Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 98 Xoves, 24 de maio de 2012 Páx. 19570

III. Outras disposicións

Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza

ORDE do 30 de abril de 2012 pola que se clasifica de interese cultural a Fundación Estanislao Reverter.

Examinado o expediente de solicitude de clasificación da Fundación Estanislao Reverter con domicilio na rúa Curros Enríquez número 7, en Ourense.

Feitos:

1. Luis Reverter Gil, presidente do padroado da fundación, formulou solicitude de clasificación para efectos da súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

2. A Fundación Estanislao Reverter foi constituída en escritura pública outorgada en Ourense, o 28 de marzo de 2012, ante o notario Daniel Balboa Fernández, co número de protocolo 615, Estanislao Reverter Gil, Rosa María Reverter Gil, Luis Reverter Gil, Óscar Reverter Gil e Santiago Reverter Gil que actúan no seu propio nome e dereito.

3. Segundo consta no artigo 6 dos seus estatutos, a fundación ten por obxecto:

– Preservar o legado e a figura de Estanislao Reverter Sequeiros: piloto de rallys, organizador de probas automobilísticas deportivas, preparador e construtor de vehículos de carreiras, empresario, emprendedor e deputado das Cortes Constituíntes;

– O fomento do deporte, en xeral, e o automobilismo, en particular, perseguindo o impulso da actividade deportiva como causa xeradora de hábitos favorecedores da educación da sociedade e do fomento da solidariedade; a través da promoción e desenvolvemento de plans de promoción do deporte e de actividades socioculturais e lúdico-recreativas, dirixidas ao conxunto dos cidadáns;

– Potenciar o desenvolvemento da cultura e a protección do patrimonio cultural como elementos fundamentais da nosa sociedade e da súa calidade de vida;

– Prestar especial atención á formación das persoas, en especial da xuventude e dos desempregados, como medio de integración social e laboral e a súa implantación como factor corrector de desequilibrios sociais que contribúen á igualdade entre os cidadáns;

– Promover a iniciativa emprendedora e a potenciación do tecido empresarial como motores dinamizadores e creadores de riqueza no noso país.

4. O padroado inicial da Fundación está formado por Luis Reverter Gil como presidente; Santiago Reverter Gil como vicepresidente; Rosa María Reverter Gil como secretaria; e Estanislao Reverter Gil, Óscar Reverter Gil, Amando Santiago Prada Allo e Manuel Sanjurjo Blein como vogais.

5. A comisión integrada polos secretarios xerais de todas as consellerías eleva ao conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza proposta de clasificación como de interese cultural da Fundación Estanislao Reverter, con base nas materias que constitúen o seu obxecto fundacional.

6. Na escritura de constitución consta a identidade dos fundadores, a dotación inicial, os estatutos e a identificación dos membros do padroado.

7. De conformidade co artigo 51 do Decreto 14/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de interese galego, e segundo proposta da comisión de secretarios, procede a súa clasificación como de interese cultural e a súa adscrición á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Consideracións legais:

1. O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral de acordo coa lei, e o artigo 27.26 do Estatuto de autonomía de Galicia establece competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

2. A escritura de constitución da fundación contén os datos exixidos na Lei 12/2006, do 1 de decembro, de fundacións de interese galego.

3. Segundo establece o artigo 7 do Decreto 15/2009, do 21 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento do rexistro de fundacións de interese galego, corresponde a esta consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a clasificación da fundación e a adscrición á consellería correspondente, que exercerá as funcións de protectorado.

De conformidade co exposto, e considerando que se cumpren as condicións establecidas pola normativa vixente en materia de fundacións de interese galego, de acordo coa proposta realizada pola Comisión de Secretarios Xerais na súa reunión do día 23 de abril de 2012.

DISPOÑO:

Clasificar de interese cultural a Fundación Estanislao Reverter, adscribíndoa ao protectorado da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

Contra esta orde que pon fin á vía administrativa, pode interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, podendo interpoñer con carácter potestativo recurso de reposición ante o mesmo órgano que ditou o acto, no prazo dun mes, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Santiago de Compostela, 30 de abril de 2012.

Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza