O Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia (DOG núm. 67, do 9 de abril), dispón no seu artigo 1 que este ten por obxecto regular a formación mínima que deberán reunir os socorristas acuáticos para o seu exercicio profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia e a obrigatoriedade da súa inscrición no rexistro.
O artigo 4 do decreto establece que para o exercicio profesional do socorrismo acuático na Comunidade Autónoma de Galicia será necesario que o/a profesional solicite a inscrición no correspondente Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia achegando a preceptiva declaración responsable e que dispoña da correspondente habilitación profesional.
Finalmente, no artigo 10 do decreto disponse que a inscrición en cada unha das seccións do rexistro debe renovarse cunha periodicidade de catro anos e que, para a renovación da inscrición, tanto o persoal socorrista en instalacións acuáticas (piscinas e instalacións acuáticas) como o persoal socorrista en espazos acuáticos naturais (praias e augas interiores) da Comunidade Autónoma de Galicia, deberá actualizar cada catro anos a formación adquirida conforme o preceptuado no decreto.
Por outro lado, na disposición derradeira primeira do decreto facúltase o conselleiro ou conselleira de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza para que dite cantas disposicións sexan precisas no ámbito das súas competencias para o seu desenvolvemento e execución.
Polo exposto e coa finalidade de concretar as previsións regulamentarias descritas, é preciso establecer un modelo de distintivo que expida o organismo competente por razón da materia e que os socorristas acuáticos na Comunidade Autónoma de Galicia leven de forma visible e permanente para a súa identificación e acreditación como tales.
En consecuencia e en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, de normas reguladoras da Xunta e da súa Presidencia,
DISPOÑO:
Artigo 1. Obxecto.
1. Esta orde ten por obxecto regular o modelo de distintivo que identificará e acreditará os socorristas acuáticos para o seu exercicio profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.
2. O distintivo axustarase ao modelo que figura como anexo desta orde.
Artigo 2. Concepto.
1. O distintivo regulado por esta orde é o documento acreditativo de que o seu titular conta coa habilitación profesional para desenvolver a súa función, expedido pola Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública nos termos previstos no Decreto 104/2012, do 16 de marzo, polo que se fixa a formación mínima dos socorristas acuáticos e se crea e regula o Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia (DOG núm. 67, do 9 de abril).
2. Este distintivo é persoal e intransferible e só poderá ser utilizado polo seu titular mentres estea vixente a súa habilitación profesional como socorrista acuático.
Artigo 3. Contido.
O distintivo terá o contido mínimo seguinte:
a) A mención «Socorrista acuático».
b) O nome e apelidos do titular.
c) O número da habilitación.
d) A data límite de validez.
e) Unha fotografía recente do titular.
f) O tipo de actividade de socorrismo para a que está habilitado o titular.
Artigo 4. Utilización.
Os socorristas acuáticos deberán portar, de forma visible, o distintivo que acredita a súa habilitación, agás durante as operacións de rescate na auga.
Artigo 5. Responsabilidade.
A utilización indebida ou fraudulenta do distintivo regulado por esta orde dará lugar á exixencia da responsabilidade que proceda.
Disposición adicional.
Facúltase a Dirección Xeral da Academia Galega de Seguridade Pública para realizar as xestións necesarias en desenvolvemento desta orde.
Disposición derradeira.
Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.
Santiago de Compostela, 14 de maio de 2012.
Alfonso Rueda Valenzuela
Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza
ANEXO
Modelo e características do distintivo dos socorristas acuáticos
na Comunidade Autónoma de Galicia