Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 91 Luns, 14 de maio de 2012 Páx. 17959

III. Outras disposicións

Academia Galega de Seguridade Pública

RESOLUCIÓN do 4 de maio de 2012 pola que se convoca un curso sobre intervención policial fronte ao consumo de bebidas alcohólicas en espazos públicos.

Dentro das actividades programadas para o ano 2012, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2007, do 15 de xaneiro, da Academia Galega de Seguridade Pública, anúnciase a convocatoria dun curso sobre intervención policial fronte ao consumo de bebidas alcohólicas en espazos públicos, en colaboración coa Deputación da Coruña, conforme as seguintes bases:

1. Datos da actividade:

Denominación: intervención policial fronte ao consumo de bebidas alcohólicas en espazos públicos.

Tipo: curso.

Horas lectivas: 25.

Modalidade: presencial.

Obxectivos: proporcionar ao persoal da policía local os coñecementos e capacidades necesarias para unha correcta intervención nos casos de consumo de bebidas alcohólicas en espazos públicos.

Contido:

– O fenómeno do botellón.

– Normativa aplicable e réxime de infraccións e sancións.

– Competencias das diferentes administracións públicas.

– Intervención policial ante o consumo de bebidas alcohólicas en espectáculos e espazos públicos.

– O papel preventivo da policía local.

2. Desenvolvemento da convocatoria:

Destinatarios/as: persoal dos corpos de policía local da provincia da Coruña.

Prazas ofertadas: 25 prazas. Reservarase o 50% das prazas para solicitantes mulleres que reúnan os requisitos exixidos na convocatoria, segundo o disposto no artigo 37.bis da Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes.

3. Solicitudes de participación:

a) O persoal que desexe participar no curso convocado nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática na páxina web da Agasp http://agasp.xunta.es.

Non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.

b) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.

c) É conveniente consignar no formulario de solicitude un número de teléfono móbil co fin de poder realizar as notificacións necesarias.

d) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente os datos necesarios para realizar o proceso selectivo do alumnado, que non se axusten ao formulario de solicitude ou que sexan presentadas fóra de prazo.

e) Prazo para a presentación de solicitudes: o prazo de inscrición e presentación de solicitudes de participación rematará o día 4 de xuño de 2012.

4. Formulario normalizado de solicitude:

a) Os formularios de solicitude a que se refire a base anterior serán obtidos e cubertos pola persoa solicitante necesariamente a través da páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública, que poden encontrar no enderezo da internet http://agasp.xunta.es.

b) Para cubrir correctamente os formularios de solicitude, no citado enderezo da internet disporase de instrucións de axuda que deberán ser observadas en todo momento polas persoas solicitantes.

c) Os formularios poderán ser obtidos e cubertos ata as 14.00 horas da data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

d) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través do número de teléfono 886 20 61 10, do fax 886 20 61 22 ou enderezo de correo electrónico formacion.agasp@xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

Criterios de selección:

a) Menor número de cursos realizados polo/a alumno/a solicitante nos últimos cinco anos, segundo consten nas bases de datos da academia, e non ter feito con anterioridade o curso que se convoca.

b) A igual número de cursos terá preferencia o alumnado que leve máis tempo sen participar nas actividades da academia.

c) Antigüidade.

Listaxe de solicitudes seleccionadas: o día 6 de xuño de 2012 a Academia Galega de Seguridade Pública publicará no sitio web http://agasp.xunta.es as solicitudes de participación que resultaren seleccionadas segundo os criterios de selección mencionados anteriormente.

Obrigas das persoas seleccionadas: as persoas que resulten seleccionadas teñen a obriga de participar no desenvolvemento da actividade, agás que comunicasen a súa imposibilidade de asistencia con, cando menos, 48 horas de antelación ao comezo desta. A dita renuncia deberase comunicar por escrito á Agasp, por correo electrónico ao enderezo formación.agasp@xunta.es ou por fax ao número 886 20 61 22.

Noutro caso serán excluídas automaticamente da selección para as dez seguintes actividades que se convoquen, para as que reúna os requisitos exixidos de participación (artigos 18 e 21 do Regulamento de réxime interior da Agasp, en relación co artigo 46 do Decreto 243/2008, do 16 de outubro).

5. Desenvolvemento da actividade:

Lugar: o curso desenvolverase no concello de Boiro.

Horario:

Días 11 e 12 de xuño: de 17.00 a 20.30 horas.

Días 14, 18, 19, 21, 25 e 26 de xuño: de 17.00 a 20.00 horas.

Datas: do 11 ao 26 de xuño de 2012.

Certificado de asistencia: ao remate da actividade entregaráselle un certificado de asistencia a aquelas persoas que acrediten a súa participación continuada nela.

6. Baremación da actividade:

Para os efectos do previsto nos anexos II e III da Orde do 28 de xaneiro de 2009 da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, publicada no DOG do 2 de febreiro, esta actividade terá unha baremación de 0,375 puntos.

7. Dereitos e deberes do alumnado participante:

Durante o desenvolvemento da actividade ao alumnado seralle de aplicación, en canto aos dereitos e deberes, o previsto no Regulamento de réxime interior da Agasp, aprobado pola Orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 4 de febreiro de 2009 (DOG n.º 30, do 12 de febreiro).

8. Modificacións e incidencias:

A Academia Galega de Seguridade Pública poderá modificar o desenvolvemento normal da actividade para adaptala ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 4 de maio de 2012.

José Carlos García Bouzas
Director xeral da Academia Galega de Seguridade Pública