimonio cultural sinalizaranse nos planos de labores empregados pola empresa os elementos do devandito patrimonio e as súas áreas de protección.

6. Restauración.

6.1. Sempre que o desenvolvemento dos labores o permita, procederase a restaurar as zonas xa explotadas e abandonadas.

6.2. A dose de sementes que se empregará na sementeira será de 300 kg/ha como mínimo, podendo reducirse na sementeira das zonas chas ou de escasa pendente. As sementes corresponderán a plantas de tipo herbáceo arbustivo que teñan carácter rústico, para garantir a implantación e abundante cobertura, cunha baixa dependencia hídrica. Nunca se empregarán sementes de plantas exóticas ou invasoras.

6.3. Todas as árbores e/ou sementes que se empreguen reunirán as condicións suficientes de pureza, potencia xerminativa e ausencia de pragas e enfermidades que garantan o éxito da revexetación.

6.4. En canto á procedencia das especies arbóreas que se vaian empregar na revexetación, á parte de empregar especies e variedades da contorna, deberá terse en conta o disposto na Orde do 17 de marzo de 2005, da Consellería de Medio Ambiente, pola que se aproba a delimitación e a determinación dos materiais de base para a produción de materiais forestais de reprodución de diversas especies no territorio da comunidade de Galicia.

6.5. No que respecta ao sistema de drenaxe e valado perimetral, procederase o seu recheo e desmantelamento no caso de abandono de labores, así como ao peche e restauración das pistas interiores xunto coas súas correspondentes cunetas.

6.6. No caso de que resulte deficitaria a cantidade de terra vexetal necesaria para a restauración poderá substituírse por solos artificiais obtidos baixo autorización administrativa da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental (Instrución técnica de residuos 01/08, do 8 de xaneiro). No caso de que co seu emprego non se obteñan os obxectivos previstos na restauración, a devandita terra vexetal deberá provir de almacenamentos autorizados.

7. Vixilancia ambiental.

7.1. Procederase á rega regular, á fertilización mineral de reforzo anual e á resementeira daquelas superficies en que se observe a existencia de calvas e/ou marras, ata que se asegure a viabilidade da revexetación con obxecto de manter a densidade de plantación prevista.

8. Outras.

8.1. Esta declaración non exime o promotor de obter todas as autorizacións e/ou licenzas que se precisen, que queda obrigado a cumprir todas as disposicións que se diten con posterioridade, en relación con este tipo de actividades. No entanto, calquera condicionante que, a raíz das necesarias autorizacións, modifique a execución do proxecto con respecto ao desenvolvemento previsto na documentación técnica considerada para a emisión desta declaración requirirá cando menos a revisión desta última.

8.2. O promotor poderá solicitar ao órgano ambiental a revisión das medidas indicadas nesta declaración co obxecto de modificalas ou cambialas por outras, naqueles supostos que tecnoloxicamente presenten graves dificultades para a súa implantación ou impliquen modificacións importantes na explotación, e sempre e cando as novas medidas propostas permitan alcanzar os obxectivos e fins que se indican nesta declaración.

Nesta circunstancia, o promotor realizará a solicitude á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a través do órgano substantivo, presentando a documentación técnica que xustifique as novas medidas propostas. Esta solicitude remitirase no prazo máximo dun (1) mes despois de serlle notificada esta declaración polo órgano substantivo. Unha vez recibida a solicitude e documentación mencionadas, o órgano ambiental procederá á súa avaliación e comunicará o acordo adoptado ao promotor, quen non poderá comezar os traballos de explotación antes de contar cunha comunicación desta secretaría xeral para o efecto.

8.3. O órgano ambiental, por iniciativa propia ou por proposta do órgano substantivo, poderá establecer, en calquera momento e só para os efectos ambientais, condicionados adicionais a esta declaración en función dos resultados que se obteñan no desenvolvemento da explotación, ou ante a manifestación de calquera tipo de impacto non previsto actualmente.

8.4. Se os plans de labores anuais reflectisen un desenvolvemento distinto ao previsto no proxecto ou a revisión aos cinco anos do plan de restauración supuxese cambios substanciais ao previsto nel, comunicarase a esta secretaría xeral co obxecto de revisar e, se procede, modificar o condicionado desta declaración.

8.4. O órgano substantivo comunicará ao órgano ambiental a data de comezo da explotación, e, no primeiro trimestre de cada ano natural remitirá á Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental un informe sobre o grao de cumprimento desta declaración.

C. Condicións particulares.

1. Auga.

En ningún caso se invadirán nin o dominio público hidráulico nin as zonas de servidume e policía de canles sen autorización expresa da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil.

En consecuencia, procederase a recuar o vertedoiro previsto na explotación de lousa e, de non ser posible, os estériles depositados en zona de dominio público hidráulico verteranse no interior dos ocos.

2. Patrimonio cultural.

Dado que nos lugares de Vilanuíde, A Enciñeira e Sesmil se atopan diversos elementos do patrimonio cultural, prohíbese o tránsito de camións relacionados coa actividade mineira por estes núcleos e polos contornos de protección dos seus elementos.

Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2012.

Justo de Benito Basanta
Secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental