Descargar PDF Galego | Castellano| Português

DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 108 Xoves, 7 de xuño de 2012 Páx. 21999

III. Outras disposicións

Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria

RESOLUCIÓN do 25 de maio de 2012, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se convoca a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos e se ditan instrucións para a súa realización.

A Orde do 10 de febreiro de 2012, DOG do 21 de febreiro, pola que se regula a proba para a obtención do título de bacharel para persoas maiores de vinte anos, establece os obxectivos e características desa proba e prevé no seu artigo 4 que a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa realizará a súa convocatoria ou convocatorias anuais, sinalando os centros onde terán lugar e as súas datas de inscrición e de realización.

En consecuencia, e ao abeiro da autorización que figura na disposición derradeira primeira da mencionada orde,

RESOLVO:

Convocar a proba para a obtención do título de bacharel para maiores de vinte anos no ano 2012, nas modalidades de ciencias e tecnoloxía e humanidades e ciencias sociais, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:

1. Condicións das persoas aspirantes.

Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser maior de 20 anos ou cumprir esa idade no ano 2012.

b) Non estar en posesión do título de bacharel ou de calquera outro título declarado equivalente para os efectos académicos.

c) Non estar a cursar ensinanzas de bacharelato en ningunha das súas modalidades ou réximes nin ter estado matriculado nesas ensinanzas no curso escolar 2012-2013.

O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.

2. Centros e datas de inscrición e de realización das probas.

1. O prazo para realizar a inscrición nestas probas será entre o 20 e o 28 de setembro de 2012 e nos centros enumerados no punto seguinte.

2. As probas terán lugar o día 25 de outubro de 2012, nos seguintes centros:

a) Centro EPA Eduardo Pondal, A Coruña.

b) IES San Clemente, Santiago de Compostela.

c) Centro EPA Albeiros, Lugo.

d) Centro EPA de Ourense, Ourense.

e) Centro EPA Río Lérez, Pontevedra.

f) Centro EPA Berbés, Vigo.

3. Para a realización da proba, a Dirección Xeral de Formación Profesional e Innovación Educativa poderá agrupar nun centro os aspirantes inscritos en dúas ou máis localidades en caso de que o seu número non xustifique a creación dun tribunal.

3. Inscrición.

1. Os aspirantes poderán matricularse dos dous exercicios que integran a proba ou dun deles.

Poderanse matricular tamén na proba, para realizar o exercicio correspondente ás materias comúns, os aspirantes que teñan superadas as materias de modalidade de calquera das dúas vías da modalidade de artes.

2. Os aspirantes presentarán as súas solicitudes de inscrición nos centros e prazos establecidos na epígrafe anterior, de acordo co modelo que se incorpora como anexo I a esta resolución. Estas irán dirixidas ao director ou á directora do centro onde se realice a inscrición nas probas.

3. Igualmente, presentarán a seguinte documentación:

a) Autorización para que o órgano xestor poida realizar a consulta por medio telemático ao servizo horizontal de acceso ao sistema de verificación de datos de identidade.

b) En caso contrario, fotocopia compulsada do DNI, pasaporte ou calquera outro documento legalmente recoñecido, que acredite suficientemente a identidade e a idade do aspirante.

c) Se procede, certificacións académicas ou fotocopia compulsada do libro de escolaridade e/ou historial académico, onde se acredite ter superado materias para validar algún exercicio.

d) Declaración responsable de non posuír o título de bacharel nin se achar matriculado en ensinanzas oficiais de bacharelato ou telo estado no curso escolar 2012-2013 (anexo II).

e) Solicitude, se procede, de exención de lingua galega (anexo III).

f) Solicitude, se procede, de recoñecemento de necesidades específicas (anexo IV). Xuntarán a autorización para a consulta do ditame de discapacidade no caso de que esta fose recoñecida polo órgano competente da Xunta de Galicia. Cando o ditame fose emitido por outra administración, xuntarase unha certificación ou ditame da discapacidade.

4. Listas de admitidos e reclamacións.

1. Concluído o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal celebrará unha sesión para determinar as listas provisionais de admitidos e excluídos, con expresión neste último caso das causas que motivaron a exclusión.

2. No prazo dos quince días posteriores á conclusión do prazo de presentación de solicitudes, o tribunal publicará esas listas (anexo V).

Xunto coa relación de admitidos indicaranse os exercicios validados coa nota correspondente e as exencións da materia de lingua galega (I e II), de conformidade coa documentación presentada. A equivalencia entre as materias superadas no bacharelato e os exercicios da proba aparece no anexo XIV desta resolución.

3. O tribunal resolverá as reclamacións que se presenten, concedendo un prazo de emenda e mellora das solicitudes de tres días hábiles a partir do día seguinte ao da publicación da relación.

4. Unha vez resoltas as reclamacións, o tribunal publicará no centro correspondente a lista definitiva dos aspirantes inscritos e remitirá o anexo VI desta resolución á xefatura territorial correspondente e ao correo electrónico educadultos@edu.xunta.es do Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

5. Xunto coas listas de admitidos, informaranse os aspirantes do material necesario para a realización da proba.

5. Tribunais.

1. Á vista dos aspirantes inscritos, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa establecerá os tribunais necesarios para a realización das probas.

2. A xefatura territorial correspondente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria nomeará os tribunais.

3. Á vista das especialidades dos vogais de cada tribunal, a presidencia de cada un deles proporá á xefatura territorial, para o seu nomeamento, os asesores especialistas das distintas materias necesarios para colaborar na corrección dos exercicios.

4. Os membros do tribunal e os asesores especialistas poderán percibir axudas de custo por asistencia e axudas para gastos de locomoción por concorreren ás sesións de avaliación, consonte o Decreto 144/2001, do 7 de xuño (DOG do 25 de xuño).

6. Características da proba.

1. A proba organizarase de xeito diferenciado segundo as dúas modalidades de bacharelato para as que se convoca.

2. A proba constará de dous exercicios: o primeiro deles terá unha duración de cinco horas e o segundo de tres horas trinta minutos. Entre os dous exercicios haberá un descanso de dúas horas.

3. Os contidos dos exercicios terán como referente os aspectos básicos do currículo recollido no Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia.

4. Primeiro exercicio, de materias comúns.

a) Primeira parte. Lingua galega e literatura.

– Resposta a unha serie de cuestións en que se valorarán as habilidades e destrezas de expresión e comprensión e as capacidades de reflexión sobre aspectos lingüísticos, de interpretación crítica de textos e de análise e recoñecemento das características textuais.

– Resposta a unha serie de cuestións sobre movementos literarios, obras e autores relevantes da literatura galega, nas que se valorarán as capacidades de comparación, interpretación e valoración crítica do aspirante.

b) Segunda parte. Lingua castelá e literatura.

– Resposta a unha serie de cuestións en que se valorarán as habilidades e destrezas de expresión e comprensión e as capacidades de reflexión sobre aspectos lingüísticos, de interpretación crítica de textos e de análise e recoñecemento das características textuais.

– Resposta a unha serie de cuestións sobre movementos literarios, obras e autores relevantes da literatura en lingua castelá, en que se valorarán as capacidades de comparación, interpretación e valoración crítica do aspirante.

c) Terceira parte. Lingua estranxeira: a partir dun texto ou textos propostos, o aspirante deberá demostrar as súas capacidades de comprensión e expresión escritas na lingua obxecto de exame, que poderá ser inglés ou francés.

d) Cuarta parte. Resposta por escrito a unha serie de cuestións relativas aos contidos das materias de ciencias para o mundo contemporáneo, filosofía e cidadanía, historia da filosofía e historia de España.

5. O segundo exercicio, diferente para cada modalidade, versará sobre as materias de modalidade establecidas no artigo 7 do Decreto 126/2008, do 19 de xuño, polo que se establece a ordenación e o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. Avaliará o logro dos obxectivos propios do bacharelato e a adquisición das destrezas básicas das materias da modalidade, como a comprensión de conceptos, o manexo da linguaxe científica, a resolución de problemas e as capacidades de analizar, relacionar e sintetizar.

O/A aspirante realizará os exercicios correspondentes ás materias obrigatorias da modalidade que seleccione e doutras catro elixidas de acordo coas especificacións do anexo VII.

Para cada unha das partes do segundo exercicio integraranse nun mesmo exame cuestións das materias incluídas nelas.

7. Normas de realización.

1. As probas realizaranse o día 25 de outubro en sesións de mañá e tarde.

2. Entre as 8.30 e as 9.00 horas realizarase o chamamento para o acceso aos espazos de realización da proba. Os aspirantes identificaranse debidamente antes de entrar neles.

3. A sesión da mañá durará de 9.00 horas a 14.30 horas e dedicarase á realización do exercicio correspondente ás materias comúns. Organizarase en dous períodos:

Primeiro, de 9.00 a 12.00 horas: realizaranse os exames correspondentes ás materias comúns lingua galega e literatura (I e II) e lingua castelá e literatura (I e II). Ao comezo deste período, o tribunal repartirá entre os aspirantes os protocolos de exames correspondentes a ambas as linguas, para que este dosifique o tempo dispoñible de acordo coas súas preferencias.

Segundo período, de 12.30 a 14.30: realizaranse os exames correspondentes a lingua estranxeira (I e II) e cuestións de ciencias para o mundo contemporáneo, filosofía e cidadanía, historia da filosofía e historia de España. Igualmente, ao comezo deste período, o tribunal repartirá entre os aspirantes os dous protocolos de exames para que este dosifique o tempo dispoñible de acordo coas súas preferencias.

4. A sesión da tarde dedicarase á realización do exercicio das materias de modalidade, de acordo coas especificacións do anexo VII, e durará das 16.30 ás 20.30 horas. Organizarase en tres períodos:

Primeiro, das 16.30 ás 18.00 horas: realizarase a parte ou exame correspondente ás materias de modalidade obrigatorias.

Segundo, das 18.00 ás 19.00 horas: realizarase a parte segunda das probas de modalidade. Os aspirantes escollerán unha entre as dúas opcións sinaladas para esa segunda parte na modalidade de humanidades e ciencias sociais ou unha entre as catro opcións da modalidade de ciencias e tecnoloxía.

Terceiro, das 19.30 ás 20.30 horas: realizarase a parte terceira das probas de modalidade. Os aspirantes escollerán unha entre as tres opcións sinaladas para a terceira parte na modalidade de humanidades e ciencias sociais ou unha entre as tres opcións sinaladas para a modalidade de ciencias e tecnoloxía.

8. Certificación e expedición do título.

1. A acta de avaliación recollerá os resultados de cada un dos exercicios e, de ser o caso, a súa validación (anexo VIII).

2. Os tribunais deixarán tamén constancia das cualificacións obtidas polos aspirantes nas diferentes partes do exercicio segundo, de materias de modalidade (anexo IX), para os efectos da certificación mencionada no número 4 deste punto.

3. Os tribunais utilizarán os modelos que figuran nos anexos X e XI para expedir aos aspirantes as certificacións de ter superado algún dos exercicios ou de ser propostos para a expedición do título de bacharel.

4. As persoas que superen os dous exercicios ou as que tivesen validado o primeiro exercicio e superen o segundo poderán solicitar unha certificación das cualificacións obtidas en cada unha das partes do segundo exercicio, de materias de modalidade, para que poidan xuntala á documentación de solicitude de prazas en ensinanzas de ciclos de formación profesional de grao superior. O tribunal expedirá esa certificación segundo o modelo do anexo XII.

5. Concluído o proceso de avaliación, os presidentes dos tribunais remitirán a ficha estatística do anexo XIII ao correo electrónico educadultos@edu.xunta.es do Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa.

Disposición derradeira única.

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 25 de maio de 2012.

José Luis Mira Lema
Director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa

missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file
missing image file